Deste xeito entrase na baixa idade media, sendo a igrexa constituída principalmente polo Arcebispo de Compostela, e os mosteiros os que detentan a propiedade da maior parte da terra. Estes ante a imposibilidade de poder gobernala e administrala, válense de cabaleiros, e outros homes de armas ós que lla aforan. O foro ven sendo un contrato de arrendamento por un tempo moi longo, que pode ser a vida do arrendatario e a dun fillo e tamén a dun neto, e pagando unha renda en especie todos os anos, que soia ser en ferrados de centeo.
Así no s. XIV levaban por foro dos arcebispos bens na Maia, entre eles varios lugares de Ortoño, Viceso, Valeirón e Transmonte, a familia dos Mariño de Lobeira, máis concretamente Ruy Gonzálvez da Maia, outras veces chamado Mariño, e a súa dona María González. Estes emparentarían cos burgueses composteláns Do Campo. Posteriormente estes emparentarían cos Moscoso, o que faría que estes bens pasasen o señorío de esta casa. Os anos 1369 e en 1388 parecen ser as datas desta fusión. Os titulares daquela eran Gonzalo Mariño da Maia, herdeiro de seus pais e de seu irmán Pedro, todos defuntos xa en 1388. Nese mesmo ano e por venta firmada o 24 de marzo, os bens pasaban a Bernal Yañez do Campo. Este Bernal era tío de Ruy Sánchez de Moscoso, señor de Altamira; e que herdaría estas propiedades.
O 19 de marzo de 1458, ante Gonzalo Moniz, notario da terra da Maia, faise un apeo ou recoñecemento dos lugares que posúe Ruy Sánchez de Moscoso en Ortoño. Así parece que en Carballido moraban Juan Moselo e Martín Moselo, en dous casares e que aínda hai tres mais que permanecen baldeiros. En Pedregal vivía Alonso Pérez en un casal, e no lugar do Sisto, que hoxe acabou uníndose ó Pedregal tiña varios que se xuntaron en un e no que vivía Pero Vello. En Castrigo vivía Fernando de Castorigo, no único que ten o lugar. En Bertamirans posuía vairas propiedades que as levaban Fernando e Juan Ovella.

Escudo dos Moscoso, que se conserva no cumio do altar maior da igrexa parroquial de Ortoño
O resto da parroquia non lle pertencía os Moscoso e por tanto non dan novas dela. Sen embargo falase de un lugar chamado Pousada de catro casares arrendados a Alonso Beyroa e Juan Beyroa, que puido ter desaparecido ou mudado de nome, sen saber agora onde estaría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario