viernes, 4 de septiembre de 2009

Historia do Culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns I




A orixe de esta devoción non ten moito que ver ca peregrinación a Santiago, senón máis ben cos “peregrinos de Cristo”, ou sementadores do Evanxelio, os misioneiros franciscanos, que inducidos polos escritos de Sor María Agreda, monxa concepcionista franciscana, encontraron nas peregrinacións da Virxe María, un estimulo ó seu labor. Esta influencia foi particularmente grande nas misións franciscanas en América, que tiveron a súa orixe no colexio–seminario franciscano de misións de Sahagún, en terras leonesas. Alí dende finais do s. XVII empezouse a venerar unha imaxe de extraordinaria beleza, e de factura sevillana do taller de “La Roldana”, chegada a Sahagún en 1688. En Sahagún douselle o titulo de Divina Peregrina, Nuestra Señora del Refugio.
En Ortoño, non foi ata finais do século XVIII, un século despois da aparición da devoción, en que foi erixido, con carácter privado, o primitivo santuario ou capela familiar da Virxe Peregrina en Bertamiráns.
Cara finais do século XVIII tiñan propiedade en Bertamiráns o matrimonio formado por D. Benito Piñeiro e Lago e a súa dona Dª Cayetana Fernández Cordero, que soían alternar a súa residencia entre esta da parroquia e outra en Santiago. Benito era fillo de D. Simón Piñeiro e Dª Rita Nicolasa de Lago, veciños de Santiago, e Dª Cayetana o era de D. Ambrosio Fernández Bueno e de Dª Francisca Cordero, membros da burguesía pontevedresa do s. XVIII, e por tanto seguramente devotos do novo culto a Virxe Peregrina.
D. Benito tiña por tío ó cura párroco de Ortoño D. Simón Antonio de Lago, que ó foi dende 1754 ata 1799, e de quen era o seu único herdeiro. Todas estas circunstancias foron seguramente as que os levaron a erección da capela privada da Virxe Peregrina, no solar da súa casa en Bertamiráns. Hai que dicir que a casona da granxa da peregrina, seguramente esta familia a tiñan por foro do Cabildo de Santiago, ou de algún outro dominio de un mosteiro, pois os bens que tiña o Conde de Altamira en Bertamiráns, eran todos agros ou terras de labor.
Benito e Cayetana bautizaron en Ortoño en 1788 unha filla que levou por nomes María de los Dolores Simona Ramona Francisca Cayetana Benita Rita, e tivo por padriños a seu tío avó D. Simón Antonio de Lago e a súa avoa materna. Esta rapaza era a herdeira dos bens de Bertamiráns, pero non chegou a sobrevivir a seus pais, xa que en 1801, dous anos despois de que morrese D. Simón Antonio de Lago, fai testamento seu sobriño declarando non ter fillos, e deixándolle os bens de Bertamiráns a súa muller. No 28 de setembro de ese ano morre D. Benito en Santiago, sendo soterrado na capela do Rosario sita en Santo Domingo de Bonaval, pero sabemos polo seu testamento que lle lega importantes bens e unha casa a súa cuñada Dª María Petronila Fernández, viúva de D. Ramón Rigueiro, e ó seus sobriños Ramón e Francisca Rigueiro, para cando morra a súa muller Dª Cayetana.
Parece ser que D. Benito, seu tío ó párroco de Ortoño e a súa cuñada tiñan grandes sumas invertidas no comercio de lenzos en Santiago, que lle reportaban bos beneficios. O caso é que a primeira copia do testamento de D. Benito Piñeiro sacase en 1807, seguramente con motivo do matrimonio da viúva D. Cayetana Fernández con D. José Francisco Vendrell Pedralbes y Estapez del Mas, médico nacido en Barcelona en 1776, e asentado en Santiago dende 1804 como catedrático de Medicina. O que quitou a copia do testamento era D. Manuel García Barros como marido de Dª Francisca Regueiro, sobriña de D. Benito, e beneficiada no testamento de seu tío había 6 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario