Esta casa torre, que seguramente era a que en 1458 se lle chamaba de Tereisa Oanes, era o prototipo de casa forte dos fidalgos de acostamento do Conde. As casas dos que se apoiaba na súa confrontación cos Arcebispos composteláns. Foron o xerme dos pazos que, ó longo dos séculos XVII e XVIII, encheron a contorna. Outras casas fortes tamén as había en Leboráns, Lens, Guldrís, Salaño, Os Anxeles, A Condomiña...
Bieito de Sanmamed procedía da parroquia de Ames, e seguramente tiña relación con familias de certo ascendente na comarca, como por exemplo os Freire e os García de Seares. Non coñecemos a fondo os detalles da súa vida pero mantíñase ben relacionado coa administración local, pois en 1593 aparece como arrendatario das alcabalas da parroquia de Ortoño. Bieito e Dominga moi posiblemente tiveran descendencia pero os fillos deberon morrer antes que os pais. Sabemos que en 1605 morre Dominga, pois nese ano sácase copia do foro da Confraría da Concepción. Bieito casa en segundas nupcias con María de Lago, veciña do lugar de Tembra na parroquia de San Miguel de Boullón, e pertencente á familia dos Lago, da que, ó parecer, procedían algúns membros do Cabido da Catedral de Santiago. Deste segundo matrimonio si quedou un fillo chamado Gregorio de Castrigo.
Bieito morre o 16 de decembro de 1615, A súa viúva María casa de novo na primavera de 1616 con Domingo de Outeiro. Como froito deste matrimonio nacen sete fillos máis, finando ela entre os anos 1642 e 1643. Fixo testamento, sen sabermos cando nin diante de quen pero, polo que afirma un dos seus fillos, deixou 8 misas de fundación en Ortoño. Este fillo chámalle á súa nai Francisca pero, na información de sangue, seu neto e demais testemuñas danlle por nome María. De tódolos xeitos na información de limpeza de sangue que fixeran os sobriños do Bispo de Quito, e outros familiares, mencionábase que os unía a relación coa Casa dos Lago. Tiña por medio irmán a Alonso de Lago de San Miguel de Boullón, que comparece como testemuña no preito polos bens de Bieito de Castrigo cando morre María
Gravado das Torres de Altamira cara ó ano 1840. Capital dos estados do Conde de Altamira, onde en 1597, o mesmo Conde fixo o foro de Castrigo
**********
(Foto: Brión, historia, economía cultura e arte. Clodio González Pérez. Ed Toxosoutos 1998)
**********
(Foto: Brión, historia, economía cultura e arte. Clodio González Pérez. Ed Toxosoutos 1998)
No hay comentarios:
Publicar un comentario