jueves, 24 de septiembre de 2009

O arquivo parroquial.





Un arquivo parroquial é o conxunto de documentación que se foi gardando ó longo dos séculos, relativa a parroquia e os seus feligreses.
A partires do concilio de Trento, a mediados do s. XVI, a Igrexa dispón que se garde certificación por escrito dos sacramentos impartidos para evitar que sexan repetidos. Deste xeito nacen os libros sacramentais, divididos en Bautizados, Casados e Defuntos. En Ortoño consérvanse dende o ano 1659 ata a actualidade. Recentemente confecionouse o índice de matrimonios dende os anos 1659 ata 1894.



Outro tipo de libros son os de Culto e Fabrica. Estes son os libros de contas da parroquia, do que se cobra de rendas, enterros etc, e no que se gasta: obras, prata, cera, culto etc. É ademais en este libro onde os visitadores do arcebispado deixan reflexadas as visitas e sobre todo as ordes e recomendacións ós párrocos, sobre o estado da parroquia. O primeiro libro de fabrica de Ortoño data de 1617, e a primeira disposición do visitador ese ano foi o de facer cancelas para o adro para evitar que o gando entrase.
As cofradias parroquiais tamén tiñan o seu libro cada unha. É semellante ó libro de Fabrica, xa que en el se levan as contas, a entrada e morte de cofrades, etc. En Ortoño comeza en 1630 o da cofradia do Santísimo Sacramento, e en 1696 o da outras que eran a de Nosa Señora do Rosario, o de San Antonio de Padua e San Roque, estas dúas unidas en un so libro.
Moitos feligreses nas súas mandas testamentarias deixaran disposicións sobre sufraxios perpetuos que en aquel tempo se chamaban misas de fundación. O estricto cumprimento das súas vontades e sobre todo a cobranza dos estipendios obrigaron ós visitadores a mandar confeccionar un libro onde se puxesen todas estas disposicións. Este libro chamase de Misas de Fundación, e en Ortoño fíxose cara 1679, cando posiblemente o anterior se perdera.
Existen outras series como os Libros de Vereda, que son recomendacións dos bispos ós párrocos. Posteriormente cara finais do s. XIX ata a actualidade publicase na diocese e consérvanse no arquivo o Boletín do Arcebispado, que é como o boletín oficial do estado da diocese.
Existe máis documentación solta, libros litúrxicos antigos, documentos e expedientes que completan o rico patrimonio histórico e relixioso da nosa parroquia a través dos séculos.
No arquivo, e especialmente nos libros sacramentais, están recollidos os nomes e as vidas dos nosos devanceiros. Estes libros son libros de vida, xa que alí esta certificado o noso ingreso na Igrexa de Cristo.



Dende hai uns anos os libros anteriores ó ano 1900 están depositados no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, sito na praza da Inmaculada, e pódense consultar por calquera persoa. O resto ata actualidade gárdanse e séguense recopilando na casa rectoral. Moitas entradas do Sineiro teñen como fonte o noso arquivo parroquial

lunes, 21 de septiembre de 2009

As Cortes V. Historia

Vista das Cortes de abaixo no inverno

Demografía.

Como xa se publicou, As Cortes no s. XVI soamente ten dúas familias, que levan o lugar a partes iguais, e que eran os Fernández e os Cortes que despois mudarían o apelido en Barreiro.
A finais do s. XVII dispoñemos de un censo do lugar tomado do libro da cofradía de San Roque e San Antonio fundada en 1696 e no que entraron como cofrades do lugar das Cortes as seguintes familias:

Antonio Barreyro do Porto e a súa muller / Casa de Mourelle
Andrés Suárez e a súa muller / Casa de Álvarez?
Joseph Barreyro e a súa muller / Casa de Salaño
Lucas de Agra e a súa muller
Domingo Pachón e muller / Casa de Mariño
Matías Pachón e muller
Dominga Pachón
María González

Pasados uns anos e mortos os anteriores aparecen anotados a seguinte xeración:

Antonio Barreyro do Porto, o mozo e a súa muller / Casa de Mourelle
Dominga Barreyro, filla de Joseph Barreiro, casada con Antonio de Nimo / Casa de Pérez
Domingo García e a súa muller
Domingo Pachón, o mozo e a súa muller / Casa de Mariño
Francisca dos Santos / Casa de Álvarez
Andrés Martínez e a súa muller.

É difícil saber a ascendencia de estas familias, pero todos eles de algunha forma teñen relación cas dúas familias que habitan o lugar no s. XVI.
Recentemente encontrouse un documento do ano 1601 de cesión de un tercio do foro feito en 1564 a Juan das Cortes. Era unha cesión de Alonso Pachón fillo de Juan e María de Raíces, a Juan Barreyro, que seguramente estaba casado con unha irmán de Alonso. Deste xeito coñecemos a entrada de este apelido no lugar. O apelido Barreyro e a súa casa acabarían sendo a de Salaño. De esta casa no s. XVIII unha rama forma a casa de Pérez, no s. XIX outra rama a casa de Toxo e no s. XX outra a de Barbeito.
Sen embargo a rama de Pedro Fernández das Cortes que recibiu a outra metade do lugar a mediados do s. XVI, non se da chegado a rastrexar. De todas formas a finais do s. XVII emerxen vairas outras familias que poderían ter relación con este antigo morador. Por un lado temos a Antonio Barreiro do Porto que dou a casa de Mourelle e que seguramente tiña algo que ver cos ascendentes da actual casa de Álvarez, tendo un orixe común. De esta casa de Mourelle descendería no s. XVIII a casa dos García, e de esta última no s. XIX a casa da Carneira. Da mencionada casa de Álvarez descendería no s. XIX a de Cospeite.
Finalmente existen outras casas que serian a de Mariño e a de Antelo das que parece que dende principios do s. XVIII non se desglosou ningunha outra rama que se asentase no lugar.
Hai si outras familias o longo dos séculos que aparecen nos libros sacramentais da parroquia como veciños das Cortes, pero semella que son xentes que viven en arrendamento ou aparcería e que soamente paran uns anos no lugar.

sábado, 19 de septiembre de 2009

Os Puntos Cardinais




Quen non coñece os catro puntos cardinais, tan repetidos na documentación que todos posuímos relativa ós lindes das propiedades. Sen embargo, non se coñeceron cas mesmas palabras no pasado.
O norte sempre foi norte, ou nordés en algún caso. O leste nomeábase solano, por ser a dirección por onde nace o sol. O sur era o vendaval, por ser por onde viña o vento e a chuvia e o oeste era coñecido pola travesía, quizais por ser a dirección por onde se embarcaba.
Estes nomes dos puntos cardinais empregáronse dende antigo ata o século XIX, onde pase-niñamente foron sustituidos polos que todos coñecemos.
En outros lugares como os da costa, os documentos de propiedade deixaron expresado lindes moi curiosos. Unha finca que lindaba co mar, poñía que “polo oeste linda con Inglaterra, mar por medio”.

miércoles, 16 de septiembre de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime IV



Impostos Reais en Ortoño en 1752.


Estes eran os que recadaba o Rei como propios e virían sendo os que actualmente cobra o estado a través do IRPF.
En principio estes impostos gravaban as ventas de diversos artigos e o rendemento industrial, de aí que no catastro da Ensenada se fixese especial mención a estes parámetros. Os impostos son os seguintes:
Servicio Ordinario. Ó igual que os señoríos, o Rei tamén cobra servicios, reflexo de que era el o máximo señor temporal. En Ortoño por ano ascendía o imposto a 72 reais.
Cientos e Alcabalas. Impostos que gravaban a venda de varios artigos, como eran: o aceite, o tabaco, a madeira, coiros, tabaco, panos etc. O comercio na nosa parroquia non era moi grande pero axustábase en 2695 reais.
Millones. Imposto inventado na primeira parte do s. XVII para afrontar a enorme crise monetaria da época. Esta relacionado ca poboación, xa que se adxudica á provincia e despois repártese. En 1752, correspondía os lugares da parroquia da xurisdicción de Altamira 105 reais, e a mesma cantidade na da Maía.
Sisa. Imposto que tamén era sobre certos bens de consumo. Na parte de Altamira ascendía a 201 reais, 120 na parte da Maía.
Sisa do viño. Como seu nome indica grava o consumo de viño, e estaba repartido por tabernas. En Ortoño había tres. Unha na Condomiña, outra en Cantalarrana e outra no paraxe coñecido entón por Vistalegre. En total xuntábase 100 reais e 100 maravedies.
Repartimento provincial de utensilios. Outro imposto que levantaba en Ortoño uns 235 reais e 80 maravedies

Como se pode ver a facenda real recadaba os seus impostos en moeda, mentres que os señoríos e a igrexa en centeo. O centeo foi sinónimo de pan ata a chegada do millo de América, e tamén a moeda da terra, da que se comía e sobre todo pagaban as rendas. Con el os donos da terra especulaban cando este escaseaba. Na nosa parroquia sementouse moito centeo en tempos, para pagar as rendas, e para ter que comer xunto co millo, e para poder sementar. Soamente o conde recadaba 1500 ferrados, e posiblemente outros tantos a igrexa, repartidos entre as 180 familias que había por aquel entón na parroquia de Ortoño.
Pero ademais de esto, as rendas, agás as dos foros, non as cobraban os seus donos, senón que arrendaban o seu cobro a terceiras persoas, axustando o seu valor. Esta practica o que facía era complicar máis aínda o seu cobro, e sobre todo aumentaba a renda a pagar debido á sobrevaloración por parte dos cobradores.

domingo, 13 de septiembre de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime III

3. Rendas por señorío en Ortoño
Os grandes dominios ademais podían ser señoríos, ou sexa rexentar a xustiza e dispoñer notario, algo que hoxe so ó fai o estado. Tiñan este dereito dende antigo por concesión de un señor máis poderoso, como podería ser o Rey.
A nosa parroquia estaba dividida en dous señoríos, o do Conde de Altamira e a do Cabildo de Santiago, que se corresponden cas xurisdiccións de Altamira e da Maía. Hai que dicir que o Conde gañou o seu estado a expensas da Igrexa, xa que no s. XIV non existía nin señorío nin condado de Altamira, e posteriormente no s. XVI Felipe II e o papa ratificaron os bens do conde arrebatados ós arcebispos ó longo do s. XV. Estes son os lugares de cada xurisdicción:



Altamira.
Señorío do Conde de Altamira
Lugares de esta xurisdicción na parroquia de Ortoño:
A Cachela, Castrigo, Carballido, As Cortes, Instrumento, Lapido, Maguxe, Ortoño, Pedregal, Sisalde, Sisto



A Maía
Señorío dos Arcebispos de Santiago
lugares:
Bertamiráns, O Casal, Condomiña, Punxeiras de Arriba e Punxeiras de Abaixo



Os colonos que moran nos lugares pertencentes a un señorío pasan a ser vasalos do señor, por tanto quedan suxeitos a el. O señor ten o deber de defendelos e eles de contribuírlle con impostos, servicios, e estar dispostos a levantarse en armas cando llo mande o señor. Estes conceptos veñen da idade media e chegaron ata a constitución de 1812, anque dende os reis católicos todos os señoríos gardaban estricta fidelidade ó estado e ó rei. A continuación presentamos os tres principais impostos:
Luctuosa. Como ó seu nome indica é o imposto que se paga pola morte de un veciño. Veciño refírese ó cabeza de familia soamente, e pagábase dende antigo a mellor cousa de catro pes, fora boi, vaca ou becerro. Posteriormente redimiuse en metálico. Na nosa parroquia valía 40 reais para unha boa facenda e 5 para unha mediana. Soamente pagábase na xurisdicción de Altamira, quedando exentos os veciños da Maía.
Servicios. Gravame que fai referencia ós antigos traballos que se facían para o señor. En 1752 pagábase ó ano por este concepto 1 real por veciño, ó que era coñecido como Real de vela. Só había que pagalo na xurisdicción de Altamira.
Laudemio. Este era o imposto que había que pagar cando un veciño vendía terra da xurisdicción a outro. En realidade non vendía a terra, senón que vendía o dereito a traballala que lle fora outorgado no correspondente foro. O señor impoñía este imposto que é idéntico o actual de transmisións patrimoniais.
Anque xa os reis de Castela e León, para reforzar o seu poder, foran derrogando estas rendas por señorío dende o s. XIV, podemos ver como seguen vivas no condado de Altamira. Hai que salientar que en lugares como Bertamiráns, onde o conde tiña propiedades, os veciños tiveron especial coidado de non edificar nelas para non estar suxeitos a súa xurisdicción e non pagar aínda máis.

martes, 8 de septiembre de 2009

Historia do Culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns II






Cabe supoñer que pola ocupación de D. José Pedralves este matrimonio vivise habitualmente en Santiago, deixando os bens de Bertamiráns en mans de caseiros. Deste xeito o culto na capela decaeu e esta virouse en ruína cara mediados do s. XIX.
D. José morreu cara os anos 1850 ou 1851, viúvo e sen descendencia. Fixo testamento no que deixou os seus bens e os da súa defunta muller a Manuel García Barros e a súa dona D. Francisca Rigueiro, sobriña da difunta Dª Cayetana, e tamén a Academia de Medicina de Barcelona. Como esta herdanza foi ó xulgado e non se coñece o testamento non se saben moi ben as visicitudes das transmisións. Sen embargo, o certo é que cara 1851, a propiedade de Bertamiráns xa estaba en mans dos albaceas, entre os que se contaba a D. José de Campos Vilacoba, de Castrigo.
Parece ser que D. José antes de morrer restaura a capela e pide licencia para que se poida dicir misa na capela. Esta petición foi aceptada o 29 de xullo de 1861 cando a propiedade xa cambiara de donos.
Herdou a Manuel García-Barros Figueroa súa filla Cayetana García-Barros Regueiro, casada con José Ulloa Pimentel, Gobernador da provincia de Pontevedra, morrendo sen descendencia. Estes deixáronlla en herdanza a súa sobriña-neta Jabiera García-Barros Pena, que casou con Domingo Paramés González, natural de Ponteareas. Unha filla de estos Dª Dolores Paramés García-Barros casada con D. José Togores Rodríguez, natural de Ferrol, foi a que sucedeu nos bens da casa e capela da Peregrina a principios do s. XX. A súa vez sucedéronos a estes unha filla casada co xeneral Azcárraga Bustamante.
En 11 de marzo 1900 esta familia consigue de S. E. Mons. Aristides Rinaldini, Nuncio Apostólico da Súa Santidade en España, o privilexio de oitenta días de indulxencia para cantos rezasen diante da imaxe da Virxe Peregrina tres Ave Marías


Ó redor de dita capela e do culto que nela se dispensaba, sobre todo para os veciños do lugar de Bertamiráns na susodita parroquia de San Xoán de Ortoño, creouse un pequeno movemento de devotos que, habida conta do servicio que a capela lles ofrecía para a práctica da súa relixión e o exercicio da súa piedade, ca tutela, por unha parte do propietario da finca D. José Luís Azcárraga Bustamante, e por outra do párroco de entón D Juan Bueno Bueno, solicitaron ó Arcebispo de Santiago, a tenor dos cánones 680 e 689 do C.I.C de 1917, a erección canónica da cofradia “Da Divina Peregrina”, sendo erixida como tal o 18 de decembro de 1962 polo Cardeal Arcebispo Quiroga Palacios.
Ca erección canónica aprobouse, igualmente, o reglamento da cofradia, e o 25 de xullo de 1994, a Asamblea General modificou algúns puntuais aspectos do mesmo.
Aínda se conserva o documento de 1971, polo que o cura párroco pide pasen as misas da maña a tarde.
En 1993 o concello de Ames comprou a casa, finca e máis anexos, entre eles a capela ós herdeiros da familia Paramés García-Barros, destinando todo o conxunto ó uso publico.


A partir de 1995, en terreos propiedade do concello, iniciase a construcción da nova capela da Peregrina a instancias da Cofradía da Divina Peregrina, rematándose cara 1997.

sábado, 5 de septiembre de 2009

O releve da decapitación de San Xoán



As festas de San Xoán Bautista, en contra da maioría dos demais santos, non se celebran o día en que se conmemora a súa morte, ou sexa o seu nacemento para a vida eterna, se non o día do seu nacemento. O día do seu martirio, a Igrexa o conmemora o 29 de agosto. Na igrexa de Ortoño, onde San Xoán é o patrono, conservase no altar maior un releve da súa degolación.

Este releve, puido ser feito no s. XVIII xunto con todo o altar e podería ter como orixe de inspiración do cadro homónimo de Caravaggio, que atopa na concatedral de San Xoán en Malta e que data de 1608.

Anque se ve que o artista que fixo o releve de Ortoño non é comparable co pintor italiano, si parece haber similitudes como as persoas que miran a través de fiestras a decapitación.

viernes, 4 de septiembre de 2009

Historia do Culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns I




A orixe de esta devoción non ten moito que ver ca peregrinación a Santiago, senón máis ben cos “peregrinos de Cristo”, ou sementadores do Evanxelio, os misioneiros franciscanos, que inducidos polos escritos de Sor María Agreda, monxa concepcionista franciscana, encontraron nas peregrinacións da Virxe María, un estimulo ó seu labor. Esta influencia foi particularmente grande nas misións franciscanas en América, que tiveron a súa orixe no colexio–seminario franciscano de misións de Sahagún, en terras leonesas. Alí dende finais do s. XVII empezouse a venerar unha imaxe de extraordinaria beleza, e de factura sevillana do taller de “La Roldana”, chegada a Sahagún en 1688. En Sahagún douselle o titulo de Divina Peregrina, Nuestra Señora del Refugio.
En Ortoño, non foi ata finais do século XVIII, un século despois da aparición da devoción, en que foi erixido, con carácter privado, o primitivo santuario ou capela familiar da Virxe Peregrina en Bertamiráns.
Cara finais do século XVIII tiñan propiedade en Bertamiráns o matrimonio formado por D. Benito Piñeiro e Lago e a súa dona Dª Cayetana Fernández Cordero, que soían alternar a súa residencia entre esta da parroquia e outra en Santiago. Benito era fillo de D. Simón Piñeiro e Dª Rita Nicolasa de Lago, veciños de Santiago, e Dª Cayetana o era de D. Ambrosio Fernández Bueno e de Dª Francisca Cordero, membros da burguesía pontevedresa do s. XVIII, e por tanto seguramente devotos do novo culto a Virxe Peregrina.
D. Benito tiña por tío ó cura párroco de Ortoño D. Simón Antonio de Lago, que ó foi dende 1754 ata 1799, e de quen era o seu único herdeiro. Todas estas circunstancias foron seguramente as que os levaron a erección da capela privada da Virxe Peregrina, no solar da súa casa en Bertamiráns. Hai que dicir que a casona da granxa da peregrina, seguramente esta familia a tiñan por foro do Cabildo de Santiago, ou de algún outro dominio de un mosteiro, pois os bens que tiña o Conde de Altamira en Bertamiráns, eran todos agros ou terras de labor.
Benito e Cayetana bautizaron en Ortoño en 1788 unha filla que levou por nomes María de los Dolores Simona Ramona Francisca Cayetana Benita Rita, e tivo por padriños a seu tío avó D. Simón Antonio de Lago e a súa avoa materna. Esta rapaza era a herdeira dos bens de Bertamiráns, pero non chegou a sobrevivir a seus pais, xa que en 1801, dous anos despois de que morrese D. Simón Antonio de Lago, fai testamento seu sobriño declarando non ter fillos, e deixándolle os bens de Bertamiráns a súa muller. No 28 de setembro de ese ano morre D. Benito en Santiago, sendo soterrado na capela do Rosario sita en Santo Domingo de Bonaval, pero sabemos polo seu testamento que lle lega importantes bens e unha casa a súa cuñada Dª María Petronila Fernández, viúva de D. Ramón Rigueiro, e ó seus sobriños Ramón e Francisca Rigueiro, para cando morra a súa muller Dª Cayetana.
Parece ser que D. Benito, seu tío ó párroco de Ortoño e a súa cuñada tiñan grandes sumas invertidas no comercio de lenzos en Santiago, que lle reportaban bos beneficios. O caso é que a primeira copia do testamento de D. Benito Piñeiro sacase en 1807, seguramente con motivo do matrimonio da viúva D. Cayetana Fernández con D. José Francisco Vendrell Pedralbes y Estapez del Mas, médico nacido en Barcelona en 1776, e asentado en Santiago dende 1804 como catedrático de Medicina. O que quitou a copia do testamento era D. Manuel García Barros como marido de Dª Francisca Regueiro, sobriña de D. Benito, e beneficiada no testamento de seu tío había 6 anos.