domingo, 29 de noviembre de 2009

O Petroglifo da Nave



O petroglifo da Nave, en Mourigade, parroquia de Bugallido, é unha das máis vistosas adiccións recentes ó catálogo de gravados prehistóricos na comarca da Maía.
Tratase dun único gravado, atopado polo de agora, non descartándose atopar máis. O motivo catalogado identificase por cinco círculos concéntricos con unha cazoleta central atravesada, a súa vez por un trazo radial. Quizais o gravado fose máis extenso pero a rocha atopase moi erosionadaEstes debuxos son de orixe prehistórica, podendo ter unha antiguedade de ata 3000 anos, non sabendo aínda hoxe cal foi o sentido que tiñan. Hai quen afirma que marcaban lugares de caza, e de feito este da Nave, esta en un lugar moi axeitado.

viernes, 27 de noviembre de 2009

A procesión da Peregrina.



A fotografía de arriba corresponde a procesión da Virxe Peregrina do ano 1926. A dereita do estandarte, podese ver a Daniel García García-Barros, marcado con unha cruz ós pes. Debaixo das letras "DE LA" do portal podese apreciar a Javiera García-Barros Pena, propietaria por aquel entón da Granxa da Peregrina. O lugar que mostra a instantanea é a saida da propiedade polo portal que da a carretera de Negreira.
En esta outra, posan os participantes na procesión de volta a eira da casa.



lunes, 23 de noviembre de 2009

Castrigo IV: historia

Na segunda metade do século XVI vivía en Castrigo un único matrimonio composto por: Bieito de Sanmamed e Dominga de Castrigo. Segundo o foro de 1597, e tamén o apeo de 1757, o Conde Don Lope afóralles varios bens e a vivenda que habitan, unha casa torre de 36 “cóbados“ de longo, case toda tellada, excepto unha parte que era “celeiro”. Neste foro o Conde engade outras terras compradas a Juan de Piñeiro e Catalina de Riazos, persoas que llas aforaran anteriormente ós propios Benito e Dominga.

Esta casa torre, que seguramente era a que en 1458 se lle chamaba de Tereisa Oanes, era o prototipo de casa forte dos fidalgos de acostamento do Conde. As casas dos que se apoiaba na súa confrontación cos Arcebispos composteláns. Foron o xerme dos pazos que, ó longo dos séculos XVII e XVIII, encheron a contorna. Outras casas fortes tamén as había en Leboráns, Lens, Guldrís, Salaño, Os Anxeles, A Condomiña...

Bieito de Sanmamed procedía da parroquia de Ames, e seguramente tiña relación con familias de certo ascendente na comarca, como por exemplo os Freire e os García de Seares. Non coñecemos a fondo os detalles da súa vida pero mantíñase ben relacionado coa administración local, pois en 1593 aparece como arrendatario das alcabalas da parroquia de Ortoño. Bieito e Dominga moi posiblemente tiveran descendencia pero os fillos deberon morrer antes que os pais. Sabemos que en 1605 morre Dominga, pois nese ano sácase copia do foro da Confraría da Concepción. Bieito casa en segundas nupcias con María de Lago, veciña do lugar de Tembra na parroquia de San Miguel de Boullón, e pertencente á familia dos Lago, da que, ó parecer, procedían algúns membros do Cabido da Catedral de Santiago. Deste segundo matrimonio si quedou un fillo chamado Gregorio de Castrigo.



Bieito morre o 16 de decembro de 1615, A súa viúva María casa de novo na primavera de 1616 con Domingo de Outeiro. Como froito deste matrimonio nacen sete fillos máis, finando ela entre os anos 1642 e 1643. Fixo testamento, sen sabermos cando nin diante de quen pero, polo que afirma un dos seus fillos, deixou 8 misas de fundación en Ortoño. Este fillo chámalle á súa nai Francisca pero, na información de sangue, seu neto e demais testemuñas danlle por nome María. De tódolos xeitos na información de limpeza de sangue que fixeran os sobriños do Bispo de Quito, e outros familiares, mencionábase que os unía a relación coa Casa dos Lago. Tiña por medio irmán a Alonso de Lago de San Miguel de Boullón, que comparece como testemuña no preito polos bens de Bieito de Castrigo cando morre María






Gravado das Torres de Altamira cara ó ano 1840. Capital dos estados do Conde de Altamira, onde en 1597, o mesmo Conde fixo o foro de Castrigo
**********
(Foto: Brión, historia, economía cultura e arte. Clodio González Pérez. Ed Toxosoutos 1998)

viernes, 20 de noviembre de 2009

A granxa da Peregrina II

Velaquí mostramos outras dúas fotografías da familia Paramés García-Barros, propietarios da Granxa da Peregrina. As fotografías son aproximadamente dos anos 20, e nelas podemos ver a toda a familia na eira da súa casa de Bertamiráns, hoxe o denominado Pazo da Peregrina.




Nesta primeira foto, vese a esquerda cas pernas cruzadas a José María Paramés García-Barros, que foi deputado a Cortes polo partido de Muros. Detrás del Daniel García García-Barros, primo do anterior, avogado e secretario da facultade de Medicina de Santiago. E no centro, a dereita, Domingo Paramés González, con un neno no colo, pai e tío dos anteriores.



Esta outra mostra a chegada dun dos primeiros automóbiles a parroquia de Ortoño. Esta quitada dende outro ángulo, podéndose apreciar a casa dos caseiros, a parra e a finca ó fondo co que parece millo. É tamén interesante esta foto porque mostra as primeiras plantacións de eucaliptos no monte das pateiras, ó fondo. Estes eucaliptos xa podían ter nos anos vinte uns cantos anos plantados.

miércoles, 18 de noviembre de 2009

Castrigo III. Primeiras novas do lugar


Xa temos constancia da existencia do lugar de Castrigo no ano 1216, grazas ó testamento de Pedro Salvatorez, ou sexa fillo de Salvador, no que doa ó mosteiro de monxes bieitos de Toxosoutos as súas propiedades en Susavila, Castrigo e Caroubáns:

“Et mando omnem meam hereditatem et de soprinis meis ad Sanctum Justum in Transmonte in loco qui dicitur Susa Villa, et ipsi mei consoprini integrent se in Castuirigu et in Carouvanes et in Granocio...”

A seguinte nova do lugar da que temos constancia data do século XV. É a través da Casa de Altamira onde atopamos máis documentación. No 14 de marzo de 1458, no apeo dos bens de Roi Sánchez de Moscoso, Señor de Altamira, non soamente fai referencia ó primeiro morador coñecido do lugar, Fernando de Castorigo, senón que ademais fálanos da renda que pagaba:

“...Yten diso este dito testigo que Rui Sanches avia en Castorigo o casal que dizen de Tereisa Oanes, e tendo arrendado Fernando de Castorigo e da del dez e nove rapadas de pan, que son asy dúas oytabas e tres rapadas de pan, e una maraa e dous cabritos e çinquo maravedis...”
No século XVI o nome do lugar muda adquirindo a grafía coa que hoxe o coñecemos. De tódolos xeitos perdeuse o apeo do lugar de 1563, que fixera Jácome Fernández con poder do Conde. Sen embargo atopamos na documentación privada da parroquia o foro feito pola Confraría de clérigos de Nosa Señora da Concepción de Santiago, con data 1 de febreiro de 1578. Nel aforan os seus bens en Castrigo a Bieito de Sanmamed e Dominga de Castrigo polas súas vidas e tres voces. A escritura afirma que no lugar entraban as parroquias de Ortoño e Brión, pero podería considerarse que tamén se englobaba en Castrigo parte, ou mesmo a totalidade, do lugar de Lamiño. A renda ascendía a seis rapadas de centeo, (uns 18 ferrados) e dúas galiñas madrices.

Unha das follas do foro da Cofradía da Concepción de Santiago de 1578.

Dominga de Castrigo posiblemente fose a filla do matrimonio que, en 1563, Jácome Fernández lles fixera foro do lugar, por non ter ningún documento del, pero que unha vez finados os seus pais non cumpriu coa cláusula habitual de presentarse diante do administrador do Conde para nomearse como primeira voz. Deste xeito o foro feito ós seus pais perdeu validez e, tanto ela como o seu home Bieito de Sanmamed, deberían abandonar o lugar ou, alomenos, as propiedades que traballaban propiedade do Conde. Esto foi así porque o administrador do Conde púxolle preito na Real Audiencia de A Coruña pero, ó final, aviñéronse para facer un novo foro, eso si, incrementando en media carga de centeo a renda. Este foro asinouse na horta da fortaleza de Altamira, en Brión, o 19 de marzo de 1597, en presencia do propio Conde D. Lope de Moscoso e Ossorio. É moi posible que Bieito e Dominga fosen por aquel entón os únicos moradores de Castrigo.

domingo, 15 de noviembre de 2009

A granxa da Peregrina I

Esta é unha fotografía da casa da granxa da Peregrina a principios do século XX, propiedade por aquel entón da familia Paramés García-Barros, hoxe propiedade do concello de Ames co nome de Pazo da Peregrina.
É a primeira de unha serie que nos enviou amablemente Miguel Rodríguez-Vila un descendente de esta familia, e que iremos publicando para completar os artigos do culto da Virxe da Peregrina publicados neste Blog.

jueves, 12 de noviembre de 2009

O lugar de Castrigo (II): os seus límites


No século XVI, o lugar de Castrigo, a diferencia doutros da parroquia, non era único e exclusivo dun dominio, nin tan sequera había ningún maioritario dentro del, senón que estaba repartido entre varios donos.

Así donos de Castrigo eran: a Confraría de clérigos de Nosa Señora da Concepción de Santiago; tamén tiña bens en Castrigo o Conde de Altamira, no que ademais tiña poder xudicial ó estar Castrigo dentro da súa xurisdicción; o mosteiro compostelán de Santo Domingo de Bonaval e, por último, varios particulares tamén exercían dominio sobre algunhas terras.

Mapa de parte de Castrigo, feito con motivo de un preito a principios do s. XX.


Ademais de estar o lugar partido en varios dominios, estes tiñan outras propiedades anexas ás de Castrigo no veciño lugar de Lamiño, parroquia de San Fins de Brión, e no de Caroubáns na de San Estevo de Covas, que aforaban todas xuntas ós moradores de Castrigo. Sen embargo nos inventarios destes bens sempre quedan ben definidos indicando que terras e propiedades están nun lugar ou noutro, o que leva a confirmar que os lugares son moito máis antigos que os donos ou dominios que os posúen.

Esa é a razón pola que, por unha banda, non se debeu consignar en ningún documento o apeo ou perímetro do lugar, anque este fora ben coñecido e, por outra que si quedaran ben claros os bens de cada dominio dentro e fora de Castrigo.

Por este mesmo motivo, ó non andar tódolos bens de Castrigo xuntos, tampouco semella que puidera existir un prorrateo das rendas integras do lugar como si conservamos doutros lugares da parroquia.

De tódolos xeitos xa fomos quen de presentar un plano ca cartografía e toponimia de Castrigo (Castrigo I), aínda admitindo posibles erros no seu perímetro.

Pensamos que a súa fronteira oeste e noroeste coincidiría co actual límite entre os Concellos de Ames e Brión, descritos xa no século XIX. Sabemos, por exemplo, que o actual Colexio “Bispo Guerra Campos” érguese sobre terreos do lugar de Caroubáns estando, xa que logo, fora do territorio da Parroquia de Ortoño. Hai partes dubidosas como a introducción xunto co monte de Castrigo de parte do ligar de Marante que, alomenos, tamén aparece incluído no prorrateo do Pedregal.

Outra paraxe que puidera non ser de Castrigo é o monte chamado “Rebórdelo”, podendo ser tamén de Caroubáns. Estes son, máis ou menos, os seus limites sacados da documentación privada e publica emitida dende o século XVI sobre Castrigo

domingo, 8 de noviembre de 2009

Enclaves na parroquia

Existen algunhas parroquias en Galicia que o seu territorio esta dividido entre dous ou máis concellos, chamándose a eses anacos de territorio tronzados administrativamente enclaves.
Pois ben na parroquia de Ortoño existen alomenos dous enclaves.




Ó definir definitivamente os límites do lugar da Cachela, comparándoos cos lugares que o rodean, descubrimos que este coincide co agro de Martiz. Este descubrimento dou en outro, xa que o agro da Cachela, que esta ó sur, semella ser do lugar de Chave de Carballo, parroquia de San Xulián de Bastavales, e dentro dos límites municipais de Ames, pero non é parroquia de Ortoño. O outro é un anaco de terreo no lugar das Cortes rodeado por un meandro do río Sar chamado Cantiño. Esta porción de territorio dentro do noso concello pertence a parroquia de Santa María dos Anxeles.
A explicación é sinxela. Ó constituírse os concellos no s. XIX, algúns veciños da parroquia tiñan propiedades no linde entre parroquias que administrativamente acabarían en outro concello.
Fixeron alegacións e conseguiron incluílas dentro do termino municipal, movidos pola sensación de trastorno burocrático se quedaban fora da nova división administrativa

jueves, 5 de noviembre de 2009

Arquitectura popular (I)

O cruceiro de O Santo que agora está en Barciela.





Cando en números pasados tratamos o tema da capela de San Cibrán, que ata 1800 estivo radicada no lugar de O Santo, xa apuntamos a existencia dun cruceiro que se erguía fronte á súa fachada, velaquí os datos que conseguimos verbo do seu actual paradoiro.

En 1851 Domingo de Lema, párroco de San Andrés da Barciela (Sigüeiro) parroquia do Concello de Oroso a 12 quilómetros de Santiago de Compostela, non tendo a súa igrexa ningún cruceiro para facer as procesións e ornato do seu adro, tentou acadar un para colocalo diante dela.

Con obxectivo de acadar ese propósito soubo que, na freguesía de Ortoño, se atopaba, medio esquecido, un cruceiro que estaba no medio dunha carballeira que anos atrás formaba parte do conxunto dunha capela que xa estaba derrubada.

Ó decatarse o párroco de Barciela de que a finca era de titularidade privada, procurou compralo ó seu dono, que resultaba ser María de Buela, bisneta de Juan García Ribas de Mar, que esculpira o devandito cruceiro en 1714.

Logo de acadar acordo no trata, Don Domingo dispuxo todo para o oportuno traslado. De feito nunha maña moi cedo chegou ata ó Santo cun canteiro e cunha partida de carros para desmontar e trasladar as pedras ata Barciela pero, cando algúns veciños viron aquel despregue de medios, parárono e denunciaron aquel espolio no Xulgado de Ames.
Don Domingo retirouse pero, na posterior Vista, o xuíz declarou o cruceiro peza non de utilidade publica, senón de propiedade privada, mantendo o Arcebispado o mesmo parecer, pois coidaba que tería un mellor uso na Barciela e non abandonado no medio dunha carballeira particular.
Por fin o traslado se fixo definitivo e, dende mediados do século XIX, alí está logo de “navegar” dende o río Sar ata o río Tambre e adornar a ruta xacobea do Camiño Inglés

miércoles, 4 de noviembre de 2009

Bertamiráns hai 30 anos




Este é o aspecto de Bertamiráns a finais dos anos 70. A foto esta sacada dende o que hoxe é a fachada de Caixa Galicia mirando en dirección Noia. O edificio da esquerda albergaba o concello e o centro de saúde. Hoxe foi substituído por outro onde esta a policía local e as oficinas de urbanismo.