lunes, 18 de octubre de 2010

O Sineiro

    Os sinais

   “O Sineiro”, como case todos coñecen, é o nome da folla parroquial de San Xoán de Ortoño. Bautizouna deste xeito o anterior párroco don J. Andrés López Calvo, sabedor do seu significado. Esta palabra non é moi empregada na Maía, sen embargo, é un termo frecuente na comarca do Salnés, onde D. Andrés estivo varios anos. Alí existe como topónimo, como apelido e como palabra de uso común. Sineiro ven sendo o que fai sinais e, máis particularmente, o que toca as campás da igrexa para dar sinais. Sen dúbida, o noso anterior párroco púxolle este nome á folla parroquial pensando que esta debía ser un lugar dende onde se espallasen e se oísen os sinais da súa comunidade.

Torre e campanario de San Xoán de Ortoño

     Esta introdución está motivada para chamar a atención sobre a linguaxe, ou mellor dito, sobre o significado das sinais que se empregan na parroquia de Ortoño.

     As campás, no pasado, eran o medio de comunicación das comunidades parroquiais que, a falta dos novos medios, tiñan que valerse deste instrumento sonoro, que percorría kilómetros, para se comunicaren. Cada forma de tocar tiña o seu propio significado.

     Repenicar daba a entender festa. En Ortoño, como noutras parroquias, repenican nas festas, nas vésperas destas e dos domingos. Para este toque empréganse as tres campás: a grande, a mediana e a pequena. Tamén se repenicaba cando morría un meniño de corta idade, expresando que alcanzara a salvación. A estes meniños chamábaselles anxeliños.

     Ás misas da semana chámase co toque de determinado número de campanadas ca grande. É un toque homoxéneo que tamén se empregaba no pasado para convocar ós veciños para actos públicos, “a campana tañida”: como a eleccións de cargos civiles das antigas xurisdicións, a notificación de preitos, a toma de posesión dun novo párroco ou dun patrimonista, etc.
    O toque, moi de vagar, dunha soa campanada coa campá grande significa doo por un membro da comunidade que xace de corpo presente. Cando chega a hora do seu funeral e inhumación e se achega á igrexa ou sae dela cara o camposanto o toque vira máis áxil sucedéndose unha campanada con cada unha das tres campás.

     Así e todo, o toque máis característico e máis particular de cada igrexa é o sinal de morto, polo cal fáiselle saber a comunidade que un membro dela acaba de morrer. Este sinal ten a particularidade de indicar o sexo do falecido. En Ortoño se o defunto é un home tócanse de vagar tres toques ca grande, dous ca mediana e un ca pequena. Si a que faleceu é unha muller tocase dous ca grande, un ca mediana e un ca pequena. O sinal sóese repetir dúas veces para os que non estiveron atentos ó primeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario