lunes, 27 de julio de 2009

A capela de Santa Lucia, inclusa na igrexa parroquial

Dende finais do século XVI ata o XVIII, debido ó ambiente de fervorosa fe, fíxose moi común a fundación de misas perpetuas nos testamentos. Un exemplo de esta costume é o caso da Capela de Santa Lucia de Ortoño.
O día 13 de marzo de 1633, Gregorio González veciño da Condomiña, sentíndose mal fai testamento ante o notario da Maia, Juan González, e funda unha capela ca advocación de Santa Lucia dentro da igrexa de Ortoño. A fundación tiña 6 misas, catro o día da santa e dúas o día do patrón, que había que dicir dende a súa morte “para todo tiempo de siempre jamas”. Establece que os seus descendentes paguen por misa dous reais, e obrígaos a que tamén lle dean de xantar ó cura que llas diga. E para que todo eso se cumpra, Gregorio hipoteca dos seus bens 48 ferrados de centeo, 2 galiñas, e un cabrito en concepto de renda, sen sinalar en que bens.
Morto Gregorio, o seu fillo Benito González, non ten moita presa por facer cumprir a memoria de seu pai, xa que en 1640 o visitador manda que se presente ó testamento. E non é ata 1669, cando o fai o neto D. Antonio González Díaz de Guitian, alférez da compañía de Barcala e Altamira, e casado en Guitiande con Dª Antonia Freire de Castro, que sinala o lugar de Guitiande como anexo a capela, e de onde procederían as rendas. Pero o testamento non o presenta. Os patróns da fundación resístense, segundo nos conta o arquivo parroquial, ata que en 1721 o bisneto, D Gerónimo González de Guitian, ante as censuras eclesiásticas presenta a escritura para que esta sexa posta no libro de fundación de misas da parroquia.
Esta capela tiña altar, imaxe e sepulturas, xa que cando en 1684 o visitador, vendo o estado ruinoso da igrexa manda restaurala ós veciños, fai excepción ca capela de Santa Lucia, de quen era patrón D. Antonio González de Guitian, e que tiña a obriga el so de restaurala.
A fundación de misas tivo efecto ata 1811, data en que os descendentes deixan de pagalas. Por resolución dada en Santiago o 31 de marzo de 1829, quedaban en suspenso todas as misas de fundación, xa que para aquel tempo tíñanse acumulado tantas fundacións, que era practicamente imposible cumprilas todas, e os bens hipotecados moitas veces cambiaran de propietarios que estaban obrigados a cumprir cas rendas. Pero os dereitos adquiridos de esta fundación pérdense definitivamente en 1846 cando a familia vende os bens de Guitiande.
Sen embargo, cando en 1850 se esta organizando o novo cementerio do adro en Ortoño, unha tal Josefa Tembra, muller viúva de Pedro Picón, e veciña dos Anxeles, pide se lle reserven dúas sepulturas para a súa familia no novo cementerio do adro, xa que é ela a derradeira patroa da fundación. Non hai documentos que acrediten a súa ascendencia, en principio dudosa da familia dos González de Guitiande. Sábese sen embargo que sucedeu de patrón a Gerónimo seu fillo José Antonio González de Guitian, escríbano de Su Magestad, residente en Brión e casado con Benita de Nimo, oriúnda do lugar de Nimo, na parroquia de Santa María de Roo, actual concello de Noia. Benita quedou viúva, e xunto ó apoio de seu irmán D. Florencio de Nimo e Seares, iniciou preito contra os seus cuñados por esta e outras fundacións que tiña a familia, en nome de seu fillo José González. Pero aínda sen concluír o preito, en 1779 o fillo morre e supónse que esta liña desiste dos seus dereitos.
Finalmente en 1850, a igrexa concédelle a Josefa Tembra dúas sepulturas no adro, sen que se teña coñecemento do destino da imaxe de Santa Lucia.

sábado, 25 de julio de 2009

Carballido V. Historia



Foise vendo que os administradores do conde de Altamira, ó ir renovando os contratos cos veciños, foron aumentando a renda e diminuíndo o tempo de estes, xa que para o estado do condado, os lugares eran unha inversión e debían ser rendibles, para amortizar os gastos, sobre todo da xustiza e da fe pública nos seus territorios.
Cabe destacar que para Carballido, tanto en 1599 como en 1757 a forma do contrato non é o foro senón o arrendo, pasando a renda de 99 ferrados a 143, e o tempo do arrendo de 29 anos a 7.
Durante todo o s. XVII e o XVIII, a poboación aumentou moito, e Carballido atomizouse en parcelas con moitos levadores, tanto os residentes no lugar como os que as traballaban pero vivían en outros lugares.
Esto provocou a necesidade de repartir proporcionalmente, por medio do prorrateo, a renda do arrendo entre todos os que tiñan parcelas no lugar. O prorrateo foi un instrumento eficaz, xa que o arrendo de 1757, que era de 7 anos, nunca se renovou porque se seguiron pagando as rendas integramente.
Temos constancia, de alomenos, dous prorrateos feitos en Carballido: o producido a consecuencia do novo arrendo de 1757 e o de 1861. Conservase mencións a el en 1815, pero quizais se refira ó primeiro. Soamente nos chegou o de 1861, sendo unha fonte de información do lugar moi interesante.
En 1861 Carballido estaba repartido en 101 arrendados. Tiña 7 casas. As de Benito Tembra, Salvador Fernández e da súa filla Teresa, que acabarían co tempo dando a casa de Tembra. As de Andrés Martínez, e as das súas fillas María e Josefa que acabaría no que hoxe é a casa de Vilas. As de Tomas López, e da súa filla Josefa, ascendentes da de Castro. A de Ramón García Ferreiros que dou a casa de Crisman. Na Costa estaba a do notario D. José Ramón Araujo. E por ultimo unha casa illada cerca do lugar do Tremo, pertencente a Teresa Mariño e seus irmáns.
Como nota curiosa no 42º lugar aparece mencionado D. José Ulloa Pimentel, Gobernador Civil da Provincia de Pontevedra, e marido de Dª Cayetana García-Barros, dona da Casa da Granxa da Peregrina, e levador de dúas fincas, unha na Agra de baixo e outra na Cortiña dos Salaños.
No derradeiro lugar aparece un terreo mixto de 370 cuartillos a monte, lindante co camiño real a Noia. Seguramente era o solar da “Éstrella”, que logo se encheu de casas.
Carballido pertenceu a casa de Altamira ata 1872 en que foi vendido para pagar deudas a un acreedor da casa, non tendo noticias da data en que os veciños redimiron o antigo arredo.

martes, 21 de julio de 2009

Carballido IV. Historia




Veuse como en 1599 o lugar arrendase por 29 anos, o que nos leva a que en 1628 deberíase ter feito un novo contrato entre os moradores de Carballido e o conde, pero seguramente non se fixo, anque seguiuse pagando a renda.
Sen embargo tirando de outra fonte temos datos demográficos do lugar cara finais do s. XVII. En 1696, ca fundación da Cofradía de San Roque e San Antonio de Padua na parroquia de Ortoño, fíxose unha relación das familias que entraron como cofrades, correspondendo a Carballido as seguintes persoas:

Agustín Crego, e a súa muller
Blas de Carballido, “
Francisco de Cabo Souto, “
María de Vilanova
Antonio de Bralo, “
Domingo Torreira, “
Domingo de Trasyglesia, “
Benito de Carballido, “
Juan Rodríguez, “

Como se pode ver, no século que vai de 1599 ata aproximadamente 1707, sucederon en Carballido tres ou catro xeracións que fixeron multiplicar por catro a poboación. Este é un feito que non só se da en Carballido e en toda a parroquia se non en toda Galicia. A introducción de novos cultivos coma o millo na primeira metade do s XVII e a ausencia de enfermidades fixo aumentar moito a poboación.
A seguinte nova que se ten de Carballido, ven ala polo ano de 1753, cando o Conde de Altamira, pon preito na Real Audiencia do Reino de Galicia, sito na Coruña, os veciños da parroquia de Ortoño e máis levadores dos lugares de Castrigo, A Cachela, a metade de Sisalde, As Cortes, Ortoño, Maguxe, Pedregal, Sixto e Carballido. A razón era que os foros de estes lugares da parroquia tiñan vencido había moitos anos, e as rendas mermaran moito.
O preito foi longo, sobre todo por mor das notificacións a todos os interesados, xa que había moitas persoas de outras parroquias. O fin, as partes aviñéronse en nova escritura outorgada por D. José Isla de la Torre, como apoderado de Dª Ventura Fernández de Córdoba, Marquesa de Astorga e Condesa de Altamira como titora do conde, menor de idade, que foi feita ante o notario Domingo Antonio Sánchez Baamonde, o 10 de abril de 1757. Esta nova escritura era de arrendo por tempo de sete anos, e renda de 131 ferrados de centeo por ano. Ademais de esta escritura fíxose outra o 29 de abril, ante Sebastián Lorenzo de Paredes, pola que se aforou ou arrendou varias fincas de Carballido a D. José Gago Romero, Marques de Leis, por renda de 12 ferrados de centeo por ano.
De seguro que o marques de Leis, arrendou de novo estas parcelas por unha renda superior para sacar un beneficio. Esta practica que se coñece por subforo, era a forma cotiá que tivo a especulación das rendas da terra. O subforo non só o empregaron os fidalgos, se non que foi de ampla difusión, incluso entre os mesmos labradores e aforados polo dominio. Nos antigos documentos de partición das herdanzas, aparecen ademais da casa, e as fincas o que se paga de rendas por elas o conde de Altamira, e tamén o que lle pagan outros veciños polos arrendos. De ai ven o dito “vivir de rendas”

sábado, 18 de julio de 2009

Carballido III. Historia




Fonte de Carballido



As primeiras novas que temos de Carballido menciónanse no apeo de 1458, mandado facer por Ruy Sánchez de Moscoso, Señor de Altamira:
Yten Pedro da Casanova, jurado e polo dito juramento preguntado, diso que Rui Sanchez avia eno lugar de Carballido çinco casares, e destes quel tina un que dizen de Gonzalo Marino en que morou Juan Moselo, e que da por el duas oytavas de pan terçiado una marraa e dous cabritos e duas galinas e quatro maravedis. Yten diso este dito testigo que Rui Sanches avia mays eno dito lugar outro casal que dizen de Martin Moselo, que foi de Gonzalo Maryno. E que dito Rui Sanchez avia mays eno dito lugar tres casares que dizen da voz de San Payo e jazen vago.”
Pódese ver como aínda hai lembranza dos antigos moradores Juan e Martín Moselo e que o lugar era dos Mariño, familia que o enaxenou cara 1388 ós Ocampo, e que logo pasou os Moscoso por herdanza. Sen embargo antes de todos estes o dono de todo o lugar seguramente o fora o mosteiro de San Paio de Antealtares, a tenor do que se di no apeo.
De tódolos xeitos non se conservan máis novas ata o 24 de maio de 1599, en que Nuño González, contador de “su Señoría, el conde de Altamira”, concede novo arrendo do lugar de Carballido. Arréndalle por 29 anos a Antonio Rodríguez casado con Dominga de Roxido, a parte del onde vivía Jácome de Roxido, defunto. A outra parte do lugar arréndalla polo mesmo período de tempo a Domingo de Firminstáns, veciño de Bugallido. Esta parte era a que levaban Fernando de Roxido e seu fillo Pedro, con seguridade familia de Jácome, e o igual que este defuntos. Probablemente, morreran no incendio das casas e cortes de Carballido, acaecido habería pouco. En ambos documentos de arrendo, mencionase que os novos levadores do lugar teñen a obriga de reconstruír as casas queimadas, maderándoas e colmándoas, en catro meses. Esta noticia xa nos indica que os tellados aínda non tiñan tella a principios do s. XVI, senón que aínda se cubrían con colmo, ou sexa, palla de centeo. De ai o nome que se lle dan os alpendres na nosa zona: palletes.
Nuño González, para axudar ós novos moradores a reconstrucción dálles en nome do conde 10 ducados a cada un, o que viñan sendo 110 reais, e perdóalle a metade da renda o primeiro ano.


Esta ascendía para Antonio Rodríguez en 15 rapadas de centeo, (unha rapada equivale a tres ferrados), pagados entre agosto e setembro de todos os anos, unha márrana cebada por “San Martín de noviembre”, dous cabritos por Pascua, e dúas galiñas por Nadal. Domingo de Firminstáns pagaría o mesmo máis 2 rapadas máis de centeo. As rendas había que levalas a onde o administrador mandase, fose Santiago, Padrón ou a vila de Noia, pero seguramente tamén se deberon recoller no pazo de Trasouteiro, en Brión.

lunes, 13 de julio de 2009

Carballido II. Os seus limites



O apeo de Carballido non se conservan nos do século XVI, nin tampouco esta incluído no Prorrateo de Carballido, que aínda se conserva nunha casa do lugar. Sen embargo si apareceu no preito de 1753 polos bens do conde en Ortoño; velaquí está:

Cuyo lugar se comprende en un termino, que empieza a demarcarse en el sitio que llaman las Carbosas, y viene al norte por el terreno de Sanguiñeyra, y Agro da Pereyra, dividiéndose con el solano con heredades y toxales anexos al lugar de Bertamiráns, vuelve la demarcación a la travesía por un valo, que separa dho Agro da Pereyra, y sigue por el adelante hasta la Revolta de Carballido, dividiéndose al norte con heredades de los lugares de Bertamiráns, Sixto y Pedregal, de su Excelencia, sale al camino Real, que va de Noya a Santiago, caminando a dicha travesía hasta el sitio que llaman el Gafo, vuelve así al vendaval por junto a la balsa del Tremo, hasta la agra del lugar do Cavo, que es de dicho Cabildo de Santiago, da la vuelta al solano, separándose de dicha Agra con el muro, que la cierra, y camino que va al dicho lugar de Carballido hasta el Portillo da Lamela, donde sigue otra vez al vendaval por bajo de un Ribón hasta el sitio de Frasays, en que hace punta, y vuelve separándose por cómaro del Agro da Lamela de abaxo, que es de los conventos de Santo Domingo y Conxo; y va siguiendo al solano por otro valo que les separa hasta los campos de el lugar de Outeyro, y vuelve por el mismo.... al nordes hasta el toxal da Revolta, y cuadro que allí hace, baxa al solano, y referido toxal, haciendo rechazo la demarcación hasta el Agro de Campo Redondo, y vuelve al norte, y travesía con dicha demarcación, separándose con el toxal da Revolta, anexo al de Bertamiráns, y de otro perteneciente a la fabrica de la Yglesia de Ortoño, hasta dicho sitio das Carbosas primera demarcación, dentro de las cuales se halla dicho lugar y Aldea de Carballido con sus Casas, Corrales, Hayras, Huertas, Labradío, y montesío, perteneciente tdo ynsolidun a su Excelencia.

Hoxe é difícil identificar algúns dos topónimos por terse perdido, pero podémonos achegar moito ós seus limites antigos. As Carbosas e a Sanguiñeira están nas inmediacións do cruce de Cantalarrana indo cara ó Tanatorio.

Despois xiraría cara a esquerda por detrás dos edificios da rúa da Xesteira, ata dar na estrada de Carballido a Bertamiráns, e seguindo esta ata dar na estrada de Santiago-Noia. Segue pola estrada ata chegar o Balneario do Tremo, onde estaría O Gafo, topónimo que fai referencia a un lugar frecuentado por leprosos, e de alí cara o sur polos limites entre o concello de Ames e o de Brión, ata chegar ó monte da Revolta, situado o sur de Cantalarrana.

domingo, 5 de julio de 2009

Carballido I. Cartografía e toponimia.





Vela aquí presentamos Carballido no estado en que permaneceu dende aproximadamente 1750 ata 1950. Lugar pertencente ó conde de Altamira, e segundo o prorrateo de 1861, pagaban por el os veciños e máis levadores 132 ferrados de centeo en cada ano.
O lugar tiña tamén 8 fincas dentro de outros tres lugares: Outeiro, Bertamirans e Pedregal, que corresponden ós topónimos en negriña.
Os seus limites son aproximadamente os que aparecen no plano, non podéndose ubicar os topónimos en cursiva.


Microtopónimos de Carballido

1 Agra da Ribeira
2 Agra de Abaixo
3 Agra de Arriba
4 Agro de Arriba
5 Agro de Curra
6 Agro do Gindo
7 Agro do Monte
8 Agro novo
9 Braña
10 Campo do Agro
11 Carballido
12 Centeira
13 Cortiña dos Salaños
14 Cotarro
15 Fontaldeiro
16 Fontaldeiro de
Arriba
17 Fontaldeiro do
Medio
18 Frasais
19 Hortas
20 Gibardeira /Xugardeira
21 Lamela (1753) /Namela
22 Monte de Carballido/ Monte Aberto
23 Oliveira
24 Patelo
25 Pozo
26 Raña
27 Rabo de vaca
28 Revolta
29 Revolta de Carballido
30 Salgueiriño
31 Sanguiñeira
32 Sitimas
33 Somato
34 Souto
35 Tallo do porco
36 Toxo
37 Viorneira
38 Xesteira