lunes, 29 de junio de 2009

O lugar da Cachela II




O lugar, en 1563, tiña unha soa casa na que vivía unha tal María Domínguez, viúva de Gonzalo Domínguez, e seguramente filla de Pedro da Cachela, mencionado no apeo de Sisalde. Pagaba esta veciña todos os anos, en concepto de foro polo lugar ó conde de Altamira, media carga de pan, ou sexa seis ferrados de centeo, “...por la medida de Avila..”
Na Cachela e sobre todo, no agro das Chaias e no Picoto do monte maior, terreos pegados a Cachela, dentro do lugar de Ortoño, existen vestixios de extracción de pedra. A tradición oral conta que as escaleiras da praza da Quíntana, que está detrás da catedral de Santiago, foron feitas con pedra da Cachela. E outra tradición conta que cando se fixo a catedral os carros cargados de pedra chegaban en caravana ata Vidan. Estas tradicións débense referir a grande remodelación da catedral e o seu entorno a mediados do s. XVIII, cando se construíu a fachada barroca. E puidera ser verdade, porque a pedra da Quíntana, non é da que hai nos montes de Santiago, de grao máis grande, e pola contra é idéntica a das zonas de extracción das inmediacións do Picoto e da Cachela.
Seguramente a extracción de pedra para a construcción constituíu a principal actividade dos moradores de aquela única casa que había na Cachela. Dende 1563 en que vivía María Domínguez, ata principios do s. XVIII non se sabe máis nada dos seus habitantes. Segundo os libros parroquiais estibo habitada no s. XVIII, coincidindo cas grandes obras da catedral compostelán.
En 1753 cando se fai o catastro do Marques da Ensenada, non se mencionan estas canteiras entre as empresas da parroquia, quizais por ter cesado xa a súa meirande actividade. Pero debido seguramente a raíz de este catastro, a administración do Conde de Altamira, inicia un proceso xudicial para asegurar, renovando os foros, a propiedade da terra e sobre todo a percepción integra das rendas. De esa forma cara 1756 ábrese un preito no que figuran como detentadores do lugar Alonso Rei e Pedro Pachón e herdeiros, pero ningún vivía alí, anque seguían pagando a mesma renda de 6 ferrados de centeo dende 1563. Dise tamén que o lugar terá de superficie dúas cargas poco más o menos, o que veñen sendo 24 ferrados, que corresponden case exactamente o agro de Martiz, o que crea a dificultade de englobar os terreos do Agro da Cachela e os lindantes con Sisalde.

De tódolos xeitos, a casa permaneceu deshabitada ata principios do s. XIX, no que se rexistran bautismos de xente que habita a Cachela. En 1860, en unha escritura do conde, aparece como cabezaleiro do lugar o tal José Mirazo, e xa paga por el 9 ferrados. Seguramente, esta casa, estaba situada cerca do marco, como indicaban os apeos antigos, ó pe do camiño da Revolteada, que viña da Condomiña e ía cara Chave e Padrón. Disque aínda se tiña memoria dos seus muros, pero na actualidade non existe ningún vestixio. Dende aquela, a Cachela virou toda a monte, e recentemente, no ano 2006 sufriu o seu enésimo incendio.

viernes, 26 de junio de 2009

O lugar da Cachela I



A Cachela, hoxe monte, é un lugar de seu como o son outros da parroquia como Maguxe, A Condomiña, Castrigo, etc, diferenciándose soamente pola súa pequena extensión. Está situado ó sur da parroquia, na confluencia dos lugares de Sisalde, As Cortes, Ortoño, e A Telleira parte de Chave de Carballo, aldea e lugar de San Xulián de Bastavales. A Cachela, en outros tempos, estivo habitada.
Como se puido comprobar no apeo de 1458 que mandara facer Ruy Sánchez de Moscoso non aparece este lugar. Quizais se identificase co lugar de Pousada, de catro casas, xa que está o pe do camiño que ía da Condomiña a “las villas del Padrón.” O certo é que cara agosto de 1563, o notario de Pontevedra Jácome Fernández persoase con poder na parroquia para facer apeo e inventario dos lugares que lle pertencían ó conde de Altamira, e encontra como posesora do lugar da Cachela a María Domínguez, muller viúva de 65 anos.
Así quedaron consignados os limites da Cachela: ..”comenzando desde la devesa del lugar de Sisalde, que es de su Señoría, toda la Braña que esta para via del dicho lugar ansi como al presente esta cercado e valado de valo e se ve, e con la heredad, e huerta que está junto a la casa del dicho lugar con sus arboles e salidos e monte y lo más perteneciente al dicho lugar..”. Hoxe é difícil definilo lugar, porque anque existen muros, o topónimo da Cachela sáese de estes. Con seguridade a el pertencía o Agro da Cachela, terra cultivable entón, pero agora monte. Tamén pertencían os terreos do outro lado da corredoira cara ó oeste, que lindarían con Sisalde.
O Agro das Chaias, ó noreste, é do lugar de Ortoño. O Agro que hoxe se coñece como de Martiz, coñecíase no s. XIX como o de José Mirazo, chamado así en 1849, no apeo das Cortes, e entra de cheo no lugar da Cachela.

miércoles, 24 de junio de 2009

Apeos, Preitos, Prorrateos e redención de Foros. II

O Prorrateo, ou reparto da renda do foro, foi feito por un agrimensor contratado polos veciños. Ven sendo unha descrición das propiedades que ten cada veciño, do seu valor, e sobre todo da fracción de renda que pagará todos os anos ó conde. Os primeiros prorrateos son de mediados do s. XVIII, pero despois tivéronse que ir facendo outros novos ó ir morrendo a xente e herdando os fillos, e polos cambios e compras que foron cambiando a titularidade das fincas.
Por exemplo, o derradeiro das Cortes é de 1849, o de Carballido de 1861, o de Pedregal de 1931, etc.. O prorrateo, coñecese habitualmente por un libro de 60 a 100 folios, que quedaba depositado na casa do veciño que máis terra tivese no lugar. Á súa casa concorrían os demais veciños e levadores de fincas para consultar con quen lindaban, que superficie tiñan, etc. Viña sendo un documento de consulta e de resolución de conflictos. En algúns lugares tamén existía o prorrateo da auga, que viña sendo unha distribución das horas de rega, das cortiñas.
O certo é que a medida que foron vencendo os foros fixéronse outros que aumentaban a renda. O caso é que esta situación non era interesante para o Estado, sobre todo dende un punto de vista fiscal. Así que en 1926, durante a dictadura de Primo de Rivera, aprobouse a Lei de Redención de Foros, pola que se abría a posibilidade de que os que vivían e traballaban a terra a comprasen ós seus donos.
No caso dos bens da igrexa, xa a mediados do século XIX foran expropiados polo Estado a raíz da Desamortización de Mendizabal, sendo despois vendidos ós particulares. No caso do Condado de Altamira, este entrou en banca rota no último tercio do s. XIX, índose desfacendo das súas propiedades, que unhas veces as compraron os veciños, e outras quedáronse con elas intermediarios que mantiveron os foros ata case mediados do século XX.
En algunhas partes de Galicia aínda quedan uns 700 moradores de bens que non son da súa propiedade e que pagan por eles todos os anos unha renda en especie ou en metálico, o igual que aquí facían os nosos antepasados. Actualmente é a Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda, o que veu a suplir a partir dos anos 50 do século pasado a estes prorrateos feitos polos veciños, xa que tamén é o Estado e os Concellos, a trabes do imposto da contribución, o que percibe agora as “rendas”.

lunes, 22 de junio de 2009

Apeos, Preitos, Prorrateos e redención de Foros. I

A propiedade da terra, na nosa parroquia e en xeral en toda Galicia, a trabes da historia pertencía a uns poucos “dominios” que a tiñan aforada os que vivían nela.
Así no século XIV vemos que grande parte dos lugares da parroquia pertencían a familia dos Mariño de Lobeira, e que despois no XV pasou ós Moscoso, señores e Condes de Altamira.
Nos séculos XIV, pero sobre todo no XV e principios do XVI había moi pouca poboación, habendo incluso aldeas deshabitadas. Por eso periodicamente, os donos da terra, sexan os mosteiros, o cabildo compostelán ou os condes de Altamira facían apeos dos lugares que lles pertencían, para non perdelos. O Apeo consistía en un recoñecemento ante notario dos limites da propiedade. Esta información dábaa o morador e levador dos bens. De esta forma sabemos a xente que había nas aldeas da parroquia que eran propiedade dos Moscoso en 1458, e en 1564.

Os moradores de cada aldea, era foreiros do dono do lugar. O conde de Altamira facíalle un contrato, pola vida del e a dun fillo e a dun neto ou incluso a dun bisneto, a cambio de unha renda anual. Este contrato era o foro.


De esta forma os levadores da terra aseguraban a tranquilidade da casa e os bens anexos por un longo período de tempo. Cando morría a derradeira “voz”, ou sexa o neto ou bisneto que tiña dereito a habitar e traballar o lugar, debía deixalo a disposición do administrador do Conde ou si vivía en lugares da igrexa a disposición do Cóengo tenencieiro da Condomiña, ou do arcebispo. O máis normal e que se lles renovase o foro pola vida de varios descendentes, ou pola vida de tres reis de España, ou incluso arrendarllo por 29 ou 39 anos, sempre a cambio de unha renda.
Podía ser que na renovación non se aviñesen na renda, porque os veciños asegurasen que tiñan construído casas e melloramentos no lugar, e por tanto debíanllos ter en conta. O conde de Altamira, a trabes do seu administrador levou a preito a varios veciños por este motivo. Resolvéndose a situación con un cambio na renda.

Sen embargo a situación xeral na parroquia de Ortoño, foi que pasado o tempo e mortos os descendentes con dereito nos foros non foron a renovalos. O mesmo tempo aumentou moito a poboación, descendente dos primeiros veciños que seguían tendo dereitos e obrigas adquiridas na terra. Os fillos foran facendo máis casas e repartindo a terra que traballaran seus pais, e do mesmo xeito debían tamén repartir as rendas que pagaban. A principios do século XVIII, o condado xa empeza a ver como a percepción das rendas diminúe, e comeza a preitear polos lugares que lles pertencen. Pero é a partir de 1753, a raíz de unha pesquisa por parte da coroa para facer un catastro en que o conde de Altamira denuncia a practica totalidade dos veciños de Ortoño e outras parroquias que traballan e viven en lugares da súa propiedade, por terse “fenecido” os foros. Ó final avéñense todos e outórganse novos foros, pero agora non a un veciño, senón a todos os que traballan no lugar. Esto crea un novo problema, que é facer un reparto equitativo do pago da renda por cada veciño, respecto a proporción de terra que labra no lugar. Este reparto foi o que se deu en chamar Prorrateo.

domingo, 21 de junio de 2009

Fontes para historia da parroquia




Sendo a nosa unha parroquia do eido rural, sen grandes centros históricos de poboación, e moi difícil atopar e identificar documentación referente a súa historia, o igual que a maior parte das demais parroquias do arceprestazgo.
Sen embargo, un resto da nosa historia común quedou consignado na toponimia, ou conxunto dos nomes de lugar. Os nomes de lugar foron postos en distintas épocas por distintas persoas e neles deixaron a súa forma de falar e de indicar e describir cousas, persoas, sucesos, etc.. A toponimia, debido a que é a parte máis conservadora da lingua, convertese en unha ferramenta moi útil para axudar a reconstruír a historia. Ademais dos nomes de lugar como Sisalde ou Carballido, ou todos os demais lugares que compoñían a primitiva vila romana que se converteu na nosa parroquia, existen outros pequenos topónimos englobados dentro de cada lugar.
Todos coñecemos algún. Por exemplo: Montelle no Pedregal, Castrellón en Lapido, O Gindo en Carballido, Uris en Castrigo, A Pereiriña en Ortoño, e moitos máis. Todos estes nomes de parcelas, campos, cortiñas, montes, etc, son os que se denomina microtopónimos.
Estes pódense encontrar na documentación do arquivo parroquial, e nos arquivos notariais e de xustiza, que engloba, sobre todo, legaxos dende o s. XVI ata o XIX. Pero a súa búsqueda é moitas veces imposible dado o grande número de documentación dos arquivos, sendo en estes casos de grande axuda a documentación privada que os veciños conservan, xa que logo, moitas veces tratase de copias dos mesmos documentos.
De aquí en diante, en próximas entradas, iremos mostrando os microtopónimos de cada lugar ou aldea, ademais de un estudio cartográfico sobre a súa ubicación e extensión tanto do lugar como dos topónimos que o forman, e facendo referencia a documentación histórica manexada.

martes, 16 de junio de 2009

As dúas xurisdiccións en Ortoño: Altamira e A Maia

Dende mediados do s. XV detenta a propiedade dos lugares de Pedregal, Carballido, Ortoño, Maguxe, As Cortes, a metade Sisalde, e gran parte de Lapido e Castrigo os señores de Altamira: os Moscoso. Estes orixinarios das terras de Montaos, medraran a sombra dos prelados composteláns, unhas veces como aliados e outras na súa contra, acabando por facerse con gran número de propiedades, o que os levaría a unha guerra aberta cos Arcebispos no s. XV.
En 1471 Lope Sánchez de Moscoso, xunto con outros cabaleiros galegos, vence en batalla as tropas do arcebispo Fonseca II no lugar de Pousada, na parroquia de Ames, e autoproclamase Conde de Altamira. A este sucédeno outros Condes que arrastran o problema de ter terras no medio de outras que son do Arcebispo. Este problema solucionase con un preito no s.XVI, sancionado por Felipe II e o Papa, polo que habería dúas xuris-diccións, a de Altamira que era do Conde nos lugares da súa propiedade, e a que viña de antigo da Maia sobre os lugares propiedade dos Arzobispos.
Así os lugares de Casal, Bertamirans, A Condomiña, Punxeiras de abaixo e de arriba, e a metade de Sisalde eran da xurisdicción da Maia.

lunes, 15 de junio de 2009

Ortoño na idade media. Apeo de 1458

As terras composteláns, a raíz do descubrimento da tumba apostólica, foron pouco a pouco doadas polos Reis, primeiro ós bispos de Iria, e despois de Santiago cando cambiaron de sede, de tal xeito que acadaron un señorío vastísimo. Co paso do tempo fundáronse mosteiros, sobre todo en Santiago, que logo foron recibindo moitas propiedades a través da doazón. O primeiro de estes mosteiros foi San Paio de Antealtares, masculino da orde de San Bieito, e que acabou sendo dono da parroquia de Ortoño.
Deste xeito entrase na baixa idade media, sendo a igrexa constituída principalmente polo Arcebispo de Compostela, e os mosteiros os que detentan a propiedade da maior parte da terra. Estes ante a imposibilidade de poder gobernala e administrala, válense de cabaleiros, e outros homes de armas ós que lla aforan. O foro ven sendo un contrato de arrendamento por un tempo moi longo, que pode ser a vida do arrendatario e a dun fillo e tamén a dun neto, e pagando unha renda en especie todos os anos, que soia ser en ferrados de centeo.
Así no s. XIV levaban por foro dos arcebispos bens na Maia, entre eles varios lugares de Ortoño, Viceso, Valeirón e Transmonte, a familia dos Mariño de Lobeira, máis concretamente Ruy Gonzálvez da Maia, outras veces chamado Mariño, e a súa dona María González. Estes emparentarían cos burgueses composteláns Do Campo. Posteriormente estes emparentarían cos Moscoso, o que faría que estes bens pasasen o señorío de esta casa. Os anos 1369 e en 1388 parecen ser as datas desta fusión. Os titulares daquela eran Gonzalo Mariño da Maia, herdeiro de seus pais e de seu irmán Pedro, todos defuntos xa en 1388. Nese mesmo ano e por venta firmada o 24 de marzo, os bens pasaban a Bernal Yañez do Campo. Este Bernal era tío de Ruy Sánchez de Moscoso, señor de Altamira; e que herdaría estas propiedades.
O 19 de marzo de 1458, ante Gonzalo Moniz, notario da terra da Maia, faise un apeo ou recoñecemento dos lugares que posúe Ruy Sánchez de Moscoso en Ortoño. Así parece que en Carballido moraban Juan Moselo e Martín Moselo, en dous casares e que aínda hai tres mais que permanecen baldeiros. En Pedregal vivía Alonso Pérez en un casal, e no lugar do Sisto, que hoxe acabou uníndose ó Pedregal tiña varios que se xuntaron en un e no que vivía Pero Vello. En Castrigo vivía Fernando de Castorigo, no único que ten o lugar. En Bertamirans posuía vairas propiedades que as levaban Fernando e Juan Ovella.


Escudo dos Moscoso, que se conserva no cumio do altar maior da igrexa parroquial de Ortoño


Nas Cortes tiña catro casares e so un estaba habitado por Ruy das Cortes e o seu fillo Alonso. En Ortoño vivía Gonzalvo d’Artooño, e que este ocupaba casares nos que viviran Juan Domínguez, Juan d’Artooño e Juan Vidal. En Maguxe viviron Juan Alonso de Maguxe e Alonso de Maguxe, e que agora o fan Juan de Outeiro e o seu xenro Gómez do Outeiro. E en Lapido vivía Martín Alonso de Lapido, nun dos dous casares que hai, e o outro permanece baldeiro.
O resto da parroquia non lle pertencía os Moscoso e por tanto non dan novas dela. Sen embargo falase de un lugar chamado Pousada de catro casares arrendados a Alonso Beyroa e Juan Beyroa, que puido ter desaparecido ou mudado de nome, sen saber agora onde estaría.

jueves, 11 de junio de 2009

Principios históricos da Parroquia de San Xoán de Ortoño

Ó tempo que se formaban as primeiras comunidades cristiáns en Palestina e en Asia menor, aquí en Galicia os romanos levaban máis de medio século asentados. Na nosa bisbarra convivían co pobo dos amaeos que xa existía antes da súa chegada, e que logo lle dou nome. Nos termos da parroquia, existen evidencias da súa presencia dende os primeiros anos do s. I., como foi o descubrimento de un significativo tesouro de moedas de prata de Augusto, Tiberio e Nerón atopado no lugar de Maguxe nos anos 70 do século pasado, e que hoxe algunha de esas moedas gardase no museo da catedral. Tamén existen moitos restos cerámicos que poderían indicar un asentamento nas inmediacións da igrexa.


Estes núcleos de poboación, constituídos por vilas rústicas, que virían sendo casas de campo dedicadas a explotación agropecuaria, foran constituídas por colonos romanizados e por veteranos das guerras que eran así recompensados polo servicio, como o dono da ara atopada en Vilar de Ames que era veterano da LEGIO VII GEMINA, que logo daría orixe a cidade de Leon. A vila tiña un terreo máis ou menos grande que lle era afín e no que traballan os servos do señor.
O cristianismo estendeuse no imperio a partires das cidades, e de oriente a occidente, e de sur a norte. En Galicia o ser unha rexión periférica e sen grandes cidades foi chegando paseniñamente e máis tarde. O certo é que no s. IV xa existen evidencias da existencia de cristiáns. E a partires do V en que o cristianismo xa é a relixión do estado xa se constata a existencia de un bispo con sede en Caldas de Reis e máis tarde en Iria Flavia, converténdose esta en diocese. Ó tempo, os habitantes das vilas ó converterse a Cristo, van mudando as súas crezas anteriores e constrúen oratorios en unha estancia dentro das súas casas. Este habito empeza no s. III xa que daquela a fe é clandestina por mor das persecucións.
Velaquí o comezo da que logo se chamaría parroquia de Ortoño. Ala polo s. IV na vila de un posible Artonius (posible etimoloxía de Ortoño), ó lado da actual igrexa, el e a súa familia e serventes constrúe un oratorio ca advocación de San Xoán Bautista. Co paso do tempo e co devir dos séculos a vila pártese en máis núcleos de poboación dentro do seu territorio formándose os lugares ou aldeas. Estes son en realidade fraccións do solar primeiro que se foron partindo nas herdanzas dos posesores do lugar. O antigo oratorio, ten que ser ampliado e construído de novo dando lugar a primeira igrexa parroquial.
. Durante o dominio suevo e visigodo, a diocese de Iria Flavia, está representada regularmente polo seu bispo nos concilios. Sabemos tamén, que Iria foi a única que tivo a súa sede ocupada durante o s.VIII, primeiro século de ocupación musulmana da península, a diferencia de outros territorios e outras sedes coma Lugo, cidade que quedou deserta. Os habitantes da nosa bisbarra posiblemente permanecían na súa terra cando o seu bispo Teodomiro de Iria descubriu a tumba do Apóstolo Santiago cara o ano 829 da nosa era.

miércoles, 10 de junio de 2009

Historia arquitectónica da Igrexa de Ortoño IV




A principios do século XX, empézanse a notar algúns deficiencias na igrexa, e entre elas a de maior importancia era o tellado de madeira da nave principal, que xa tiña máis de cincuenta anos e necesitaba botarse un novo.
A instancias do párroco de entón D. José Sanmartin Coto, decídese que en vez de facer de novo o tellado con madeira de castaño, se lle bote unha bóveda de cemento. A obra fíxose cas aportacións dos feligreses da parroquia e dos que estaban emigrados en América, especialmente os de Cuba.
No ano 1918 decídese tapar os altares pétreos onde están a Virxe do Carmen e a do Rosario, por altares de madeira en estilo neogótico.
En 1928 autorizase as obras para colocar un zocalo de mármore artificial, con axudas de emigrantes en Arxentina.

En 1954 comprase un terreo de D. Josefa Freire Salaño, do lugar de As Cortes para a construcción do novo cemiterio. En ese mesmo ano levantase o seu muro.

De este xeito o conxunto parroquia adquire a forma que ten hoxe.

martes, 9 de junio de 2009

Historia arquitectónica da Igrexa de Ortoño III


Cara mediados do século XIX a poboación da parroquia volvera a medrar, e a igrexa quedara unha vez máis pequena; e por tanto dende palacio mandase a través do visitador alongar de novo a igrexa. En esta nova ampliación de 1848, ocupase totalmente a parte oeste do adro, non quedando sitio para montar a porta principal no estremo da nave senón que se fai no muro lateral sur acabado de facer. En fronte a esta porta sur tamén se deixa unha máis pequena o norte xusto en fronte unha da outra.. Trasladase a espadaña coas dúas campas o estremo da igrexa, ademais da pila bautismal. Aproveitase esta ampliación seguramente para cambiar o pavimento interior da igrexa, constituído ata entón polas lousas móbiles que se empregaban como sepultura ata 1833.




De esta forma a porta norte da igrexa e a porta da casa rectoral quedaban moi lonxe, e devido a esto en ese mesmo ano de 1848 levantase un arco pasadizo para ir dende o primeiro piso da rectoral á tribuna da igrexa a altura da porta do campanario.
Esta disposición das portas debeu ter os seus inconvenientes nos días de inverno, ó entrar a auga e o vento na nave principal.
No ano 1859 gástanse grandes cantidades de diñeiro na construcción da torre actual e a porta principal, a modo de outras coma a das igrexas de Bastavales e a dos Anxeles. Para esto ampliase o adro sobre o terreo da horta da casa rectoral, e modifícanse a muralla de esta e o muro do adro. Tamén se constrúe a bóveda de media laranxa no cruceiro, e reedifícanse as capelas laterais. O ano seguinte remátanse moitas de estas obras e calease a igrexa por dentro, quedando o aspecto do conxunto parroquial como hoxe se coñece




Posteriormente constrúese a que hoxe se coñece como casa da fabrica, deixando a porta cara a igrexa. Esto aproveitase en 1871 para cerrar definitivamente a porta sur da igrexa e abrir unha polo norte xusto en fronte da nova porta da fabrica. Agora, o ser moito máis fácil ir da casa rectoral a igrexa por ese camiño, decídese tamén prescindir do arco pasadizo. Tamén se tapia a entrada o campanario, porque por ela entraran os ladróns en unha ocasión, xa que as escaleiras estaban comunicadas ca tribuna, deixando a entrada soamente pola tribuna.
A finais do s. XIX, as diferencias máis salientables respecto a actualidade no interior do templo, eran que a nave principal tiña o teito e tellado de madeira. Ademais os altares colaterais onde se atopan hoxe as imaxes da Virxe do Carmen e a do Rosario, eran de pedra e estaban incrustados nos muros da igrexa.

viernes, 5 de junio de 2009

Historia arquitectónica da Igrexa de Ortoño II






Si ben en 1684, o visitador mandara arranxar a igrexa, polo libro de fabrica sábese que en 1703 a igrexa quedaba moi pequena e o novo visitador mándaa alongar. En este momento decídese tirar a igrexa románica e construíla o xeito do novo estilo imperante na época: o barroco.
A primeiros do ano 1708 parece que a nova igrexa xa esta rematada, porque un veciño cura da parroquia funda unha capela familiar no altar maior da igrexa parroquial, e di que xa esta rematada.


Posible aspecto da

igrexa de Ortoño cara 1719



Antes, en 1705 morre o párroco iniciador das obras D. Pedro Freire de Andrade, e sucédeo D. Antonio Ignacio Seares, que tamén acaba por reformar profundamente a casa rectoral, quedando coma proba a inscrición que se lee no dintel de unha das portas desta.
Parece ser que en unha segunda fase botáselle bóveda de pedra a nave do altar maior rematándose as obras no ano 1719. A sancristía obtén o aspecto que ten hoxe cara o ano 1739.
En 1754, ano no que entra de párroco D. Simón Antonio de Lago, por morte do anterior, comenzase a ampliación de novo da igrexa, obras que durarían ata o ano 1759, en que basicamente fáiselle o cruceiro a igrexa, xa que antes era recta, e correse a porta e a espadaña ata a porta lateral actual.



Ampliación de 1759, e probable aspecto do conxunto parroquial cara 1833



Este aspecto mantívose ata aló menos 1833. En ese ano, e por real pragmática de Fernando VII, prohíbese enterrar dentro das igrexas, como se viña facendo dende a alta idade media. É entón cando se crea o ceminterio do adro, e faise constar no arquivo parroquial a situación anterior e a que seguira de ahí en diante. A igrexa contaba con 53 sepulturas para párvulos, devido a alta mortaldade infantil, 87 para adultos e 7 para sacerdotes, estas últimas pegadas o altar maior. As sepulturas valían máis canto máis cerca estaban do altar maior, así a dos párbulos da entrada eran de 2 reais, seguíanlle por filas a dos adultos a 4, despois a 8, 10, 12, 14, 16, 20, e 24 rematando polas dos curas a 44 reais cada unha

Pranta da igrexa en 1833,

e disposición das sepulturas

Historia arquitectónica da Igrexa de Ortoño I




Esta cruz antefixa de orixe románica é sen dúbida o único vestixio que se conserva na nosa igrexa parroquial do antigo templo que existiu antes de construírse, en varias fases, o actual.
Atópase na parte exterior, no muro que separa a sancristía do altar maior. Este tipo de cruz aínda se pode ver en moitas igrexas románicas de Galicia, e sen dubida foi preservada en Ortoño en recordo da antiga igrexa.
En 1684, na Visita pastoral, o visitador escribe que a Igrexa ameaza ruína, e obriga ós veciños a que se poñan de acordo e a levanten polos seu propios medios.



Sen embargo aínda se tardarían algúns anos en derribar a antiga igrexa e empezar a construír a nova.

A Condomiña

Si ben a etimoloxía, ou significado do lugar da Condomiña viría de “Condominium”; ousexa lugar propiedade de varios; parece que nun principio quizais este nome englobase un territorio máis grande. O certo é que no s. XVI aparece cos seus limites precisos que era o río Sar ou do Arcebispo ata a ponte da Condomiña, logo seguía polo camiño real que ía cara Bugallido ata chegar o monte da igrexa de Ortoño e despois volvía ó norte polo agro do Castro, ata dar no río, primeira demarcación. A propiedade era do Cabildo de Santiago, e as súas rendas percibías un cóengo que se viña chamando “Tenenciero da Condomiña”. Así aparece en dous preitos da Real Audiencia de Galicia, da Coruña, un en 1598 e outro en 1631.
No ano de 1631, o lugar tiña tres casas, una térrena con “su torre”, e dúas máis de sobrado, ousexa con primeiro piso. Esta casa con torre sería a que chegou ata os nosos días con unha inscrición de un escudo de catro cuarteis. Non ten ano, pero podería ser ben do s. XVI, e en ela di: “Álvaro López con Isabel Vermudez. Armas de los Noboas Infanzones Álvaro López”. O adxectivo infanzón é unha palabra moi antiga empregada nos s. XI e XII, e referente os nobres que frecuentaban a corte dos reis, e que no tempo de cando se fixo o escudo era xa un arcaísmo. De estes fidalgos nada máis se sabe; si ben cara mediados do s. XVI fáiselle un foro novo do lugar a un tal Joan González e a súa muller Catalina González. Sucederían no lugar un fillo do mesmo nome, e probablemente notario, e a súa muller Dominga González. A partir de ese momento pódense seguir ata actualidade as súas xenealoxías.
O 18 de abril de 1757 os señores D. Ignacio de Mella Varela e D. Joaquín Antonio Sánchez Ferragudo, cóengos de Santiago e con poder do Cabildo fan novo foro de estes tres lugares, Condomiña e Punxeiras Altas e Baixas. Relatan entre outras cousas que o último foro recibirao Joan González o mozo, e que a Condomiña tiña tamén por nome Ribeira. En esta ocasión recibíano tanto persoas do lugar coma outras que xa vivían en Santiago como era Dª María Ignacia Bermúdez, persoa que tería relación co escudo descrito.
O lugar da Condomiña, o igual que outros coma Bertamiráns, ou As Punxeiras pertencían a antiga xurisdicción da Maia. O pasado do lugar unido a súa arquitectura preeminente e as súas vías de comunicación serian determinantes a hora de establecer nel un dos tres xulgados da Maia, e nel establecíase un “auditorio señalado”, como din as fontes. Probablemente a casa que tiña torre, e que fora propiedade de estes antigos fidalgos era a que se empregaba coma audiencia. Neste lugar dirimíronse os litixios dos lugares da xurisdicción ata a creación dos partidos xudiciais nos primeiros anos do s. XIX.



Anque o actual concello de Ames xa se formara en 1821, en 1842 a Deputación Provincial da Coruña fixo un proxecto de reducción de municipios, polo que creaba un novo con nome de Ortoño e capital na Condomiña, recordo da súa importancia histórica. Englobaría as parroquias de Ames, Ortoño, Ameixenda, Covas, Bugallido e Viduido, proxecto que non se levou a cabo.
En 1885 a Deputación Provincial acepta o proxecto da construcción da estrada de Bertamiráns á nova estación de ferrocarril da Escravitude, da estreada liña Santiago-Carril. A nova estrada discurriría sobre o antigo camiño real que viña da Vila de Noia cara Santiago e que pasaba pola Condomiña.
Estes son uns poucos datos de este lugar da parroquia que forma parte do que se denominan “As catro aldeas”

A orixe do Santo. A capela de San Ciprian de Cartago.

San Ciprián de Cartago procedía de familia acomodada, converteuse os 35 anos e chegou a ser bispo por aclamación dos pobres. Defendeu a unidade da igrexa, loitou contra as malas costumes e regulou a readmisión dos cristián que abxuraran da súa fe en anteriores persecucións. Corroborou a súa fe co seu propio martirio o 14 de setembro do ano 258, durante o goberno do emperador Valeriano
Esta é a vida de un santo e pai da igrexa que tivo na parroquia de Ortoño a súa capela de seu no lugar de Maguxe. “Hay una hermita de San Ciprián” ,así no lo conta en 1607 D. Gerónimo del Hoyo, cóengo cardeal da igrexa de Santiago, que tivo o cargo de visitador parroquial, en tempos do arcebispo D. Maximiliano de Austria. Anque D. Gerónimo é moi parco en información, podemos deducir por un apeo do lugar de Maguxe de 1564, que este pertence en grande parte o Conde de Altamira, pero que tamén hai varias fincas e agros que pertencían a igrexa de Ortoño, como posiblemente serian o agro de San Sidran, e o de Sohermida.
Anque existe a posibilidade de que esta capela estivese en eses terreos, e fose trasladada en data imprecisa, quizais fosen máis ben fincas da capela das que as súas rendas estarían adicadas a súa conservación e culto.
O certo e que a súa ubicación era a do que hoxe se coñece como lugar do Santo, dentro dos termos de Maguxe, xusto un pouco despois do cruce en dirección Bugallido, o pe do camiño, hoxe estrada. Alí se erguía a capela sen máis construccións, ata aproximadamente mediados do século XVIII, no medio de unha espesa carballeira, e da que saia un carreiro cara a igrexa, que aínda hoxe se conserva. A partir de aí é cando no rexistro parroquial empeza a soar o lugar de “Santo Cipriano”. Esto indica que no cruce do camiño real que ven da Condomiña cara Bugallido, e o que vai da igrexa cara Maguxe, e onde se asentaba a capela de San Ciprián, empézanse a construír casas, que reciben o nome do titular da capela. Quizais a primeira sexa a denominada “Taberna de Santo Cipriano”, que cara 1801 estaba rexentada por unha tal Juana Rodríguez.
En outra visita pastoral do ano 1744 dise que esta capela non ten máis cousas de valor que dous candelabros de estaño; e esta situación parece que empeorou. Porque a medida que foi medrando o Santo, a capela foise arruinando progresivamente ata que o día 17 de xullo de 1800 en outra visita pastoral, esta está en tal mal estado que mandase derruír, para evitar que sexa profanada, e que todos os obxectos de valor e a imaxe do santo sexan levados a igrexa parroquial. Ademais mandase poñer unha cruz de pedra no lugar onde esta estaba, cruz de pedra que se conservou ata non hai moitos anos.



No lugar tamén debeu existir un bo cruceiro, feito a devoción de Juan Pérez Rivas de Mar, veciño que fora da parroquia, e que en 1851, unha descendente del considerou vendelo, o que produciu a consternación da parroquia. Quizais o motivo do arruinamento da capela fose os grandes descargos que se levaron a cabo no templo parroquial e que fixeron paralizar calquera arranxo na capela. O certo é que a imaxe do santo gardouse dende entón na igrexa en lugar preeminente para o culto; sen que coñezamos cando se deixou de celebrar a súa festa.



En 1918 con motivo da subscrición parroquial para facer unha bóveda de cemento na nave principal da igrexa, decidiuse facer unha hornacina para o Santo Cipriano sobre o arco que divide a nave da bóveda de media laranxa, estando dende aquela en ese lugar.

A Fonte do Marco



Na nosa parroquia existen moitas e boas fontes de augas claras e saborosas. Unha destas fontes é a fonte do Marco no lugar de As Cortes, que diariamente, ó estar o lado da estrada, recibe a multitude de persoas que veñen recoller a súa refrescante auga
Disque un ano viñeron petarlle a porta a un veciño para pedirlle para as festas parroquiais. El tomoullo a mal, xa que quén eran eles para gobernarlle os seus cartos, e non lles dou nada. Pero o home tíñase por persoa importante e pesándolle a súa actitude, pensou na forma de satisfacer dalgún xeito á res pública.
O final resolveu traer e encañar a auga da fonte do Marco, que nacía á beira da corredoira que ía das Cortes a Sisalde, a altura do monte e do Agro dos Pachóns, onde hoxe está o novo colexio. Era o ano 1934.

miércoles, 3 de junio de 2009

Os anos da fame


No libro cuarto de difuntos de Ortoño, atópase unha nota que polo ano de 1769 escribeu alí o párroco, D. Simón Antonio de Lago, con motivo daqueles dous anos tan malos de colleitas en Galicia.


O certo e que no pasado estes ciclos de fame non foron nin moito menos tan raros. Tense documentado dende o s. XVI calamidades referentes a anos de grandes riadas, pestes, e sobretodo fames. A cabalo dos s. XVI e XVII, a confluencia desas penalidades fan baixar a poboación na terra de Santiago, de tal xeito que había lugares deshabitados. Despois, ca bonanza do tempo e a introducción do millo de América houbo un cambio, aumentando moito a poboación. Logo ó longo do s. XVIII tamén se documentan nos anos 20 e 40 grandes carestías e mortalidade infantil. Pero o período máis duro sobreveu nos anos 1768 e 69, onde a perda total das colleitas agravou as doenzas que xa se arrastraban, e particularmente na parroquia de Ortoño, no segundo ano morreron 89 persoas, case catro veces máis que un ano normal. Deste xeito relátao D. Simón:


“Porque los males previstos se suelen hacer menos sensibles, advierte amigo lector como los años de mil setecientos sesenta y ocho, y sesenta y nueve ha sido tanta la escasez de todo genero de granos, que llegó el ferrado de trigo, en el segundo de los dos años a cuarenta reales, lo mismo o más el mijo maíz, y finalmente todo tipo de granos y legumbres llegaron al precio que el vendedor quería llevar sin pararse los compradores en el precio, solo si en socorrer su necesidad la que llego a tal extremo que con los muchos millones de fanegas de todo genero de frutos que vinieron por mar de otros Reinos, nunca pudo llegar a ser tan socorrida que en dicho año de sesenta y nueve no hubiese tan gran mortaldad que particularmente en este arzobispado no se muriese de las tres partes de gente la una, sin que bastasen cementerios ni iglesias para enterar los cuerpos por lo que se hizo preciso bendecir campos y sepultarlos en los atrios de las iglesias.”



Ó longo século XIX houbo varios anos que tamén foron moi malos. Así por exemplo tense recollido a testemuña de Nicolasa Rosende Patiño, que naceu por 1846 en San Mamede de Bérreo no concello de Trazo. De nova contaba que un ano chovera moito e non callara o millo na terra, e houbera moita fame e necesidade. Morrera moita xente e xa so lle quedaba unha irmá, e decide marchar a Maia onde as cousas estaban millor. Polas corredoiras xacían os pobres mortos cos ollos comidos polas pegas. Deste xeito chegou a Calo, onde estivo un par de anos de criada, e despois veu para Ortoño onde co tempo comprou unha casa. Morreu de asma o primeiro de decembro de 1924, ós 78 anos, sen ter volto nunca a súa terra.
Outras xentes da montaña tamén viñeron en semellantes condicións e acabaron establecéndose no Val da Maia.

martes, 2 de junio de 2009

A mensaxe nunha botella

En relidade a botella era un vello reclinatorio da igrexa de Ortoño, que se gardaba na casa rectoral.


O seu estado era tan pésimo que se decidiu facer leña del. Pero a sorpresa foi cando se discubriu un papel enrolado dentro de un dos seus balaustres.





Era a nota do ebanista que o fixo en 1928, Manuel Barreiro Bonome de Santiago. Nela indica que construiu o reclinatorio por orden de D. José Sanmartin Coto, párroco en aquel entón. E pedía que cando se encontrase a nota se levase ó cura que fora entón da parroquia e que lle dixese unha misa pola súa alma.


Pois ben, a misa foi dita o 23 de maio, despois de 80 anos.

As Mercedes de Lapido

A orixe desta devoción remóntase ó 2 de agosto de 1218, cando a Virxe María aparéceselle a San Pedro Nolasco e mándalle que funde unha orde para facer caridade e redimir cautivos. El mesmo vístese con un habito branco e os oito días foi instituída a nova orden na catedral de Barcelona. Tal orde chamaríase de Santa María de la Misericordia, ou de la Merced de Cautivos. Este foi o punto de partida dunha orde que tivo o seu referente nas terras composteláns ó mosteiro mercedario de Santa María de Conxo. Ó longo do tempo, e por medio de doazóns, este coma outros centros relixiosos, fíxose con moitas propiedades nas terras e xurisdiccións do arcebispado de Santiago, entre as que podería figurar algunha fracción do Lugar de Lapido. Ó mesmo tempo, en Conxo ingresaron frades orixinarios do contorno, e especialmente da parroquia de Ortoño; así no s. XVIII había un Frai Vicente Martínez, orixinario da Punxeira, ou Frai Domingo de San Ramón Otero, tamén da Punxeira e con familiares en Lapido. Outras persoas formaban parte da orden terceira mercedaria, como se desprende da documentación privada atopada na parroquia.
Semella estar relacionada esta devoción cos intereses do mosteiro en Ortoño; sen embargo a primeiros do s. XVII Jeronimo del Hoyo, non menciona en Ortoño máis que a capela de San Ciprián, que estivo en términos do lugar de Maguxe. Sen embargo, o impulso a súa devoción debeu vir cando o papa Inocencio XII, en 1696, estendeu a súa festa a toda a igrexa, fixando a súa data no 24 de setembro.
O certo é que temos que esperar ata finais do s. XVIII cando aparecen noticias da capela de Lapido. En 1769, data da inscrición da capela, é cando se teñen as primeiras novas dela.





A inscrición reza desta forma: MARIA SANTISIMA SIN PECADO CONSEBIDA A DEVOCION DE LAS GARCIA AÑO Ð 1769; tampouco aclara moito das persoas e circunstancias que a levantaron. Poucos anos despois, en 1786 un labrador de Lapido chamado Cornelio García, asegura en unha petición ó arcebispo que é o patrón da cofradía da Merced e pide que bendiga a capela para dicir misa. Aporta esta persoa seis ferrados de centeo de renda a parroquia todos os anos. Pero quizais so fose unha capela coa imaxe da Virxe da Merced, porque a finais do s. XIX, un visitador di que a parroquia de Ortoño ten unha capela dedicada a Virxe do Carme, e seguramente fose esta de Lapido, xa que a imaxe máis grande que se conserva é a da Virxe do Carme transformada en Virxe da Merced.

Sen embargo a devoción a Virxe María no lugar é ben máis antiga. Na capela de Lapido conservase sobre a porta, una talla de pedra policromada de unha Virxe Nai co neno Xesús. As súas trazas dátana posiblemente a principios do s. XIV, tendo influencias da pintura italiana que a súa vez ten influencias bizantinas. Podería ter sido parte da fonte que se encontra no muro, detrás da capela, un pequeno santuario ou altar a modo do que aínda se conserva no Outeiro de Bugallido.

lunes, 1 de junio de 2009

A Ponte Cabrita

Nestes días de primavera, a xente gústalle andar e facer sendeirismo, o que nos fai recordar a importancia ó longo do tempo da boa conservación dos camiños e sobre todo das pontes.





Pontes como a Cabrita ou Cabirta, que cruzaba o Sar, un pouco arriba do Castro de Quistiláns, dentro do concello de Ames, xa moi cerca do límite co de Santiago. Tiña a particularidade que cruzaba o río sobre unha cascada, e o facelo sobre dúas rochas de distinta altura o seu único arco é de cuarto de punto, (de ahi o seu nome).


Era ponte estreita, que a penas podía pasar un carro, de feito nunha ocasión caeu un. Foi levada e esquecida por unha riada no ano 1987. Hoxe a penas se pode achegar a ela o ter desaparecido o camiño, acedendo dende as vias de servicio da nova autovia de Brión.
Aínda agora pódese ver o seu único arco asolagado polos toros de arbores e lixo que o río arrastra.


Tiña as dovelas gastadas por séculos de uso, quizais so de uso peonil, e que seguro tiña a súa orixe no baixo imperio ou na alta idade media. Contaban os vellos que estaba encantada, e que dela saia ó amencer unha galiña con pitos de ouro, e o que soubese desencantala levaría un gran tesouro.