lunes, 5 de marzo de 2012

Outros curas IV

D. Juan Gómez Barreyro. (parte I)





Igrexa de San Benito de Fefiñáns, en Cambados.
Foto:http://www.cmj.net/graficos/sanbenito20.jpg



Continuando co recordo e semblanza de outros curas que foron naturais de Ortoño ou algunha relación tiveron, chegamos hoxe a Juan Gómez Barreyro.
Era este natural do lugar das Cortes, e coñecemos polo seu expediente de sagradas ordes que naceu o 10 de maio de 1645, xa que os libros sacramentais non se conservan tan antigos. Era fillo de Juan Barreiro das Cortes e de María Gómez, esta de San Cristobal de Reis, no actual concello de Teo. Tiña esta familia relación cós Barreyro de Maguxe, de onde procedía o seu tronco, aínda que non teñamos claros os vínculos exactos. De tódalas formas este Juan era curmán en primeiro grao ou segundo do famoso Andrés Barreyro, clérigo mercedario de Maguxe.
Ó igual que aquel os seus proxenitores tiñan posibles para poder elevalo ó estado eclesiástico. No antigo réxime, como xa vimos mostrando, as clases sociais non estaban tan pechadas que fose moi difícil ir ascendendo. A carreira eclesiástica era unha forma de ennobrecemento, como tamén o era o matrimonio, xa que abría a posibilidade de enlaces vantaxosos.
Esta foi a política de esta familia dos Barreyro das Cortes. Cara 1668, Juan xa tiña andado tódolos pasos previos, e agora pedía pasar de diácono a presbítero. Deste xeito, seus pais nono dubidaron, de forma que lle donaron tódolos seus bens a título de patrimonio. Estes constaban de unha importante porción de propiedades en Ortoño e en Reis. Así pola parte de seu pai, recibiu a cuarta parte enteiramente dos lugares das Cortes e Maguxe. E súa nai dooulle tamén a cuarta parte de Freixeiro e a Fonte na de Reis.
En realidade, rigurosamente non debería ter valido para nada tal doazón. Xa que os bens non eran propios, se non que se tiñan en foro de varios dominios. Aló menos os da parroquia de Ortoño. Isto é interesante, xa que como xa temos falado, houbo un período de tempo no que os levadores dos terreos non tiveron unha conciencia clara de ata onde chegaba o concepto de propiedade. De todas formas tivo efectos prácticos, xa que o dominio, que era o conde de Altamira non se enterou de que se andaban a doar terras súas.
A todo isto, este proceso fíxose con testemuñas e notario. Os pais pasaron a ser colonos ou caseiros de seu fillo, incluído despois cando estes morreron a seu irmán herdeiro na casa das Cortes. Chamábase Joseph Gómez Barreyro e tamén seus pais se acordaron del a hora de melloralo. Conseguiron casalo con Francisca de Castrigo Gómez Hortiz Pardiñas Villardefrancos, filla de Gregorio de Castrigo e María Hortiz Pardiñas Villardefrancos. O tal Gregorio, era Procurador Xeral da xurisdición de Altamira, e a súa muller procedía de unha familia fidalga. Joseph por este matrimonio escalou postos e chegou a ser rexedor da xurisdición e darlle prestancia a súa casa, aínda que fose do irmán cura.
A partir de comezos de 1670 ata finais de século, descoñecemos o curso vital de este presbítero patrimonista. Sabemos que aínda andaba pola bisbarra cara 1675, xa que aparece nunha concordia cos seus parentes de Maguxe. Sen embargo debeu estar ben relacionado xa que o final consigue encardinarse como párroco, cousa non doada para aquel tempo, xa que había moitos máis curas que feligresias.
Cara 1694 entra de reitor de San Adrián de Vilariño e o seu anexo de San Benito de Fefiñans, no actual concello de Cambados. É alí onde comeza o seu ascenso económico, e onde encumbra máis aínda a súa casa paterna da que non se tiña esquecido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario