miércoles, 18 de noviembre de 2009

Castrigo III. Primeiras novas do lugar


Xa temos constancia da existencia do lugar de Castrigo no ano 1216, grazas ó testamento de Pedro Salvatorez, ou sexa fillo de Salvador, no que doa ó mosteiro de monxes bieitos de Toxosoutos as súas propiedades en Susavila, Castrigo e Caroubáns:

“Et mando omnem meam hereditatem et de soprinis meis ad Sanctum Justum in Transmonte in loco qui dicitur Susa Villa, et ipsi mei consoprini integrent se in Castuirigu et in Carouvanes et in Granocio...”

A seguinte nova do lugar da que temos constancia data do século XV. É a través da Casa de Altamira onde atopamos máis documentación. No 14 de marzo de 1458, no apeo dos bens de Roi Sánchez de Moscoso, Señor de Altamira, non soamente fai referencia ó primeiro morador coñecido do lugar, Fernando de Castorigo, senón que ademais fálanos da renda que pagaba:

“...Yten diso este dito testigo que Rui Sanches avia en Castorigo o casal que dizen de Tereisa Oanes, e tendo arrendado Fernando de Castorigo e da del dez e nove rapadas de pan, que son asy dúas oytabas e tres rapadas de pan, e una maraa e dous cabritos e çinquo maravedis...”
No século XVI o nome do lugar muda adquirindo a grafía coa que hoxe o coñecemos. De tódolos xeitos perdeuse o apeo do lugar de 1563, que fixera Jácome Fernández con poder do Conde. Sen embargo atopamos na documentación privada da parroquia o foro feito pola Confraría de clérigos de Nosa Señora da Concepción de Santiago, con data 1 de febreiro de 1578. Nel aforan os seus bens en Castrigo a Bieito de Sanmamed e Dominga de Castrigo polas súas vidas e tres voces. A escritura afirma que no lugar entraban as parroquias de Ortoño e Brión, pero podería considerarse que tamén se englobaba en Castrigo parte, ou mesmo a totalidade, do lugar de Lamiño. A renda ascendía a seis rapadas de centeo, (uns 18 ferrados) e dúas galiñas madrices.

Unha das follas do foro da Cofradía da Concepción de Santiago de 1578.

Dominga de Castrigo posiblemente fose a filla do matrimonio que, en 1563, Jácome Fernández lles fixera foro do lugar, por non ter ningún documento del, pero que unha vez finados os seus pais non cumpriu coa cláusula habitual de presentarse diante do administrador do Conde para nomearse como primeira voz. Deste xeito o foro feito ós seus pais perdeu validez e, tanto ela como o seu home Bieito de Sanmamed, deberían abandonar o lugar ou, alomenos, as propiedades que traballaban propiedade do Conde. Esto foi así porque o administrador do Conde púxolle preito na Real Audiencia de A Coruña pero, ó final, aviñéronse para facer un novo foro, eso si, incrementando en media carga de centeo a renda. Este foro asinouse na horta da fortaleza de Altamira, en Brión, o 19 de marzo de 1597, en presencia do propio Conde D. Lope de Moscoso e Ossorio. É moi posible que Bieito e Dominga fosen por aquel entón os únicos moradores de Castrigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario