viernes, 30 de septiembre de 2011

Pedregal V

A batalla da Estrella.


Na noite dos tempos, onde xa non queda acordo documental ou nunca o houbo, sobre determinados feitos, é a onde van a parar moitas historias que logo encontraron o seu camiño para perdurar na tradicción oral.

Este é o caso dun feito singular acaecido nun tempo pasado nos confíns do lugar do Pedregal co de Carballido. Un e outro lugar tiñan dende antigo como límite común o camiño real que ía cara Noia e Muros, e que coincide hoxe dende o cruce ca rúa do centro medico cara o Tremo. Dende o s.XIX fóronse construíndo casas ó carón de este camiño que despois mudou en estrada, e que colleron por nome Éstrella. Disque lle chamaban así porque había unha debuxada na fachada dunha destas casas.
Foto: http://4.bp.blogspot.com/_J14paVPF0UI/SDnjnKHQfRI/AAAAAAAAQjc/qQp9VUIKkIk/s400/Batalla+Carlista.jpg

Pois ben, unha historia, que se oía con frecuencia, falaba de que nese paraxe houbera unha batalla. O relato era moi sinxelo, non facía referencia a quen se enfrontara nela, nin a época ou momento histórico. Como o escenario era un camiño antigo importante, semella que puidera ter sido unha emboscada dun grupo cara un convoi que percorría esta vía de Santiago a Noia ou viceversa. Deixando a un lado as conxeturas, contábase que no fragor do combate, ambos bandos esgotaron a munición das armas de fogo, de xeito que a batalla continuou pero a pedradas. Tampouco, se relata quen gañou, aínda que tamén é verdade que non se dixo quen se enfrontou. O relevante para a memoria colectiva era que acabaron a pedradas, aínda que os que comenzaron a contala historia coñecían todos os detalles, pero omitíronos por ser para eles obvios. O sabido e obvio para os vellos non o é para nos.

Puidera ser unha escaramuza do tempo da guerra da independencia, ou das guerras carlistas. Sen embargo, nos libros sacramentais, non hai rastro de morte violenta algunha por mor de sucesos coma aqueles. Deste modo quédanos aínda a dubida sobre a batalla da Éstrella.

lunes, 19 de septiembre de 2011

Libro de fundación XXVII

Vixésimo sétima fundación
9 de maio de 1688.


Como era habitual despois de varios anos, os beneficiarios dunha herdanza acordábanse de facer cumprir os desexos do defunto. Cara 1677 morrera Juan Vidal de Sisalde, seguramente solteiro ou viúvo sen fillos, deixándolle a herdanza a seu irmán Benito, da mesma veciñanza e casado con Dominga de Roxido. Este deixara en testamento dúas misas de fundación das que seu irmán encargase de cumprir a partir de 1688.

Esta debeu ser, sen dubida, unha familia importante no lugar nos s. XVII e XVIII. Sabemos que os apelidos antigos de Sisalde foron o mesmo tirado do topónimo e Roxido. Os Vidal moi logo emparentan con estes e establécense nesta aldea, mantendo relacións de parentesco con outras familias importantes, xa non só da parroquia, senón tamén da bisbarra. Así cara 1701, Juan Vidal de Sisalde, fillo de Benito Vidal e Dominga Freire, casa con Jacinta d’España, filla D. Agustín de España e Ruanova e María Vidal, de San Salvador de Bastavales. Ou sexa do outro lado do río Sar. Estas xentes pertencen a ascendencia materna do primeiro marques de Leis, e tiñan moitos foros e arrendos en Bertamiráns, Lapido e outros lugares dos Ánxeles e Bastavales.



En particular, sobre estes Vidal de Sisalde, soamente coñecemos os datos dos pagadores entre 1688 e 1832, co lapsus acostumado de medio século XVIII. Aínda así, mostran unha importante información para o rastrexo de esta rama familiar, tendo en conta que o fío de unión destas persoas ademais de familiar é a obriga de pagar a hipoteca das misas.

O final da serie documenta data de 1832. Daquela, o párroco de entón fai unha chamada advertindo que a fundación deixouse de pagar e que a súa pensión anual era de dous reais.

sábado, 10 de septiembre de 2011

A igrexa parroquial cara 1850.

Retornamos en setembro con un tema xa tratado: a historia arquitectónica da igrexa de Ortoño.


Voltamos a este tema, debido o descubrimento de un novo documento que bota máis luz sobre a evolución do conxunto parroquial. Este tratase do primeiro debuxo a escala da pranta da igrexa que se atopa, e data de mediados do século XIX. É máis grande, se cabe, o descubrimento, debido a disposición das distintas partes arquitectónicas no conxunto con respecto a actualidade.

A igrexa tiña un cruceiro máis grande, semellante o da igrexa de Bugallido. A torre do campanario, era a mesma que a que hoxe se conserva, e que se acabou de construír cara 1719. Sen embargo, dende o s. XVIII, a torre amenazaba ruína. Quizais os efectos de algún raio durante unha tronada, ou as secuelas do terremoto de Lisboa de 1755. Esta situación, e o longo retraso na súa reparación levaron a tapiar a porta principal da igrexa, e suplila con dúas grandes laterais, enfrontadas, a media distancia entre a lateral e a principal.

A casa da fabrica, non estaba onde hoxe se ergue. Estaba situada entre a igrexa e a reitoral, xusto na esquina da igrexa onde esta a escaleira do campanario. Deste xeito unía a tribuna e o piso alto da reitoral a través de dúas portas en sendos muros.
Poucos anos despois, o párroco de entón comezou unha serie de custosas obras que lle deron a disposición actual a todos estes elementos. Descubrir esta situación do s. XIX abre un camiño para entender outras noticias atopadas no arquivo respecto ó XVIII. De xeito que agora entendese mellor o discorrer das distintas actuacións que se levaron a cabo na nova igrexa de Ortoño construída nos primeiros anos do 1700.