Ó igual que os demais lugares da parroquia pertencentes ó conde de Altamira, os moradores no lugar e levadores de fincas das Cortes foron denunciados polo apoderado do conde na Real Audiencia da Coruña, por estar ocupando bens sen título.
Nas cortes a esas alturas existían tantos herdeiros dos primeiros moradores do lugar que moitos xa non vivían nel, senón en outros lugares da parroquia e tamén en outras parroquias da bisbarra e incluso de outras comarcas.
Cabe resaltar o caso particular de Joseph Eugenio de Nimo, que xunto con moitos outros lle foi notificado a denuncia do apoderado do conde na súa casa, no lugar e aldea de Nimo na feligresía e priorato de San Martiño de Corenza, anexo de Santa María de Roo, xurisdicción de San Xusto de Toxosoutos, hoxe concello de Noia. Actualmente non sorprende atoparnos con persoas propietarias de bens moi distantes de onde viven, pero para aquela época e exceptuando as clases sociais dominantes si era algo raro.
Anque a familia de Joseph Eugenio gozase de un certo ascendente na súa bisbarra, xa que seu sogro era capitán de milicias e tiña un irmán notario, os bens que tiña nas Cortes víñanlle de herdanza. Joseph Eugenio era fillo de Andrés de Nimo e María Rodríguez da Costa. Andrés fora xuíz da xurisdicción de Toxosoutos durante uns anos, ó igual que outros membros da súa familia, e o casar establecerase no lugar de Pastoriza, parroquia de Santa María de Roo. Seu pai, e avó de Joseph Eugenio era Francisco de Nimo, fillo de Domingo de Nimo e Dominga de Nimo, mortos estes a finais do s. XVII. Francisco casara con unha veciña de Ortoño, máis concretamente con Antonia Barreyro, filla de Juan Barreyro e a súa dona María Douteiro, veciños de Maguxe e levadores de unha fracción das Cortes, quizais a mesma que traspasara Alonso Pachón das Cortes a Juan Barreyro en 1601.
Dende logo que Joseph Eugenio non viña dende o entorno de Noia a traballar as leiras das Cortes, senón que as tiña arrendadas a caseiros. Pero ó igual que el todos os demais moradores e levadores de bens do conde de Altamira e de outros dominios, ó ser xa descendentes en 3º ou 4º grao dos primeiros levadores tíñanse esquecido da letra de aqueles foros.
Central Hidroeléctrica do Tambre I, sita no lugar de Nimo.
A tenor de estes sucesos acaecidos a mediados do s. XVIII, falaba cara 1827 o novo párroco por aquel entón D. Bernardo Zeruelo en unha carta a palacio sobre as misas de fundación. En ela expresaba a súa sorpresa e impotencia sobre a situación, xa que para aquel entón esa cuestión era unha maraña, por estar estas suxeitas a bens que non era en realidade dos que has instituíron. Contaba que a inmensa maioría da xente considerábase dona do que non era dela senón do conde, e por tanto a penas pagaban as rendas. Entón o conde púxolles preito na Coruña conseguindo botalos dos seus lugares, casas e terras, para acto seguido facerlles novo contrato, de foro para aqueles que aínda pagaban a renda e de arrendamento para os que se tiñan considerado donos do alleo, subíndolle a renda ata dúas tercias partes de como estaba no s. XVI. Si cara 1563 pagaban ó conde polas Cortes 27 rapadas de centeo, ou sexa 81 ferrados, e unha márrana, en 1757 a renda quedou en 202 ferrados de centeo e dous carros de palla .
No hay comentarios:
Publicar un comentario