miércoles, 30 de marzo de 2011

Historia do Culto I

O século XIX para a Igrexa foi un tempo moi axitado, debido principalmente a desamortización das súas propiedades. As dioceses e os seus prelados deberon facer un grande esforzo de evaluación e reorganización dos bens eclesiásticos debido a estas medidas.


Deste xeito cara 1828 dende Palacio faise unha pesquisa por parroquia para coñecer o valor dos curatos, rendas de fabrica, demografía e outras particularidades. E así en virtude de esta información temos unha boa fonte para achegarnos a esta faceta do Ortoño de principios do XIX.

O informante foino o párroco que era o indicado para contestar a tal enquisa, D. Bernardo Cerezuelo. Nela di que o curato, ou sexa o seu propio emprego, valía por quinquenio descontados os impostos, uns 9000 reais, e ademais contaba con 200 ferrados de centeo anuais por razón de oblata. A primeira percepción estaba divida en dúas partes, levando a metade o mosteiro de San Martín de Santiago, por ter sido Ortoño couto de San Paio anexionado polo San Martín Pinario, e a outra metade para o cura. A oblata era o gasto de dicilas misas ó que contribuían todos os matrimonios con un ferrado anual. O padroado da parroquia e a súa presentación era do conde de Altamira como foreiro de San Martín, como xa no lo dicía Geronimo del Hoyo a principios do s. XVII.

Igrexa de San Xoán de Ortoño, a casa da fábrica a man dereita.

Este dato da oblata concorda co número de veciños, douscentos, xa que por veciño entendíase o cabeza de familia, e por tanto unha familia ou casa. Antigamente tamén se empregaba o termo fuego sinónimo a veciño ou casa. Outro dato demográfico aportado son as 800 almas de comunión que habitaban aquel entón Ortoño. En este caso refírese a todas as persoas maiores de 7 anos que podían recibir a comunión. Deste xeito temos unha media de catro persoas por familia nesta época.

En canto os bens da fabrica da igrexa, estes eran bastante menos que o valor do curato. Foran rendas doadas para empregalas na reparación e construción da igrexa parroquial. Ascendían cada ano a 35 ferrados de centeo, 13 de millo groso e máis o valor das sepulturas de cada ano.

Contaba tamén o párroco as misas de fundación que había impostas na parroquia, xa que estas tiñan unha limosna estipulada. Eran un número de corenta e non todas tiñan unha cantidade asignada, oscilando entre os dous e os dous reais e medio. Destas existían 29 que foran suprimidas por fundación nula.
Escudo dos Moscoso que se atopa no alto do Altar Maior de Ortoño, como condes de Altamira e presenteiros da parroquia.

En canto a capelas ou hermitas consignase naquel tempo a de Lapido, que xa tiña a advocación de Nª Sª da Merced e outra privada na casa de D. José Pedralves, que corresponde ca antiga capela do denominado pazo da Peregrina. Xa non se contaba ca de San Ciprian que fora derruída en 1800 por estar arruinada.

Tamén se fai reconto dos feligreses da parroquia que chegaran ó estado clerical. Un número descoñecido hoxe en día, xa que eran 6 os sacerdotes ou diáconos ordenados, o que se achegaba o 1 % da poboación. Estes eran D. Vicente Álvarez, pro capelán de Santa Ysabel na parroquia de Santa María de Mira, no actual concello de Zas; os patromonistas D. José Casuso, D. Manuel Martínez, D. Manuel Vidal. Había un diácono que residía en Santiago, quizais preparándose para ordenarse de presbítero chamado D. José Mariño.

Entre eles contábase a un tal D. José Martínez, sacerdote en Iria. Este é o famoso José Martínez Viojo, que nesta data de 1828, xa era contado entre os sacerdotes, e non seminarista como algúns biógrafos de Rosalía de Castro dicían que era cando esta foi concibida, en 1836.

viernes, 25 de marzo de 2011

O libro de fundacións XIV

Decimo cuarta fundación. 1687



5 de xaneiro de 1687
O 5 de xaneiro, véspera de Reis, de 1687, Pedro Álvarez das Punxeiras altas, funda unha misa perpetua por San Xoán ou no seu octavario, segundo a vontade de Alberta Brava, tía que fora da súa muller, María García.


Esta fundación pagouse dende a súa consignación no s. XVII ata o XIX por xentes das Punxeiras. Aínda que, recollemos os nomes dos pagadores, non temos esta liña completada, semellando que se puidera tratar da familia da casa dos que logo no s. XIX se coñeceron polos Castiñeiras da Punxeira. Esta, foi mudando o seu apelido de Álvarez, a Pachón, logo a Obella e finalmente a Castiñeiras. E precisamente, son estes Castiñeiras a familia de Maximino Castiñeiras García, o denominado “poeta da Mahía”.

Maximino viveu no s. XX, morrendo a principios da década dos noventa. O seu apelido Castiñeiras viñera de San Pedro de Vilariño no s. XIX a través de seu bisavó Eusebio Castiñeiras natural de aquela parroquia do hoxe concello de Val de Dubra.


Maximino Castiñeiras e Bernardino Graña, nunha manifestación en Santiago en 1980. http://www.anosaterra.org/index.php?p=seccion&id_seccion=28&paxina=7



Da mesma parroquia viñeran tamén na segunda metade do mesmo século outros Castiñeiras que emparentaron cos descendentes dos Martínez Viojo da Casa do Castro. Este feito, e quizais a posible familiaridade entre ambos Castiñeiras e o recordo da tamén posible relación de Rosalía de Castro ca casa do Castro, reforzasen as motivacións de Maximino cara o eido da literatura.





martes, 22 de marzo de 2011

Os muíños I



Hoxe en día moitas das manifestacións dos nosos antepasados chegáronos como consecuencia da perdurabilidade de varias, que non moitas, das súas tarefas de cotío.

Deste xeito, podemos contar entre elas os traballos de moer o grao, sexa centeo ou millo, froitos do traballo da terra, a través dos muíños.

Tanto é así, que estes pequenos edificios, achegados ós regueiros ou ós ríos, hoxe foron convertidos en monumentos de carácter etnográfico. As administracións locais, cando tiñan presuposto, restauraron algúns, sen se ter achegado a comprender varías particularidades da súa xénese e evolución ata a actualidade.
Estructura dun muiño de cubo. http://www.vilaboa.org/moliinos_canal_%20cas.html
 Exceptuando os muíños manuais domésticos, os da Maía foron todos hidráulicos. Os primeiros tiveron a súa orixe na época castrexa e romana, chegando o seu uso ata o mesmo s. XX, complementando ós de auga. Empregábanse para moer pequenas cantidades de cereal, como millo miúdo ou trigo, cereais estes que se sementaban en menor cantidade respecto a outros como o centeo.

Os de auga foron practicamente os hexemónicos na nosa bisbarra, ó non haber dispoñibles outros recursos enerxéticos como o vento ou as mareas.


Orixe.


Os muíños, son o igual que as restantes construcións humanas dun lugar, bens anexos a el. Así ó vimos nos foros e apeos dos lugares da parroquia de Ortoño. Un exemplo é o apeo do lugar das Cortes de 1563, onde o muíño inclúese dentro do término redondo e por tanto dos bens do dominio, ou sexa do conde, en este caso:  ... los lugares que se dicen, das Cortes sitos en la dha felegrisia, con todas sus casas, cortes, heira, corral, cortiñas, huertas, molino, bouzas, montes, resios, devezas, castiñeiros, arboles e plantados e con todo lo demas perteneciente, a los dhos lugares ...


O muíño é un artefacto moi valioso no pasado, xa que permite realizar o traballo de moer sen ter que facer uso da forza humana, superando o muíño manual. Deste xeito, foi acaparado dende a idade media polos dominios e os señores feudais.

Anque era empregado polos moradores do lugar en realidade era propiedade do dominio, ou sexa do dono do lugar ou señor, as máis das veces no caso de Ortoño do conde de Altamira. Nos documentos de foro ou de apeo, recorda sempre a obrigatoriedade de ter reparado o muíño do lugar e que estea sempre listo para funcionar.

Muiño de Penamarela, totalmente restaurado ó ser reconstruido nun emplazamento novo, xa que o seu estaba situado no trazado da autovia Santiago-Brión.

No caso de Ortoño conservamos unha testemuña interesante O Pedregal cara 1580 non dispoñía de muíño, e o conde no novo foro obriga a construír un nun prazo razoable. É máis entrega incluso unha cantidade de diñeiro para axudar a sufragar a súa construción.

Por tanto estas construcións foron sempre promovidas e coidadas polos dominios. O seu número tendeu, a partir do s. XVII, a aumentar debido tamén o aumento da poboación e por tanto do seu uso, como veremos máis adiante.

jueves, 17 de marzo de 2011

O libro de fundacións XIII

Decimo terceira fundación. 1669



23 de outubro de 1669

Velaquí temos outro exemplo, non xa de renovación de un documento perdido, senón da reparación despois de algún tempo dos desexos dos defuntos. Sen dubida, como se dixo en outras ocasións, ademais de recuperar as escrituras de obriga das fundacións feitas ata aquel entón, rexurdiron tamén o recordo de vellas obrigas nunca atendidas.

Así, o 23 de outubro de 1669, xúntanse en Guitiande, na veciña parroquia dos Ánxeles, Gregorio de Arcay, do que sabemos que era o mordomo de Ortoño, e María Tubia, muller que quedara de Domingo Ferreiro, o cal estaba defunto, todos da parroquia de Ortoño, e fundan ante Antonio López Rocha dúas misas de aniversario. Estas dúas misas que se habían de dicir por Nosa Señora de agosto, eran pola “anima” de Ines Vidal, defunta tamén, e estes facíano obrigados polos herdeiros de Juan Tubío de Orta, entre os que estaba Juan Tubío o mozo. Este xunto con Gregorio de Arcay e María Tubío repartirían os gastos da misas.

Como o documento non especifica os vínculos familiares entre estas persoas, non sabemos que relación gardar entre eles e tampouco ca tal Ines Vidal. Ademais, como semella que se repartiu o pagamento anual entre todos os descendentes, ó ter pasado máis de un século, os cumpridores multiplícanse. Se embargo, son xentes todas que viven entre Bertamiráns, Pedregal e Carballido. Con todo pagouse esta fundación ata 1827.

martes, 15 de marzo de 2011

A gavilla X

Dispoñendo xa de bastantes datos como se apuntou (A gavilla IX), a xustiza empezou a atar cabos. Deste xeito o día 5 por mor dos espías, detense o tal Manuel López e a unha Josefa Míguez. Esta última detivérase cando levaba na cabeza unha cesta con obxectos roubados ca intención de vendelos en Santiago. Ambos eran reincidentes, a tenor dos papeis do preito. O primeiro había dúas semanas que saíra da cadea despois de cumprir catro anos de traballos en obras publicas, e a segunda cumprira 6 meses por contrabando.

Mentres chegaba outro auto enviado polo xuíz de Quinta e Cordeiro sobre a consumación de outros roubos. Quinta e Cordeiro era unha xurisdición antiga que comprendía aproximadamente os actuais concellos de Rois, Padrón, Ponte Cesures e Valga. Disque o Manuel López, alias o Cribeiro e natural de San Xulián de Requeixo, con unha gavilla asaltaran na noite do 3 ó 4 de outubro dúas tabernas. Nesa mesma noite enfrontáronse as forzas da xurisdición comisionadas polo xuíz e mandadas por D. Pedro Gimenez de Padrón que andaban a perseguilos. O encontro foi violento, incluso con intercambio de disparos. Nel feriron o D. Pedro e roubáronlle cabalo, capa e carabina. Tamén feriron a Ramón Moure, soldado miliciano do rexemento provincial de Santiago.

Igrexa de Cordeiro, en Valga.
http://www.galiciaunica.es/tierra/wp-content/uploads/2010/10/cordeiro.jpg


Cos datos aportados polo Vilela, e os que chegaban de Quinta así como as detencións de Manuel López e Josefa Míguez, púidose acabar por deter a todos os integrantes desta gavilla da que soamente temos constancia que fixo roubos no ano 1830.

Os encadeados por estes feitos foron os seguintes: Cayetano Barcía, Francisco Yglesias, Manuel Pérez, Ramón Vilela, Manuel López, alias Cribeiro, Domingo Martínez, alias o fiero, Pedro García, José Abelleyra, Benito Guillín, José Balladares, Jacobo Filgueira, Josefa Míguez, e Manuel Carballal.

domingo, 13 de marzo de 2011

O Couto de Ortoño

No pasado, o couto ou couto redondo facía referencia a un determinado tipo de estatus do territorio. Así na época feudal, o couto disfrutaba de un réxime especial de inmunidade do señor feudal ó que pertencía fronte ó poder do Rey. No seu territorio, perfectamente acoutado e cerrado, de aí o apelativo de redondo, constituía el mesmo xurisdición onde ademais se exercía o dereito de non introito, negando o acceso ó seu territorio dos oficiais do Rey, o que supoñía, de facto, a súa independencia do poder real. Tiña recontos de impostos propios e podía dispoñer de privilexios para os seus moradores

Mapa das xurisdicións de Altamira e A Maía entre os s. XVI e XIX


Na terra da Maía, entre os s. XVI e XIX, había varios coutos dos que xa temos falado. Salaño, en Santa María de Óns, Macedos e Santa María de Urdilde, Liñares en San Fíns de Brión, Francos en San Xoán de Calo, pertencentes todos eles ó conde de Altamira, excepto Liñares que o era da Maía, e dependentes tamén daquela xurisdición. Descubrimos tamén a existencia do couto da Somoza, que xuntaría os lugares da xurisdición da Maía nas parroquias dos Ánxeles e os dous Bastavales.

Sen embargo, estas illas máis ou menos privilexiadas do territorio, non foron inmunes ós cambios ó longo do tempo. Así, hai constancia de referencias a coutos na idade media, que despois se foron esquencendo, debido ó cambio do dominio da terra, que era case sempre o que lle outorgaba o seu estatus. Na Luaña o mosteiro de Toxosoutos tiña propiedades que as consideraba acoutadas, e mesmo se falaba tamén do couto de Veceso. Sen embargo na idade moderna, estes territorios estaban dentro das xurisdicións da Maía e Altamira e en ultima instancia do conde.




Cartografía da parroquia de Ortoño, a través da suma dos territorios apeados dos seus lugares a través dos séculos e gardados na documentación privada dos veciños da parroquia.


O couto, ou territorio acoutado e privilexiado, non era máis que a investidura de ese estatus xurídico por parte de unidades ou grupos de unidades previas das que xa se dividía o territorio. Deste xeito, por exemplo, tanto Salaño como Macedos, Liñares e Francos son lugares convertidos en coutos. O da Somoza é o conxunto de varios lugares pertencentes a parroquias distintas que en un determinado momento foron erixidos en couto polo seu dominio. E da mesma forma o conxunto de varios lugares que formaban previamente una parroquia podían constituírse en couto, habendo coutos formados por unha parroquia, unha parroquia e algún lugar de outra ou outras, ou varias parroquias.

Tendo isto presente, parece obvio despois de ter visto moita documentación, da que fomos dando cumprida conta, que a unidade básica do territorio dende a idade media non era a parroquia, se non o que chamamos lugar, e identificamos cas antigas aldeas.

Ademais deso, o cambio de dominio, ou de dono, e a reorganización do territorio, no caso da Maía polo conde de Altamira no s. XVI mudou moitas estruturas xurídicas, sen mudar os límites antigos das distintas unidade do territorio.

E este é o caso de Ortoño, do que no s. XV xa viñamos supoñendo, e agora confirmámolo, o seu dominio era monástico, pertencente a San Paio de Antealtares, pero dunha forma peculiar, tratábase de un couto e estendíase a toda a parroquia: “coto, señorío e presentación de San Xoán de Ortoño”, dise nos documentos.
Mosteiro de San Paio, visto dende a cuberta da catedral de Santiago.
http://www.trivago.es/santiago-de-compostela-31777/catedraliglesiamonasterio/monasterio-e-iglesia-de-san-paio-de-antealtares-791811/foto-i4442361

Xa no apeo dos bens dos Moscoso na Maía, en 1458 se mencionaba a voz de San Paio en varios lugares da parroquia como Carballido e Bertamiráns. Posteriormente, ca reforma monástica do final do s. XV o mosteiro de San Paio fúndese co de San Martín Pinario e pasa a este último todas as súas propiedades. Deste xeito é en 1501 e despois en 1505 é cando San Martín lle afora o Couto de Ortoño o primeiro e segundo conde de Altamira, facendo referencia que xa antes en 1467, San Paio llo aforara a Álvaro Pérez de Moscoso, un antepasado dos mesmos.

Mosteiro de San Martín Pinario, sede actual do Seminario maior de Santigo. Vista da  súa entrada dende a praza da Inmaculada.
http://www.viajejet.com/monasterio-e-iglesia-de-san-martin-pinario-santiago-de-compostela/monasterio-de-san-martin-pinario/
Por último é o mesmo Geronimo del Hoyo, a primeiros do s. XVII cando fai tamén referencia na súa vista pastoral a estes asuntos, ó ler os libros vellos da igrexa. Fala que o dereito de presentación tíñao o conde de Altamira como foreiro de San Martín, e que estas cousas estaban no libro vello de fabrica, hoxe lamentablemente perdido.

Hai un feito paradóxico na historia e relación do condado de Altamira e os antigos dominios monásticos. Ortoño pertencía a San Paio e despois a San Martín e aforarallo, ou sexa arrendarallo, ó conde por unha renda. Pero o cabo dos séculos, San Martín perde a conta, por ter multitude de propiedades por Galicia adiante, e será entón o conde o que actúe como se fose o dono daqueles bens arrendados, e preitee cos veciños e moradores acabando por impoñerse sobre estes. Mesmo segue exercendo os seus dereitos moito tempo despois da supresión dos señoríos. Así en 1869, o duque de Sesa, Marques de Astorga e Conde de Altamira, como rexente no trono de España, e a través do ministerio de Gracia e Xusticia nomea a D. Bernardo Crespo Varela como cura párroco de Ortoño en virtude do dereito de presentación da parroquia, que lle fora aforado por San Paio e despois por San Martín, había catro séculos.

Como pasou sempre e aínda pasa hoxe o esquencemento acaba por escurecer os antigos dereitos.







martes, 8 de marzo de 2011

A gavilla IX

O vran de 1830 na Maía foi moi atarefado, tanto para os ladróns, coma para os veciños en defendérense deles.


Vimos como o 18 de setembro roubaran a taberna do Santo. O 23 do mesmo mes a casa de un veciño de Francos que acababa de vir de Cádiz, onde fixera uns aforriños. E finalmente o 25 tentaran roubar a Vicente Obella de Laraño, sen conseguilo debido ós berros do asaltado que fixo que acudiran moitos veciños ó pe da súa casa.

A raíz destes sucesos a xustiza púxose a andar. O xuíz do Xiro da Rocha, a cuia xurisdicción pertencía Laraño remítelle o seu colega de Altamira os autos do intento de roubo en Laraño, ó sospeitarse que se tratase dos mesmos ladróns que antes actuaran no Santo e en Francos. A xustiza de Altamira, en previsión de futuros roubos e ca intención de deter a toda a gavilla, dispuxera a formación de patrullas que operaban de día e de noite. Ademais desto puxéronse “espías” para tentar obter información. De feito estas medidas tiveron éxito moi pronto, porque o día 3 de outubro detivéranse dous veciños de Francos relacionados co roubo da casa de José Lema. Tratábase de Francisco Antonio Vilela e José Balladares, ambos veciños casa con casa do roubado.

O Vilela, confesouno todo, incluso o nome dos compañeiros. Contou que fora “catequizado”, xa antes dos roubos, por un tal Manuel, chamado “o xastre”, e veciño do barrio santiagués do Pombal. Alí levarao Domingo Martínez, alias “o fiero”, outro dos que formaba a gavilla. Xunto con estes estaba tamén un fillastro do “xastre”, que se facía pasar por estudiante, e tamén un home de idade que vivía arriba de Santiago.
A Capela da Magdalena no Milladoiro, foi testemuña lonxana daqueles feitos.
http://esmilladoiro.com/turismo.php


O día do roubo da casa de José Lema, quedaron de xuntarse cada un pola súa conta na ponte da Rocha, dende onde colleron cara a taberna do Espiño, paraxe onde esperaba un home que lles proporcionaría as armas.

Este do que logo se soupo que se chamaba José López, saíulles o encontro a altura do Milladoiro, e entregoulle escopetas e pistolas para cada un. Despois puxéronse en marcha para parar na mencionada taberna onde tomaron varias cuncas de viño, o que seguramente os arroutou e envalentou para realizar o roubo. Unha vez consumado o delito voltaron a Santiago.

domingo, 6 de marzo de 2011

Apéndice documental VIII

Presentación da segunda voz do foro de Sisalde do conde de Altamira. 1630

Aproveitando que estamos tratando o lugar de Sisalde, traemos hoxe un documento interesante para a súa historia. Tratase da presentación da segunda voz do foro feito na década dos oitenta do s. XVI polo conde de Altamira. O documento é de 1630, na que parece ser a derradeira data de revisión destes tipos de instrumentos por parte da casa dos condes ata mediados do s. XVIII, en que despois xa ten que preitear cos descendentes dos moradores polo dominio dos seus lugares.

En el lugar y torre de tras outeiro felegresia de san Lorenzo digo de san Fins de Brion a siete dias del mes de octubre de mil y seiscientos y treinta años ante Rodrigo de Leis Pulleiro contador de su exª el señor Conde de Altamira administraor de los vienes y rentas de su exª y en presencia de mi escrivano y testigos parecio presente Maria de Sisalde viuda que finco de Jacome de Ruxido en nombre de Jacome de Ruxido el mozo su hijo vezino de san Juan Dortoño y dijo que Jacome Fernandez en nombre del señor Conde Dn Rodrigo hizo fuero a Pedro de Sisalde y Antonio de Ruxido y sus mugeres del lugar de Sisalde sito en la dha fra de san Juan Dortoño, por sus Vidas y dos vozes en renta de nuebe cargas de Zenteno una marrana y dos gallinas en cada un año y con otras condiziones, y que por muerte de los sobre dhos el dho Jacome de Ruxido su marido, avia quedado por primera voz y por su muerte quedo por segunda y ultima voz del dho fuero Jacome de Rujido el mozo como hijo del dho Jacome de Rujido y de la mesma Maria de Sisalde y como tal en su nombre se presentava ante el dho contador y le pedia y suplicava le admitiese por tal que ella se obligava con su persona y vienes de pagar la dha renta y cumplir las mas condiziones del dho fuero y visto por el dho Contador dijo que sin prejuizio de otra persona que mejor derecho tenga a subzeder en el dho fuero y lugar y de qualqª comiso que aia causado y de otro qualquiera derecho de su exª le admitia y admitio por tal segunda y ultima voz y lo firmo de su nombre y a ruego de la dha Maria de sisalde porque dijo no savia firmar lo firmo un testigo, estando presentes por testigos, Domº foziños vezino de la Ziud de santiago, y Alberte de sandar vezª de santa Maria Dons, y Alberte de Reino vezino de san Juan Dortoño e io essno doi fee conozco a los otorgantes = Rodrigo de Leis Pulleiro = como testigo Domingo foziños = Paso ante mi Alonso vasante = sacose del original que ante mi paso y en mi poder queda q que me refiero, y como essno del rei nuestro sr y vezino del varrio de san Pedro de la Ziud de santiago lo signo y firmo en esta oja y doy fe recivi un rela de derechos y no mas = En testimonio de verdad Alonso Vasante =

martes, 1 de marzo de 2011

O libro de fundacións XII

Decimo segunda fundación. 1715


Pablo Barreiro e a súa muller Dominga Turreira, veciños de Bertamiráns, acórdanse precisamente en 1715 de que o avó de Dominga deixaralle unha misa de fundación a San Roque, e ata ese momento non se tiñan acordado de cumprirlle a súa vontade.

Como imos vendo en outras fundacións, moitas delas institúense precisamente en ese ano de 1715, debido quizais, a un chamamento ou recordatorio do párroco por mor de algunha visita pastoral ou de ter botado en falta os documentos. Xa vimos como no caso particular de Ortoño, danse moitas fundacións en 1669, debido con case toda probabilidade, a renovación das escrituras con ocasión da perda, posiblemente nun incendio, de grande parte do rexistro parroquial.

No caso particular desta familia, non temos moitas novas dos seus ascendentes e descendentes. Pablo Barreiro quizais fose un dos fillos de Antonio Barreyro do Porto, ó cal tiña as súas raíces no lugar de Maguxe, de onde proveñen en última instancia tódolos Barreiro da parroquia de Ortoño. A súa muller, Dominga Turreira, que se dicía filla de Antonia Tubío e neta de Juan Tubío, podería ter lazos familiares cos irmáns Turreira dos que falamos na fundación X.

Ó longo do s. XVIII, o apelido Barreiro permanece aínda no tronco desta familia, xa que en 1774 pagaba a fundación Jacobo Barreiro. Sen embargo a finais do século xa o fai Manuel Codeso, veciño posiblemente do lugar do Pedregal.