viernes, 31 de diciembre de 2010

O libro de fundacións VI

Sexta Fundación. 1704

D. Pedro Freire de Andrade, reitor de San Xoán de Ortoño, sentíndose xa vello e canso determina outorgar o seu testamento. Pouco ou practicamente nada coñecemos da súa facenda, dos seus familiares e das súas intencións, xa que anque sabemos que testou o 4 de maio de 1704 en Santiago, ante Domingo da Silva e Nodal, escriban real e das audiencias arcebispais, soamente nos chegou ata nos a fundación de unha misa cantada e dúas rezadas a trabes do mentado libro de fundacións.

Era natural de San Estevo de Loentra, no bispado de Mondoñedo. Nacera en 1655 sendo un dos fillos do capitán don Agustin Freire de Andrade e doña Catalina Freire de Castro. Tiña que ter outros irmáns, xa que tivo un sobriño estudando en Santiago, chamado Agustín que lle dou moito que facer.

D. Pedro para poder instituír a fundación desta memoria pía, comprara previamente varías fincas que hipotecou ó testar para deste xeito se puidera cumprir. Tratábase de tres fincas que comprara no lugar de Sisto, lugar hoxe confundido dentro do Pedregal. Tiñan certas rendas que llas deixaba a fabrica de Ortoño como pago das misas.

Sen embargo, tendo en conta o asisado que era este presbítero, ó recordar como axudou ó seu sobriño, non puido prever en este caso un fatal desenlace. Pois si, ó comprar as tres fincas non reparou que o facía en términos do lugar do Sisto, que viña sendo do directo dominio do conde de Altamira. Así, 50 anos despois do seu pasamento, e precisamente no preito que enfrontou os veciños da parroquia de Ortoño co conde, descóbrese toda esta situación. De modo que en 1757, don José Isla de la Torre, como apoderado do conde, despoxou a fabrica da igrexa de Ortoño destes bens, quedando por tanto anulada a fundación.

Isto danos unha idea do concepto que os veciños tiñan da propiedade da terra entre os s. XVII e XVIII. As casas, as leiras e demais bens inmobles eran considerados propios, o mesmo cura da parroquia compartía esta forma de pensan, xa que dispuxo deles como si fosen propios. Por iso a década dos 50 do s. XVIII tivo que ser unha época moi traumática en Ortoño, ata o extremo de conatos de rebeldía por parte dos veciños que trataremos no futuro.

En definitiva, don Pedro non resultou ser tan asisado.





martes, 28 de diciembre de 2010

A gavilla IV

Contraste entre a historia e a tradición.

A vida e aventuras de Lorenzo Tasende causaron un profundo impacto nas xentes da súa época, de xeito que o seu recordo chego ata nos a través da tradición oral. Sen embargo a súa memoria mesturouse con outras lembranzas e historias que tiñan unha temática semellante.


Fusilamentos de Estella, durante a primeira guerra carlista na década dos 30 do s. XIX, do mesmo tempo que os de Tasende e a súa gavilla.


No relato do asalto frustrado á casa do capelán de Santa Minia, existen tales contradiccións históricas que o fan inverosímil conxuntamente, pero que nos desvelan recordos e tradicións previas que si terían sentido.

En primeiro lugar está a época. O capelán de Santa Minia, que vivía na casa dos Salaño das Cortes, chamábase D. José Salaño Martínez e a súa vida transcorreu entre os anos 1830 e 1906. Non houbo outro capelán desa santa ante del, porque Santa Minia chegou a Brión dende Cádiz en 1847 e despois de estar na casa de Luís Tubío pasou a igrexa parroquial ata que se construíu o seu santuario.

A vida deste sacerdote esta chea de sucesos e anécdotas interesantes que deixaremos para outra ocasión. Seu irmán chamábase Andrés e viviu practicamente nos mesmos anos que el, entre 1832 e 1906. Pois ben, poderíamos situar a data do asalto da gavilla ó redor de 1890, xa que os sobriños do cura: María e Francisco naceran en 1872 e 1874 respectivamente, e cara principios da década dos noventa do s. XIX tería as idades que se relataban. Pero como vimos no artigo anterior, a Lorenzo Tasende fusilárono en febreiro de 1835, ano en que o capelán aínda era un neno de 5 anos.

Lorenzo Tasende e os seus foron fusilados, como se dixo, xa que se lles aplicou o réxime militar, se foran xulgados como civís terían sido axustizados co garrote, porque a forca foi definitivamente suprimida en 1832 por Real Cédula de Fernando VII. Por tanto, o relato queda desarticulado definitivamente por este dato e os anteriores. Nunca puideron coincidir o Tasende e os seus ca familia do capelán, xa que eran de épocas distintas.

Deste xeito podemos entrever que nesta historia hai outros recordos de tempos distintos, aló menos un de finais do s. XIX e outro de principios.

O que falaría dun suceso cara 1890 é no que entran os Salaño, o culto a Santa Minia e a garda civil, xa que esta non se creou ata entrada a segunda metade do século. Tamén nel entenderíase plausible a persecución dos foraxidos no monte. Sen embargo, a primeiros do 1800 os bandoleiros soamente se xuntaban para roubar, non vivían fora da sociedade. O mesmo Tasende a maior parte do tempo pasábao como taberneiro. Desta época si sería a pena de forca.

Pero aínda así, tampouco hai algún dato que vincule a Tasende, a parte da súa sona, xa que como vimos, el foi fusilado. As distintas xeracións foron contando historias de agavillados e bandoleiros xuntándoas modificándoas e refundíndoas, de xeito que as que chegan ata hoxe traen o inconfundible selo da tradición.

lunes, 27 de diciembre de 2010

O libro de fundacións V

Quinta fundación. 1709

O 7 de febreiro de 1709, Clemente Rey, veciño de Ortoño, funda unha misa perpetua que deixara a súa defunta Muller Dominga Terceado.

Este matrimonio non tivo descendencia polo que morre neles mesmos a súa arbore xenealóxica, xa que non sabemos máis nada nin dos seus proxenitores nin de outra familia algunha. No caso de Clemente puidera ter unha sinxela e convincente explicación. O apelido Rey é un apelido que se lle impón os rapaces fillos de pais descoñecidos, e que na zona de Santiago ían a parar ó Hospital dos Reis Católicos onde había unha inclusa. Si era nena o apelido mudaba en Raíña ou Reyna como se pode ver na documentación.

Aínda así a alguén lle deixaron o que tiñan, xa que houbo quen pagou a misa perpetua pola alma de Dominga Terceado. Estes foron Miguel Trenco a finais do s. XVIII e principios do XIX, e Francisco Casuso entre 1817 e 1827

lunes, 20 de diciembre de 2010

A gavilla III

A historia de Lorenzo Tasende.


Cara 1812, en plena guerra da independencia, esténdense a alarma nas proximidades de Padrón ante a aparición dunha gavilla. Pronto a xente coñece o nome do capitán da mesma e os dos seus máis inmediatos lugartenentes. Mandábaa Lorenzo Tasende, veciño da Esclavitude. Este era fillo de Lorenzo Tasende de Ocampo, notario da mesma parroquia de Santa María de Cruces, persoa respectable en toda a comarca.

Taberna típica do s. XIX. Lorenzo Tasende rexentaba unha na Esclavitude cando non andaba a roubar ca súa gavilla.
(http://www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia= 70104&usuario=)





As orixes do apelido Tasende proceden de San Pedro de Bugallido, concretamente do lugar de Eirapedriña. Porque seguramente foi un fillo de Lucas Tasende e Catalina de Orta (castelanizado “de la huerta”) o que casou en Cruces, na primeira metade do s. XVIII, con unha Rodríguez de Ocampo, familia emparentada cos descendentes do bispo de Quito Alonso de la Peña, natural de Padrón. Deste matrimonio sería fillo o notario e neto o bandoleiro.


Reconstrución posible da Árbore dos Tasende

Lorenzo Tasende fillo, mesmo tiña tomado os estudios en Santiago, devido a posición social e económica de seu pai. Sen embargo estudiar non era o seu e volveu a Cruces onde casou con María Gómez e rexentou unha taberna. Taberna que o pouco de empezar a roubar elle embargada polo xuíz de Padrón. No inventario dela soamente aparece mobiliario e utensilios vellos e cousas todas de pouco valor, agás algún libro que demostraba que tivera boa educación.

Deste xeito ó fronte da taberna da Esclavitude, recibía no seu pobre establecemento un nutrido e surtido elenco de xentes. Era esta a taberna a peza fundamental do bandoleirismo en Galicia. Porque era nela onde se xuntaban os agavillados, e argallaban os golpes. Os mesmos taberneiros formaban parte das gavillas ou polo menos estaban no allo e levaban parte do botín. Alí era tamén onde se preparaban para os roubos despois de facer unha copiosa comida e bebida o que os desinhibía e os dispoñía para botarse a facer calquera acción. Quizais aínda hoxe, proceda de estes lugares ou no seu defecto do botellón algún que outro acto de vandalismo.
Santuario do Rosario na parroquia padronesa
 de Santa María de Cruces

Comezaron realizando roubos en Iria, Lestrove, Sorribas, e posteriormente introducíronse cara ó norte cara as terras da Luaña, pero rouban igualmente na comarca de Caldas e Cuntis, xa que nese tempo a gavilla de Caldas tiña desaparecido. Incluso proxectaban roubos na zona do mar, chegando a Abalo en Catoira. Chegou o Tasende a comandar un grupo de 34 homes e 10 mulleres como colaboradoras e informadoras.

Un dos seus primeiros roubos máis soados foi o que cometeu o 8 de abril de 1812, o asaltar a rectoral de Sorribas, no actual concello de Rois. O mesmo Tasende leva neste roubo 22 onzas de ouro, e a gavilla repártese catorce montóns de prata. Así é todo Tasende e os seus estiveron actuando ata aproximadamente 1814, ano no que é detido e encadeado.

Deste xeito pasa varios anos na cadea ata que en 1834, xa en liberdade, recompón a súa gavilla e volve a actuar en varios lugares manifestando unha extraordinaria mobilidade. Posiblemente o roubo máis espectacular foi o que realizaron nese mesmo ano de 1834 ó cura de Miñortos en Portosín, bastante lonxe da súa area de actividade. O roubo de Miñortos inicialmente fíxose crer que fora realizado por unha partida carlista, anque moi pronto a xustiza deuse de conta que se trataba da gavilla do Tasende. Este e os seus presentase un día pola mañán na casa do cura en formación militar, para dar a impresión de ser carlistas. Éntranlle na eira ó cura dando victores a Carlos V e o capitán montaba un cabalo branco e traia un gran trabuco. Entón entrevistase co cura cortesmente e dille que veñen por armas. Pero no rexistro estraña a avidez dos presuntos soldados. O Tasende ante a perplexidade do cura pídelle cartos dicindo que son xentes necesitadas, e como a resposta é negativa sacan a machada e non deixan un moble san. Ó final descontando os utensilios de prata rouban 10.000 reais deixando os cartos das animas. “Nada querían cas Animas”, disque dicía un. Na declaración do cura recoñece que anque daban vivas a Carlos V facíano sen entusiasmo e como de burla e engade que o xefe era de porte fino. Dende logo, o Tasende, o fillo do notario de Cruces, sabia exercer de señor cando quería.

Sen embargo a vida fora da lei non era sinxela para estes foraxidos. Como o estado non tiña forzas suficientes para atallar o problema eran as mais da veces os mesmos veciños os que se enfrontaban ós bandidos. Poucas veces asisten pasivos ós roubos, xa que os agavillados rouban indiscriminadamente ós que teñen como ós pobres. En unha acta o xuíz declara que a determinada persoa “le robaron toda su pobreza”. Por eso o mesmo Tasende tivo que verse con partidas de veciños e labregos velando pola súa seguridade. Así o 19 de outubro de 1834 matan a un paisano que facía a rolda, e entabóase un tiroteo entre estes e a gavilla.

Con Tasende participaba na súa gavilla Lorenzo Rey, alias “Pita”, que actuaba de segundo, Vicente Boquete alias “Pantaleón”, Ramón Noenlle e outros experimentados ladróns. Non vivían fora da sociedade, soamente se xuntaban para delinquir, intentado pasar desapercibidos despois nos seus ambentes. Lorenzo Tasende movíase só aló menos pola bisbarra da Maía. Frecuentaba, segundo un relato, a taberna que había no anexo, en San Salvador de Bastavales, rexentada naquel entón por María Esturao Mella; muller solteira que viñera de San Pedro de Fiopáns na comarca de Barcala. Parece que entrara de criada na casa de un tal Casal do lugar de Vilas en Bastavales, deixándolle a taberna en arrendamento pasando a ter alí contacto cos agavillados. Disque, Tasende ía alí a comer con outros tortillas feitas con ducias de ovos.

A gavilla do Tasende desaparece definitivamente no ano 1835 cando a xustiza militar condenou a morte e fusilou a Tasende, Lorenzo Rey, Vicente Boquete e outros, acusados de ladróns e facciosos. Disque entregouse cerca do lugar da Picaraña, nos confíns da parroquia de Cruces e a de Ribasar. Como a opinión publica estaba xa moi farta del buscouse seguramente acusalos de colaboradores carlistas para desfacerse definitivamente deles. Foron fusilados o 13 de febreiro de 1835, acusados de cómplices da partida carlista de López, que se perseguía dende había 10 anos. Disque para eso empregaron unha factura firmada polo xefe carlista para imputarlles a pena máxima.

viernes, 17 de diciembre de 2010

Libro de Fundacións IV

Cuarta fundación: 1703

O 5 de xullo de 1703 Domingo de Busto consigna unha misa de fundación que deixaran seus pais en testamento. Faino ante o reitor D. Pedro Freire de Andrade, o que tiña aquel sobriño tan rebelde. Seus pais eran Juan de Busto e Antonia Xens. Deles non sabemos a que lugar pertencían, porque non o di a escritura e porque os seus descendentes mudaron o apelido e non se puido rastrexar. Un dato interesante é que xa había que morreran ou polo menos que testaran, xa que o fixeran ante Antonio López Rocha o 19 de marzo de 1685. Este é un dos notarios de número da xurisdición da Maía que tiña residencia no lugar de Guitiande, parroquia dos Ánxeles. Os protocolos de este como dos demais notarios de esta xurisdición están en paradoiro descoñecido, e por tanto resulta imposible investigar por esa vía.

De tódolos xeitos os descendentes da familia Busto, o igual que nestes casos, quizais se fixeran de rogar a hora de recoñecer cargas sobre as herdanzas recibidas. Sen embargo esta fundación pagouse, como segundo constata o libro, ata 1817 sen saber que pasou despois. Foron pagadores e quizais tamén familiares de esta familia no s. XVIII Gerónimo de Cobas e Felipe Roxido

sábado, 11 de diciembre de 2010

A gavilla II

A tradición oral.

Contábase que nunha mañan fría de inverno, viñan as Carneiras das Cortes baixando por debaixo da igrexa cara súa casa, despois de moer toda a noite no muíño do Instrumento. Nesto, chegando as primeiras casas das Cortes da riba, oíron un grande estrondo de cascos de cabalos nas lousas da corredoira. Como non sabían quen podería ser colleron medo e saíron do camiño agochándose detrás dun arró. Dende alí deron visto vir unha tropa de xente armada de acabalo e déronse conta de que era a gavilla do Tasende. Agochadas onde estaban oíronlles dicir que ían a asaltar a casa de Salaño e mentres deixaban os cabalos na de Mariño. Para eso metéronos na eira e desbarrigaronlle a cabana, que estaba chea de cabucos de millo, para que os cabalos comeran. Disque decíase que a de Salaño era rica, xa que o cura da casa era capelán de Santa Minia, e recollía moitas limosnas.

En canto a súa situación a de Salaño estaba o lado da de Mariño separada pola corredoira. Esta e a súa eira están cerradas por unha muralla alta e para entrar so había o portal da entrada e unha porta no fondo da horta. Naquel momento soamente estaba o cura e seu irmán e máis unha sobriña e non sabían nada do que estaba a pasar fora. Sen embargo o cura, que se encontraba no seu cuarto, veu pola ventana xente que se movía por fora da muralla e semelloulle que podía ser os ladróns. Entón foi cando avisou a seu irmán e a sobriña para que atrancasen as portas. A casa tiña troneiras en riba destas polas que se podía encañonar os que estivesen fora. O cura resolveu que deberían resistir ós bandoleiros xa que dispoñían de armas e munición suficiente. Mentres os bandoleiros tomaran posicións para dispoñerse a entrar na casa, o cura e seu irmán, xa avisados, preparáronse para contelos. Entón, non se sabe moi ben como, comezouse a disparar, e mentres os de fora tentaban darlle ós de dentro, estes defendíanse devolvendo os disparos. Nunha desas unha bala perdida doulle a sobriña que chamou polos seus para que a acudisen. Seu tío o cura contestoulle que non lle podían valer, e que se tirase nunha cama. Despois resultou que soamente fora unha rozadura sen máis complicación.
Así estiveron boa parte do día ata que veu a noite e todo se calmou. Nesto voltou o outro sobriño que era mozo e fora as xuntas de Bastavales pola festa de San Xulián. Antes de entrar na súa casa chamárono os seus primos da casa da baixo, que estaba pegada a de Salaño, e dixéronlle que non entrara, por que ese día estiveran todo o día a tiros e o mellor quedaba algún bandoleiro escondido esperando entrar cando a xente da casa abrira a porta, e que era mellor que quedase a durmir con eles. Entón díxolle ós primos que non tiña medo e que ninguén lle impediría entrar na súa casa. Así foi e tivo sorte e non pasou máis nada e todo quedou calmo.
Disque a gavilla do Tasende era moi temida e que entrara a roubar en moitos sitios. Segundo se decía tiñan de man a xustiza polo cal facían o que querían. Pero sucedeu que dunha volta nomearon un xuíz que non se deixou comprar e entón tentárono matar. Un día estaba na súa casa e viñeron e rodeárona ca intención de entrar a matalo. Pero a criada da casa non lles abreu a porta e díxolle o xuíz que cando entraran que se colara polo burato da letrina que daba a corte do gando que había debaixo. Deste xeito cando entraron e a criada lles dixo que non estaba o xuíz, eles non a creron e rexistraron toda a casa sen atopalo. Aquel día salvouse pero noutra ocasión non tivo tanta sorte e deron con el e matárono tirándoo o seu corpo o río Ulla. Boa a fixeron porque entón a garda civil botouse o monte e ata que dou con todos eles non parou. Xulgáronos e colgáronos a todos en Santiago, na carballeira de San Lourenzo. A sobriña do cura das Cortes, a que fora ferida na refrega do asalto a súa casa, quixo ir vela execución a Santiago. Na casa dixéranlle que non debería ir, xa que a escena era desagradable e moi impresionante, pero non fixo caso e foi igual. Pero o que lle dixeran na casa era certo, e tanto lle impresionou que se puxo mala durante unha semana.



Este é un dos relatos que nos chegaron ata a actualidade a través da tradición oral. Nel cóntansenos un asalto frustrado e unha breve esbozo da gavilla do Tasende así como o seu final. Sen embargo, existen nel moitos datos contradictorios e erróneos dende un punto de vista histórico, datos que tentaremos analizar para podelos comprender mellor.

lunes, 6 de diciembre de 2010

Libro de Fundacións III

Terceira fundación. 1679


Juan de Raíces da Punxeira funda dúas misas perpetuas seguindo unha cláusula do testamento de seu tío defunto Alonso Lorenzo. En realidade xa é a segunda vez que se fai por mor da presumible perda do primeiro libro, xa que o tal Alonso Lorenzo parece que había moito tempo que morrera.

Este Juan de Raíces da Punxeira é o sogro de Antonio Tubío, o que consigna a primeira fundación, na orde na que chegou ata nos o libro. Pero tamén parece que a familia desta volta se desfixo desta carga perpetua enaxenando os bens , xa que a finais do s. XVIII son outros os pagadores das misas. Tanto Luís de Vilanova como Joseph Cavo eran tamén veciños das Punxeiras.


jueves, 2 de diciembre de 2010

A gavilla I

Introducción.

Gavilla é unha palabra castelán que ven a significar monllo ou feixe en galego. Sen embargo empregouse moito na nosa terra para denominar a banda ou conxunto de bandoleiros que se xuntaban para roubar capitaneados por un xefe máis ou menos emblemático.

Roubar é un mal que afectou a tódolos tempos, pero o fenómeno das gavillas douse especialmente no século XIX debido a unha serie de circunstancias adversas que sufriu a sociedade naquela época. Estas debéronse principalmente o estancamento económico da primeira metade do s. XIX unido a inestabilidade política ocasionada polas distintas guerras da independencia, a que enfrontou a absolutistas e liberais e finalmente as guerras carlistas e os levantamentos militares.

O resultado foi un deterioro da economía, centos de prisioneiros e unha poboación marxinada que despois de moitos anos adicada a guerrilla, o pillaxe e a non traballar botase a roubar. A esto habería que unir, sobre todo na primeira metade do século, unha grande inestabilidade xudicial a consecuencia do cambio estructural do sistema. Ademais desto, a desamortización dos bens da Igrexa, e o abandono de moitas actividades benéficas e asistenciais que non foron suplidas polo Estado non fixo máis que agravar o problema.

En definitiva a acumulación de todos estes factores e outros son os que explican as bandadas de persoas marxinadas que optan polo bandoleirismo para sobrevivir. O fenómeno das gavillas e o seu mundo na nosa terra esta moi lonxe da idea romántica de protesta social, era máis ben unha saída a marxinalidade.
Escena de bandidos de Leonardo Alenza. Museo de Bellas Artes de Bilbao: www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia=13066&usuario=

En Galicia chegou a haber moitas gavillas, e algunhas con máis de 100 bandoleiros. Na nosa bisbarra e na nosa parroquia de Ortoño actuaron algunhas que deixaron na tradición popular un imborrable recordo. Recordos que chegaron ata hoxe fundindo relatos de diversas épocas.

Cara o final da guerra da independencia surxe unha gavilla nas inmediacións de Santiago que logo é desbaratada. Tempo despois, cara 1830, destaca outra que ten o seu radio de acción entre Calo, Ortoño, Laraño, Sergude etc. Destaca nela Josefa Míguez, encargada de planear os roubos e vender o roubado.

Sen embargo a máis famosa de todas na nosa bisbarra foi a do Tasende, que comezou a actuar en 1812, e despois de uns anos de interrupción volveu cara 1834. É precisamente a deste bandoleiro do que máis recordos e contos chegaron ata hoxe, anque eso si, mesturados con outras narracións de outros tempos e contextos.