Veuse como en 1599 o lugar arrendase por 29 anos, o que nos leva a que en 1628 deberíase ter feito un novo contrato entre os moradores de Carballido e o conde, pero seguramente non se fixo, anque seguiuse pagando a renda.
Sen embargo tirando de outra fonte temos datos demográficos do lugar cara finais do s. XVII. En 1696, ca fundación da Cofradía de San Roque e San Antonio de Padua na parroquia de Ortoño, fíxose unha relación das familias que entraron como cofrades, correspondendo a Carballido as seguintes persoas:
Agustín Crego, e a súa muller
Blas de Carballido, “
Francisco de Cabo Souto, “
María de Vilanova
Antonio de Bralo, “
Domingo Torreira, “
Domingo de Trasyglesia, “
Benito de Carballido, “
Juan Rodríguez, “
Como se pode ver, no século que vai de 1599 ata aproximadamente 1707, sucederon en Carballido tres ou catro xeracións que fixeron multiplicar por catro a poboación. Este é un feito que non só se da en Carballido e en toda a parroquia se non en toda Galicia. A introducción de novos cultivos coma o millo na primeira metade do s XVII e a ausencia de enfermidades fixo aumentar moito a poboación.
A seguinte nova que se ten de Carballido, ven ala polo ano de 1753, cando o Conde de Altamira, pon preito na Real Audiencia do Reino de Galicia, sito na Coruña, os veciños da parroquia de Ortoño e máis levadores dos lugares de Castrigo, A Cachela, a metade de Sisalde, As Cortes, Ortoño, Maguxe, Pedregal, Sixto e Carballido. A razón era que os foros de estes lugares da parroquia tiñan vencido había moitos anos, e as rendas mermaran moito.
O preito foi longo, sobre todo por mor das notificacións a todos os interesados, xa que había moitas persoas de outras parroquias. O fin, as partes aviñéronse en nova escritura outorgada por D. José Isla de la Torre, como apoderado de Dª Ventura Fernández de Córdoba, Marquesa de Astorga e Condesa de Altamira como titora do conde, menor de idade, que foi feita ante o notario Domingo Antonio Sánchez Baamonde, o 10 de abril de 1757. Esta nova escritura era de arrendo por tempo de sete anos, e renda de 131 ferrados de centeo por ano. Ademais de esta escritura fíxose outra o 29 de abril, ante Sebastián Lorenzo de Paredes, pola que se aforou ou arrendou varias fincas de Carballido a D. José Gago Romero, Marques de Leis, por renda de 12 ferrados de centeo por ano.
De seguro que o marques de Leis, arrendou de novo estas parcelas por unha renda superior para sacar un beneficio. Esta practica que se coñece por subforo, era a forma cotiá que tivo a especulación das rendas da terra. O subforo non só o empregaron os fidalgos, se non que foi de ampla difusión, incluso entre os mesmos labradores e aforados polo dominio. Nos antigos documentos de partición das herdanzas, aparecen ademais da casa, e as fincas o que se paga de rendas por elas o conde de Altamira, e tamén o que lle pagan outros veciños polos arrendos. De ai ven o dito “vivir de rendas”
No hay comentarios:
Publicar un comentario