lunes, 19 de marzo de 2012

Outros curas V

Imaxe do Santo Ánxo da Garda de Ortoño


Con 49 anos Juan Gómez Barreyro recala nas terras do Salnés para ser párroco de dúas parroquias importantes. Non sabemos si viña de outra parroquia ou era o seu primeiro destino.  De todos os xeitos chegar a San Adrián de Vilariño e San Benito de Fefiñans non debía ser nada doado. Non sabemos quen tiña o dereito de presentación pero a vista da igrexa de San Benito parece obvio que serían os vizcondes de Fefiñans. Por iso aínda sorprende máis como un simple cura patromonista dunha aldea da Maía, chega a finais do s. XVII a reitor de estas feligresias. Semella que Juan contou con bos padriños. Recordemos que a súa familia non pertencía a fidalguía, aínda que si levaba importantes bens de mans de varios dominios. Seu irmán casara ben e gracias a seus pais chegara a cura. Tocaba pois, chegados a este punto, recompensar ós seus deudos.
No seu novo destino empezou a recibir os froitos da súa posición. Alí cara primeiros do século seguinte atopamos o noso protagonista adquirindo, mediante escrituras publicas, múltiples propiedades. Estas estaban ubicadas, sobre todo na veciña parroquia de Corbillón. Compra varias propiedades, sobresaíndo unha de unha extensión considerable, a cal contaba con viñas e casa. Alí en Vilariño tamén acorda o casamento dunha sobriña súa que vivía con el servíndoo como criada. Esta chamábase Dominga Barreyro e era filla de Antonio e Dominga do Casal. Antonio era un irmán del que foi casar a Reis, a parroquia de súa nai, máis concretamente o lugar de Freixeiro. Seguramente había de levar os bens maternos que lle foran doados a Juan ó tempo da súa escritura de patrimonio. Ou sexa, toda a familia eran colonos do fillo cura que á postre era o dono de todo. Pois ben, Juan casa a súa sobriña con un tal Estevo Vieites e pasan a vivir na casa que el adquirira. Pasado pois un ano de ter “colocado” a sobriña, o 18 de febreiro de 1708, ante Francisco do Porto Mariño outorga unha nova escritura que non é desta volta de compra-venta. Ese día crea mediante fundación unha capelanía colactiva cos bens adquiridos. A súa advocación sería a do Santo Ánxo da Garda e estaría sita no altar maior da igrexa parroquial de Ortoño, “acabada de restaurar”. A ela agregou todos os bens que comprara sendo cura en Vilariño e Fefiñáns e outros que xa tiña en Ortoño. Outorgáballe o padroado e as rendas a seu irmán Joseph, o que quedara na súa casa paterna, e nomeaba os fillos de seu irmán, seus sobriños a capeláns da capelanía. Deixaba na fundacións instrucións meticulosas de que nin o padroado nin a praza de capelán saísen da casa, de xeito que fose un activo, por dicilo así, familiar.

Juan Gómez Barreyro consígueo, valéndose da súa familia, acadar unha moi boa posición no seu tempo. Pero tamén soupo encontrar a forma de afianzar e darlle a esta os logros acadados na súa vida á cabalo dos s. XVII e XVIII. Seguiu de párroco nestas parroquias do Salnés ata 1712 en que se lle perde a pista. Morreu cara 1721, con 76 anos, pero sen saber en onde nin que outros destinos tivo dende ter deixado Vilariño e Fefiñans.

No hay comentarios:

Publicar un comentario