sábado, 31 de marzo de 2012

Libro de fundacións XXXVI

Trixesimo terceira fundación.

29 de setembro de 1669.





No ano das renovacións de 1669 volvese a confirmar esta. Isabel de Roxido muller que quedou de Juan Sardiña, defunto, impón unha misa de fundación pola anima de Magdalena Sardiña, defunta tamén.
Non sabemos canto tempo había que morrera, e que parentesco tiña con Isabel e o seu home. Soamente intuímos que estas xentes residían no lugar de Sisalde. Isto é así non soamente polos apelidos Sardiña e Roxido, propios de aquela aldea no s. XVII, se non porque os seus cumpridores no século seguinte sabemos de certo que eran veciños de Sisalde. Un de eles era Fructuoso do Sebe que estaba casado con Ygnacia Roxido, e que os seus descendentes habían de emparentarse a finais do s. XIX con unha rama dos Sanmamed e Castrigo do lugar de Castrigo.

lunes, 19 de marzo de 2012

Outros curas V

Imaxe do Santo Ánxo da Garda de Ortoño


Con 49 anos Juan Gómez Barreyro recala nas terras do Salnés para ser párroco de dúas parroquias importantes. Non sabemos si viña de outra parroquia ou era o seu primeiro destino.  De todos os xeitos chegar a San Adrián de Vilariño e San Benito de Fefiñans non debía ser nada doado. Non sabemos quen tiña o dereito de presentación pero a vista da igrexa de San Benito parece obvio que serían os vizcondes de Fefiñans. Por iso aínda sorprende máis como un simple cura patromonista dunha aldea da Maía, chega a finais do s. XVII a reitor de estas feligresias. Semella que Juan contou con bos padriños. Recordemos que a súa familia non pertencía a fidalguía, aínda que si levaba importantes bens de mans de varios dominios. Seu irmán casara ben e gracias a seus pais chegara a cura. Tocaba pois, chegados a este punto, recompensar ós seus deudos.
No seu novo destino empezou a recibir os froitos da súa posición. Alí cara primeiros do século seguinte atopamos o noso protagonista adquirindo, mediante escrituras publicas, múltiples propiedades. Estas estaban ubicadas, sobre todo na veciña parroquia de Corbillón. Compra varias propiedades, sobresaíndo unha de unha extensión considerable, a cal contaba con viñas e casa. Alí en Vilariño tamén acorda o casamento dunha sobriña súa que vivía con el servíndoo como criada. Esta chamábase Dominga Barreyro e era filla de Antonio e Dominga do Casal. Antonio era un irmán del que foi casar a Reis, a parroquia de súa nai, máis concretamente o lugar de Freixeiro. Seguramente había de levar os bens maternos que lle foran doados a Juan ó tempo da súa escritura de patrimonio. Ou sexa, toda a familia eran colonos do fillo cura que á postre era o dono de todo. Pois ben, Juan casa a súa sobriña con un tal Estevo Vieites e pasan a vivir na casa que el adquirira. Pasado pois un ano de ter “colocado” a sobriña, o 18 de febreiro de 1708, ante Francisco do Porto Mariño outorga unha nova escritura que non é desta volta de compra-venta. Ese día crea mediante fundación unha capelanía colactiva cos bens adquiridos. A súa advocación sería a do Santo Ánxo da Garda e estaría sita no altar maior da igrexa parroquial de Ortoño, “acabada de restaurar”. A ela agregou todos os bens que comprara sendo cura en Vilariño e Fefiñáns e outros que xa tiña en Ortoño. Outorgáballe o padroado e as rendas a seu irmán Joseph, o que quedara na súa casa paterna, e nomeaba os fillos de seu irmán, seus sobriños a capeláns da capelanía. Deixaba na fundacións instrucións meticulosas de que nin o padroado nin a praza de capelán saísen da casa, de xeito que fose un activo, por dicilo así, familiar.

Juan Gómez Barreyro consígueo, valéndose da súa familia, acadar unha moi boa posición no seu tempo. Pero tamén soupo encontrar a forma de afianzar e darlle a esta os logros acadados na súa vida á cabalo dos s. XVII e XVIII. Seguiu de párroco nestas parroquias do Salnés ata 1712 en que se lle perde a pista. Morreu cara 1721, con 76 anos, pero sen saber en onde nin que outros destinos tivo dende ter deixado Vilariño e Fefiñans.

lunes, 5 de marzo de 2012

Outros curas IV

D. Juan Gómez Barreyro. (parte I)





Igrexa de San Benito de Fefiñáns, en Cambados.
Foto:http://www.cmj.net/graficos/sanbenito20.jpg



Continuando co recordo e semblanza de outros curas que foron naturais de Ortoño ou algunha relación tiveron, chegamos hoxe a Juan Gómez Barreyro.
Era este natural do lugar das Cortes, e coñecemos polo seu expediente de sagradas ordes que naceu o 10 de maio de 1645, xa que os libros sacramentais non se conservan tan antigos. Era fillo de Juan Barreiro das Cortes e de María Gómez, esta de San Cristobal de Reis, no actual concello de Teo. Tiña esta familia relación cós Barreyro de Maguxe, de onde procedía o seu tronco, aínda que non teñamos claros os vínculos exactos. De tódalas formas este Juan era curmán en primeiro grao ou segundo do famoso Andrés Barreyro, clérigo mercedario de Maguxe.
Ó igual que aquel os seus proxenitores tiñan posibles para poder elevalo ó estado eclesiástico. No antigo réxime, como xa vimos mostrando, as clases sociais non estaban tan pechadas que fose moi difícil ir ascendendo. A carreira eclesiástica era unha forma de ennobrecemento, como tamén o era o matrimonio, xa que abría a posibilidade de enlaces vantaxosos.
Esta foi a política de esta familia dos Barreyro das Cortes. Cara 1668, Juan xa tiña andado tódolos pasos previos, e agora pedía pasar de diácono a presbítero. Deste xeito, seus pais nono dubidaron, de forma que lle donaron tódolos seus bens a título de patrimonio. Estes constaban de unha importante porción de propiedades en Ortoño e en Reis. Así pola parte de seu pai, recibiu a cuarta parte enteiramente dos lugares das Cortes e Maguxe. E súa nai dooulle tamén a cuarta parte de Freixeiro e a Fonte na de Reis.
En realidade, rigurosamente non debería ter valido para nada tal doazón. Xa que os bens non eran propios, se non que se tiñan en foro de varios dominios. Aló menos os da parroquia de Ortoño. Isto é interesante, xa que como xa temos falado, houbo un período de tempo no que os levadores dos terreos non tiveron unha conciencia clara de ata onde chegaba o concepto de propiedade. De todas formas tivo efectos prácticos, xa que o dominio, que era o conde de Altamira non se enterou de que se andaban a doar terras súas.
A todo isto, este proceso fíxose con testemuñas e notario. Os pais pasaron a ser colonos ou caseiros de seu fillo, incluído despois cando estes morreron a seu irmán herdeiro na casa das Cortes. Chamábase Joseph Gómez Barreyro e tamén seus pais se acordaron del a hora de melloralo. Conseguiron casalo con Francisca de Castrigo Gómez Hortiz Pardiñas Villardefrancos, filla de Gregorio de Castrigo e María Hortiz Pardiñas Villardefrancos. O tal Gregorio, era Procurador Xeral da xurisdición de Altamira, e a súa muller procedía de unha familia fidalga. Joseph por este matrimonio escalou postos e chegou a ser rexedor da xurisdición e darlle prestancia a súa casa, aínda que fose do irmán cura.
A partir de comezos de 1670 ata finais de século, descoñecemos o curso vital de este presbítero patrimonista. Sabemos que aínda andaba pola bisbarra cara 1675, xa que aparece nunha concordia cos seus parentes de Maguxe. Sen embargo debeu estar ben relacionado xa que o final consigue encardinarse como párroco, cousa non doada para aquel tempo, xa que había moitos máis curas que feligresias.
Cara 1694 entra de reitor de San Adrián de Vilariño e o seu anexo de San Benito de Fefiñans, no actual concello de Cambados. É alí onde comeza o seu ascenso económico, e onde encumbra máis aínda a súa casa paterna da que non se tiña esquecido.