viernes, 28 de mayo de 2010

Historia dos párrocos de Ortoño I (século XVII)

Ademais de moitas cousas referentes a historia da parroquia que se poden tirar do arquivo parroquial, tamén podemos facer a historia de aqueles que tiñan o deber de custodialo e ir elaborándoo, referímonos os párrocos e ecónomos de Ortoño.
O primeiro do que temos novas é de Diego Díaz. Sen embargo coñecémolo polas Memorias del Arzobispado de Santiago de Geronimo del Hoyo, que fala del cara 1607, como beneficiario de unha sinecura no arceprestazgo de Soneira.
Do seguinte xa temos nova polo arquivo parroquial. En 1617 era párroco Antonio Gómez de Parapar, ano en que da conta de unha vista pastoral á Ortoño. Morre en 1632 sendo suplido temporalmente por Melchor Xuarez de Andrade, cura de Bugallido. Conta o libro primeiro de fábrica que ca súa morte restituíuse unha vaca a cofradía do Santísimo que o rector morto usufructuaba. Quizais fose natural de San Vicente de Vilouchada no actual concello de Trazo, anque tamén podería ser de Carral ou de Muras ou o Páramo, en Lugo, concellos onde tamén existe o topónimo Parapar. Algún outro Gómez de Pararar foron notarios e racioneiro na catedral de Santiago.
No ano 1638, quizais despois de un período de interinidade, faise cargo da parroquia Alonso de Santiso. En realidade chamábase Alonso Muñiz de Santiso, e era natural de Vilabade en Lugo. Nese mesmo ano aínda era alumno da universidade, xa que sacara o grao de bachiller e preparábase para os exames de licenciado. O caso e que tampouco parou moito tempo, xa que en 1643 toma posesión en Ortoño Pedro Arias de Guitian, clérigo e fillo de Benito Díaz de Guitian cura que era de Brión, e que antes de se ordenar estivera casado con María de Torres e Cabrera, posible sobriña de outro cura de Brión. O pai de Pedro, D Benito, antes de ser párroco de Brión, foi meriño e xustiza maior de Altamira e Barcala polo conde de Altamira. Esta familia veu con case toda seguridade das terras de Sarria en Lugo de onde é este apelido a desempeñar oficios na administración condal de Altamira. Don Benito tamén puido vir chamado por seu tío, Pedro Ares cura que fora de Brión e morto en 1590.
Quizais Pedro non fose máis que un ecónomo ou administrador porque dous anos despois, en 1645 xa firma as partidas de bautismo o bachiller Gabriel Freire de Andrade que si era párroco. E sabémolo porque en 1653, aparece asinando unha concordia cos veciños e con D. Pedro Baldes Feijoo, cóengo lectoral da catedral de Santiago por mor das rendas das primicias de Ortoño.
Posiblemente Gabriel cedese a parroquia a un familiar seu, xa que tampouco botou moi tempo en Ortoño. Sucedeuno Pedro Freire de Andrade, do que sabemos que era rector en 1679, ordenado de menores ordenes. Esta circunstancia era habitual, despois de entrar no estado eclesiástico pola prima tonsura podía acceder a un beneficio a través da presentación do dominio que tiña ese dereito, en este caso o conde de Altamira. Despois tiña que “contratar” un crego si ordenado para que oficiase na súa parroquia mentres estudiaba e era ordenado de presbítero. Pedro era fillo do capitán Agustín Freire de Andrade e de Catalina Freire de Castro, naquel momento defuntos e veciños e naturais de San Estevo de Loentra no bispado de Mondoñedo. Este Pedro era aquel párroco que tiña un sobriño chamado Agustín estudiando no maior de Fonseca, e que tentou matar a Felipe Gil Taboada rector da universidade polo ano 1694.
Don Pedro foi rector de Ortoño ata a súa morte en 1704, enterrándose no presbiterio da igrexa, como era habitual en aquel entón. Foi o párroco que comezou as obras de reedificación da igrexa parroquial e das que chegou ata hoxe soamente o presbiterio. Dicir tamén que fundou unha memoria de misas sobre uns bens comprados nos lugares de Pedregal e Sisto, na mesma parroquia de Ortoño, e que a mediados do s. XVIII foi suprimida por seren estes bens do conde de Altamira.

viernes, 21 de mayo de 2010

O marco de Francos




Así como ata hoxe chegou a costume de poñer marcos para indicar ata onde chegan as propiedades, xa antigamente os dominios facíano cos seus estados, ou sexa co territorio onde exercían o seu poder señorial.
Ata nos chegou un documento moi interesante sobre esta cuestión. Tratase de un arrendo que o apoderado do conde de Altamira, D. Joseph Ysla de la Torre lle fai o Conde de San Juan de un lugar no couto de Francos, parroquia de San Xoán de Calo.
Xa tiñamos falado de este couto, propiedade dos condes de Altamira, onde se celebraban tres grandes feiras ó ano, das que soamente chegou ata nos a de San Martiño, en novembro. Tratábase de un lugar idóneo para o comercio xa que estaba na ruta de Santiago ós portos da ría de Arousa, e onde se podía comerciar cos productos da comarca. Francos era o territorio máis o leste da xurisdicción de Altamira, lindando ca do Xiro da Rocha propiedade dos Arcebispos, por moito tempo os seus adversarios.
No arrendo encontrado de 1762, arrendáselle a este ignoto personaxe unha parte do couto chamada lugar de “Pica el Gaio”, que era “fracción de Francos”. Parece ser que en aquela época tiña dúas casas e o seu territorio estaba ben definido, xa que consistía en unha única peza da que se dan os seus limites, entre eles a Cruz de Francos. Pois ben, un deles, era o outeiro de Bouza fría, que sería un vértice do couto e no que no alto encontrábase unha pedra grande. Esta pedra grande no momento de outorgar o arrendo, xa se di que en tempos tiña as armas “de su excelencia”, signo inequívoco de ser un marco, como diriamos agora, que marcaba un vértice dos dominios do conde.
Si daquela xa non se conservaba máis que a pedra, hoxe é probable que xa non quede nin pedra nin outeiro, debido as distintas infraestructuras viarias que hoxe cruzan o antigo couto de Francos.

martes, 18 de mayo de 2010

A imaxe de Maguxe


Hoxe traemos outra mostra de arte popular, tratase de unha imaxe da que parece Virxe María en un releve.
Esta peza semella moi antiga, e esta situada o pe da estrada que cruza Maguxe. Puidera estar relacionada ca capela de San Ciprian que dera lugar o nacemento do Santo.
Quizais se trate de unha labra do s. XVI, a tenor do xeito que mostra a figura e os adornos e tamén a patina da pedra. A peza descansa sobre outra pedra que conten letras de unha antiga inscrición, da cal aínda non puidemos saber máis

lunes, 10 de mayo de 2010

Arquitectura popular III

Un hórreo singular


Anque non o pareza, na nosa parroquia e tamén na nosa bisbarra, existen numerosas mostras de arquitectura popular de carácter singular. Hoxe traemos este hórreo do lugar de Carballido, do que se podería dicir que ou son dous distintos ou e un en forma de L.

Non sabemos a data da súa construción, anque quizais non teña moito máis de un século. Parece que sería da antiga casa que no s. XVIII pertencía os Cajuso, e que fora aforada con outras do lugar ó marques de Leis, D Joseph Gago e Romero, polo apoderado do conde de Altamira en 1757.
A casa foi mudando de apelido e xa hai anos foi vendida e restaurada e con ela o seu hórreo. Parte del discorre sobre o muro da súa propiedade, e parte sobre a corredoira que vai cara o paraxe da Namela. Así como este hórreo levantase sobre un camiño, era tamén moi común outras construción que o fixeran, como eran as parras, que co tempo fóronse retirando. Este hórreo en particular apoiábase ca súa pilastra sobre unha horta da mesma casa, e como deixaba o camiño libre, non houbo problemas pola súa ubicación.

viernes, 7 de mayo de 2010

Nos límites da Parroquia

O portelo do Pereiro

Antigamente ademais dos camiños de carro, que soían ter un ancho axeitado para pasar un carro de bois ou incluso dous, como se expuxo en esta entrada, tamén soia haber os camiños peatonais ou carreiros.
O portelo do Pereiro, entrada e límite entre as parroquias de Ortoño e Os Ánxeles

Tanto uns coma os outros discorrían polo medio das agras e dos montes, e as máis das veces atravesaban as tenzas e os agros cerrados, para o cal tíñanse feito cancelas e portelos.
Hoxe traemos o portelo do Pereiro, que é a entrada de un carreiro que ía da Estrella, en Carballido cara os lugares do Outeiro e Rial na parroquia dos Ánxeles. Atravesa o muro do Pereiro que é un agro do lugar do Cabo, do dominio do Cabildo de Santiago, e dentro da parroquia veciña dos Ánxeles, sendo por tanto límite parroquial. Pódese ver a súa situación no plano da entrada dos limites de Carballido. É o camiño que esta xusto arriba do rotulo “Lugar do Cabo”

Como era para deixar pasar persoas o seu ancho é moi reducido, impedindo así que entrasen carros en este Agro.
Hoxe non semella ser moi empregado por persoas, pero aínda sigue a ser transitado.

lunes, 3 de mayo de 2010

Personaxes relacionados con Ortoño

Luís Marcelino Pereira e Castrigo

Anque Luís Marcelino naceu no seo de una familia fidalga en Illobre, na Ulloa en 1754, tiña moito que ver con Ortoño, xa que era fillo de D. Luís Vicente Pereira de Moscoso e Dª Josefa Nieto; neto paterno de D. Ignacio Pereira e Moscoso e Dª Ignacia Núñez de Castrigo e Sanmamed, filla esta de Antonio de Castrigo e neta de Gregorio de Castrigo, unha das persoas máis relevantes de Ortoño no s. XVII, como xa se ten dito.
A súa formación desenvolveuse na Universidade de Santiago onde estudiou artes e dereito, licenciándose en 1775. Tras a reforma universitaria de 1772, ensina en Santiago matemáticas, que era unha nova materia. Entre 1776 e 1780 fai carreira en Madrid exercendo a avogacía, chegando a ser en 1779 avogado dos Reais consellos. Sen embargo ata 1779 segue impartindo clases na universidade de matemáticas e física.
Ademais da súa labor universitaria, na década de 1780 Luís Marcelino tivo un papel fundamental na fundación da Sociedad Económica de Amigos del Pais de Santiago, e na edición do periódico El Censor. No ámbito da economía impulsou varios proxectos, entre os que destacan un de 1785 para que a Sociedade patrocinase unha cátedra de Economía Civil na universidade, para a cal se ofrecía como profesor, ou os seus traballos sobre a industria téxtil en Galicia.
En 1781 funda xunto co avogado granadino Luís María del Cañuelo o periódico El Censor, no que Pereira expresaba que a España da época necesitaba profundas reformas. Tratábase de unha publicación de caracter enciclopedista e liberal que cuestionaba políticas e principios lexislativos, relixiosos e sociais. Anque a maior parte dos artigos foron atribuídos a Cañuelo, Pereira sería un asiduo colaborador xa que moitos temas eran os mesmos que impulsaba a Sociedad Económica, que se reunía no Real Hospital de Santiago, onde Pereira era o seu
Secretario. Hai que sinalar que nesta publicación soamente empregaba o apelido Castrigo, que lle viña por súa avoa paterna.
Nesta época escribe as “Reflexiones sobre la Lei Agraria” (1788), onde mostra o seu liberalismo económico. Pereira que era un profundo coñecedor de Galicia mostrase contraio os morgados, as amortizacións e os vínculos, mentres que defende a libre contratación e compra-venta de terras e o reparto dos montes comunais. Moitas de estas reflexións con outras de outros ilustrados españois foron fonte de influencia para o informe da Ley Agraria de Jovellanos.
En 1792 Luís Marcelino Pereira deixa a cátedra compostelán para ocupar unha praza de alcalde do crime na “Sala de Hijosdalgo” da Real Chancilleria de Valladolid. Posteriormente, en 1797 ascendeu a oidor deste tribunal e en 1799 foi nomeado correxidor do señorío de Vizcaya. Despois desempeñaría outros cargos en Madrid, como comisionado para a venda de bens relacionados ca desamortización de Godoy, e en 1804 nomeouse supernumerario na Sala de Alcaldes da Real casa e Corte.
Na conxuntura política de 1808 a 1811 permitiu a Pereira manifestar a súa forma de pensar contraria o antigo réxime. A súa posición a favor dos afrancesados permitiulle ocupar postos de xurista e político. Pódese considerar a Luís Marcelino Pereira e Castrigo como un dos integrantes da segunda xeración de ilustrados, xunto con personaxes tan relevantes como Jovellanos. Morre o 30 de abril de 1811, o que o salvou dunha segura represaría por parte da reacción absolutista polo apoio que tiña prestado ó novo réxime.
Con todo, a pesares da forma de pensar de Luís Marcelino, a familia Pereira seguiu cobrando en Castrigo o foro ós seus familiares labregos ata mediados do século XIX.