sábado, 18 de julio de 2009

Carballido III. Historia




Fonte de Carballido



As primeiras novas que temos de Carballido menciónanse no apeo de 1458, mandado facer por Ruy Sánchez de Moscoso, Señor de Altamira:
Yten Pedro da Casanova, jurado e polo dito juramento preguntado, diso que Rui Sanchez avia eno lugar de Carballido çinco casares, e destes quel tina un que dizen de Gonzalo Marino en que morou Juan Moselo, e que da por el duas oytavas de pan terçiado una marraa e dous cabritos e duas galinas e quatro maravedis. Yten diso este dito testigo que Rui Sanches avia mays eno dito lugar outro casal que dizen de Martin Moselo, que foi de Gonzalo Maryno. E que dito Rui Sanchez avia mays eno dito lugar tres casares que dizen da voz de San Payo e jazen vago.”
Pódese ver como aínda hai lembranza dos antigos moradores Juan e Martín Moselo e que o lugar era dos Mariño, familia que o enaxenou cara 1388 ós Ocampo, e que logo pasou os Moscoso por herdanza. Sen embargo antes de todos estes o dono de todo o lugar seguramente o fora o mosteiro de San Paio de Antealtares, a tenor do que se di no apeo.
De tódolos xeitos non se conservan máis novas ata o 24 de maio de 1599, en que Nuño González, contador de “su Señoría, el conde de Altamira”, concede novo arrendo do lugar de Carballido. Arréndalle por 29 anos a Antonio Rodríguez casado con Dominga de Roxido, a parte del onde vivía Jácome de Roxido, defunto. A outra parte do lugar arréndalla polo mesmo período de tempo a Domingo de Firminstáns, veciño de Bugallido. Esta parte era a que levaban Fernando de Roxido e seu fillo Pedro, con seguridade familia de Jácome, e o igual que este defuntos. Probablemente, morreran no incendio das casas e cortes de Carballido, acaecido habería pouco. En ambos documentos de arrendo, mencionase que os novos levadores do lugar teñen a obriga de reconstruír as casas queimadas, maderándoas e colmándoas, en catro meses. Esta noticia xa nos indica que os tellados aínda non tiñan tella a principios do s. XVI, senón que aínda se cubrían con colmo, ou sexa, palla de centeo. De ai o nome que se lle dan os alpendres na nosa zona: palletes.
Nuño González, para axudar ós novos moradores a reconstrucción dálles en nome do conde 10 ducados a cada un, o que viñan sendo 110 reais, e perdóalle a metade da renda o primeiro ano.


Esta ascendía para Antonio Rodríguez en 15 rapadas de centeo, (unha rapada equivale a tres ferrados), pagados entre agosto e setembro de todos os anos, unha márrana cebada por “San Martín de noviembre”, dous cabritos por Pascua, e dúas galiñas por Nadal. Domingo de Firminstáns pagaría o mesmo máis 2 rapadas máis de centeo. As rendas había que levalas a onde o administrador mandase, fose Santiago, Padrón ou a vila de Noia, pero seguramente tamén se deberon recoller no pazo de Trasouteiro, en Brión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario