Deste xeito cara 1828 dende Palacio faise unha pesquisa por parroquia para coñecer o valor dos curatos, rendas de fabrica, demografía e outras particularidades. E así en virtude de esta información temos unha boa fonte para achegarnos a esta faceta do Ortoño de principios do XIX.
O informante foino o párroco que era o indicado para contestar a tal enquisa, D. Bernardo Cerezuelo. Nela di que o curato, ou sexa o seu propio emprego, valía por quinquenio descontados os impostos, uns 9000 reais, e ademais contaba con 200 ferrados de centeo anuais por razón de oblata. A primeira percepción estaba divida en dúas partes, levando a metade o mosteiro de San Martín de Santiago, por ter sido Ortoño couto de San Paio anexionado polo San Martín Pinario, e a outra metade para o cura. A oblata era o gasto de dicilas misas ó que contribuían todos os matrimonios con un ferrado anual. O padroado da parroquia e a súa presentación era do conde de Altamira como foreiro de San Martín, como xa no lo dicía Geronimo del Hoyo a principios do s. XVII.
Igrexa de San Xoán de Ortoño, a casa da fábrica a man dereita. |
Este dato da oblata concorda co número de veciños, douscentos, xa que por veciño entendíase o cabeza de familia, e por tanto unha familia ou casa. Antigamente tamén se empregaba o termo fuego sinónimo a veciño ou casa. Outro dato demográfico aportado son as 800 almas de comunión que habitaban aquel entón Ortoño. En este caso refírese a todas as persoas maiores de 7 anos que podían recibir a comunión. Deste xeito temos unha media de catro persoas por familia nesta época.
En canto os bens da fabrica da igrexa, estes eran bastante menos que o valor do curato. Foran rendas doadas para empregalas na reparación e construción da igrexa parroquial. Ascendían cada ano a 35 ferrados de centeo, 13 de millo groso e máis o valor das sepulturas de cada ano.
Contaba tamén o párroco as misas de fundación que había impostas na parroquia, xa que estas tiñan unha limosna estipulada. Eran un número de corenta e non todas tiñan unha cantidade asignada, oscilando entre os dous e os dous reais e medio. Destas existían 29 que foran suprimidas por fundación nula.
Escudo dos Moscoso que se atopa no alto do Altar Maior de Ortoño, como condes de Altamira e presenteiros da parroquia. |
En canto a capelas ou hermitas consignase naquel tempo a de Lapido, que xa tiña a advocación de Nª Sª da Merced e outra privada na casa de D. José Pedralves, que corresponde ca antiga capela do denominado pazo da Peregrina. Xa non se contaba ca de San Ciprian que fora derruída en 1800 por estar arruinada.
Tamén se fai reconto dos feligreses da parroquia que chegaran ó estado clerical. Un número descoñecido hoxe en día, xa que eran 6 os sacerdotes ou diáconos ordenados, o que se achegaba o 1 % da poboación. Estes eran D. Vicente Álvarez, pro capelán de Santa Ysabel na parroquia de Santa María de Mira, no actual concello de Zas; os patromonistas D. José Casuso, D. Manuel Martínez, D. Manuel Vidal. Había un diácono que residía en Santiago, quizais preparándose para ordenarse de presbítero chamado D. José Mariño.
Entre eles contábase a un tal D. José Martínez, sacerdote en Iria. Este é o famoso José Martínez Viojo, que nesta data de 1828, xa era contado entre os sacerdotes, e non seminarista como algúns biógrafos de Rosalía de Castro dicían que era cando esta foi concibida, en 1836.
No hay comentarios:
Publicar un comentario