A orixe desta devoción remóntase ó 2 de agosto de 1218, cando a Virxe María aparéceselle a San Pedro Nolasco e mándalle que funde unha orde para facer caridade e redimir cautivos. El mesmo vístese con un habito branco e os oito días foi instituída a nova orden na catedral de Barcelona. Tal orde chamaríase de Santa María de la Misericordia, ou de la Merced de Cautivos. Este foi o punto de partida dunha orde que tivo o seu referente nas terras composteláns ó mosteiro mercedario de Santa María de Conxo. Ó longo do tempo, e por medio de doazóns, este coma outros centros relixiosos, fíxose con moitas propiedades nas terras e xurisdiccións do arcebispado de Santiago, entre as que podería figurar algunha fracción do Lugar de Lapido. Ó mesmo tempo, en Conxo ingresaron frades orixinarios do contorno, e especialmente da parroquia de Ortoño; así no s. XVIII había un Frai Vicente Martínez, orixinario da Punxeira, ou Frai Domingo de San Ramón Otero, tamén da Punxeira e con familiares en Lapido. Outras persoas formaban parte da orden terceira mercedaria, como se desprende da documentación privada atopada na parroquia.
Semella estar relacionada esta devoción cos intereses do mosteiro en Ortoño; sen embargo a primeiros do s. XVII Jeronimo del Hoyo, non menciona en Ortoño máis que a capela de San Ciprián, que estivo en términos do lugar de Maguxe. Sen embargo, o impulso a súa devoción debeu vir cando o papa Inocencio XII, en 1696, estendeu a súa festa a toda a igrexa, fixando a súa data no 24 de setembro.
O certo é que temos que esperar ata finais do s. XVIII cando aparecen noticias da capela de Lapido. En 1769, data da inscrición da capela, é cando se teñen as primeiras novas dela.
A inscrición reza desta forma: MARIA SANTISIMA SIN PECADO CONSEBIDA A DEVOCION DE LAS GARCIA AÑO Ð 1769; tampouco aclara moito das persoas e circunstancias que a levantaron. Poucos anos despois, en 1786 un labrador de Lapido chamado Cornelio García, asegura en unha petición ó arcebispo que é o patrón da cofradía da Merced e pide que bendiga a capela para dicir misa. Aporta esta persoa seis ferrados de centeo de renda a parroquia todos os anos. Pero quizais so fose unha capela coa imaxe da Virxe da Merced, porque a finais do s. XIX, un visitador di que a parroquia de Ortoño ten unha capela dedicada a Virxe do Carme, e seguramente fose esta de Lapido, xa que a imaxe máis grande que se conserva é a da Virxe do Carme transformada en Virxe da Merced.
Sen embargo a devoción a Virxe María no lugar é ben máis antiga. Na capela de Lapido conservase sobre a porta, una talla de pedra policromada de unha Virxe Nai co neno Xesús. As súas trazas dátana posiblemente a principios do s. XIV, tendo influencias da pintura italiana que a súa vez ten influencias bizantinas. Podería ter sido parte da fonte que se encontra no muro, detrás da capela, un pequeno santuario ou altar a modo do que aínda se conserva no Outeiro de Bugallido.
Gracias Lino, por esta información. Qnqe.
ResponderEliminar