Asentados
na Casa do Castro, tiveron Miguel e Manuela oito fillos dos que soamente
sobreviviron cinco: dous homes e tres mulleres.
O seu
primoxénito foi Domingo, bautizado na parroquial de Ortoño o día 29 de xullo de
1792[1].
Foron os seus padriños Frei Vicente Martínez, “relixioso mercedario”, e a avoa
materna Vicenta Vidal. Este neno morreu aos 6 anos de idade, sendo inhumado o
15 de setembro de 1798[2].
Seguiulle
Rita Benita Cayetana María, bautizada o 13 de abril de 1794[3].
Os seus padriños foron Benito Piñeiro y Lago e María Cayetana Fernández
Cordero, donos da Granxa da Peregrina do lugar de Bertamiráns[4].
Sen dúbida foron estes quen lles deron os nomes que levaría, excepto o
primeiro, que era o de Rita Nicolasa de Lago, nai de Benito Piñeiro, e irmá que
era do párroco de Ortoño, Simón Antonio de Lago. Á vista dos libros sacramentais, o nome de Rita e tamén o de
Rosalía[5],
contaban con aceptación na parroquia, sobre todo entre os veciños de Lapido.
Os
seguintes foron Manuel e Juan Antonio, xemelgos, bautizados o 6 de xuño de
1796. Os padriños de Manuel foron Manuel Míguez e Josefa Bermúdez de Castro,
señora viúva do veciño lugar da Condomiña. Os de Juan Antonio foron Juan
Antonio Mariño e a súa muller María Vilacoba, veciños do lugar de Castrigo na
mesma parroquia. Ambos os irmáns tamén morreron de nenos, Juan Antonio uns días
despois do seu irmán maior, sendo enterrado o 30 de setembro de 1798 en Ortoño[6].
O
quinto fillo foi José, o que se terá logo por pai de Rosalía. Recibiu o
bautismo en Ortoño, do mesmo xeito que os seus
irmáns, día 7 de febreiro de
1798[7].
Os seus padriños foron uns posibles familiares: Santiago Martínez e María
Veiga, tamén da mesma parroquia. Na carta de Luís Tobío a Bouza-Brey, apunta o
seu nome como Juan José, sendo este un dato incorrecto.
Sucedeulle
a José outro Juan Antonio, este bautizado o 6 de xaneiro de 1801[8],
sendo os seus padriños Juan Antonio Mariño e Juana Pampíin.
Ao longo da súa vida sería coñecido polo
seu segundo nome.
María
Josefa Martínez, irmá dos anteriores, foi bautizada o 24 de maio de 1805[9],
sendo os seus padriños Manuel Míguez, de Ortoño e Andrea de Ortas de Bugallido.
Por
último a quinta
filla sobrevivente de Miguel e Manuela foino Teresa, bautizada o 17 de maio de
1808, sendo os seus padriños Andrés Angueira e Dominga Ameneiro, ambos de
Bugallido[10].
Tiña
esta familia criados que vivían na mesma casa, como é o caso de José Abad,
oriúndo da veciña parroquia de Bugallido e falecido en setembro de 1810[11].
Pouco
tempo despois, a maior dos seus irmáns Rita, a maior dos seus irmáns, casa o 25 de maio de 1816 na parroquial de Ortoño [12]
con Juan Santomil, natural de Santa María de Biduido, e fillo de Alberto e Rosa
Buela. Con case total seguridade Rita pasou a vivir
co seu marido a Biduido.
[1] Cf. Ibíd., Fondo Parroquial,
11523, Libro V, folio 194 v.
[2] Ibíd., Libro XV, folio 199.
[3] Ibíd., Libro V, folio 209 v.
[4] Cf. Nota 29 deste estudo.
[5] Santa Rosalía é a patroa de Palermo, cidade de Sicilia e pertencente no
século XVIII ao reino das Dúas Sicilias, onde a José
Bernardo Gago Mendoza e Romero, foille concedido
por Carlos VII de Nápoles (Carlos III de España), o 12 de maio de 1735 o título
de Marqués de
Leis, en atención aos servizos prestados en Orán, Ceuta e as Dúas Sicílias,
como cabaleiro Mariscal de Campo e Tenente Xeral dos reais exércitos. Cf. J. S. Crespo Pozo, Brasóns e liñaxes de
Galicia. Vol. III. A Gran Enciclopedia Vasca 1982-1983. Bilbao. 158.
Quizais houbese algunha relación,
a través dalgúns veciños de Ortoño que puidesen acompañar ao dono das terras
que tiñan en foro naquelas campañas italianas.
[6] Cf. AHDS Fondo Parroquial. 11523.
Libro XV, folio 199 v.
[7] Cf. Ibíd Libro VIN, folio 2 v.
[8] Cf. Ibíd Libro VIN, folio 29 v.
[9] Cf. Ibíd Libro VIN, folio 70 v.
[10] Cf. Ibíd Libro VIN, folio 77v.
[11] Cf. Ibíd Libro XV, folio 7r.
[12] Cf. Ibíd Libro XI, folio 94r.
No hay comentarios:
Publicar un comentario