22 de setembro de 1669.
Despois de moitos anos Gregorio de Castrigo acude ante o notario Antonio López Rocha, da xurisdición da Maía e veciño de Guitiande nos Ánxeles, para fundar oito misas que deixara súa defunta nai María de Lago. Ésta había case trinta anos que morrera, pero tanto as herdanzas como as relacións cos seus medios irmáns, os Douteiro, quizais foran deixando as cousas sen acabar de facer.
Súa nai casara por primeira vez con Bieito de Sanmamed. A primeira muller de aquel, Dominga de Castrigo morrera nos primeiros anos do s. XVII. El era de Ames e semella que cando casou en segundas nupcias con María de Lago, natural de San Miguel de Boullón, non tiña descendencia. Sen embargo deste matrimonio houbo un fillo: Gregorio que había de nacer cara 1610. Sen embargo os poucos anos mórrelle o pai e súa nai casa de novo con Domingo Douteiro, manténdose no lugar de Castrigo. O novo matrimonio ten máis descendencia cos cales Gregorio preiteou varias veces polos bens de seu pai defunto tendo resultados dispares.
É precisamente agora en 1669, xa na súa idade madura, cando parece ter chegado a algún entendemento cos seus medios irmáns. Xa que comprométense a pagalas misas de fundación que deixara súa nai en testamento ala en 1640.
Deste xeito as misas vanse pagando alternativamente, entre os descendentes de Gregorio de Castrigo e os de Domingo de Outeiro, ata aproximadamente as primeiras décadas do século seguinte en que aparecen novas xentes como cumpridores desta memoria pía.
Quizais por arrendo ou subforo, ou simplemente porque os bens hipotecados perpetuamente foron vendidos, aparecen moitos veciños de Castrigo, Pedregal, principalmente como pagadores. Isto vémolo cara 1750 en que se fai un allanamiento da fundación, ou sexa un recoñecemento dos bens e as xentes que os levaban. Estes eran: “...Pedro de Loureiros, Maria de Vilanoba, Pedro Turreira, Domº Vidal, Antº Vidal, Domingo Calvo, Domº Martinez, Domingo de Ortoño, Domº Rodríguez, Domingo Turreira, Andres Codesso, Pedro López, vecinos de Sisto, Pedregal, Monte y Castrigo, y en el nombre de Frº Loureiros y Basilio Turreira ausentes. Bienes en: Agro de Talloiñas, cerrado de 4 ferrados; la posa y cotarelo de chavian, labradio y montesio de 3 ferrados; cortiña do sisto de un ferrado y medio...”
A fundación foi mantida polos descendentes de estes veciños o resto do s. XVIII. No XIX aparece Tiburcio Suárez, veciño do lugar do Casal, da que despois se deu en chamar a casa da Tiburcia, como pagador das oito misas.
Finalmente a fundación dezaoito ten unha advertencia na que nos di que a misa non se redimiu, que soamente se deixara de pagar a partir de 1828. Parece ser que o xenro de Tiburcio, Domingo de Castro, esquenceu aquela obriga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario