lunes, 26 de agosto de 2013

A linaxe Martínez-Viojo XI


Os descendentes dos Martínez Viojo

 

Esta deterioración material, a repartición e perda dunha facenda con baixas cargas a unha situación máis gravosa, o empobrecemento e a posterior emigración dos homes da familia, ca consecuente viudez en vida das súas mulleres, fixo aumentar as penalidades aos habitantes da Casa do Castro.

 

Así, o matrimonio que alí vivía estaba formado por Antonio Martínez e Segunda Mera e eran pais de seis fillos. Todos eles viven na mesma casa, aínda cando mortos os seus pais, algúns casan e teñen á súa vez fillos. Segunda Mera despois de viúva ten unha filla máis de pai incógnito chamada Teresa e que lembra no seu testamento[1] o 16 de marzo de 1856 no seu leito de morte[2]. O seu fillo Santiago, que emigrara á Habana, ao retornar contraeu matrimonio con María Manuela Blanco, unha veciña de Bertamiráns da mesma parroquia, do cal naceu un fillo de nome Víctor. Pouco puido gozar Santiago do seu fillo, pois no mesmo ano do seu nacemento, en 1863, morrería el con 29 anos. Cinco anos despois a súa nova viúva tería un fillo natural chamado Pablo, para o cal a súa nai se empeña, en 1882, para pagarlle a súa pasaxe á illa de Cuba[3].

 

Outra sobriña de José Martínez Viojo, e irmá de Santiago, chamada Manuela, tamén ten de estado solteira unha filla chamada María Estrella Martínez, que co paso do tempo abandona a familia e pasa a servir na vila de Caldas de Reis onde tamén é nai solteira.

 

Non mellor lles ían as cousas aos de Maguxe. María Mariño, a filla de Teresa, a irmá do capelán, pasa a vivir co seu tío en Íria en 1853[4] o grande ano da fame en Galicia. Vendo o panorama, aceptaría así a pequena compensación contractual de coidar do seu tío e ser a súa herdeira. Lembremos a situación da súa nai que en 1865 pide a habilitación de pobre ante os tribunais de xustiza[5].

 

Non nos resulta raro que en 1859 o capelán Martínez Viojo teña o ánimo decaído ao ver a decrepitude da súa familia e do seu propio estado. Ese mesmo ano faría o seu testamento no cal non desvela nada estraño da súa vida[6]. Con todo, a través da carta de Luís Tobío cóntasenos que tamén nese ano se entrevista con Rosalía en Ortoño. Rosalía casou un ano antes en Madrid con Murguía, e agora aproveita para achegarse á apartada Casa do Castro para visitar a familia Martinez Viojo. Quizais este sexa unha das últimas viaxes que faría a aquela casa. Lembremos que Rosalía profesaba un profundo agarimo por María Josefa, a irmá do capelán, á que chamaba, segundo parece, tía Maripepa[7].

 

Distinta foi a rama desta tía Maripepa. María Josefa Martínez Viojo casou en 1827 con José Tubío de Lamiño en Brión. Non habería diferenzas notables cos seus irmáns a non ser porque cara ao final da década dos corenta, o seu sogro trae desde Cádiz as reliquias dunha santa da época romana. Non se figuraba esta familia que a intuición do patrucio resultaría, xa que santa Minia tivo desde o principio, en que estivo depositada na súa mesma casa de Lamiño, unha acollida moi cálida no ámbito relixioso da comarca.

 

Isto supuxo, desde principios da década do cincuenta do século XIX, un auxe económico para esta familia. María Josefa e o seu marido tiveron catro fillos que foron Ramón, Francisco, Luís e Minia. Ramón, rexentou o padroado de santa Minia e casou con Juana de Campos González, filla de Miguel Campos Vázquez e de María González de Nimo, veciños do lugar de Guitiande en Santa María dos Anxos (Brión), e pertencentes a unha familia con certos ascendentes na comarca[8]. Este matrimonio tivo tres fillos entre os que se contaba a Luís Andrés Tobío Campos, que foi profesor en Viveiro e Santiago e que do seu matrimonio con María Magdalena Melida Fernández tiveron entre outros ao notable galeguista Luís Tobío Fernández, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos na Casa do Castro de Ortoño o 12 de outubro de 1923. Outro fillo de José Tubío e María Josefa Martínez Viojo foi Luís Tubío Martínez, que tamén se dedicou ao ensino en Brión, alcanzando a súa escola unha gran fama[9].

 

En 1871, á idade de 73 anos, morre en Iria José Martínez Viojo, sendo inhumado no cemiterio de Santa María Adina, o mesmo no que catorce anos despois sería enterrada a propia Rosalía de Castro. Testou a favor da súa sobriña, María Mariño Martínez, que o coidou e serviu dende 1853[10]. Deixou tamén obxectos persoais á súa outra sobriña de Maguxe, que aínda hoxe conservan[11]. Tanto a unha como a outra tiveron descendencia continuando a asentada en Maguxe até a actualidade.

 

En canto aos descendentes de Juan Antonio Martínez Viojo e Segunda Mera, os sobriños do capelán asentados na casa do Castro, foron á súa vez gran número. Pero a diferenza dos de Brión, ou os de Maguxe, o seu gran número obrigou a sucesivas particións da primitiva herdanza o que os obrigou a enaxenar completamente o solar da casa do Castro. Así, a principios do século XX, a mesma casa estaba partida entre tres herdeiros, xa netos e bisnetos de Antonio Martínez e Segunda Mera. Estes foron vendendo as súas partes de forma que en 1923, cando nela se fundou o Seminario de Estudos Galegos, o seu propietario non tiña nada que ver coa antiga familia Martínez. Moitos destes descendentes emigraron a América e os demais asentáronse no inmediato lugar da Tarroeira chegando até hoxe en día.

 




[1]  Cf., AHUS. Protocolo Notarial de José Ramón Araujo de 1856, folio 57 e seguintes.
[2] É inhumada aos dous días. Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523 Libro XV, folio 176v.
[3] Cf. Apéndice Documental 3. É interesante esta escritura no sentido do socorro prestado por Manuela Campos Martínez, veciña de Castrigo na mesma parroquia de Ortoño á empeñada viúva María Manuela Blanco da casa do Castro para que o seu fillo puidese emigrar a Cuba. Aquela señora era unha das fillas de Josef de Campos Vilacoba e Dª Vicenta Martínez Ponte y Andrade da antiga casa de Campos de Castrigo. Este apelido Martínez era o mesmo da familia Martínez Viojo a través dos seus parentes do lugar das Cortes, como xa se indicou. Trátase supostamente dunha acción de caridade e axuda para cunha parente en problemas.
[4]           Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c. Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento…  174: Teresa Martínez Viojo tivo co seu marido dúas fillas. María, que naceu en 1834, (Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523. Libro VII, folio 56v) a que serviu ao seu tío, e Manuela, a que naceu no mesmo ano que Rosalía, concretamente o 10 de xullo de 1837,( Cf. Ibíd.. Libro VII, 78r.) en contra do que sostén V. Álvarez Ruíz de Ojeda.
[5]           Ibíd.
[6]           Ibíd.
[7]           Cf. J. Caamaño Bournacell, “El linaje de Rosalía de Castro”, en: Boletín de la comisión de Monumentos de Lugo, Tomo V, 105, nota 6. Mesmo no seu último ano de vida, xa enferma, convidábaa a ela e á familia Tobío de Brión, a través da súa filla, a celebrar a festa de Pascua en Padrón.
[8]           Sen ir máis lonxe, e omitindo a complicada xenealoxía desta familia, o apelido González de Benita -a nai de Juana- é o mesmo dos González da Condomiña dos séculos XVI e XVII, dos que vimos que eran ascendentes dos Martínez Viojo. O outro apelido, Nimo, é da mesma familia de María do Pilar Nimo Vilacoba (cf., nota 66) consorte dos antigos parentes das Cortes en Ortoño. Polo lado paterno, o pai de Juana, Miguel, era irmán de Josef, o marido de Vicenta da casa de Campos de Castrigo (Ortoño). Constátase que os descendentes de María Josefa Martínez Viojo volveron enlazarse coas mesmas familias dun mesmo estrato social, como antigamente facían os ascendentes da Casa do Castro.
[9]           Como curiosidade, o sobriño do primeiro capelán nomeado para o culto da nova capela de Santa Minia, tamén asistiu a esta escola. Tanto un coma outro, eran orixinarios da casa dos Martínez no lugar de Cortes na parroquia de Ortoño.
[10]          Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c., Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento…  174:
[11]          María Mariño Martínez. Testemuño de Lucita González Romarís veciña do lugar de Maguxe (Ortoño).

1 comentario: