Todos sabemos que en Ortoño non hai nin houbo nunca unha estación de ferrocarril nin tampouco pasou o tren por ningún dos seus lugares. Sen embargo o que nunca foi puido ter sido, e agora estariamos a falar da estación da Tarroeira, da ponte do tren en Lapido, etc.
A primeira liña férrea que funcionou en Galicia foi a que unía Santiago co porto de Carril. Esta liña foi inaugurada no ano 1873 despois de trece anos adicados a construción dos 43 Km de vías que unían a antiga estación de Cornes co porto de Carril. O interese fora privado, pois precisábase un medio de comunicación áxil co mar para poder incrementar o comercio. O proxecto tivo moitos atrancos debido a falta de financiación e a modificación do traxecto orixinal. O proxecto definitivo levou a o traxecto actual: saída de Santiago dende a estación de Cornes, e paso polas estacións do Casal, O Sebe, A Esclavitude, Padrón, Pontecesures, Catoira e Carril.
A locomotora Sarita, unha das primeiras que fixo a liña Santiago-Carril. (Fonte: http://www.pontecesures.net/) |
Sen embargo o primeiro proxecto discorría por outros paraxes. En 1861 foi aprobado polas Cortes o proxecto presentado por Joaquin Caballero Piñeiro, Domingo Fontán e Inocencio Vilardebo. Nel establecíanse entre as condicións que a liña debía ter as seguintes estacións: Santiago, Ortoño, Ribasar, Padrón, Pontecesures, Catoira e Carril, e outra máis nun punto intermedio entre Santiago e Ortoño. Ademais contamos con unha testemuña de tradición oral que a súa vez foi receptora da memoria dos traballos topográficos na parroquia de Ortoño. Vagamente contábase que neste primeiro proxecto o tren discurriría pola Agriña, no lugar das Cortes. Tendo isto en conta podemos reconstruír en parte aquel proxecto, e tentar descubrir as razóns de facer desviar o ferrocarril por Ortoño, cando o trazado final era o máis recto.
Quizais pensouse que construír a vía ó longo do río Sar sería a forma máis barata. Hai que ter en conta que o tramo de Santiago ó Faramello, con grandes desmontes, recheos e túnel incluído custou tanto como o resto ata Carril. O outro motivo quizais fose a unión de Santiago ca Maía e sobre todo con unha vía de comunicación importante que por alí discorría: o camiño real de Santiago a Noia. Antigamente o camiño para ir de Santiago a Noia e Muros non ía por onde vai hoxe en día, se non que ó entrar en Bertamiráns atravesaba a ponte da Condomiña e subía cara Bugallido seguindo un traxecto semellante o que hoxe fai o autobús urbano de Santiago. Este mudou co plan de estradas de 1858 que trazouno pola parroquia de Villestro, indo de Roxos a Bertamiráns atravesando o monte de Lapido.
Desta forma o tren, naquel primeiro proxecto, había de discorrer case paralelo ó río Sar. Seguramente a primeira estación estivese en Larañiño ou Pardiñas indo a vía discorrendo cara Costoia, Quistiláns e Lapido. Se fose deste xeito a pendente e o custo serían elevados debido os accidentes do terreo. Non temos máis que ver a autovía Santiago-Brión que discorre case polos mesmos lugares. Despois a liña cruzaría o monte do Castro tendo parada e estación na Tarroeira, para facer coincidir o camiño de ferro co camiño real. De alí collería cara as Cortes, Sisalde e máis ala Ribasar, onde tíñase previsto outra estación en detrimento da Esclavitude.
Como vimos este primeiro trazado desbotouse, pero a súa proposta a mediados do s. XIX, danos novas da situación das vías de comunicación na nosa bisbarra, e tamén da visión que uns e outros tiñan da evolución de aquelas para o futuro. Deste xeito podemos comprobar que Ortoño era considerado un no de comunicación no fondo do val, por onde se xuntaban os camiños que viñan dos portos de Muros e Noia cara Santiago, así como os que unían Padrón e a súa area cas comarcas de Barcala e Val do Dubra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario