Como un ano máis ó chegar a festividade de San Martiño de Tours, santo de grande sona na idade media, é o día sinalado, como todos os anos para a feira do lugar de Francos, na parroquia de Calo.
Hoxe poderiamos preguntarnos que manifestación humana actual na nosa bisbarra podería ser a máis senlleira, e unha das respostas sería esta vella feira.
Non sabemos ben de cando data esta feira, sen embargo falaban os veciños en 1557 nas declaracións alcabalatorias, ou sexa de impostos, que antes de haber feira en Francos tiñan que ir as de Santiago e Padrón, e si non daban vendido o seu gando estaban obrigados a pagala alcabala, de xeito que o concello das parroquias do val da Maía solicitouna.
O gando cabalar é o que ainda perdura nesta feira secular. |
O groso da contratación nesta feira coma nas de Santiago e Padrón era a contratación gandeira. Hoxe queda a feira cabalar da Ascensión en Santiago, en Padrón algo nas feira de Pascua, pero sobre todo aínda pervive esta de Francos.
Santiago tiña tres grandes feiras no ano: a da Ascensión, a do día do Apóstolo e a de San Lourenzo; a segunda era a máis importante, segundo as Memorias do Cardeal Gerónimo del Hoyo cara 1607 (“acuden a ella mucho número de mercaderes portugueses”). Padrón, porto e feira, pola contra celebraba tres ou cinco no ano, segundo unhas ou outras fontes: o primeiro de Maio, San Xoán e Santa María de setembro. Outras tres había en Francos: Pascua de Flores, Santispiritus ( o seguinte domingo de Pentecostes), e San Martiño de novembro. Como se ve os tres emprazamentos repartianse o ano sen interferencias.
"Comelo pulpo" é un dos reclamos da feira de Francos. |
En cales queira das feiras citadas reuníanse tratantes da terra de Santiago, así como compradores casteláns, portugueses e incluso andaluces. Aquí tratábase gando que viña dos montes de Barcala, e da xurisdicción de Quinta e de máis lonxe. Aínda hai xente moita xente que acorda ter visto pasar as recuas de cabalos e bestas pola ponte da Condomiña no s. pasado.
Hoxe soamente celebrase en Francos a feira de San Martiño. Nela xuntase, quizais de unha forma xa inconscente, a antiga tradición gandeira do noroeste da actual provincia da Coruña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario