Decimo terceira fundación. 1669
23 de outubro de 1669
Velaquí temos outro exemplo, non xa de renovación de un documento perdido, senón da reparación despois de algún tempo dos desexos dos defuntos. Sen dubida, como se dixo en outras ocasións, ademais de recuperar as escrituras de obriga das fundacións feitas ata aquel entón, rexurdiron tamén o recordo de vellas obrigas nunca atendidas.
Así, o 23 de outubro de 1669, xúntanse en Guitiande, na veciña parroquia dos Ánxeles, Gregorio de Arcay, do que sabemos que era o mordomo de Ortoño, e María Tubia, muller que quedara de Domingo Ferreiro, o cal estaba defunto, todos da parroquia de Ortoño, e fundan ante Antonio López Rocha dúas misas de aniversario. Estas dúas misas que se habían de dicir por Nosa Señora de agosto, eran pola “anima” de Ines Vidal, defunta tamén, e estes facíano obrigados polos herdeiros de Juan Tubío de Orta, entre os que estaba Juan Tubío o mozo. Este xunto con Gregorio de Arcay e María Tubío repartirían os gastos da misas.
Como o documento non especifica os vínculos familiares entre estas persoas, non sabemos que relación gardar entre eles e tampouco ca tal Ines Vidal. Ademais, como semella que se repartiu o pagamento anual entre todos os descendentes, ó ter pasado máis de un século, os cumpridores multiplícanse. Se embargo, son xentes todas que viven entre Bertamiráns, Pedregal e Carballido. Con todo pagouse esta fundación ata 1827.
No hay comentarios:
Publicar un comentario