Así donos de Castrigo eran: a Confraría de clérigos de Nosa Señora da Concepción de Santiago; tamén tiña bens en Castrigo o Conde de Altamira, no que ademais tiña poder xudicial ó estar Castrigo dentro da súa xurisdicción; o mosteiro compostelán de Santo Domingo de Bonaval e, por último, varios particulares tamén exercían dominio sobre algunhas terras.
Mapa de parte de Castrigo, feito con motivo de un preito a principios do s. XX.
Ademais de estar o lugar partido en varios dominios, estes tiñan outras propiedades anexas ás de Castrigo no veciño lugar de Lamiño, parroquia de San Fins de Brión, e no de Caroubáns na de San Estevo de Covas, que aforaban todas xuntas ós moradores de Castrigo. Sen embargo nos inventarios destes bens sempre quedan ben definidos indicando que terras e propiedades están nun lugar ou noutro, o que leva a confirmar que os lugares son moito máis antigos que os donos ou dominios que os posúen.
Esa é a razón pola que, por unha banda, non se debeu consignar en ningún documento o apeo ou perímetro do lugar, anque este fora ben coñecido e, por outra que si quedaran ben claros os bens de cada dominio dentro e fora de Castrigo.
Por este mesmo motivo, ó non andar tódolos bens de Castrigo xuntos, tampouco semella que puidera existir un prorrateo das rendas integras do lugar como si conservamos doutros lugares da parroquia.
De tódolos xeitos xa fomos quen de presentar un plano ca cartografía e toponimia de Castrigo (Castrigo I), aínda admitindo posibles erros no seu perímetro.
Pensamos que a súa fronteira oeste e noroeste coincidiría co actual límite entre os Concellos de Ames e Brión, descritos xa no século XIX. Sabemos, por exemplo, que o actual Colexio “Bispo Guerra Campos” érguese sobre terreos do lugar de Caroubáns estando, xa que logo, fora do territorio da Parroquia de Ortoño. Hai partes dubidosas como a introducción xunto co monte de Castrigo de parte do ligar de Marante que, alomenos, tamén aparece incluído no prorrateo do Pedregal.
Outra paraxe que puidera non ser de Castrigo é o monte chamado “Rebórdelo”, podendo ser tamén de Caroubáns. Estes son, máis ou menos, os seus limites sacados da documentación privada e publica emitida dende o século XVI sobre Castrigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario