lunes, 31 de enero de 2011

O libro de fundacións IX

Novena fundación. 1713

Ándres Codesso, veciño do lugar do Sisto, un antigo lugar da parroquia de Ortoño que ó longo do tempo foise confundindo co Pedregal, funda unha misa o 15 febreiro de 1713.


Esta fundara en testamento a súa primeira dona, Benita de Gossende. Era moi raro naquel entón que unha muller casada fixera testamento, xa que era o marido o que levaba os bens da súa dona. É máis, o normal e que faga testamento despois de enviuvar, xa que daquela volvían a dispoñer dos seus bens e os que lle deixara o home morto. Sen embargo, este testamento, que foi outorgado ante Juan Gregorio de Gronso, outro notario de número da Maía do que se perderon os seus protocolos, debeu ser feito entre os dous, marido e muller en man común.

Benita naquel testamento do 8 de novembro de 1709, hipotecara unha herdade no paraxe da Devesa do lugar de Punxeiras para fundala misa, que a herdara da súa difunta nai Alberta Suárez, casada con Domingo de Gosende, pais da téstante e veciños da Punxeira.

Aquí volvese ver que os testantes ou outorgantes de este tipo de memorias pías, fano en descargo da súa conciencia, xa que realmente quen tiña a intención de fundala misas era Alberta Suarez.
Esta misa pagouse durante todo o s. XVIII e comezos do seguinte. Entre os seus pagadores atopamos veciños do Sisto e Pedregal como Ramón Codeso e Domingo Pérez Vidal. Pero a partires de 1777 encargase de pagar Antonio Otero, veciño de Punxeiras altas, da familia dos Raices-Otero-Vilacoba da que falamos na primeira fundación, e que ten tamén vínculos familiares no Pedregal. Posteriormente no s. XIX volve a haber un cambio de pagadores e encargase unha familia do Casal, os da casa da Tiburcia. Así entre 1822 e 1827 cumpre a obriga Tiburcio Suarez, e dende o ano seguinte ten pendente no libro de pagar o que se supón o seu xenro Domingo de Castro de Casaliño.

Esta familia dos Suarez do Casaliño tamén ten as súas particularidades. Tiburcio non naceu na parroquia, e debeu vir con seus pais Jacinto e Rosa de Arosa a finais do s. XVIII a vivir ó Casaliño procedentes de un lugar incerto. Como veremos no futuro o lugar do Casal ou Casaliño estaba incluído dentro de un vínculo de bens da familia dos España da que xa falamos. Por mor de enlaces matrimoniais chegaron a engrosar os morgados do marques de Leis, o cal puido ter posto estes novos colonos nas súas terras.

sábado, 29 de enero de 2011

A gavilla VI

Pepa a loba II

Seguimos a tratar este personaxe singular do s. XIX na memoria colectiva da Maía, memoria xa esmorecente que busca unha nova forma de perdurar.

No seguinte relato mostrase a Pepa a loba dende un punto de vista romántico. Unha muller con un coraxe e personalidades moi fortes que se bota fora da lei para, xa non salvar as súas necesidades, senón as dos demais. Esta é a historia que dela contaban os zoqueiros ambulantes:

Antano moitos oficios exercíanse ambulantemente. Estaban os canteiros, os telleiros, os gaveadores, os carpinteiros e entre eles tamén se atopaban os zapateiros ou zoqueiros. Había varios que atravesaban bisbaras enteiras traballando onde os precisaban, retirándose no inverno as súas terras.

Había pois un que ía polas aldeas chamando as portas presentándose e preguntando se tiñan algún par de calzado estragado para arranxar. Os zocos eran a súa especialidade, sendo ademais o calzado que máis había. Pero tamén lle botaba a man ós zapatos de home ou muller. Dependendo do traballo e o que lle levaba, dábanlle de comer, e vindo a noite, tamén lle daban pousada durmindo polo regular no pallete enriba da palla o carón do gando.

Dunha volta, unha mañán fría de inverno, indo por unha corredoira dou visto unha casa grande illada, que semellaba ser de grande labranza, e pensou que alí podería facer o día, e así foi como se achegou a ela.

A casa tiña un portal grande, que no momento en que chegou atopábase aberto, e polo que entrou a unha ampla eira. Como non veu a ninguén foi dereito a porta da casa e petou nela.

Ó primeiro non tivo resposta, e petou de novo, entón abriuse a porta e apareceu unha muller de mediana idade, alta e con expresión dura que lle espetou: “¿Que quere?”. O zoqueiro viuse turbado ante a brusquidade da dona e díxolle o que era, e que viña ganando a vida polos camiños arranxando zocos e zapatos, e que si tería algún par que el de boa gana lle botaría man por pouca cousa.

Entón a muller cambiou de tono, e xa máis amablemente pero con poucas palabras invitouno a seguila. Levouno a unha ampla cociña onde o sentou a un lado e tróuxolle varios pares de zocos e botas vellos que precisaban un arreglo. Despois deixouno so co seu traballo.

http://veigadelogares.blogspot.com/


O home sentíase contento. Dera con unha casa boa e con bastante traballo e púxose o seu con interese. Pero co paso do tempo empezou a cavilar. A verdade é que aquela casa tiña que ser ben forte, xa que nun primeiro momento non se dera conta, pero trouxéralle aló menos ducia e media de pares de zocos e outro calzado. Vía tamén que no lume había varias potas a ferver co que parecía carne, como si fose un día de festa.

Pasou o tempo, e chegou a hora do xantar, e aquela muller invitouno a comer. El que estaba afeito a que lle deran unha cunca de caldo con algunha tallada de touciño, sinteuse abrumado con aquel xantar. Pensaba que dun momento a outro viría a xente da casa, que seguramente estiveran a traballar na agra, pero non viñeron.

Despois de xantar sígueu traballando toda a tarde, mentres pensaba. Apurou o traballo, para ver de acabar no día, de xeito que cando quedou o último par de zocos preparado, chegou a muller da casa e díxolle que viñera cear.

Aquelo xa era moi raro. Naquela casa grande, tiña que haber moita xente, pero non viñeran xantar e agora tampouco a cear. Aínda así foi cear sen lle dicir nada a dona. Apurou a cea ca intención de coller as súas cousas e botarse o camiño, xa que non estaba moi a gusto alí. Pero a muller contradiceuno e díxolle que aquela noite había de durmir alí, que os camiños non eran bos para andar de noite. Ante este ofrecemento tentou rexeitalo pero a muller díxolle que o seguise para dicirlle onde había de durmir. Entón resignouse e foi canda ela. Pero cal é a súa sorpresa cando ve que o leva o piso de arriba e móstralle un cuarto ca súa cama. El dille que pode durmir na palla, pero ela insiste e déixalle o candil que traia, mentres se despide del e cerra a porta mentres marchaba.

A inquedanza do home virara temor xa que en ningures o trataran así, e o mesmo tempo fose todo tan estraño. Tumbouse na cama pero non lle veu o sono.

E así pasaron as horas ata que despois de media noite, comezou a oír un estrondo xordo ó lonxe que se ía achegando. Ergueuse da cama e asixou pola ventana e veu como un grupo grande de homes da cabalo entraba na eira descabalgando e entrando na casa, mentres un par deles recollían os cabalos para as cortes. Cando veu aquelo empezou a tremer de medo e foi cara a porta tentando marchar. Pero aínda colleu máis cando se dou de conta que aquela muller fecharao no cuarto.

Así, sen poder dumir, pasou toda a noite o zoqueiro fechado no cuarto. E no outro día, cando amañeceu volveu a muller e abriulle a porta dicíndolle que baixara a almorzar. Desta volta non dixo nada e fixo o que ela lle dicía. Despois de almorzar, pagoulle o traballo do día anterior, e cando se dispoñía a marchar, a muller presentouse daquel xeito: “Eu son Pepa a loba, que roubo os ricos e doullo os pobres”.


domingo, 23 de enero de 2011

O libro de fundacións VIII

Oitava fundación. 1669

Juan Vidal do Pedregal, segundo de este nome, debeu morrer cara mediados do s. XVII. Dos seus dous matrimonios, o primeiro con Lucia de Reino e o segundo con Alberta Lorenza, deixou varios descendentes e entre eles o que o herdou na súa casa do Pedregal: Domingo Vidal do Pedregal.

Este cumpriu ca súa obriga que foi cumprir os desexos de seu pai defunto. Seu pai fixera testamento ante Antonio López Rocha, do que non se conservan os seus protocolos, e dos que sabemos por referencias coma estas. Juan deixara unha misa de fundación pola súa anima e para iso hipotecou a terceira parte do lugar do Pedregal, que seguramente sería a parte que lle tiña tocado de repartir o lugar entre os seus irmáns. Seguramente estes eran tres, fillos de outro Juan Vidal que casara con Mencia de Sanmartiño, filla de Alberte de Sanmartiño e Marquesa do Pedregal, os primeiros moradores dos que temos novas do Pedregal.


Sen dubida, non eran xente de fora, aló menos Marquesa xa que o seu apelido indica a súa procedencia. Era descendente dos antigos moradores de Pedregal que viñan do s. XV. O máis chocante de esta muller é o nome, porque é iso o seu nome. Non é ningún titulo. É máis Marquesa do Pedregal e seu home Alberte eran foreiros do conde de Altamira, do cal a través do seu apoderado, reciben o lugar en foro en 1562.

Volvendo a 1669, o descendente de todos estes, Domingo Vidal bota a andar a fundación da misa, e dende el foron pagando os membros das seguintes xeracións ata principios do s. XIX.

Os apelidos foron mudando, pero sempre gardaron un vínculo xenealóxico co fundador. Así ademais de Vidal aparecen os apelidos Gronso, Codeso, Garabán e outros que resoan na memoria dos veciños do Pedregal e Casal ata hoxe.

jueves, 20 de enero de 2011

As pontes antigas sobre o Sar VI

A ponte da Condomiña II

Cando falábamos na primeira parte da ponte da Condomiña, afirmamos que aquela ponte de tres arcos seguramente non tivera pretil nin pasamáns no s. XVIII.

Para iso seguiamos un antigo preito de 1724 sobre os traballos de reparación despois de varias cheas. Os mestres canteiros, que daquela se requiriran para peritaren a ponte e sobre todo os gastos que ocasionaría reparala, afirmaban que o arco do leste tiña estragadas varias pedras da cimbra por mor do paso continuo de carros. A crónica que nos chegou era a de unha ponte que se erguía sobre o río cos elementos arquitectónicos indispensables para poder cruzar. Como se podería imaxinar con pasamáns se nin sequera tiña calzada.
Ponte de Augapesada en Ames. Fonte: http://www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?crec=7318&ctre=1226&cidi=E

Sen embargo hoxe traemos outra fonte. Tratase dun dos foros do Cabildo de Santiago fai sobre o seu lugar de Punxeiras baixas en 1757. Nel, o contrario do que se fai en outros, non se consigna un lugar redondo, ou sexa non se describen as fronteiras territoriais de Punxeiras baixas, senón que se van nomeando todas as propiedades que no lugar ten o Cabildo, sinal de que hai outras mesturadas que teñen outros propietarios.

Pois ben a descrición de unha delas é deste xeito: = La leira da Ponte sembradura de medio ferrado, demarca por el norte con el pasamano de dha Ponte en el río da Condomiña, poniente confina con el mismo río, por el medio dia y levante con vienes de la Tenencia y su dominio =
Ponte Cabrita cara principios do s. XX.

Temos aquí unha, por non dicir a única, finca ubicable hoxe de este foro. Tratase dunha leira de aproximadamente 315 m2 que estaría pegada a ponte e o río Sar na beira esquerda do río, e cruzando a ponte en sentido sur a man dereita. Xusto o mesmo sitio onde durante varios anos se acumularon as pedras da vella ponte que foran retiradas cando se fixo a actual. O foro di claramente que linda polo nacente ca mesma ponte, e concretamente con seu pasamáns. Trataríase da parte que xa descorría fora do río e dos arcos, a que ía sobre os desaugadoiros.

Non se trataría de ningún pasamáns actual, senón máis ben dunha fila de pedras facendo un pretil. Tamén podería ser un pasamáns de madeira, como o que tiña a ponte cabrita. De tódolos xeitos, esta nova venos a traer información de outro momento na historia desta ponte, e de como ía cambiando a medida que era reparada e reconstruída.

sábado, 15 de enero de 2011

A Gavilla V

Pepa a loba

Na comarca da Maía conserváronse máis historias sobre bandoleiros ademais das do Tasende.
No recordo popular permaneceron outros relatos de outros personaxes que chegaron a ter unha sona tan grande que, anque non actuasen na bisbarra, as súas historias chegaron ata aquí. Refírome a Josefa Esmoris, “Pepa a Loba”, da que non temos constancia que estivese na Maía, anque puidera ter estado, pero que a diferenza do Tasende, a súa fama estendeuse por toda Galicia.
O seu tempo xa foi outro, o da segunda metade do s. XIX. Sen embargo as motivacións son as mesmas, a fame pobreza e sobre todo a inxustiza. Parece ser que era orixinaria da Estrada, e devido a unha vida de infortunios botouse fora da lei cometendo roubos nun amplo escenario xeográfico. Disque foi detida pola Garda Civil e pasou unha tempada na cárcere de mulleres da Coruña, ata que na revolución de 1869 logrou fuxir sen saberse nada máis dela. Moitos téñena idealizado como unha persoa que se opuxo as inxustizas da época, sen embargo os seus contemporáneos, como Emilia Pardo Bazán, falan dela como alguén sen escrúpulos e que estaría moi lonxe da imaxe romántica que dela se ten.

A tradición tróuxonos unha historia da feira de Santiago:

A feira de Santiago, en vez de facerse os mércores, como hoxe se fai a do gando en Amio, herdeira daquela, facíase os xoves e na carballeira de Santa Susana, no centro da actual alameda.
A ela concorrían xentes da redonda e tamén de partes máis distantes a comprar e mercar, sobre todo gando de toda clase. Por iso era lugar onde se cambiaban cartos, espazo que chama a carteristas e todo tipo de ladróns do descoido.
Non era menos naqueles tempos, e como si se tratase dunha rutina, dun traballo dos xoves, Pepa a Loba acudía cos seus homes a feira de Santiago.

Unha feira do s. XIX.
Ernesto Carrero. Padrón : feira no Souto, 1902. Do libro Memorias do Sar - crónica gráfica das terras de Padrón - (José Luis e Miguel Cabo Villaverde)

 Xa dende ven cedo ía vendo as xentes que chegaban e que gando ou mercadorías traian, e de que xeito lle podían aproveitar. Colocaba a cada home da súa gavilla a espreita sobre algún posible botín, e adiábase despois a controlar o bulir das xentes.
Sucedeu que un xoves, cando xa tiña andado toda a feira e lle quedaba soamente un dos seus por colocar veu nun claro da carballeira entre os feirantes un cura sentado en riba do que parecía un vulto.
Dou unha volta finxindo mirar por outras cousas e veu que o cura estaba sentado enriba dun saco de moedas. Poderían ser o cobro dunhas rendas, ou os cartos dunha venda na feira, o caso é que aquel saco semelloulle a mellor das presas do día. Entón volvendo paseniñamente cara o último dos bandoleiros díxolle: “Cando o cura se erga, vas ti e cólleslle o saco e botas a corre”. O home asinteu, e ela deixouno para ir ver os demais como lles ía.
E así pasou unha boa parte da mañan, cando Pepa volve o lugar onde deixara o cura e o encomendado de roubarlle o saco das moedas. Pero é chegar e sorprenderse de que todo esta como o deixou: o cura sentado en riba do saco no mesmo lugar, e o que llo tiña que roubar dando voltas. “Pero que che dixen – lle recrimina o bandoleiro – como é que aínda non lle colleches o saco ó cura”. “É que – replícalle o home – non se moveu do sitio”. Nesto foi cando ela lle dixo: “Repara agora, e cando se erga cóllesllo”.
Entón foi ela cara o cura, e remangando as saias, fixo ademán de poñerse a mexar diante del. Entón o cura ruborizouse e ergueuse para reprendela, o que aproveitou o outro para levarlle o saco das moedas.

lunes, 10 de enero de 2011

O libro de fundacións VII

Séptima fundación. 1701

O catro de agosto de 1701, Antonio Barreyro de Bertamiráns funda dúas misas en virtude do testamento que fixera o capitán don Francisco Breixo de Aldao, rexedor perpetuo da cidade da Coruña e a súa muller dona Josepha Conde e Feixoo, veciños de San Salvador de Erbecedo, no actual concello de Coristanco.

No seu testamento feito en 1669, deixaralle todos os seus bens na Maía incluído a metade do lugar chamado daquela de Bertamiráns e Cantalarrana na parroquia de Ortoño a súa prima Dona Cecilia de España, veciña tamén de San Salvador pero de Bastavales.

Francisco e Cecilia eran primos a través de súas nais. Estas eran Ysabel e Magdalena Ortiz e Valderrama, respectivamente, fillas a súa vez de Gregorio González da Condomiña e a súa primeira muller dona Catalina Xuarez Ortiz, veciños do lugar da Condomiña na parroquia de Ortoño.

Ysabel casou en Coristanco co capitán Rodrigo de Breixo e Magdalena casou con Antonio de Ruanova e España, un descendente dos España e Ruanova composteláns que tamén tiveron cargos de rexedores.

Árbore dos ascendentes e descentes desta familia tan singular.
O matrimonio Breixo-Conde debeu morrer sen fillos, de ai terlle deixado os bens a súa prima, e teren preiteado os seus sucesores pola rama dos Breixo de certa outra fundación en Coristanco. O caso é que súa prima Cecilia non se apurou tampouco a cumprir cos seus desexos, e seguramente tivo os bens herdados durante a súa vida sen consignalas misas a que estaban unidos.

É por tanto en 1701, cando un morador nos bens en cuestión o que se achega onda o cura para fundalas misas e pagalas todos os anos. Este era Antonio Barreyro, do lugar de Bertamiráns, que afirma que en tales bens esta posesionada súa dona, Elena Suárez, en virtude de “xustos títulos”. Semella máis ben que a tal Elena, sería a filla do anterior colono do lugar, e cando morreu e se presentou como segunda voz do foro, fóiselle obrigado cumprir cas misas.

Antonio e Elena cumpriron esta manda testamentaria ata unha data incerta do s. XVIII. Posteriormente tamén o fixeron Domingo Gallardo e Juan Seco entre 1774 e 1794. Despois deles Pablo Seco e Vicente de Seve ata 1827. Por estes apelidos, hoxe sabemos que, a parte de Bertamiráns onde habitaban e posiblemente fora de esta familia era Cantalarrana.
Dicir tamén, como avance a outros artigos e estudios, que esta familia dos González da Condomiña emparentados con estes Breixo e sobre todo cos España-Ruanova son uns dos ascendentes dos Gago pontevedreses, ou sexa dos marqueses de Leis.

A relación entre o marques de Leis e Ortoño é un tema interesante que trataremos no futuro.

jueves, 6 de enero de 2011

As pontes antigas sobre o Sar V

A Ponte da Condomiña.


Hoxe lembraramos a ponte da Condomiña, anque pareza unha paradoxa. Xa que non semella ter que recordala cando é atravesada tódolos días por centos de persoas.

Sen embargo queremos traer hoxe aquí o recordo da anterior ponte, a que se erguía sobre o río Sar para pasar dende o lugar de Bertamiráns ó da Condomiña, ambos na parroquia de Ortoño.

Tratábase dunha ponte singular respecto as demais deste río, xa que non era de pilastras como as de Lapido ou de Vidaloiso. Había, disque un cantar, que a describía como ponte de sete arcos. En realidade soamente tiña tres enriba da canle do río pero sumábanselle dous aliviadoiros por cada lado. No vrán o río discorrían paseniñamente entre os arcos da ponte e as areeiras que había no seu leito. De feito o seu carón era un lugar onde se extraia moita area para a construción. Nos invernos moi chuviosos, ó medrar o caudal, o río anegaba as agras producindo as denominadas “cheas”. Naqueles momentos os aliviadoiros, que no vrán permanecían ó enxoito realizaban a súa función de facer pasala auga.




Vista actual da ponte da Condomiña.
 http://www.directoames.com/wp-content/
uploads/local-condomina.jpg

Era ponte vella, moi vella. Non no sentido material, que tamén, senón máis ben no seu trazado, na súa arquitectura. Os elementos e o seu uso gastábana de tal xeito que nas grandes cheas quedaba moi mal parada. Entón tiña que ser reparada de cando en vez de xeito que a pedra e os demais materiais ían sendo renovados, nunha obra centenaria. Hai constancia de grandes reparacións en 1690 e 1724, pero de seguro que non habían de ser as únicas. Naquel tempo, parece que non tiña obra sobre os arcos que case se vían espidos como hoxe se poden ver na ponte cabrita ou na de francos. Posteriormente no s. XIX tivo que ser mellor dotada.



A ponte actual inmersa nunha chea.
 http://www.elcorreogallego.es/servicios/galeriagrafica/3170/grandes/49672.jpg

En canto ó seu uso, era moito máis importante que o de ser vía de paso entre dous lugares da parroquia de Ortoño. En realidade era o paso obrigado dende Santiago para os portos de Noia e Muros, xa que por ela pasaba o camiño real. Na segunda metade do s. XIX co plan xeral de estradas mudouse o trazado desta vía, facéndoa pasar de Roxos, polo monte de Lapido, para pasar por Bertamiráns cara Noia. Posteriormente, cando se construíu a vía férrea de Santiago ó porto de Carril, fíxose unha estrada dende Bertamiráns a estación da Esclavitude unindo a estrada de Santiago-Noia pola ponte da Condomiña a través da que hoxe se coñece como Av. Alcade Lorenzo.



Posible forma da ponte da Condomiña nos s. XVIII e XIX


Así chegou ata 1985 en que nunha mellora da estrada da deputación foi mudada pola que hoxe se emprega e tamén se chama do mesmo xeito. Quizais ó ver como hoxe medrou Bertamiráns non fose mellor ter feito unha nova ponte unhas ducias de metros máis arriba de xeito que coincidise, en liña recta, ca estrada que baixa dende Negreira a dar no centro de Bertamiráns, e segue pola rúa do Ameneiral. Hoxe non concibiriamos, por exemplo, que se tivese tirado a ponte Maceira para construír a ponte nova da estrada que vai a Negreira.

Voltaremos a esta antiga ponte cando falemos das vías de comunicación da idade media e moderna no val da Maía e en particular en Ortoño.

Lastima que non haxa fotografias vellas.