Hoxe en día moitas das manifestacións dos nosos antepasados chegáronos como consecuencia da perdurabilidade de varias, que non moitas, das súas tarefas de cotío.
Deste xeito, podemos contar entre elas os traballos de moer o grao, sexa centeo ou millo, froitos do traballo da terra, a través dos muíños.
Tanto é así, que estes pequenos edificios, achegados ós regueiros ou ós ríos, hoxe foron convertidos en monumentos de carácter etnográfico. As administracións locais, cando tiñan presuposto, restauraron algúns, sen se ter achegado a comprender varías particularidades da súa xénese e evolución ata a actualidade.
Estructura dun muiño de cubo. http://www.vilaboa.org/moliinos_canal_%20cas.html |
Exceptuando os muíños manuais domésticos, os da Maía foron todos hidráulicos. Os primeiros tiveron a súa orixe na época castrexa e romana, chegando o seu uso ata o mesmo s. XX, complementando ós de auga. Empregábanse para moer pequenas cantidades de cereal, como millo miúdo ou trigo, cereais estes que se sementaban en menor cantidade respecto a outros como o centeo.
Os de auga foron practicamente os hexemónicos na nosa bisbarra, ó non haber dispoñibles outros recursos enerxéticos como o vento ou as mareas.
Orixe.
Os muíños, son o igual que as restantes construcións humanas dun lugar, bens anexos a el. Así ó vimos nos foros e apeos dos lugares da parroquia de Ortoño. Un exemplo é o apeo do lugar das Cortes de 1563, onde o muíño inclúese dentro do término redondo e por tanto dos bens do dominio, ou sexa do conde, en este caso: ... los lugares que se dicen, das Cortes sitos en la dha felegrisia, con todas sus casas, cortes, heira, corral, cortiñas, huertas, molino, bouzas, montes, resios, devezas, castiñeiros, arboles e plantados e con todo lo demas perteneciente, a los dhos lugares ...
O muíño é un artefacto moi valioso no pasado, xa que permite realizar o traballo de moer sen ter que facer uso da forza humana, superando o muíño manual. Deste xeito, foi acaparado dende a idade media polos dominios e os señores feudais.
Anque era empregado polos moradores do lugar en realidade era propiedade do dominio, ou sexa do dono do lugar ou señor, as máis das veces no caso de Ortoño do conde de Altamira. Nos documentos de foro ou de apeo, recorda sempre a obrigatoriedade de ter reparado o muíño do lugar e que estea sempre listo para funcionar.
Muiño de Penamarela, totalmente restaurado ó ser reconstruido nun emplazamento novo, xa que o seu estaba situado no trazado da autovia Santiago-Brión. |
No caso de Ortoño conservamos unha testemuña interesante O Pedregal cara 1580 non dispoñía de muíño, e o conde no novo foro obriga a construír un nun prazo razoable. É máis entrega incluso unha cantidade de diñeiro para axudar a sufragar a súa construción.
Por tanto estas construcións foron sempre promovidas e coidadas polos dominios. O seu número tendeu, a partir do s. XVII, a aumentar debido tamén o aumento da poboación e por tanto do seu uso, como veremos máis adiante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario