sábado, 3 de octubre de 2009

A emigración en Ortoño. I


Nova España

Con este título abordaremos en este e en seguintes entregas o fenómeno da emigración na nosa parroquia, tanto as motivacións e os lugares a onde se emigraba. Ademais non se pode esquecer tampouco os fluxos migratorios cara a nosa parroquia, que facían que ó tempo que uns marcharan outros chegasen, en este caso dende outros lugares de Galicia, e que o longo do tempo fixo que a nosa poboación medrase moito.
Durante os séculos XVI e principios do XVII non había emigración, entre outras cousas por haber moi baixa densidade de poboación. A situación foi mudando cara mediados do s. XVII, e xunto ca mala situación económica de España durante o reinado de Felipe IV, sobre todo derivada das guerras de Cataluña e Portugal, provocaron migracións sobre todo cara o recen independente Portugal e cara os portos comerciais de Andalucía. Hai que ter en conta que principalmente en esta época emigraban os homes, quedando as mulleres nos seus lugares.
Sen embargo existe unha emigración non suxeita a necesidade. Hai persoas de posicións moderadamente acomodadas que queren probar fortuna en outras terras, e especialmente no novo mundo.
Así encontramos varios exemplos entre os séculos XVII e XVIII. O primeiro é un veciño de Castrigo, D. Marcos Pardiñas e Villardefrancos, fillo de Gregorio de Castrigo e María Gómez Pardiñas Villardefrancos. Debeu nacer entre 1650 e 1660, e en vida de seus pais estivera estudiando na universidade de Santiago, sen saber si chegou a graduarse en algunha materia. De todos os xeitos, en 1682 cando seus pais tiñan morto el encontrábase na vila de Conil, cerca de Torrenueva, actual provincia de Cádiz, e fai poder a un irmán para que se faga a partilla de seus pais, e para que ademais se faga información dos seus antepasados, e poder así pasar a Nova España, primeiro nome que se lle dou a México, e deste xeito optar a postos relevantes da vida pública. A partir de ese momento xa non se teñen máis novas del. Pero quizais foille ben, xa que un neto dun irmán del, D. Antonio Sanmamed e Castrigo, este residente no lugar de Lamiño, parroquia de Brión e contiguo a Castrigo, tamén fai información en 1711. As motivacións son claras respecto a que o que pretende é buscar novos horizontes nos que progresar, el mesmo expresase nestes temos: “...para viajar a algunos santuarios a los que estoy encomendado y probar suerte pasando a Nueva España”.
Existen outros exemplos, anque non da nosa parroquia, en que xentes acomodadas buscan novos espacios onde exercer a súa posición social, e estes non son outros que as terras que comprenden os virreinatos do novo mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario