A fundación en Ortoño do
Seminario de Estudios Galegos
O vindeiro 12 de outubro conmemóranse os 86 anos do nacemento do Seminario de Estudios Galegos.
Inscrición recordando a fundación do SEG que se atopa na casa grande de O Castro
Efectivamente, o día da Virxe do Pilar de 1923, un grupo de alumnos e profesores da Universidade de Santiago, movidos polo interese do estudio da cultura galega en tódolos seus eidos, xuntáronse no lugar de O Castro, na nosa parroquia de Ortoño, para fundaren unha institución que se dedicase á investigación e difusión da lingua e cultura galegas. Nacía así o Seminario de Estudios Galegos. Ó seu redor, axiña se agrupa boa parte da intelectualidade galeguista que xa tiña certo movemento a través do consello de redacción da revista “Nós”.
A idea xurdiu de Luís Tobío, alumno da Facultade de Dereito, e con familia en Brión, que tiña recibido de tradición oral o relato da suposta paternidade da escritora Rosalía de Castro, finada en 1885.
Segundo a súa tía aboa, Minia Tobío, Rosalía era filla de José Martínez Viojo, nacido no Castro e que, co tempo, sería sacerdote da Colexiata de Iria Flavia (Padrón). Rosalía teríase criado durante un tempo indeterminado na casa onde nacera o seu pai coas súas tías paternas, unha das que casaría en Brión tendo por bisneto ó propio Luís Tobío.
O caso é que os compañeiros de Luís, tomaron por certa a historia e, baseándose nela, elixiron ó Castro, e máis concretamente a casa onde nacera José Martínez Viojo, para fundaren o Seminario, en detrimento doutros lugares tamén representativos da vida de Rosalía.
Pero o certo é que hoxe aínda non existen evidencias documentais da paternidade e, xunto con moitas incorreccións históricas na biografía de Rosalía, levan os investigadores actuais a poñer en dubida toda relación que se tiña entre Rosalía é Ortoño.
O que si é obxectivo e digno de non esquecer e a fundación desta institución, e que persoeiros como: Cotarelo Valledor; Alfonso Castelao; Vicente Risco; López Cuevillas; Otero Pedrayo, Xesús Carro; Filgueira Valverde e o propio Lois Tobío, percibían en Ortoño a primeira semente dun ilusiónante proxecto de identidade e servicio a Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario