martes, 26 de abril de 2011

O Libro de fundacións XVII

Decimo sétima fundación


3 de decembro de 1684.

Reunidos Alonso Douteiro, veciño de Bugallido e seu fillo Domingo no adro de Santa María dos Ánxeles por diante do notario Antonio López Rocha, fundan en 1684 unha misa rezada que lle mandara dicir Alberte Bravo, defunto e home que fora de Alberta González, veciños que foran de Ortoño, como herdeiro que fora del.

Esta é unha fundación feita nunha parroquia lindante a Ortoño por un feligres de outra, pero seguramente os bens hipotecados estaban no lugar de Punxeiras, xa que despois de estes dous veciños de Bugallido serán xentes de aquel lugar as que seguiran pagando esta fundación ata ben entrado o século XIX.

Hai que facer notar que na maior parte destas primeiras fundacións do libro, son obras pías feitas por veciños do entorno dos lugares das Punxeiras, ou alo menos alí se atopan os bens hipotecados para o pago perpetuo de aquelas obrigas. Nesta en particular repítense os mesmos pagadores que en outras que xa levamos consignado. En todas elas resoa nos antigos devanceiros o apelido González como o que se repite varias veces. Todo indica que todas aquelas xentes mantiñan lazos familiares antigos ca familia dos González da Condomiña, liñaxe de antigos fidalgos asentados naquel lugar da xurisdición da Maía e que mantiñan un relevante estatus social. De feito aqueles González eran os patróns de unha capela inclusa na parroquia a titulo de Santa Lucia, na que incluso tiñan dereito de enterramento, e da que xa falamos neste blog.

É posible que aquel interese dos devanceiros do s. XVII de mandar fundar obras pías non fose, ademais da devoción unha forma de imitación social ó tronco principal dos seus antepasados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario