12. Conclusións
Os Martínez
Viojo, como vimos, non eran unha anónima e sinxela familia de aldea como até
agora se veu supoñendo. Os seus antepasados estaban relacionados con familias e
persoas relevantes da súa contorna, de forma que nos permiten debuxar unha
situación e posición acomodada na sociedade rural da súa época.
Sen ir máis lonxe,
o propio José Martínez Viojo consegue unha prebenda, non pouco importante, e
ademais obtida a través, supostamente, da familia materna de Rosalía; nada
menos que de mans do seu mesmo avó:,
o señor do pazo de Arretén, co que
quizais puidese ter lazos de afinidade. Isto lévanos a unha relación entre o
Castro de Arretén con José Martínez Viojo moi anterior ao nacemento de Rosalía.
Tampouco nos parece acertada a cualificación ofrecida por de Álvarez Ruíz de
Ojeda, cando ao falar do seu testamento, di que o capelán non era máis que un
cura de aldea. Talvez non fose un intelectual, pero a súa carreira eclesiástica
arrincou dunha forma brillante e, de querer, tería alcanzado, postos máis elevados.
A súa familia
mantiña unha posición desafogada economicamente. Con todo, ao penetrar
no século XIX, notamos unha degradación en todos os aspectos. Aquel século foi
un período de profundos cambios que esixían unha gran pericia para salvar os infortunios
e aproveitar as oportunidades, pericia e habilidade que decididamente os
moradores da casa do Castro non tiveron. A desamortización dos bens da Igrexa,
dos que gozaban en gran parte, debeu ser o seu peor revés, unido a outras
graves dificultades que foron minguando a súa posición económica, familiar e
social, até desembocar en pobreza, fame e emigración.
O matrimonio
nesta familia foi un caso atípico no
seu estrato social. Vimos, como outros parentes e familias de semellantes
facendas e ascendentes, esforzáronse en buscar matrimonios
vantaxosos, mantendo e fortalecendo vínculos, patrimonios e status nos seus
propios ámbitos. A dúbida que nos queda é se na casa do Castro, os maiores
relaxáronse neste sentido e deixaron libremente aos seus fillos elixir,
ou pola contra as circunstancias non lles deixaron outras eleccións.
Posiblemente non souberon outear as distintas crises do XIX e deixaron de se preocupar
obedecendo os desexos do corazón.
Esta situación de
decadencia veríase reflectida tamén no capelán de Iria. Aos 52 anos de idade
ten que asumir, con humildade, a extinción da súa prebenda e suplicar un
pequeno beneficio. Pero xa antes, quizais desde a súa incorporación á colexiata
viuse sumido nun deplorable ambiente debido á crise moral do clero de Iria.
Como nos apunta Álvarez Ruiz de Ojeda, o Cabido de Iria arrastraba graves
problemas como conflitos de autoridade, discordias, e condutas deplorables dos
seus membros como malversación, amancebamento e mesmo o homicidio. Esta
situación debeu influír na vida cotiá de Martínez Viojo e tamén na da súa
familia como membro predominante nela. Poida que sexa unha explicación para
entender a secuencia dos seus descendentes no Castro.
Fortalecen de verosimilitude o relato transmitido as
coherencias atopadas na carta de Luís Tobío: o sobriño do capelán que vivía na
casa do Castro ao tempo do nacemento da escritora; a existencia dun xastre en
Ortoño e ademais emparentado cos Martínez Viojo; os seus fillos de pouca idade
nese período de tempo.
Máxime se temos en conta o gran período transcorrido
dende o nacemento de Rosalía e a carta a Bouza-Brey.
Este período temporal é máis grande incluso
respecto doutros datos como son, por exemplo, a
existencia dun tío mercedario no compostelán convento de Conxo. Por todo isto,
parece haber un fondo de verdade, polo menos en parte, na historia que vincula
Rosalía con Ortoño.
Pero se Rosalía
non tivese relación algunha con Ortoño, como se desprende do escrito atribuído
a Anxo Baltar, non podería albergar trato e agarimo coas irmás e sobriños de
José Martínez Viojo, se non fose porque os tratou con frecuencia durante a súa
infancia e mocidade, xa sexa na casa do Castro, en Padrón ou en Santiago. Esta
relación tería que ser froito de visitas periódicas das irmás do capelán á nena
e, reciprocamente desta acompañando
á súa madriña, á casa do Castro. É posible que
estes encontros se interrompesen co matrimonio de Rosalía, e da dependencia
desta da localización do traballo do seu marido.
Todo isto non
certifica a paternidade de Martínez Viojo, soamente unha relación. Rosalía e a
súa familia coñecían ao capelán por selo dunha fundación da súa casa. Esta
relación remontaríase a 1819, e quizais tampouco disipa a especulación sobre un
posible trato entre o Castro e o capelán para cargar el, a ollos da opinión
pública, da paternidade de Rosalía. Posibilidade que vemos moi remota.
De todos os
xeitos parece probable que se Rosalía coñecía esta familia, tamén sabería da
súa situación, coa cal tería certa identificación. Esta relación tería que
influír en ambas as partes, tanto na familia da casa do Castro como na poetisa.
Nunha memoria popular de Ortoño falábase de Estrella[1],
a filla sen pai, como unha nena que cando levaba a pastar as vacas adoitaba
cantar moi docemente no Castro, talvez inclinada pola fama de Rosalía. Do seu
incógnito pai dicíase que era mariñeiro ou que embarcara,
quizá sería un emigrante. Estrella ten moitas similitudes cunha Rosalía nena.
Non sería talvez o seu recordo mesturado co da propia escritora, e tamén coa
súa obra, o que realmente sobreviviría na tradición.
Doutra banda,
a situación de desamparo das mulleres da familia do Castro, as súas
maternidades fóra do matrimonio, posiblemente forzadas por situacións de
inxustiza e opresión, influirían en Rosalía e na súa obra.
Coñecemos a denominada “dimisión”, pola cal
en 1881 deixaba de escribir sobre Galicia e en galego debido á polémica
suscitada pola publicación nese ano do seu articulo “Costumbres gallegas” onde
sinalaba que sobrevivía a prostitución hospitalaria[2].
Lembremos a primeira novela de Rosalía, “A filla do mar”, na que
se supón unha homenaxe á súa nai solteira e valente ante a sociedade; nela
tamén poida que se evoque un recordo á situación daqueloutras mulleres.
As relacións de
Rosalía de Castro coa súa suposta familia paterna quedan comprobadas. Cremos
que o contacto con esta puido influír profundamente na súa obra. Con todo non pensamos que se poidan atopar nunca
evidencias documentais da paternidade de José Martínez Viojo. De ser certa, era
unha realidade soamente insinuada polos rumores, pero non
manifestada na documentación.