Cara 1587 xa tiña morto Alberte de Sanmartin, o principal levador de bens no lugar. Adquiriraos en foro, como xa indicamos, en 1563 xunto ca súa muller Marquesa do Pedregal. Morto este, Marquesa vese obrigada a facer escritura de traspaso e nomeamento de segunda voz en Juan Vidal e Mencia de Sanmartin, xa que como declara vai moi vella para traballar estes bens do conde no Pedregal e Bertamiráns. Así é como nomea ó seu xenro e a súa filla como moradores e levadores do lugar. Dende logo houbo máis fillos daquel matrimonio, como un tal Rodrigo de Sanmartin que en 1591 véndelle a parte que lle correspondía no lugar a súa irmán e cuñado.
Vista aerea do actual Pedregal, o norte da Avenida da Maía. Foto: http://test.concellodeames.org/imxd/noticias/imx/1297422752Superficie_S-10_Pedregal_web.jpg |
Non sabemos con certeza cando morreron Mencia e Juan, sen embargo sabemos que xa estaban casados cara finais da década de 1570, xa que daquela tiveron ó seu fillo Juan Vidal do Pedregal. Este casaría aproximadamente cara o comezo de século con unha posible veciña de Bugallido chamada Lucia de Reino, ca cal tivo dúas fillas e un fillo tamén chamado Juan, e cos anos asentado na Condomiña. Lucia de Reino debeu morrer en 1620. Daquela a morte do conxugue supoñía unha perda moi importante na unidade familiar, e soíase casar moito a xente en segundas e máis nupcias. Juan, que xa contaba con corenta anos, fixouse en Alberta Lorenzo, filla de Gregorio e María González, veciña do lugar de Ortoño. Alberta era una “doncella” de dezaseis anos, e por tanto leváballe o seu pretendente máis de 25. Por eso para convencela Juan dálle en concepto de arras para ela 100 ducados, esperando de esta forma, gañar o seu favor e que aceda a casar con el. Casaron e tiveron seis fillos dos cales dous quedaron no lugar e os demais casaron na parroquia e noutras veciñas coma a dos Ánxeles. Cen ducados naquel tempo era unha cantidade moi importe, o que nos da unha idea da boa posición económica de que dispoñia esta familia. En realidade entre os s. XVI e XVII, a economía dos moradores da Maía era moi folgada, xa que había relativamente pouca poboación aínda, e dispoñían de cabanas gandeiras extensas que se criaban a expensas dos montes abertos. O minifundio chegou despois, no s. XVIII e XIX.
Os Vidales continuaron morando o Pedregal, amen de outras familias das que temos constancia no xa recurrente documento fundacional da cofradía de San Antonio e San Roque de 1696. Velaquí os seus nomes:
Juan de Paramos y su muger
Juan Vidal y su muger
Alberte Vidal y su muger
Antonio Martinez y su muger
Migel de Cajuso y su muger
Domingo Vidal
Luzia Blanca
Ygnacio Martinez y su muger
Dominga Miguens
Sen embargo non todos estes veciños eran foreiros de Altamira. Habíaos coma os Paramos, que anque poida que algún ben levasen de Altamira, a maior parte érano de outros propietarios. Fidalgos e pequenos señores que no século seguinte habían alcanzar fortuna chegándose a titular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario