domingo, 21 de abril de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo VII


7. O capelán e a casa do Castro de Arretén

Don José coñecía, a través do seu quefacer diario, a todas as familias e veciños da parroquia de Iria. Entre eles e máxime a María Teresa da Cruz de Castro y Abadía, señorita solteira do pazo de Arretén, e filla de José de Castro Salgado e María Josefa Taboada. Lembremos que seguramente fora o seu pai José de Castro o que o presentou para a capelanía de Iria. Dona Teresa nacera o 24 de novembro de 1804, e andaba polos trinta e uns anos cando en 1836 se produciu a concepción de Rosalía, datos estes ben coñecidos.
 
O nacemento de Rosalía en Santiago e as súas circunstancias, foron novas das que en 1885 se interesa Anxo Baltar. A súa exposición dos feitos é, sen dúbida, máis concisa que a ofrecida, trinta e oito anos máis tarde, polo propio Luís Tobío. Na primeira afírmase que despois de ser bautizada a súa nai tróuxoa con ela para Padrón. Ningunha referencia a Ortoño, á súa lactación e nin moito menos dunha presunta intención da nai de entregala á inclusa e a intercesión do capelán. Tamén puido ser que a opinión publica de Padrón ou as persoas que trataron a Rosalía e o seu marido descoñecesen estes datos.

Con todo, as noticias achegadas por Tobío, ao ser as únicas durante moito tempo e estar revestidas de certa autoridade, marcaron a biografía de Rosalía dende entón. Por iso, consideramos de interese o contrastaloas e comprobar o grao de verosimilitude que albergan.