sábado, 30 de julio de 2011

Vias de Comunicación II

A conexión ca ría de Noia.
Buscar e atopar as vías antigas en Galicia, foi unha empresa xa abordada no pasado, aínda que os seus resultados deixaron moito que desexar, aló menos no caso da Maía.

Ferreira Priegue publicou un interesante traballo no que erraba no tocante a conexión entre Santiago e Noia.

Baseouse en grande medida na tradición oral e na toponimia. Dou por suposto que parte de outros camiños que ían cara uns lugares eran tamén empregados para outros, descoidando e esquecéndose dos principais. No caso da vía de Santiago a Noia, supuxo que o camiño que ía cara os portos da costa da morte, a través de Villestro, Covas, Ames e a Ponte Maceira, era o mesmo que conducía cara Noia, iso si, apartando en Trasmonte cara as Torres de Altamira. Vendo o plano, semella que os veciños do fondo do val non se desprazaban a ningures, e que para ir de Ames a Padrón, por exemplo, había que facelo indo primeiro a Santiago.

É certo que tódolos camiños levan a Roma, pero nos temos atopado xa non só testemuñas da tradición oral senón tamén da escrita que nos descobren unha evolución da rede vial, dende a Idade Media ata a actualidade moito máis lóxica.

Dende o plan nacional de estradas de mediados do s. XIX ata practicamente a actualidade, esta conexión ca ría de Noia era a estrada Santiago-Noia, con saída por Vidan, e continuación por Villestro, Roxos, Bertamiráns, Urdilde etc. É certo que ata Roxos seguía o camiño antigo de Fisterra, e ó abandonar Bertamiráns seguía o antigo camiño de Santiago a Muros e Noia.
Camiños antigos identificados por Ferreira Priegue en "Los caminos medievales de Galicia" 1988 (en negro). En vermello o antigo Camiño Real de Santiago a Noia. En verde o novo tramo feito no s. XIX.

Este antigo camiño, chamado Camiño Real de Santiago a Muros e Noia, coincidía ca actual avenida da Maía pola zona da Éstrella ata o cruce da actual rúa da Fieiteira que conduce a Carballido. Alí, entre os lugares de Carballido, Pedregal e o Sisto, abandonaba a actual avenida para ir baixando e desviándose á dereita cara o actual tanatorio, e de alí cara a ponte da Condomiña. Pasado o Sar, seguía polo antigo camiño cruzando as catro aldeas, o cruce do Santo, e Ortoño cara Bugallido. De alí xiraba cara Buceleiras e a Moniña, seguindo despois cara Santiago. Incluso hai testemuñas escritas, (sumarios xudiciais), nos que se fala dunha fonda ou pousada na Tarroeira. Co plan xeral de carreteras modificouse este tramo e fíxose ir por Villestro, tendo que atravesar o monte de Lapido con un novo trazado para chegar a Bertamiráns e seguir logo o antigo camiño.

A proposta de Priege, dun camiño dende Susavila de Carballo, en Trasmonte, cara as torres de Altamira e despois cara a Luaña, non se pode considerar errada, pero soamente era valida para os viaxeiros que viñeran de atravesar a Ponte Maceira e das comarcas de Barcala e Dubra. Houbo incluso tentativas particulares de incentivar esta vía de comunicación pola Luaña seguindo polos lugares de Vilariño e Nimo cara Santa María de Roo, creando pousada en Nimo, pensado nunha menor distancia. Sen embargo fracasaron xa no s. XIX, devido a difícil orografía. Tamén temos que recordar, que o paso por Boullón e Urdilde era o máis transitado dende antigo. Había incluso unha aldea chamada Paradela, nos confíns da parroquia de Boullón, por onde pasaba este camiño. Hoxe debaixo do firme da vía rápida a Noia.

lunes, 25 de julio de 2011

Pedregal IV

Historia


Cara 1587 xa tiña morto Alberte de Sanmartin, o principal levador de bens no lugar. Adquiriraos en foro, como xa indicamos, en 1563 xunto ca súa muller Marquesa do Pedregal. Morto este, Marquesa vese obrigada a facer escritura de traspaso e nomeamento de segunda voz en Juan Vidal e Mencia de Sanmartin, xa que como declara vai moi vella para traballar estes bens do conde no Pedregal e Bertamiráns. Así é como nomea ó seu xenro e a súa filla como moradores e levadores do lugar. Dende logo houbo máis fillos daquel matrimonio, como un tal Rodrigo de Sanmartin que en 1591 véndelle a parte que lle correspondía no lugar a súa irmán e cuñado.
  Vista aerea do actual Pedregal, o norte da Avenida da Maía.   Foto: http://test.concellodeames.org/imxd/noticias/imx/1297422752Superficie_S-10_Pedregal_web.jpg

Non sabemos con certeza cando morreron Mencia e Juan, sen embargo sabemos que xa estaban casados cara finais da década de 1570, xa que daquela tiveron ó seu fillo Juan Vidal do Pedregal. Este casaría aproximadamente cara o comezo de século con unha posible veciña de Bugallido chamada Lucia de Reino, ca cal tivo dúas fillas e un fillo tamén chamado Juan, e cos anos asentado na Condomiña. Lucia de Reino debeu morrer en 1620. Daquela a morte do conxugue supoñía unha perda moi importante na unidade familiar, e soíase casar moito a xente en segundas e máis nupcias. Juan, que xa contaba con corenta anos, fixouse en Alberta Lorenzo, filla de Gregorio e María González, veciña do lugar de Ortoño. Alberta era una “doncella” de dezaseis anos, e por tanto leváballe o seu pretendente máis de 25. Por eso para convencela Juan dálle en concepto de arras para ela 100 ducados, esperando de esta forma, gañar o seu favor e que aceda a casar con el. Casaron e tiveron seis fillos dos cales dous quedaron no lugar e os demais casaron na parroquia e noutras veciñas coma a dos Ánxeles. Cen ducados naquel tempo era unha cantidade moi importe, o que nos da unha idea da boa posición económica de que dispoñia esta familia. En realidade entre os s. XVI e XVII, a economía dos moradores da Maía era moi folgada, xa que había relativamente pouca poboación aínda, e dispoñían de cabanas gandeiras extensas que se criaban a expensas dos montes abertos. O minifundio chegou despois, no s. XVIII e XIX.

Os Vidales continuaron morando o Pedregal, amen de outras familias das que temos constancia no xa recurrente documento fundacional da cofradía de San Antonio e San Roque de 1696. Velaquí os seus nomes:



Juan de Paramos y su muger


Juan Vidal y su muger


Alberte Vidal y su muger


Antonio Martinez y su muger


Migel de Cajuso y su muger


Domingo Vidal


Luzia Blanca


Ygnacio Martinez y su muger


Dominga Miguens



Sen embargo non todos estes veciños eran foreiros de Altamira. Habíaos coma os Paramos, que anque poida que algún ben levasen de Altamira, a maior parte érano de outros propietarios. Fidalgos e pequenos señores que no século seguinte habían alcanzar fortuna chegándose a titular.

martes, 19 de julio de 2011

Libro de fundacións XXV

Vixesimo quinta fundación

29 de outubro de 1669.


Atopámonos desta volta co apelido Ortoño, o mesmo que o nome da nosa parroquia e tamén de un lugar dela.
Temos dado co apelido dende xa hai moito no mesmo lugar de Ortoño. Así cara mediados do s. XVI aparecen Alonso de Ortoño e Mencia de Ortoño como moradores e levadores do lugar, entre outras xentes. Este Alonso quizais fose o mesmo que tiña por muller a Aldonza Fernández. Este matrimonio puido ter por fillos a Juan, Jacome e Domingo, todos eles mortos xa na primeira metade do século seguinte.
De esta familia, ou de algunha rama, saíu o tal Juan de Ortoño “el viejo”, que morreu consignada unha misa rezada pola súa anima. Seu fillo, outro Juan de Ortoño, levanta acta ante Antonio López Rocha obrigándose a cumprila el e os seus descendentes.

O apelido Ortoño aínda perviviu no lugar ata o s. XVIII, pois temos a Ambrosio de Ortoño pagando a misa xunto con Juan Gallardo e Fermín Reyno. Hoxe aínda existe por Galicia e incluso en outras rexións de España, pero moi contados casos

domingo, 17 de julio de 2011

Vias de comunicación I

Introducción


Hoxe en día a calidade máis prezada das vías de comunicación é a de que nos leven o máis axiña posible de un punto a outro. Ese era o mesmo prantexamento que tiña o imperio romano, o de trazar vías o máis rectas posibles entre os puntos máis importantes dun territorio a fin de facilitar unha rápida comunicación.

As vías romanas na Gallaecia, estaban trazadas segundo ese principio. Iria Flavia era un nodo de comunicacións no baixo imperio. A ela chegaba dende o sur a vía XIX e que continuaba cara o nordeste en dirección a Lugo. Tamén se supón que de Iria partía unha nova vía chamada XX “per loca marítima” que continuaba bordeando a costa ata Brigantium, de xeito que unise as explotacións mineiras do interior cos portos. Esta vía podería subir polo val do río Baleirón, dende Rois a Urdilde e continuaría pola Luaña atravesando o Tambre a altura de Pontevedra no concello de Negreira. Esta era posiblemente a situación na época do imperio e da alta idade media, no entorno do val da Maía. Esta distribución debía coexistir, como é natural, con outras vías secundarias xa moi antigas que discorrían por todo o territorio.

http://blog.educastur.es/diverieslaluz/2009/11/19/calzadas-romanas-2/


Co paso do tempo e a perda das necesidades de utilización das vías romanas, estas pasan a un segundo plano, potenciándose os camiños secundarios, os mesmos que despois na idade media unían os lugares entre si dentro das parroquias. Esta situación reforzouse tamén o mudar os centros de poder e poboación do territorio de unha época a outra. Aínda que Iria-Padrón se manteñan nunha situación predominante na idade media, será Compostela a que centralice as necesidades de comunicación. A Maía e Ortoño dentro da terra de Santiago, desenvolveran dende entón e ata a actualidade unha parte importante nos camiños que van e veñen tendo o centro na cidade do Apóstolo. Deste xeito foi sempre unha zona de paso entre Santiago e Padrón, o seu porto natural. Recordemos como no Códice Calixtino recorren esta ruta comerciantes cara Compostela. Tamén era a porta de paso dente as comarcas de Barcala e de Dubra cara o sur. Outros puntos importantes da costa como era a ría de Muros e Noia cas súas vilas, señorío dos arcebispos, tiñan paso obrigado polos camiños e lugares da Maía e Ortoño.

Como poder recoñecer hoxe todas esta vías e camiños tanto tempo transitados. Ó ter ido recopilando moitas novas, sobre todo na idade moderna, de tipo documental e cartográfico, podemos amosar unha aproximación ós itinerarios dos viaxeiros que atravesaban a Maía. Un estudio que revela grandes lagoas en outros precedentes e que foron referentes no seu momento.

jueves, 14 de julio de 2011

Concordias IV

Concordia polas primicias de Ortoño.



A distribución das rendas eclesiásticas en Ortoño sufriu variacións a través do tempo ó estar repartidas en varios perceptores y tamén o írense modificando os pagadores debido os cambios demográficos.

É o s. XVII, o tempo dos grandes cambios, sexa na demografía, na utilización da terra, nas augas de rega, na entrada de novos cultivos coma o millo americano, etc. É un tempo de cambio que traduciuse en contendas xudiciais en múltiples eidos, entre os que non quedaron indemnes as rendas eclesiásticas.

Cara a metade do século, tanto as primicias e os dezmos eran divididos entre o párroco e o cabildo de Santiago. Segundo Del Hoyo cara principios da centuria a parte do rector valía coma 50 cargas de todo pan, por tanto cerca de 600 ferrados de centeo que viña sendo a suma de ambos conceptos.

Sen embargo o progresivo aumento da poboación levou a facer revisión destas cargas que non sempre chegaron a ser ben aceptadas. Deste xeito cara 1653, Gregorio de Castrigo e Sanmamed, como procurador dos veciños de Ortoño fai escritura de concordia con D. Gabriel Freire de Andrade, párroco de Ortoño e o Doctor D. Pedro Valdez Feijoo, cóengo lectoral de Santiago e tenencieiro da sinecura de Ortoño, amen de familiar de D. Gabriel, segundo os libros de visita do arceprestazgo do Xiro. Parece ser que os prebendados, levaran a preito a toda a parroquia pedindo un aumento nas primicias, ó constatar que se romperan moitos montes e aumentaran substancialmente os feligreses e a agricultura na parroquia.

Despois de varios lances, chegouse a un acordo do que se nos refire un resume feito nunha rexesta de documentos privados en 1794. Estes documentos privados pertencían a casa do tal Gregorio de Castrigo, no lugar de Castrigo na mesma parroquia de Ortoño. Esta é a descrición do acordo:

La concordia division y areglo que entre Gregorio de Castrigo y mas vecindario de la fra de Sn Juan de Ortoño han hecho de la Primicia que se paga en dha Parroquia por fuegos y vecindarios en el año de Mil seys cientos cinquenta y tres = Entre el Lizenciado Dn Gabriel Freyre de Andrade Rector de dha fra y el Dr Dn Pedro Valdez Feyjoo, Canonigo Lectoral de la Sta Appca Ygla de Santº tenenciero de la cincura de Ortoño, los que concurrieron a la Rl Audª pª dho efecto = y quedaron por obligacion firme de pagar treinta y una primicias cada una de cinco ferr y mº de Zentº cada año y cada fuego su gallina en la qual tocaron al Lugar de Castrigo por la reparación que hicieron de ella; cinco ferr de zentº en esta manera Domingo de Otero por los Vienes que lleba en dho lugar y mayocia de casa tres ferrados y Gregorio de Castrigo por los que lleba dos ferr de zentº = como mejor se refiere en dha ess(ra) de transacion que paso por ante Domº Freyre ssno de S.M. en el Lugar de Guitiande fra de Santa Maria de los Angeles =




As primicias son os primeiros froitos de cada colleita. Moises estableceu que serían estos primeiros froitos os ofrecidos a Deus en señal de agradecemento (Deuterenomio 26, 4-10). En esta cita bíblica fundamentabase este imposto eclesiástico. Foto http://www.12apostoles.com/jesusviveenlacasadeallado/page/51
 Deste xeito quedaban a pagar en Ortoño 31 primicias de 5 ferrados e medio de centeo. En Castrigo pagábanse 5, o que nos leva a supoñer que a primicia pagábase por lugares. Sen embargo Ortoño non contaba máis que con 15 casales ou lugares antigos, os cales podían estar a súa vez divididos en medias ou tercias partes devido ós foros feitos polos dominios. Tamén podería ser que pagasen primicia en Ortoño outros veciños de outras parroquias que traballasen terras na parroquia de Ortoño, por mor principalmente de enlaces matrimoniais.

Este arranxo supoñía uns 170,5 ferrados de centeo de renda, que tiña que dividirse en dúas partes,unha para o cura e outra para o tenencieiro. Ademais pagábanse unha galiña por fogo, ou sexa por casa, renda que percibía o cura da parroquia.

O certo é que pasaron os anos e todo voltou a cambiar. En 1752 sabemos polo catastro do marques da Ensenada, que a parte das primicias que percibía o cura era 120 ferrados, o que supoñía un total xa de 240. Naquel entón xa tiña a parroquia 83 matrimonios, que eran as galiñas que se pagaban por este concepto xunto co centeo. O cambio supoñía pasar de pagar por fogo ou casa a facelo por matrimonio, o cal subía algo o número de galiñas para o cura párroco.

lunes, 11 de julio de 2011

Libro de fundacións XXIV

Vixesimo cuarta fundación.

14 de decembro de 1669.

O 13 de marzo de 1633 tiña testado ante Juan González, escriban de Altamira, Gregorio González da Condomiña. Nel establecía dúas misas por San Xoán de xuño e catro rezadas e unha cantada por Santa Lucia.

Era moi frecuente por parte dos veciños que as súas fundacións se levasen a cabo pola festa do patrón parroquial, sen embargo neste caso o recordo a Santa Lucia debese a que Gregorio era o patrón de unha capela colateral na igrexa parroquial adicada a esta advocación. É máis tiña dereito de enterramento nela, pero pouco máis sabemos dela.

Polas visitas pastorais sabemos que os herdeiros, como en moitas outras parroquias, esquenceron o cumprimento estricto das mandas testamentais e o dereito da Igrexa. Durante varias décadas, o fillo do finado, Benito Gónzalez da Condomiña, fíxose o non enterado a hora de presentar escritura do testamento e sobre todo allanamento dos bens agregados. A capela non estaba ben atendida e os párrocos nunca dubidaron en denuncialo ante os seus superiores.

En 1669, ante a perda de escritura na rectoral, faise de novo esta na que é o neto D. Antonio González de Guitian, fillo de Benito o que levanta acta ante o notario Antonio López Rocha da fundación do seu avó. O tal Antonio xa non vivía na Condomiña senón en Guitiande, na veciña parroquia dos Ánxeles. Tíñase casado con Dª Antonia Freire de Castro unha das fillas de Domingo Freire e Dª Dominga González de Castro, aquel escriban de número da xurisdicción da Maía. Ademais desto soamente indica o lugar de Guitiande como o suxeito a hipoteca da fundación de seu avó. É soamente seu fillo e por tanto bisneto do fundador Geronimo González o que en 1721 presenta o testamento de 1633 copiado polo escriban Esteban de Salaño veciño do lugar do Cabo, nos Ánxeles.

O padroado pasa de Geronimo a seu fillo Joseph que casa con unha filla de Joseph Eugenio de Nimo e Dª Juana Garcia Varela e Seares, veciños de Santa María de Roo, familia con importantes lazos na Maía e en particular en Ortoño. Esta filla, chamada Benita enviúva pronto quedando a cargo do seu fillo tamén chamado Joseph iniciando un longo preito polos bens de esta fundación con outros familiares. Ante a prematura morte do fillo, estes dereitos deberon pasar a unha cuñada que debeu casar ela ou unha descendente en Herbogo, no concello de Rois, de onde era D. Manuel Vázquez, o derradeiro posuidor do padroado e demais dereitos da capela.

sábado, 9 de julio de 2011

Pedregal III

Historia


As primeiras novas do Pedregal, ó igual que case todos os lugares de Ortoño datan do s. XVI, aló menos as encontradas por nos.

En 1564 Alberte de Sanmartiño e a súa muller Marquesa de Pedregal, veciños do mesmo lugar, reciben de mans de Jacome Fernández, apoderado do conde de Altamira, este lugar e as herdades que o conde ten en Bertamiráns.

O pilón do Pedregal entrando en Montelle.
Jacome Fernández era un notario da cidade de Pontevedra, ó cal o conde lle da poder para ir recoñecer as súas propiedades por toda Galicia e Asturias. O conde chámalle “mi Amo”, quizais porque fose algunha das persoas encargadas da súa educación cando era rapaz.

Esta escritura non quere dicir que a mediados do s XVI non houbera habitantes en Bertamiráns. De feito habíaos, pero ningún traballaba os bens do conde, que anque eran moitos non supoñían máis que unha fracción do lugar. De feito en 1583 Lope de Figueroa, administrador do conde subasta a parte que este tiña no lugar de Bertamiráns a aquelas persoas que o quixeran en foro ou arrendo e que máis desen por el cada ano. Estes datos amosan a grande relación que sempre houbo entre Bertamiráns e o Pedregal, en este caso referido os bens do conde de Altamira, xa que en Bertamiráns había moitas fincas e agros de outros lugares dentro dos seus límites, sendo o Pedregal o que máis tiña.

Todo esto referido o estado de Altamira, pero no Pedregal entraban máis dominios ou propietarios. No s XVI vemos polas escrituras que teñen nel propiedade distintas persoas da cidade de Santiago Así, xa a primeiros deste século temos encontrado outra escritura referente ó Pedregal. Na ante véspera de Nosa Señora de Agosto de 1532, María Suárez como viúva de Juan de Díos e veciña de Santiago, faille un arrendo a Vicente Fernández, veciño de Ortoño do seu casal que ten no lugar do Pedregal, na mesma parroquia. En 1568 un tal Francisco do Pedregal, de oficio tecedor e acaso irmán de Marquesa, recibe en arrendo unha parte do casal do Pedregal por nove anos de mans de un tal Juan de Pol mercader de Santiago.

O condado de Altamira foi un grande dominio que aglutinou terras dende o s. XV ata o XIX. Na parroquia de Ortoño era omnipresente en todos os lugares, excepto a tenencia da Condomiña. Sen embargo os propietarios dos pequenos bens dos que se compoñía o territorio no s. XVI, principalmente cidadáns composteláns, van ir desaparecendo para ir dar paso a outros dominios satélites de Altamira e non menos interesantes.

domingo, 3 de julio de 2011

Libro de Fundacións XXIII

Vixésimo terceira fundación.

16 de setembro de 1669.

Ante Antonio López Rocha comparece Gregorio Rodríguez, presumiblemente veciño da Punxeiras de abaixo, acordándose dunha promesa feita a súa defunta primeira muller, María Martínez. En virtude de aquel desexo Gregorio funda ante aquel notario unha misa perpetua pola súa alma, hipotecando os seus bens para sempre.


Non temos máis datos sobre a xenealoxía daquela familia, pero os cumpridores da fundación no século XVIII mantivéronse na familia dos Pazos que eran veciños das Punxeiras Baixas.





No libro, esta fundación, aparece no vixésimo terceiro lugar, aínda que é unha das máis antigas, xa que datan de 1669, ano no que por mor de algunha perda no arquivo parroquial houbo que repoñer as escrituras perdidas, e por tanto podía ser máis vella. Este lapsus de tempo é por tanto aínda máis dilatado, dende mediados do s. XVIII ata finais do XVIII, para poder encontrar os cumpridores intermedios, sendo como foi que non se consignaron entre 1713 e 1774.