Presentación
O libro de fundacións de calquera parroquia non é máis que unha recompilación das escrituras, “allanamientos” e institución de misas e obras pías polos defuntos. Entre os séculos XVI e XVIII, a sociedade viviu un período de grande fervor relixioso que se reflexou na fundación ou erección de este tipo de actos relixiosos en prol do recordo e axuda os familiares defuntos.
Como xa se contou en outras ocasións, tratábase do cumprimento de unha vontade de un familiar falecido que a deixara no seu testamento ou a manifestara de palabra mentres vivía. Tamén había xente que o facía por propia vontade sen expresar un condicionante que deixara unha terceira persoa. Un aspecto curioso, en fronte a calquera acto presente pola honra dos defuntos, era que estas disposicións, sen excepción, eran instituídas para sempre, ou sexa a perpetuidade. E para asegurar que se cumprisen os testadores ou os que tiñan a vontade de facelas apartaban e deixaban unha porción dos seus bens hipotecados para o pago, ano a ano, dos gastos que ocasionaría o cumprimento da súa vontade.
Sen embargo, detrás de esta aparente colección de apuntes de misas, gardase unha historia xenealoxía das xentes moradoras na parroquia e incluso das veciñas. Esto é así porque os recopiladores, ou sexa os párrocos, consignaron os fundadores e os vínculos que os unían dentro das súas familias. Ademais co paso dos anos foron tomando nota de que os descendentes vivos foran cumprindo cos gastos de ter que dicir as misas. Deste xeito van saíndo a luz o tronco das familias asentadas na parroquia ó longo de 300 anos, e imos descubrindo ós distintos entronques con outras.
As fundacións de misas fóronse perdendo no s. XIX debido a varios problemas. O primeiro era que os cumpridores eran os que traballaban os bens hipotecados, e estes podían ser enaxenados de tal xeito que os descendentes do fundador rara vez pagan, facéndoo outras persoas que non tiñan nada que ver. O segundo era que moitas das herdades hipotecadas nunca foran do fundador, senón que as traballaba por mor de un foro ou arrendamento, de tal xeito que perdían a súa validez cando o dominio as reclamaba.
O libro de fundacións de Ortoño, móstranos 49 fundacións que nos dan información xenealóxica interesante sobre varias familias ó longo do tempo. Concretamente tratase de unha encadernación de moitas escrituras sen orde aparente, pois carece de número de folio, e nos que si o ten están desordenados, o que suxire unha reorganización posterior. Sen embargo, saltándose a numeración dos folios, si foron numeradas as fundacións da primeira ata a 42, anque sen respectar a cronoloxía. O arquivo parroquial de Ortoño data, nos libros sacramentais dende 1659, nos de fabrica dende 1617, e neste libro dende 1669. É máis algunhas fundacións son máis antigas, pero vólvense a consignar no mesmo ano de 1669. Quizais fose ese o ano en que se perderan as copias debido a un posible incendio que había de ter levado os libros sacramentais anteriores a 1659, así como o incipiente libro de fundacións e outros libros vellos. Falta tamén, por mor do pouco celo de D. Ignacio Antonio Seares, párroco da primeira metade do s. XVIII, a listaxe dos cumpridores de este período, pero que se poden ir recompoñendo axudados dos datos dos libros sacramentais e outra documentación.
Propoñémonos ir mostrando unha a unha estas escrituras para descubrir os antigos vínculos familiares nesta parte da Maía. Deste xeito, mostraremos unha sinopse de cada unha e irémolas publicando todas xuntas en unha páxina adicada a tal fin. Esperamos que o seu estudio sexa proveitoso para os investigadores e todos os interesados na súa historia familiar
No hay comentarios:
Publicar un comentario