O lugar, en 1563, tiña unha soa casa na que vivía unha tal María Domínguez, viúva de Gonzalo Domínguez, e seguramente filla de Pedro da Cachela, mencionado no apeo de Sisalde. Pagaba esta veciña todos os anos, en concepto de foro polo lugar ó conde de Altamira, media carga de pan, ou sexa seis ferrados de centeo, “...por la medida de Avila..”
Na Cachela e sobre todo, no agro das Chaias e no Picoto do monte maior, terreos pegados a Cachela, dentro do lugar de Ortoño, existen vestixios de extracción de pedra. A tradición oral conta que as escaleiras da praza da Quíntana, que está detrás da catedral de Santiago, foron feitas con pedra da Cachela. E outra tradición conta que cando se fixo a catedral os carros cargados de pedra chegaban en caravana ata Vidan. Estas tradicións débense referir a grande remodelación da catedral e o seu entorno a mediados do s. XVIII, cando se construíu a fachada barroca. E puidera ser verdade, porque a pedra da Quíntana, non é da que hai nos montes de Santiago, de grao máis grande, e pola contra é idéntica a das zonas de extracción das inmediacións do Picoto e da Cachela.
Seguramente a extracción de pedra para a construcción constituíu a principal actividade dos moradores de aquela única casa que había na Cachela. Dende 1563 en que vivía María Domínguez, ata principios do s. XVIII non se sabe máis nada dos seus habitantes. Segundo os libros parroquiais estibo habitada no s. XVIII, coincidindo cas grandes obras da catedral compostelán.
En 1753 cando se fai o catastro do Marques da Ensenada, non se mencionan estas canteiras entre as empresas da parroquia, quizais por ter cesado xa a súa meirande actividade. Pero debido seguramente a raíz de este catastro, a administración do Conde de Altamira, inicia un proceso xudicial para asegurar, renovando os foros, a propiedade da terra e sobre todo a percepción integra das rendas. De esa forma cara 1756 ábrese un preito no que figuran como detentadores do lugar Alonso Rei e Pedro Pachón e herdeiros, pero ningún vivía alí, anque seguían pagando a mesma renda de 6 ferrados de centeo dende 1563. Dise tamén que o lugar terá de superficie dúas cargas poco más o menos, o que veñen sendo 24 ferrados, que corresponden case exactamente o agro de Martiz, o que crea a dificultade de englobar os terreos do Agro da Cachela e os lindantes con Sisalde.
De tódolos xeitos, a casa permaneceu deshabitada ata principios do s. XIX, no que se rexistran bautismos de xente que habita a Cachela. En 1860, en unha escritura do conde, aparece como cabezaleiro do lugar o tal José Mirazo, e xa paga por el 9 ferrados. Seguramente, esta casa, estaba situada cerca do marco, como indicaban os apeos antigos, ó pe do camiño da Revolteada, que viña da Condomiña e ía cara Chave e Padrón. Disque aínda se tiña memoria dos seus muros, pero na actualidade non existe ningún vestixio. Dende aquela, a Cachela virou toda a monte, e recentemente, no ano 2006 sufriu o seu enésimo incendio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario