sábado, 23 de abril de 2011

Historia do Culto III

Cofradía do Rosario e dos Dolores.

A máis importante das cofradías antigas da parroquia de Ortoño era a de Nosa Señora do Rosario, que xunto ca das Dolores eran as únicas adicadas a Virxe. Foran fundadas na primeira metade do s. XVII, e despois de máis de 150 anos de existencia por separado fúndense en unha soa cofradía en 1808, chamada de Nosa Señora do Rosario e das Dolores. A isto hai que engadir que Nosa Señora do Rosario era a copatroa da parroquia xunto con San Xoán Bautista, e o súa devoción era moi grande.

En 1828 cando as dúas xa estaban fundidas en unha sabemos que os seus cofrades soamente podían ser matrimonios. Estes parece que non tiñan cota de entrada, pero anualmente pagaban dous reais. A cofradía facía tres funcións ó ano a cargo das aportacións dos fieis. Dúas eran ós Dolores, unha por coáresma e outra por setembro, e a outra era ó Rosario no seu día.

Nosa Señora do Rosario da parroquia de Ortoño.


Pódese pensar que case que todos os matrimonios da parroquia debían ser cofrades, e incluso outros de outras veciñas. Isto dedúcese o comprobalas súas contas, xa que a principios do s. XVIII estas eran moito máis grandes que as da mesma fabrica da Igrexa. Hai que ter en conta que dende 1696 ata 1719, Ortoño estivo sumido en obras de adecentamento e engrandecemento de todo o seu conxunto parroquial, especialmente a igrexa. Pois ben, grande parte destas, que supuxeron un grandísimo esforzo, foron financiadas por esta cofradía, que tiña poder para manter as súas constitucións e para máis.

Tal era o seu poder económico que incluso dispoñía de cóntante para organizar unha comida para todos os cofrades unha vez ó ano. Nela non se reparaba en gastos, xa que se facía acopio de “pan, vino y carne” para tal evento. Sen embargo, como non se mediran moito as cantidades de viño que se consumían, o resultado non era moi acorde cos fins da dita cofradía. De tal xeito que en 1708 D. Joseph Antonio Jaspe Montenegro Bispo de Prizren (1) e Provisor do arcebispado de Santiago, en visita pastoral ordea prohibilo xantar con pena de excomunión e costas de 20 ducados á caixa da cofradía a quen persistise, debido ós grandes desmáns e altercados que despois da festa había.
No século XIX mantén unha influencia moi grande na vida relixiosa e de piedade parroquial, xa que é a que mantén a costume de saír en procesión cas súas imaxes ó redor da igrexa, a lo menos un domingo ó mes. A derradeira parte da historia de esta e das demais cofradías que había na parroquia de Ortoño, ó igual que en outras parroquias, foi discorrendo ó longo da primeira metade do s. XX. Debido as tensións sociais, ós cambios xeneracionais e outras circunstancias foron esmorecendo, de xeito que a derradeira entrada nos seus libros data de 1950.

(1) D. Joseph Antonio Jaspe Montenegro (1652-1715) natural da cidade da Coruña, foi un gran xurista da época barroca en Galicia. Foi nomeado o 18-V-1705, dende o seu posto de Lectoral de Canones, a Bispo titular de Prisriana no Novo Epiro, hoxe Prizren en Kosovo, Chantre dignidade da Santa Apostólica e Metropolitana Igrexa de Santiago, Provisor e bispo auxiliar do arcebispado polo arcebispo D. Antonio Monrroy. Cando a vida diocesana de una diocese e tan dilatada que o seu bispo ou arcebispo non a pode atender toda ordéanse bispos auxiliares. Pero como estes teñen que ter diocese propia ordéanse a titulo de unha na que non se poidan establecer por causas políticas ou relixiosas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario