domingo, 10 de marzo de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo V


5. José Martínez Viojo en Santa María de Iria

José Martínez Viojo ao ser o home maior en anos entre os seus irmáns,  foi encomendado aos estudos eclesiásticos, os mesmos que, ao parecer, o seu pai abandonara e que varios dos seus familiares seguiran, xa sexa como sacerdotes regulares ou clero profeso nunha orde, concretamente a da Mercé. José comezaría os seus estudos eclesiásticos cara aos doce anos, a teor do seu expediente de Sacras Ordes[1].

O 14 de maio de 1819 José Martínez xa é clérigo de prima tonsura, e presenta ante Martín Acuña y Malvar, cóengo en Íria, unha escritura do gobernador e provisor do Arcebispado de Santiago, na que o nomean capelán da capelanía advocación de “Nra Señora de Yria y Señor Santiago que fundó Federico Antonio Martínez Araujo, canónigo”, e pide posesión dela. Non se nega a iso Martín Acuña pero manda  pór entón decreto para que se dese unha fianza de 20.000 reais, ante o párroco de Ortoño. A fianza outorgáronlla os pais de José, Miguel Martínez e Manuela Viojo na reitoral de Ortoño o día 16 de maio de 1819. Nesta ocasión o fillo consegue colocarse nunha prebenda, cousa que posiblemente o pai non puido alcanzar anos atrás[2].

Con esta escritura os seus pais hipotecaban tres propiedades en Ortoño, dúas no lugar de Lapido e nas inmediacións da Casa do Castro e outra no lugar de Punxeiras, en total 30 ferrados de superficie por un valor de 24.600 reais. É interesante apuntar a capacidade económica da familia Martínez Viojo nesta época. Os pais do aspirante á prebenda teñen bens suficientes e mesmo superan unha cantidade importante como o eran os 20.000 reais xusto despois da Guerra de Independencia. Non teñen que entrar máis que en tres propiedades, mesmo sen ter que incluír a súa casa, e todas estas propiedades confesan ser súas e libres de carga algunha.

Doutra banda atópase a singular e interesante prebenda á que José aspiraba. A tal capellanía de colación de Federico Antonio Martínez Araujo[3], fóora fundada con poder do mesmo o 19 de agosto de 1748, xa que el falecera, polo seu primo Domingo Romeu Figueroa e o seu sobriño Nicolás Francisco González de Córdoba e Castro, tamén cóengos en Iria. A capelanía era servidera co titulo de mordomo de fabriqueiro e coa obriga de cobrar e dar contas dos haberes e luminaria da fábrica, da que apenas podería cobrar o capelán 8.000 reais. En 1749 era patrón dela o seu sobriño Nicolás de Córdoba, e parece que tiña de renda en censos uns 1.100 reais de vellón e a pensión de 27 misas anuais[4].

Cabe sinalar aquí a ascendencia do fundador desta capela, Federico Antonio o Fabrique como tamén se lle chama. Este fora bautizado en Íria o 19 de outubro de 1682, e era fillo do notario e familiar do Santo Oficio Silvestre Martínez Araujo e da súa esposa Ana Bermúdez de Castro y Seares[5]. Os seus avós paternos foron Pedro Martínez e Margarita Montero de Araujo, veciños da vila de Padrón, e os maternos Benito de Castro y Gosende e Elena García de Seares, veciños de Iria no lugar de Arretén e ascendentes directos de Rosalía de Castro.
Tivo este familiar antigo de Rosalía máis irmáns que chegaron a ser colexiais de Fonseca, como José Martínez de Araujo[6], e o seu irmán Joaquín, cóengo na catedral de Santiago[7].

Fabrique fundou esta capelanía e misas en parte para reparar un agravio. A súa avoa, Elena García de Seares, señora do pazo de Arretén e filla do fundador, polo seu testamento de 1681 dispuxera 22 misas de fundación na Colexiata de Iria, que logo os seus cumpridores non conseguiron perpetuar pola oposición do Cabido colexial. Polo cal, en 1688, impuxéronas no próximo convento franciscano de San Antonio de Herbón. É máis, agora nomea por patróns da fundación e con poder para promover capeláns dela aos descendentes da súa irmá Jacinta Martínez de Castro, pero por se esta rama non tivese descendencia, recaería na do pazo de Arretén e nos descendentes de Pablo de Castro y Seares, ascendente directo de Rosalía de Castro.


Normalmente a provisión de capeláns neste tipo de fundacións facíase dentro dos parentes da familia. É máis, un dos motivos da fundación de capelanías era asegurar unha congrua suficiente para poder ordenarse de presbítero un ou varios membros da familia no futuro. Non temos datos da posible relación familiar entre os Martínez Araujo e os Martínez Viojo, a pesar da coincidencia no primeiro apelido. Podemos percibir con todo, algunha posibilidade cos ascendentes do cuñado de Fabrique: os González de Córdoba. O apelido Córdoba atopámolo asentado na cidade de Santiago no século XVII, como se pode ver nos expedientes dos Colexiais de Fonseca[8]. A esta mesma familia posiblemente pertencese Manuel de Córdoba y Figueroa, a quen atopamos por Ortoño en 1672, contraendo matrimonio con Isabel de Solís y Seixas[9] unha das descendentes dos González da Condomiña, natural e veciña dese mesmo lugar próximo á Casa do Castro. É máis, esta Isabel é unha das fillas de Alonso González da Condomiña e Dominga González de Solís y Valderrama, cuartos avós de José Martínez Viojo (véxase cadro 1).

A pesares de non ter encontrado a escritura de nomeamento de capelán por parte do patrón da fundación, o máis probable é que en 1819 aínda seguise en mans dos descendentes directos do fundador[10]. A consideración deste ao promover esta capelanía, recordando aos seús familiares antepasados e aos coetáneos do Pazo de Arretén e mantendo a posibilidade de que estes últimos sucedesen no padroado, era síntoma dunhas boas relacións entre estas familias. É máis estes descendentes dos Martínez de Araujo promoverían cregos entre todas estas ramas colaterais como a posible dos Martínez Viojo.

Chegados a este punto, e sen atopar a escritura de nomeamento de capelán por parte do patrón da fundación, podemos tamén apreciar que as maiores probabilidades son as que apuntan a que o padroado recaese nos familiares do pazo de Arretén, debido a que en torno ao ano 1748, a sobriña do fundador estaba viúva e sen descendencia. Así que a principios do século XIX os descendentes dos Martínez de Araujo extinguíronse e o patrón decantaríase por promover clérigos de ramas colaterais como a posible dos Martínez Viojo.

Parece  evidente, que a capelanía na que tomou posesión Don José Martínez Viojo en 1819, é unha capelanía familiar dunha rama colateral dos Castro do pazo de Arretén, convertendo desta forma ao noso sacerdote e desde aquel momento  nunha persoa achegada a esta familia.



[1] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordenes, Cartapacio 1062-70/58
[2] Cf. Ibíd., Fondo: Xeneral, Cartapacio 320, Colexiatas. Véxase Apéndice Documental.
[3] Cf. AHUS, Protocolo de Francisco Antonio Arias, Cartapacio 1748, folio 92.
[4] Cf. AHDS, Fondo: Xeneral, Cartapacio 378, folio 230-231.
[5] Cf. Ibíd., Fondo: Expedientes de Sacras Ordenes, Cartapacios 582/83, 586/31
[6] Cf. AHUS. Fondo: Universitario. Sección: Colexio de Fonseca, S. H. 368, Expediente 2.
[7] Cf. P. Pérez Constanti,  Liñaxes Galicianos, Santiago de Compostela 1998, Ara Solis, Consorcio de Santiago, 166 e 173.
[8] Cf. Ibíd. Pg 166. Exp de D. Simón González de Córdoba.
[9] Cf. AHDS, Fondo: Parroquial 11523, Libro II, folio 67v.
[10] AHUS. Fondo: Cabido de Iria CLERO 197, folio 446v: "Tumbo de escrituras de censos y rentas de la capellanía de fundación de D. Fabrique Martínez de Araujo".Na súa derradeira entrada gardase a visita pastoral a Iria de D. Felipe Antonio Fernández Vallejo, arcebispo de Santiago no 20 de xuño de 1799. Por ela sabemos que naquel momento o capelán era D. Andrés de Cabo e o padroado recaía en D. José Benito de Mondragón, veciño da vila de Padrón e sucesor do fundador.

No hay comentarios:

Publicar un comentario