Un arquivo parroquial é o conxunto de documentación que se foi gardando ó longo dos séculos, relativa a parroquia e os seus feligreses.
A partires do concilio de Trento, a mediados do s. XVI, a Igrexa dispón que se garde certificación por escrito dos sacramentos impartidos para evitar que sexan repetidos. Deste xeito nacen os libros sacramentais, divididos en Bautizados, Casados e Defuntos. En Ortoño consérvanse dende o ano 1659 ata a actualidade. Recentemente confecionouse o índice de matrimonios dende os anos 1659 ata 1894.
Outro tipo de libros son os de Culto e Fabrica. Estes son os libros de contas da parroquia, do que se cobra de rendas, enterros etc, e no que se gasta: obras, prata, cera, culto etc. É ademais en este libro onde os visitadores do arcebispado deixan reflexadas as visitas e sobre todo as ordes e recomendacións ós párrocos, sobre o estado da parroquia. O primeiro libro de fabrica de Ortoño data de 1617, e a primeira disposición do visitador ese ano foi o de facer cancelas para o adro para evitar que o gando entrase.
As cofradias parroquiais tamén tiñan o seu libro cada unha. É semellante ó libro de Fabrica, xa que en el se levan as contas, a entrada e morte de cofrades, etc. En Ortoño comeza en 1630 o da cofradia do Santísimo Sacramento, e en 1696 o da outras que eran a de Nosa Señora do Rosario, o de San Antonio de Padua e San Roque, estas dúas unidas en un so libro.
Moitos feligreses nas súas mandas testamentarias deixaran disposicións sobre sufraxios perpetuos que en aquel tempo se chamaban misas de fundación. O estricto cumprimento das súas vontades e sobre todo a cobranza dos estipendios obrigaron ós visitadores a mandar confeccionar un libro onde se puxesen todas estas disposicións. Este libro chamase de Misas de Fundación, e en Ortoño fíxose cara 1679, cando posiblemente o anterior se perdera.
Existen outras series como os Libros de Vereda, que son recomendacións dos bispos ós párrocos. Posteriormente cara finais do s. XIX ata a actualidade publicase na diocese e consérvanse no arquivo o Boletín do Arcebispado, que é como o boletín oficial do estado da diocese.
Existe máis documentación solta, libros litúrxicos antigos, documentos e expedientes que completan o rico patrimonio histórico e relixioso da nosa parroquia a través dos séculos.
No arquivo, e especialmente nos libros sacramentais, están recollidos os nomes e as vidas dos nosos devanceiros. Estes libros son libros de vida, xa que alí esta certificado o noso ingreso na Igrexa de Cristo.
Dende hai uns anos os libros anteriores ó ano 1900 están depositados no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, sito na praza da Inmaculada, e pódense consultar por calquera persoa. O resto ata actualidade gárdanse e séguense recopilando na casa rectoral. Moitas entradas do Sineiro teñen como fonte o noso arquivo parroquial
No hay comentarios:
Publicar un comentario