martes, 26 de marzo de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo VI


6. Os irmáns Martínez Viojo

Mentres José seguía en Iria como capelán [1], e cando contaba con vinte e tres anos de idade, o seu irmán Antonio contrae nupcias o 29 de abril de 1821 en San Xoán de Ortoño con Segunda Lucia Mera [2]. Segunda era filla natural de María Ignacia Mera e oriúnda de San Cristóbal de Dombodán (Arzúa), e quizais una de moitas persoas que emigraron, sobre todo no século XIX, desde comarcas deprimidas de Galicia cara á comarca da Maía. Este matrimonio asentouse na casa paterna do Castro.

Segundo o noso parecer, chama poderosamente a atención esta ligazón. Nesta época, e en xeral no Antigo Réxime, as unións matrimoniais realizábanse entre familias do mesmo estrato social. Procurábase mesmo vincularse con familiares afastados de parecida facenda e a ser posible que as lexitimas dos contraentes se complementasen. O estraño deste matrimonio, é que o primoxénito da casa, o que quedará nela, case cunha muller allea á comarca, sen pertencer a ningunha familia equiparable, carente de bens inmobles ou terras que achegar ao matrimonio e, sobre todo, coa condición social de filla natural. Non parece que se efectúe a ligazón para lexitimar ningún fillo, xa que o primeiro naceu tres anos despois. Cremos que estamos ante o matrimonio do primoxénito e unha nova criada da casa [3].

Pouco despois desta incorporación, a familia perde un dos seus membros. Efectivamente, a nai de José falece en 1822 cando este contaba con 24 anos de idade. Manuela Viojo non fixo testamento e as súas honras fúnebres foron a cargo do seu marido. Foi inhumada o 2 de outubro [4]. Un mes antes, José presentara petición para acceder da orde de subdiaconado á de diácono [5].

O 25 de setembro de 1825, Don José asiste como padriño en Ortoño ao bautizo do seu sobriño José, primeiro fillo do seu irmán Antonio [6]. Nesta época, xa se lle dispensa o tratamento de Don, pero non sabemos se era xa sacerdote. Con todo, dous anos despois, o 8 de agosto de 1827, volve a Ortoño como padriño doutra sobriña, filla tamén de Antonio, e nesa data aparece xa ordenado. Con todo, pedira por dúas veces ordenarse de presbítero, a primeira en setembro de 1823 e a segunda en febreiro de 1824, sen saber de certo cando se converte en cura [7].

As súas irmás máis novas tamén casan entre os anos 1827 e 1833. A menor, Teresa, casaría o 3 de febreiro de 1833 con José Mariño, fillo de Manuel e Manuela do Cabo, veciños de Ortoño no lugar de Maguxe, onde parece que se fincaron [8].

Así eé todo, máis interesante é o matrimonio da súa irmá María Josefa, que casou en 1827 con José Tubío, fillo de Luís e Francisca Casal, veciños do lugar de Lamiño na parroquia de San Félix de Brión [9], sendo estes os ascendentes de Luís Tobío Fernández. Este matrimonio sen dúbida asentou en Brión, xa que é alí onde están inscritas as partidas de bautismo dos seus fillos excepto un [10], aínda que na carta de Luís Tobío a Bouza-Brey dáse a entender que a súa tía Minia Tubío Martínez vivía na Casa do Castro, o que indica que a súa vida discorría entre ambos os lugares. En todo caso era esta familia Tubío-Casal unha familia humilde, xa que o sogro de María Josefa era un de tantos emigrantes galegos en Cádiz na primeira metade do século XIX. En Cádiz non se fixo rico pero atopou e trouxo a semente do posterior ascenso económico e social dos Tobío de Brión: as reliquias de santa Minia [11].

Nos anos seguintes segue aumentando a familia na Casa do Castro. Entre 1829 e 1834 nacerían José, Manuela e Santiago Martínez Mera, fillos de Antonio Martínez e Segunda Mera [12]. Por este tempo tamén constatamos un falecemento. Trátase de María Veiga, muller célibe e criada da Casa do Castro [13].



[1] Sabemos que Martínez Viojo serviu como clérigo de menores con “laudable celo” na Colexiata de Iria, entre 1819 a 1829. Así se consigna na súa partida de defunción, ademais de corenta e dous anos máis como capelán fabriqueiro, e, desde a extinción da Colexiata, como coadxutor. Cf. R. Carballo Calero, Bibliografía rosaliana, en: Graial  58 (1977) 389-400.
[2]  Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro XI, folio 107v.
[3] Todo o contrario das ligazóns matrimoniais dos seus afastados parentes das Cortes, os descendentes de Blas Martínez. O seu fillo, Antonio Pablo Martínez Martelo y Barreyro casa en 1784 coa filla do escribán, xuíz e meiriño das xurisdicións da Barcala e Altamira. Na seguinte xeración Josefa Martínez Ponte e Andrade casa co fillo do alcalde de Brión Manuel Salaño Acosta en 1828. Na terceira o seu fillo Andrés Salaño Martínez casa en 1870 con María Pilar Nimo Vilacoba, filla do que fora xuíz de Toxosoutos.
[4] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro XV, folio 50.
[5] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacios 1061-104/9.
[6] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro VIN, folio 195v.
[7] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacios 1061-118/98.
[8] Cf. AHDS, C. P. 11523. Libro XI, folio 132r.
[9] Ibíd., 123r.
[10] Trátase de Francisco Tobiío Martínez, que é bautizado en Ortoño o día 18 de xaneiro de 1830, coa anotación á marxe de “Castro”. Cf.  AHDS, C. P. 11523. Libro VII, folio 23r.
[11] Parece que foi en pagamento polos seus servizos na casa do armador gaditano Tomás de Anduaga en 1847, a cal fora extraída das catacumbas romanas o século anterior tendo pasado por varios propietarios. Luís Tobío nun breve período de tempo non só trasladaría as reliquias da santa a Brión se non que pediría permiso primeiro para o seu culto e despois para construír un santuario, do cal percibiría a familia Tubiío parte das esmolas. Información obtida no santuario no espazo virtual da familia Tobío.
[12] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro VII, folios: 19v, 34v e 57v.
[13] 10 de xaneiro de 1832: Cf. Ibíd. Libro XV folio 82v.

domingo, 10 de marzo de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo V


5. José Martínez Viojo en Santa María de Iria

José Martínez Viojo ao ser o home maior en anos entre os seus irmáns,  foi encomendado aos estudos eclesiásticos, os mesmos que, ao parecer, o seu pai abandonara e que varios dos seus familiares seguiran, xa sexa como sacerdotes regulares ou clero profeso nunha orde, concretamente a da Mercé. José comezaría os seus estudos eclesiásticos cara aos doce anos, a teor do seu expediente de Sacras Ordes[1].

O 14 de maio de 1819 José Martínez xa é clérigo de prima tonsura, e presenta ante Martín Acuña y Malvar, cóengo en Íria, unha escritura do gobernador e provisor do Arcebispado de Santiago, na que o nomean capelán da capelanía advocación de “Nra Señora de Yria y Señor Santiago que fundó Federico Antonio Martínez Araujo, canónigo”, e pide posesión dela. Non se nega a iso Martín Acuña pero manda  pór entón decreto para que se dese unha fianza de 20.000 reais, ante o párroco de Ortoño. A fianza outorgáronlla os pais de José, Miguel Martínez e Manuela Viojo na reitoral de Ortoño o día 16 de maio de 1819. Nesta ocasión o fillo consegue colocarse nunha prebenda, cousa que posiblemente o pai non puido alcanzar anos atrás[2].

Con esta escritura os seus pais hipotecaban tres propiedades en Ortoño, dúas no lugar de Lapido e nas inmediacións da Casa do Castro e outra no lugar de Punxeiras, en total 30 ferrados de superficie por un valor de 24.600 reais. É interesante apuntar a capacidade económica da familia Martínez Viojo nesta época. Os pais do aspirante á prebenda teñen bens suficientes e mesmo superan unha cantidade importante como o eran os 20.000 reais xusto despois da Guerra de Independencia. Non teñen que entrar máis que en tres propiedades, mesmo sen ter que incluír a súa casa, e todas estas propiedades confesan ser súas e libres de carga algunha.

Doutra banda atópase a singular e interesante prebenda á que José aspiraba. A tal capellanía de colación de Federico Antonio Martínez Araujo[3], fóora fundada con poder do mesmo o 19 de agosto de 1748, xa que el falecera, polo seu primo Domingo Romeu Figueroa e o seu sobriño Nicolás Francisco González de Córdoba e Castro, tamén cóengos en Iria. A capelanía era servidera co titulo de mordomo de fabriqueiro e coa obriga de cobrar e dar contas dos haberes e luminaria da fábrica, da que apenas podería cobrar o capelán 8.000 reais. En 1749 era patrón dela o seu sobriño Nicolás de Córdoba, e parece que tiña de renda en censos uns 1.100 reais de vellón e a pensión de 27 misas anuais[4].

Cabe sinalar aquí a ascendencia do fundador desta capela, Federico Antonio o Fabrique como tamén se lle chama. Este fora bautizado en Íria o 19 de outubro de 1682, e era fillo do notario e familiar do Santo Oficio Silvestre Martínez Araujo e da súa esposa Ana Bermúdez de Castro y Seares[5]. Os seus avós paternos foron Pedro Martínez e Margarita Montero de Araujo, veciños da vila de Padrón, e os maternos Benito de Castro y Gosende e Elena García de Seares, veciños de Iria no lugar de Arretén e ascendentes directos de Rosalía de Castro.
Tivo este familiar antigo de Rosalía máis irmáns que chegaron a ser colexiais de Fonseca, como José Martínez de Araujo[6], e o seu irmán Joaquín, cóengo na catedral de Santiago[7].

Fabrique fundou esta capelanía e misas en parte para reparar un agravio. A súa avoa, Elena García de Seares, señora do pazo de Arretén e filla do fundador, polo seu testamento de 1681 dispuxera 22 misas de fundación na Colexiata de Iria, que logo os seus cumpridores non conseguiron perpetuar pola oposición do Cabido colexial. Polo cal, en 1688, impuxéronas no próximo convento franciscano de San Antonio de Herbón. É máis, agora nomea por patróns da fundación e con poder para promover capeláns dela aos descendentes da súa irmá Jacinta Martínez de Castro, pero por se esta rama non tivese descendencia, recaería na do pazo de Arretén e nos descendentes de Pablo de Castro y Seares, ascendente directo de Rosalía de Castro.


Normalmente a provisión de capeláns neste tipo de fundacións facíase dentro dos parentes da familia. É máis, un dos motivos da fundación de capelanías era asegurar unha congrua suficiente para poder ordenarse de presbítero un ou varios membros da familia no futuro. Non temos datos da posible relación familiar entre os Martínez Araujo e os Martínez Viojo, a pesar da coincidencia no primeiro apelido. Podemos percibir con todo, algunha posibilidade cos ascendentes do cuñado de Fabrique: os González de Córdoba. O apelido Córdoba atopámolo asentado na cidade de Santiago no século XVII, como se pode ver nos expedientes dos Colexiais de Fonseca[8]. A esta mesma familia posiblemente pertencese Manuel de Córdoba y Figueroa, a quen atopamos por Ortoño en 1672, contraendo matrimonio con Isabel de Solís y Seixas[9] unha das descendentes dos González da Condomiña, natural e veciña dese mesmo lugar próximo á Casa do Castro. É máis, esta Isabel é unha das fillas de Alonso González da Condomiña e Dominga González de Solís y Valderrama, cuartos avós de José Martínez Viojo (véxase cadro 1).

A pesares de non ter encontrado a escritura de nomeamento de capelán por parte do patrón da fundación, o máis probable é que en 1819 aínda seguise en mans dos descendentes directos do fundador[10]. A consideración deste ao promover esta capelanía, recordando aos seús familiares antepasados e aos coetáneos do Pazo de Arretén e mantendo a posibilidade de que estes últimos sucedesen no padroado, era síntoma dunhas boas relacións entre estas familias. É máis estes descendentes dos Martínez de Araujo promoverían cregos entre todas estas ramas colaterais como a posible dos Martínez Viojo.

Chegados a este punto, e sen atopar a escritura de nomeamento de capelán por parte do patrón da fundación, podemos tamén apreciar que as maiores probabilidades son as que apuntan a que o padroado recaese nos familiares do pazo de Arretén, debido a que en torno ao ano 1748, a sobriña do fundador estaba viúva e sen descendencia. Así que a principios do século XIX os descendentes dos Martínez de Araujo extinguíronse e o patrón decantaríase por promover clérigos de ramas colaterais como a posible dos Martínez Viojo.

Parece  evidente, que a capelanía na que tomou posesión Don José Martínez Viojo en 1819, é unha capelanía familiar dunha rama colateral dos Castro do pazo de Arretén, convertendo desta forma ao noso sacerdote e desde aquel momento  nunha persoa achegada a esta familia.



[1] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordenes, Cartapacio 1062-70/58
[2] Cf. Ibíd., Fondo: Xeneral, Cartapacio 320, Colexiatas. Véxase Apéndice Documental.
[3] Cf. AHUS, Protocolo de Francisco Antonio Arias, Cartapacio 1748, folio 92.
[4] Cf. AHDS, Fondo: Xeneral, Cartapacio 378, folio 230-231.
[5] Cf. Ibíd., Fondo: Expedientes de Sacras Ordenes, Cartapacios 582/83, 586/31
[6] Cf. AHUS. Fondo: Universitario. Sección: Colexio de Fonseca, S. H. 368, Expediente 2.
[7] Cf. P. Pérez Constanti,  Liñaxes Galicianos, Santiago de Compostela 1998, Ara Solis, Consorcio de Santiago, 166 e 173.
[8] Cf. Ibíd. Pg 166. Exp de D. Simón González de Córdoba.
[9] Cf. AHDS, Fondo: Parroquial 11523, Libro II, folio 67v.
[10] AHUS. Fondo: Cabido de Iria CLERO 197, folio 446v: "Tumbo de escrituras de censos y rentas de la capellanía de fundación de D. Fabrique Martínez de Araujo".Na súa derradeira entrada gardase a visita pastoral a Iria de D. Felipe Antonio Fernández Vallejo, arcebispo de Santiago no 20 de xuño de 1799. Por ela sabemos que naquel momento o capelán era D. Andrés de Cabo e o padroado recaía en D. José Benito de Mondragón, veciño da vila de Padrón e sucesor do fundador.

sábado, 2 de marzo de 2013

A linaxe Martínez-Viojo IV


4. A familia Martínez Viojo

Asentados na Casa do Castro, tiveron Miguel e Manuela oito fillos dos que soamente sobreviviron cinco: dous homes e tres mulleres.

O seu primoxénito foi Domingo, bautizado na parroquial de Ortoño o día 29 de xullo de 1792[1]. Foron os seus padriños Frei Vicente Martínez, “relixioso mercedario”, e a avoa materna Vicenta Vidal. Este neno morreu aos 6 anos de idade, sendo inhumado o 15 de setembro de 1798[2].

Seguiulle Rita Benita Cayetana María, bautizada o 13 de abril de 1794[3]. Os seus padriños foron Benito Piñeiro y Lago e María Cayetana Fernández Cordero, donos da Granxa da Peregrina do lugar de Bertamiráns[4]. Sen dúbida foron estes quen lles deron os nomes que levaría, excepto o primeiro, que era o de Rita Nicolasa de Lago, nai de Benito Piñeiro, e irmá que era do párroco de Ortoño, Simón Antonio de Lago. Á vista dos libros sacramentais, o nome de Rita e tamén o de Rosalía[5], contaban con aceptación na parroquia, sobre todo entre os veciños de Lapido.
Os seguintes foron Manuel e Juan Antonio, xemelgos, bautizados o 6 de xuño de 1796. Os padriños de Manuel foron Manuel Míguez e Josefa Bermúdez de Castro, señora viúva do veciño lugar da Condomiña. Os de Juan Antonio foron Juan Antonio Mariño e a súa muller María Vilacoba, veciños do lugar de Castrigo na mesma parroquia. Ambos os irmáns tamén morreron de nenos, Juan Antonio uns días despois do seu irmán maior, sendo enterrado o 30 de setembro de 1798 en Ortoño[6].

O quinto fillo foi José, o que se terá logo por pai de Rosalía. Recibiu o bautismo en Ortoño, do mesmo xeito que os seus irmáns, día 7 de febreiro de 1798[7]. Os seus padriños foron uns posibles familiares: Santiago Martínez e María Veiga, tamén da mesma parroquia. Na carta de Luís Tobío a Bouza-Brey, apunta o seu nome como Juan José, sendo este un dato incorrecto.

Sucedeulle a José outro Juan Antonio, este bautizado o 6 de xaneiro de 1801[8], sendo os seus padriños Juan Antonio Mariño e Juana Pampíin. Ao longo da súa vida sería coñecido polo seu segundo nome.

María Josefa Martínez, irmá dos anteriores, foi bautizada o 24 de maio de 1805[9], sendo os seus padriños Manuel Míguez, de Ortoño e Andrea de Ortas de Bugallido.

Por último a quinta filla sobrevivente de Miguel e Manuela foino Teresa, bautizada o 17 de maio de 1808, sendo os seus padriños Andrés Angueira e Dominga Ameneiro, ambos de Bugallido[10].

Tiña esta familia criados que vivían na mesma casa, como é o caso de José Abad, oriúndo da veciña parroquia de Bugallido e falecido en setembro de 1810[11].

Pouco tempo despois, a maior dos seus irmáns Rita,  a maior dos seus irmáns, casa o 25 de maio de 1816 na parroquial de Ortoño [12] con Juan Santomil, natural de Santa María de Biduido, e fillo de Alberto e Rosa Buela. Con case total seguridade Rita pasou a vivir co seu marido a Biduido.




[1] Cf. Ibíd., Fondo Parroquial, 11523, Libro V, folio 194 v.
[2] Ibíd., Libro XV, folio 199.
[3] Ibíd., Libro V, folio 209 v.
[4] Cf. Nota 29 deste estudo.
[5] Santa Rosalía é a patroa de Palermo, cidade de Sicilia e pertencente no século XVIII ao reino das Dúas Sicilias, onde a José Bernardo Gago Mendoza e Romero, foille concedido por Carlos VII de Nápoles (Carlos III de España), o 12 de maio de 1735 o título de Marqués de Leis, en atención aos servizos prestados en Orán, Ceuta e as Dúas Sicílias, como cabaleiro Mariscal de Campo e Tenente Xeral dos reais exércitos. Cf. J. S. Crespo Pozo, Brasóns e liñaxes de Galicia. Vol. III. A Gran Enciclopedia Vasca 1982-1983. Bilbao. 158.
Quizais houbese algunha relación, a través dalgúns veciños de Ortoño que puidesen acompañar ao dono das terras que tiñan en foro naquelas campañas italianas.
[6] Cf. AHDS Fondo Parroquial. 11523.  Libro XV, folio 199 v.
[7] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 2 v.
[8] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 29 v.
[9] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 70 v.
[10] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 77v.
[11] Cf. Ibíd  Libro XV, folio 7r.
[12] Cf. Ibíd  Libro XI, folio 94r.