jueves, 27 de agosto de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime II

Vistas as rendas eclesiásticas, que eran de obrigado pago para todos os habitantes que traballasen, continuamos cas rendas de señorío e dominio. En moitos casos ambas coinciden no perceptor pero non ten porque ser así. O dominio é o dono da terra e o señorío é quen ó exerce sobre esa terra. O señor é o que dende antigo ten vasalos, e por tanto, é obedecido e imparte xustiza. Ca constitución de 1812 derrogáronse os señoríos a favor de un estado central presidido polo Rey.
2. Rendas derivadas do Dominio
Son as que hai que pagar por razón de foro ou arrendo do lugar ó dono del. Como vimos páganas os veciños por cada lugar e en proporción á terra que cultivaban. Por exemplo en Carballido pagábase polo lugar 143 ferrados de centeo anualmente. Os dous grandes dominios que había por aquel entón eran o Conde de Altamira e o Cabildo de Santiago, pero tamén teñen agros e outras propiedades os mosteiros e outros propietarios que tamén os aforan ou arrendan. Hoxe viría sendo a Contribución.
Presentamos aquí as rendas por razón de dominio en forma de foro que tiña o conde de Altamira a mediados do s. XIX.



Lugar
Cabezaleiro
Renda

Pedregal
María Otero
87 ferrados de centeo e 2 carros de palla

As Cortes
Manuel Salaño
190 ferrados de centeo e 2 carros de palla

As Cortes
Manuel Salaño
12 ferrados de centeo

Maguxe
Manuela Fernández
171 ferrados de centeo

Maguxe
Manuel Barral
28 ferrados de centeo

Carballido
Mª Antonia Transmonte
131 ferrados de centeo

Carballido
Felipe Calvo
12 ferrados de centeo

Sisto (hoxe Pedregal)
Domingo Garabán
56 ferrados de centeo e un carro de palla

Ortoño
Manuel Rodríguez
169 ferrados de centeo e un carro de palla

Castrigo (parte)
José Martelo
66 ferrados de centeo

Sisalde (a metade)
José Sebe
134 ferrados de centeo

Sisalde
Gabino Amigo
4 ferrados de centeo

A Cahela
José Miraso
9 ferrados de centeo

Bertamiráns (parte)
José Patrón
94 ferrados de centeo, unha marran e dúas galiñas

Instrumento
Manuel do Pazo
24 ferrados de centeo

Lapido (parte)
Manuel Lapido
293 ferrados de centeo

Monte Castrallón
Manuela Cabo
½ ferrado de centeo

Agro da Chousa do Batán
Ignacio Pachón
8 ferrados de centeo

Total
1488,5 ferrados de centeo, máis 6 carros de palla, unha marran e dúas galiñas

O cabido tiña rendas semellantes no Casal, Bertamiráns, Condomiña e nas dúas Punxeiras, ademais dos conventos de Conxo, Belbis, e outros.

domingo, 23 de agosto de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime I



O Catastro do Marques da Ensenada 1752.
Catro principais tipos de rendas eran as que se pagaban no antigo réxime: as rendas derivadas do dominio da terra, as de señorío, as rendas eclesiásticas, e os impostos reais. Cobrábanse en grande medida en especia pero tamén en metálico e levaban entre a metade e as tres cuartas partes de tódolos ingresos que gañaba unha familia.
Coñecemos ben todos os impostos polo catastro que mandou facer o Marques da Ensenada, ministro de Facenda, Mariña e Guerra de Felipe V e despois de seu fillo Fernando VI. O seu nome era Zenón de Somodevilla, fidalgo da Rioxa, e axudante do infante D. Carlos, despois Rey de Nápoles e despois Rey de España. Cando chegou a ser ministro deuse conta da maraña de impostos e rendas que existía dende a idade media e que impedían o progreso do pais, e intentou reformalo en un único imposto. Os seus proxectos non chegaron a materializarse, pero si foi capaz de facer o primeiro e máis meticuloso catastro que leva o seu nome.
A través das respostas xerais a 40 preguntas que se facían por poboación coñecemos as rendas da nosa parroquia cara 1752. Estas son divididas por categorías:
1. Rendas Eclesiásticas
Son os dereitos que cobraba a Igrexa sobre a terra, e dividíanse en catro impostos: Dezmos, Primicias, Oblata e o Voto de Santiago.
Dezmo é a decima parte de todo o producido, e pagábase un ferrado por cada 10 producidos, baseábase en unha cita do Pentateuco. En Ortoño estaba repartido o seu total a medias para o cura párroco e para o Cabildo de Santiago. Así que para o ano 1752 quedábanlle ó cura 800 Ducados (1ducado = 11 reais), e o Cabildo 2100 reais pola sincura que tiña. A outra sincura era do conde, que ademais tiña o padroado da parroquia, en virtude do cal era o que designaba o cura párroco. O conde, e outros que coma el tiñan este dereito, renunciaron a el durante o apostolado do cardeal arcebispo Quiroga Palacios, a mediados do século XX.
Primicia son os primeiros froitos de tódalas colleitas, e estaba regulado por unha porcentaxe do total colleitado. Esta renda pagábase por lugares, e cobrábanse na parroquia por ano uns 120 ferrados de centeo en total e media galiña por casado, que viran sendo unhas 83. Todo esto para o párroco e outro tanto para o Cabildo.
Oblata correspondería os gastos de culto na parroquia, e pagábana en Ortoño os casados con un ferrado de centeo. Renda íntegra para o señor cura.
Voto de Santiago. Esta é unha renda que se remonta ó século X cando o Apóstolo Santiago apareceuse na batalla de Clavijo e doulle a victoria ós Cristiáns. Cobrábaa o Cabildo de Santiago en todas as terras da coroa de Castela o que lle repuxo grandes sumas que sustentaron longos períodos constructivos na catedral e no seu entorno. Esta renda pagábana, en Ortoño, os veciños que tiñan labranza a razón de 8 cuartillos de centeo (1/3 de un ferrado) por ano.

martes, 18 de agosto de 2009

As medidas de capacidade.


Os múltiplos do ferrado.


Veuse como o ferrado era a unidade de volume de áridos pola que se pagaban as rendas. Era equivalente aproximadamente a 17 litros, e o seu nome seguramente veu do caixón de madeira polo que se media, que aínda se conserva en algunha casa, que debía estar reforzado con ferraxes. Tres ferrados equivalían a unha rapada. Doce a unha carga, e por tanto seis a media carga. O cereal por antonomasia que se pagaba nos foros era o centeo, e chegou a ser sinónimo de pan. Aparece sempre unido os múltiplos do ferrado nos documentos: unha carga de pan.., media carga de pan..., e sempre tomando por referencia a que se utilizaba en Castela: “...por la medida de Avila..”
Eran divisores do ferrado, a cunca, doceava parte, con pouco uso, e o cuartillo, vintecatroava parte. O ferrado ademais de ser unha medida de capacidade ó era de superficie, a superficie que producía os 17 litros de grao de centeo, que dependía da calidade da terra. Na nosa bisbarra equivalía a uns 630 m2, e o cuartillo a uns 26,26 m2. Pero como di o libro do Deuterenomio (8,3), non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus.

lunes, 17 de agosto de 2009

A fabrica de San Xoán de Ortoño


O concepto da fabrica refírese a obra de determinado edificio. A fabrica de unha igrexa é a obra de edificación, ensanche, e mantemento que require.
Así dende antigo este aspecto da administración parroquial tívose moi en conta. Dado que os materiais constructivos non eran moi sólidos, sobre todo as cubertas, requirían un mantemento regular para o que tiñan que existir uns fondos. Do mesmo modo, fíxose acuciante a reforma das igrexas ante o aumento da poboación nos s. XVIII e XIX. Todos estes aspectos, así como os gastos do culto, víñanse e véñense reflexando en unha serie de libros no arquivo parroquial, os denominados Libros de Culto e Fabrica.
Son estes libros unha memoria económica da parroquia, en onde se reflexa por anos os ingresos e os gastos. Ademais en eles, deixan os Bispos ou visitadores as recomendacións ó párroco sobre o culto a catequese e as obras que se deben facer. En Ortoño consérvanse dende 1617, e precisamente en ese ano mandase ó párroco que cerre o adro con valo e cancelas para que o gando ceibo non entre dentro del.
Os ingresos estaban divididos en dous grupos principais. Un referíase ós dereitos que se cobraban por sepultar ós defuntos, que corresponde actualmente os dereitos dos panteóns e sepulturas do cemiterio. O outro eran rendas derivadas das propiedades que tiña a fabrica da parroquia, en lugares da parroquia ou en outros fora dela.
A maior parte de estas rendas foran doadas nos testamentos, e que logo de seren arrendadas ou aforadas rendaban uns froitos anuais destinados os gastos da parroquia. Unidos a estes ingresos tamén estaban as rendas das misas de fundación, que hipotecaban bens dos fundadores a fin de pagar unha serie de sufraxios polas súa intención de forma perpetua.
As contas da fabrica, o cobro das rendas non era unha tarefa do párroco senón de un feligres encargado a tal efecto que se ía cambiando por ano, este emprego ou cargo era denominado Maiordomo fabriqueiro.


O párroco o final do ano económico tomáballe as contas, e pasábaas o libro correspondente de Culto e Fabrica da parroquia, tendo coidado de que cadrasen cas deixadas polo seu predecesor, e sobre todo que non se quedase el con parte, anque na practica a especulación de estas rendas foi moi común.
Traemos aquí a relación de arendatarios por lugares e a renda anual que tiñan que pagar a fabrica, polo ano 1632.

Lugares / Arendados / Renda


Angueira, en Sª Mariña de Ribasar/ Andrés Dança / 7 ferrados de centeo

Casaldoeitro, en S. X. de Bastabales / Pedro e Juan Mariño/ 7 ferrados de centeo

idem / Cristóbal de Casaldoeiro / 2 ferrados de centeo

Bertamiráns, en S. Xoán de Ortoño/ Alberte Codeso / 2 ferrados de centeo
idem / Juan Parente / 17 ferrados de centeo

Lapido, en S. Xoán de Ortoño/ Antonio de Lago / 1 ferrado de centeo
idem / Alonso Lorenzo, o vello / 1 ferrado de trigo






viernes, 14 de agosto de 2009

As Cortes IV. Historia


A Casa dos Barreyro das Cortes, e a capela do Santo Anxo da Garda.


Como se dixo no anterior artigo, Juan Barreyro das Cortes e súa muller María Gomez tiveron por fillos a D. Juan, Antonio, Domingos, e Joseph Gómez Barreyro
D. Juan Gómez Barreyro naceu o día 10 de maio de 1645. Estudiou en Santiago e foi ordenado cura cara 1668 ou 1669, xa que na primavera do 68 recibe de seus pais unha doazón de bens para que se puidera ordenar a título de patrimonio. Entre estes bens están a cuarta parte dos lugares das Cortes e Maguxe, e a cuarta parte dos lugares de Freixeiro e a Fonte en San Cristovo de Reis, bens de seu pai e da súa nai respectivamente. Durante uns anos debeu permanecer na casa paterna, pero cara 1694 entra a tomar posesión da parroquia de San Adrián de Vilariño e o seu anexo San Benito de Fefiñáns, no actual concello de Cambados, padroado do Conde de Fefiñáns. Foi párroco de estes beneficios ata aproximadamente 1712.
Ó longo de varios anos vai adquirindo propiedades por aquela bisbarra, e no 8 de febreiro de 1708, ante notario xúntaas todas na fundación de unha capela inclusa dentro da igrexa parroquial de Ortoño: a capela do Santo Anxo da Garda. As propiedades da fundación andarían xuntas sempre e os seus beneficios sería para o patrón, e os seus descendentes. Ademais tamén dotaba unha capelanía para un cura da familia que tiña que dicir catro misas o día do Santo Anxo ou no seu octabario.
Chamou por primeiro patrón da fundación a seu irmán Joseph Gómez Barreiro, casado con Dª Francisca de Castrigo e Sanmamed, donos da casa principal das Cortes, e reservoulle a capelanía primeiro a Felipe, e despois por morte de este a Domingo, ambos fillos de Joseph e Francisca, para que se ordenasen de orden sacro. O caso é que tanto Domingo como seu pai Joseph morreron antes que o fundador, D. Juan, quedando a capelanía sen efecto durante varios anos.
Pasou a suceder no padroado e na capelanía D. Miguel Gómez Barreiro, o fillo máis novo de Joseph, e tomou posesión dela en 1730 despois de terse ordenado de presbítero.

A capela estaba enclavada no altar lateral norte da igrexa de Ortoño. D. Miguel cumpleu ca fundación ata o ano da súa morte en 1777, e despois pasou a ser patrón e capelán seu sobriño D. Pablo Martelo e Barreiro, tamén cura e veciño das Cortes. Este era fillo de Martín Martelo e Dª Juana Gómez Barreyro irmá de D. Miguel.
D. Pablo defendeu a fundación do seu tío-avó en preito contra os seus primos terceiros da casa de Pérez das Cortes. Seu sobriño D. Antonio Martínez, fillo único de súa irma Dª. Isabel Martelo e de Blas Martínez, sucedeuno como patrón, pero non como capelán, xa que tivo que ceder a favor de D. Ramón de Vilas, veciño de Bastavales, que tamén tentou quedar ca capelanía sen éxito.
D. Antonio casaría cara 1784 con Dª María Isabel de Ponte e Andrade, natural de Portor, ca que tivo 7 fillas e un fillo que tivo que tomar a carreira eclesiástica para facerse cargo do padroado e capelanía da fundación do Santo Anxo da Garda. Este, chamado D. Manuel Martínez Ponte e Andrade morreu relativamente novo en 1847, pasándolle o padroado a súa irmá Dª. Josefa casada con D. Manuel Salaño Acosta.

Sen embargo a capelanía levouna un sobriño de fora, sen que nunca máis se puidese recuperar para a casa solar. Precisamente este último capelán foi o que fixo a instancias do visitador dioce-sano a imaxe, que actualmente se con-serva, do Anxo da Garda, na igrexa parroquial de San Xoán de Ortoño.

martes, 11 de agosto de 2009

As Cortes III. Historia

As primeiras novas que temos sobre persoas que puideran proceder do lugar das Cortes veñen do Tumbo do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Así en 1231 había en este mosteiro un frade chamado Martinus Cortes monach;, que comparece como testemuña de unha escritura.
Hai que esperar ata mediados do s. XV, para coñecer os moradores máis antigos dos que hai noticias. Así en 1458, vivían no lugar Rui das Cortes e seu fillo Alonso. Ocupaban un dos catro casares que había polos que pagaban de renda anual ó señor de Altamira: “tres oitavas e media de pan terciado e una marran e dous cabritos e dúas galiñas e cinco marabedís”. O lugar tiña outras tres casas que permanecían baldeiras, signo dos tempos de baixa densidade demográfica.
Volvese a producir outro salto no tempo ata agosto de 1563, para ter novas das Cortes. Desta volta comparecen os moradores do lugar para o apeo que levou a cabo Jacome Fernández, notario. Levan as Cortes por foro Pedro Fernández o vello, e Fernando das Cortes en dúas metades, pagando conxuntamente por todo o lugar 27 rapadas (3 ferrados por rapada) de centeo e unha márrana cebada. Pero o máis seguro é que ambos perdesen as copias do foro e por ese motivo o mesmo Jacome failles novo foro. Por un lado a Pedro Fernández o vello e a súa muller María Míguez, afóralles unha metade das Cortes. A outra metade afóralla, en Altamira a 19 de maio de 1564, a Juan das Cortes (posiblemente fillo de Fernando) e a súa muller María de Raíces. Estes foros eran pola vida dos levadores máis dúas voces, ou sexa por un fillo e un neto.
Unha filla de Juan das Cortes e María de Raíces debeu casar con Alonso Barreyro, posiblemente vido do lugar de Maguxe. Alonso reconstruíu en 1600 o casal onde moraba esta familia, en unha casa de sobrado, feita de sillares, a cal tiña unha escritura sobre o dintel da porta que se conservou ata hai pouco. Dende aquela e durante dous séculos esta foi coñecida como a Casa dos Barreyro das Cortes.
Coetáneos co novo apelido Barreyro, mantíñanse as voces do outro foro da metade das Cortes. Segundo escritura do 6 de outubro de 1630, sucedera a Pedro Fernández o vello, seu fillo de igual nome e a este seu neto, tamén do mesmo nome: Pedro Fernández das Cortes, o mozo.
Non se deron atopado as presentacións de voz, ou sexa a escritura de presentación dos herdeiros, para o foro feito a Juan das Cortes en 1564, o que correspondería a casa dos Barreiros, pero coñecemos a posible seguinte xeración a Alonso: Juan Barreyro das Cortes, o vello, e a súa muller María Gómez. Posiblemente casaran a principios da década de 1640. María era natural de Freixeiro en San Cristobo de Reis, actual concello de Vedra. Tivo este matrimonio, aló menos, catro fillos, que foron: D. Juan Gómez Barreyro, que chegou a ser cura, Antonio, Domingos, e Joseph Gómez Barreyro.
Juan Barreyro, o vello morreu o 29 de novembro de 1669

domingo, 9 de agosto de 2009

As Cortes II. O apeo.

Anque o apeo que se fixo en 1849 para o derradeiro prorrateo das Cortes é máis detallado, mostramos aquí o primeiro que se fixo en 1563 ante o notario Jacome Fernández para o seu señor o Conde. Esto é o que di Pedro Fernández, “o vello”, un dos moradores no lugar:


..que los dichos lugares das Cortes se parten e demarcan por los límites e demarciones siguientes, es a saber comenzando, en el marco que esta en la partición de los lugares da Cachela e Sisalde de su Señoría, e de alli al río Sar, e por el dicho río arriba hasta dar en los casares das Poynjeiras que son del Cabildo de Santiago, e de allí se vuelve por los términos de los dichos lugares del Cabildo, hasta dar en los agros de Cobastros, que son de su señoría, e de allí va a dar en un valo que divide estos dichos lugares, con el lugar de la Yglesia, e de allí al molino de Artoño, e de allí a frada montes a dar por el valo que va a la Cachela, e que dentro de estos dichos limites e demarcaciones, dice el testigo, se incluyen todas las casas, cortes, molino, eiras, corrales, cortiñas, huertas, heredades, prados e las más heredades declaradas, anejas e pertenecientes, a estos dichos lugares, excepto que dentro de estos dichos limites e demarcaciones entran los lugares Dartoño que son de su Señoría con dos agros como están sobre si cerrados e valados, e con mas una leira que va en la agra de Pumariño, e ansi mesmo entran en los limites de estos dichos lugares otros dos lugares de Maguxe, que son de su Señoria con dos prados que se dicen Covastros, y el agro de Longras, como están sobre si rodados, e mas el agriño de Rianjo, e que esta es ansi la verdad, e lo que sabe...



De este xeito sabemos que dentro das Cortes entraban os lugares de Maguxe e de Ortoño, pertencéndolle ó primeiro os agros de Cobastros, Ribeira de Maguxe e o Rianxo, e o segundo Ribeira de Ortoño, e o Pumariño de Ortoño.
Todos os nomes dos agros e paraxes tiñan un significado. O Pumariño xa nos indica que en algún tempo houbo maceiras, quizais para a producción de sidra. Do mesmo xeito é o topónimo Ameixeiras, lugar onde houbo ameixas. Máis cara o norleste hai un grupo de topónimos interesantes: Agro dos Barreiros, Devesa da Telleira e Agro de Cobastros, todos eles nos falan de que alí houbo un forno para cocer tella e ladrillo, industria que perdurou na bisbarra ata non hai moito tempo. O Agro do Muíño indícanos a existencia de outro máis cara o oeste do que hoxe se conserva. Topónimos como Agro dos Pachóns, ou Ribeira nova dos Barreiros, indican propiedades de familias antigas. O Agro do Rianxo, viría do vocábulo latino relaxum terreo moi chan.

Dende logo que no lugar das Cortes nunca existiu o topónimo A Seara, nome que hoxe en día se lle puxo a grande urbanización que nel se constrúe. Sen embargo o emprego da Seara fixo desaparecer os topónimos en onde se asenta que son os seguintes: O Trabanso, O Pumariño, A Tenza da Rebolteada, Agro dos Pachóns, Agro do Muíño, Cortiñas do Porto, Nogueira, Brañiña... Tampouco o colexio “Agro do Muíño”, esta ubicado en ese topónimo, senón no Agro dos Pachóns.

domingo, 2 de agosto de 2009

As Cortes I


Cartografía e toponimia.

Esta é forma e aspecto das Cortes ata mediados do século XX. Era lugar propio dos condes de Altamira, e de ambolos dous derradeiros foros que se fixeran, era cabezaleiro en 1860 D. Manuel Salaño Acosta, da Casa de Salaño das Cortes, pagando os veciños por un 190 ferrados de centeo e dous carros de palla. O outro foro era só do Salaño polo que pagaba 12 ferrados.
Presentamos tamén o mapa toponímico do lugar segundo o prorrateo de 1849, en cursiva, e a tradición oral, en negriña. Os subliñados non se dan ubicado.


1 Agriña (labradio)
2 Agriño, ou Agriña de Arriba
3 Agro do Muíño (herbal)
4 Agro dos Barreiros (labradio)
5 Agro dos Pachóns (labradio e toxal)
6 Ameixeiras (herbal)
7 Braña grande (herbal)
8 Brañiña
9 Campo
10 Campo pequeno
11 Cancela de Cobastros

12 Cantiño (labradio)
13 Carballeira (labradio)
14 Cobastros (labradio)

15 Cobastros de abaixo
16 Cobastros de arriba
17 Corrucho
18 Cortes
19 Cortes de abaixo
20 Cortiñas do Porto
21 Costa
22 Dehesa da Telleira
23 Dehesa das Cortes
24 Estivada (toxal)
25 Longas (labradio)
26 Monte aberto das Cortes (toxal)
27 Monde das Cortes (toxal)
28 Monte do Cotonciño (toxal)
29 Nogueiras (labradio)
30 O Margo
31 Pantola
32 Pedra Escurridiza
33 Pradeiras (labradio)
34 Pradiño
35 Pumariño do monte
36 Pumariño de Ortoño
37 Pumariño do Ribeiro, ou do medio (labradio)
38 Redollos (labradio)
39 Revolta, ou Revolta do Ribeiro (pasto)
40 Revolta dos Toxos (labradio)
41 Revolta do medio (toxal)
42 Revolta nova dos Barreiros
43 Rianxo
, Agro do (labradio)
44 Ribeira
de Maguxe (labradio)
45 Ribeira de Ortoño (labradio)
Ribeira Grande, ou do Currucho
46 Salinas (labradio)
47 Tenza da Revolteada

48 Trabanzo
49 Tras do Muiño (labradio, cortiñas)
50 Xesteira (labradio, toxal)