Cara 1812, en plena guerra da independencia, esténdense a alarma nas proximidades de Padrón ante a aparición dunha gavilla. Pronto a xente coñece o nome do capitán da mesma e os dos seus máis inmediatos lugartenentes. Mandábaa Lorenzo Tasende, veciño da Esclavitude. Este era fillo de Lorenzo Tasende de Ocampo, notario da mesma parroquia de Santa María de Cruces, persoa respectable en toda a comarca.
Taberna típica do s. XIX. Lorenzo Tasende rexentaba unha na Esclavitude cando non andaba a roubar ca súa gavilla. (http://www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia= 70104&usuario=) |
As orixes do apelido Tasende proceden de San Pedro de Bugallido, concretamente do lugar de Eirapedriña. Porque seguramente foi un fillo de Lucas Tasende e Catalina de Orta (castelanizado “de la huerta”) o que casou en Cruces, na primeira metade do s. XVIII, con unha Rodríguez de Ocampo, familia emparentada cos descendentes do bispo de Quito Alonso de la Peña, natural de Padrón. Deste matrimonio sería fillo o notario e neto o bandoleiro.
Lorenzo Tasende fillo, mesmo tiña tomado os estudios en Santiago, devido a posición social e económica de seu pai. Sen embargo estudiar non era o seu e volveu a Cruces onde casou con María Gómez e rexentou unha taberna. Taberna que o pouco de empezar a roubar elle embargada polo xuíz de Padrón. No inventario dela soamente aparece mobiliario e utensilios vellos e cousas todas de pouco valor, agás algún libro que demostraba que tivera boa educación.
Deste xeito ó fronte da taberna da Esclavitude, recibía no seu pobre establecemento un nutrido e surtido elenco de xentes. Era esta a taberna a peza fundamental do bandoleirismo en Galicia. Porque era nela onde se xuntaban os agavillados, e argallaban os golpes. Os mesmos taberneiros formaban parte das gavillas ou polo menos estaban no allo e levaban parte do botín. Alí era tamén onde se preparaban para os roubos despois de facer unha copiosa comida e bebida o que os desinhibía e os dispoñía para botarse a facer calquera acción. Quizais aínda hoxe, proceda de estes lugares ou no seu defecto do botellón algún que outro acto de vandalismo.
Comezaron realizando roubos en Iria, Lestrove, Sorribas, e posteriormente introducíronse cara ó norte cara as terras da Luaña, pero rouban igualmente na comarca de Caldas e Cuntis, xa que nese tempo a gavilla de Caldas tiña desaparecido. Incluso proxectaban roubos na zona do mar, chegando a Abalo en Catoira. Chegou o Tasende a comandar un grupo de 34 homes e 10 mulleres como colaboradoras e informadoras.
Un dos seus primeiros roubos máis soados foi o que cometeu o 8 de abril de 1812, o asaltar a rectoral de Sorribas, no actual concello de Rois. O mesmo Tasende leva neste roubo 22 onzas de ouro, e a gavilla repártese catorce montóns de prata. Así é todo Tasende e os seus estiveron actuando ata aproximadamente 1814, ano no que é detido e encadeado.
Deste xeito pasa varios anos na cadea ata que en 1834, xa en liberdade, recompón a súa gavilla e volve a actuar en varios lugares manifestando unha extraordinaria mobilidade. Posiblemente o roubo máis espectacular foi o que realizaron nese mesmo ano de 1834 ó cura de Miñortos en Portosín, bastante lonxe da súa area de actividade. O roubo de Miñortos inicialmente fíxose crer que fora realizado por unha partida carlista, anque moi pronto a xustiza deuse de conta que se trataba da gavilla do Tasende. Este e os seus presentase un día pola mañán na casa do cura en formación militar, para dar a impresión de ser carlistas. Éntranlle na eira ó cura dando victores a Carlos V e o capitán montaba un cabalo branco e traia un gran trabuco. Entón entrevistase co cura cortesmente e dille que veñen por armas. Pero no rexistro estraña a avidez dos presuntos soldados. O Tasende ante a perplexidade do cura pídelle cartos dicindo que son xentes necesitadas, e como a resposta é negativa sacan a machada e non deixan un moble san. Ó final descontando os utensilios de prata rouban 10.000 reais deixando os cartos das animas. “Nada querían cas Animas”, disque dicía un. Na declaración do cura recoñece que anque daban vivas a Carlos V facíano sen entusiasmo e como de burla e engade que o xefe era de porte fino. Dende logo, o Tasende, o fillo do notario de Cruces, sabia exercer de señor cando quería.
Sen embargo a vida fora da lei non era sinxela para estes foraxidos. Como o estado non tiña forzas suficientes para atallar o problema eran as mais da veces os mesmos veciños os que se enfrontaban ós bandidos. Poucas veces asisten pasivos ós roubos, xa que os agavillados rouban indiscriminadamente ós que teñen como ós pobres. En unha acta o xuíz declara que a determinada persoa “le robaron toda su pobreza”. Por eso o mesmo Tasende tivo que verse con partidas de veciños e labregos velando pola súa seguridade. Así o 19 de outubro de 1834 matan a un paisano que facía a rolda, e entabóase un tiroteo entre estes e a gavilla.
Con Tasende participaba na súa gavilla Lorenzo Rey, alias “Pita”, que actuaba de segundo, Vicente Boquete alias “Pantaleón”, Ramón Noenlle e outros experimentados ladróns. Non vivían fora da sociedade, soamente se xuntaban para delinquir, intentado pasar desapercibidos despois nos seus ambentes. Lorenzo Tasende movíase só aló menos pola bisbarra da Maía. Frecuentaba, segundo un relato, a taberna que había no anexo, en San Salvador de Bastavales, rexentada naquel entón por María Esturao Mella; muller solteira que viñera de San Pedro de Fiopáns na comarca de Barcala. Parece que entrara de criada na casa de un tal Casal do lugar de Vilas en Bastavales, deixándolle a taberna en arrendamento pasando a ter alí contacto cos agavillados. Disque, Tasende ía alí a comer con outros tortillas feitas con ducias de ovos.
A gavilla do Tasende desaparece definitivamente no ano 1835 cando a xustiza militar condenou a morte e fusilou a Tasende, Lorenzo Rey, Vicente Boquete e outros, acusados de ladróns e facciosos. Disque entregouse cerca do lugar da Picaraña, nos confíns da parroquia de Cruces e a de Ribasar. Como a opinión publica estaba xa moi farta del buscouse seguramente acusalos de colaboradores carlistas para desfacerse definitivamente deles. Foron fusilados o 13 de febreiro de 1835, acusados de cómplices da partida carlista de López, que se perseguía dende había 10 anos. Disque para eso empregaron unha factura firmada polo xefe carlista para imputarlles a pena máxima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario