jueves, 29 de julio de 2010

Rectificación


Domingo D’Emeri e Ortoño

Témonos que referir de novo a Domingo D’Emeri para facer unha rectificación a entrada anterior.
En realidade conta Pérez Constanti, que foi contratado para facer unha imaxe de San Andrés para Ortoño, imaxe que hoxe se conserva. Sen embargo en vez de labrar o Cristo da Caridade o que se lle encomendou foi facer os releves da Virxe María e de San Xoán apóstolo, as dúas imaxes que tradicionalmente acompañan a Xesús no calvario. Estas imaxes eran para poñer en unha “caxa de arriba”, que viría sendo un pequeno camarín en riba do de San Ándres que estaría abaixo sendo a imaxe principal de aquel presunto altar lateral. Hoxe conservase na parte alta.


San Andrés de Domingo D'Emeri ca.1629

Do Cristo crucificado nada se conta, de sen dubida tería que tratarse de outro de dimensións inferiores o que actualmente se conserva. Sen embargo no libro de fabrica, cando en 1754 morre D. Ygnacio Antonio Seares, párroco que fora de Ortoño durante 50 anos, faise inventario dos bens que ese momento había. E dise que se conserva na sancristía un Cristo crucificado que o párroco defunto doara a parroquia. Por tanto o Cristo da Caridade é de un actor descoñecido da primeira metade do s. XVIII.

domingo, 25 de julio de 2010

Artistas que traballaron en Ortoño I

Baixo este título tratamos de facer inventario e unha breve semblanza dos artistas que ó longo do tempo traballaron en Ortoño. Estes son algúns deles:
Domingo de Emeri: Segundo Pérez Constanti, en Diccionario de artistas que florecieron en Galicia durante los siglos XVI y XVII, en 1629 encargase un retablo para San Juan de Ortoño, a Domingo de Emeri, un entallador de orixe francés, afincado en Santiago.Axustado en 50 ducados consistía en unha imaxe de San Andrés “en la caja de arriba”, e as imaxes de Cristo, San Juan e María. Todas estas imaxes están no retablo da capela lateral norte do cruceiro da igrexa, incluído o Cristo, que é o que se chama da Caridade.


Cristo da Caridade, feito en 1629 por Domingo de Emeri

Domingo García del Coto. Pintor afincado en Santiago
Era veciño de Santiago, anque tiña algún orixe no lugar da Condomiña, xa que cara 1758, ano en que o Cabildo de Santiago renova o seu foro, aparece el e a súa muller como uns dos detentadores do lugar.
En 1708 pintou e dourou os colaterais de Santa María dos Anxeles, onde aparece no libro de fabrica recollendo varias cantidades por este motivo. En 1729 dourou o retablo maior da Orden Terceira de San Francisco, que tiña feito Miguel Romai, polo que cobrou 10500 reais. En 1727 cobrou 200 reais por dourar o altar de Ortoño.



Ventura de Castro. Plateiro veciño de Santiago
En 1784 recibeu da fabrica da catedral 614 reais por facer dúas estatuas de Santiago para regalar. Seguramente era natural de Santiago.
Tamén entre 1783 e 1784 cobrou 1300 reais por facer a cruz procesional de 52 onzas de prata para a igrexa de San Xoán de Ortoño.




Cruz procesional de Ortoño, feita por Ventura de Castro en 1784

Luís Parcero. Escultor con taller en Santiago
Natural de Santiago e a súa ocupación era esculpir retablos, onde floreceu na primeira metade do s. XVIII.
A súa primeira obra foi o retablo para a Virxe de Covadonga da parroquia de San Andrés, sobre a planta de Simón Rodríguez, feito por 1500 reais en xullo de 1733.
En 1735 fixo o retablo colateral de San Francisco de Borja, na igrexa da Compañía, segundo a planta que fixera tamén Simón Rodríguez. O retablo foi colocado a dominica de Resurrección de 1736, polo que o P. M. Juan de Salinas lle pagou 250 ducados.
En 1735 fai un retablo camarín para a Virxe do Rosario, segundo a planta da Cofradía do Rosario de Santo Domingo de Bonaval, polo que cobrou 600 reais e 100 máis por gastos extraordinarios. Para Santo Domingo fixo tamén outro retablo, trazado por Manuel de Leis en 1737 axustado en 300 ducados.
Fora de Santiago ten tamén algunhas obras. En Bua, parroquia de San Breixo de Barro, tiña unha capela D. Lorenzo García o cal a quixo dotar con tres retablos, un de San Pedro. En subasta consigueu o traballo en 5614 reais, comprometéndose a facelos tres sobre planta e máis unha imaxe da Virxe dos Dolores para vestir.
Fixo en 1744 o altar maior da parroquia de Rioboo, na estrada, por unha cantidade de 1800 reais. Fixo tamén os tres retablos para a capela de San Antonio de Oca, pertencente o pazo do mesmo nome, cobrando algo máis de 10000 reais.
En 1749 fixo o altar maior de San Xoán de Ortoño que foi axustado en 4600 reais.Luís Parcero foi un bo retablista e mellor sería se florecese na segunda metade do s. XVIII, pero haberá que xuzgalo artisticamente tendo esto en conta. Viveu na Carreira do Conde. A súa morte debeu suceder cara 1760

domingo, 18 de julio de 2010

Os tellados




É moi corrente na actualidade acometer restauracións nas construccións tradicionais que nos foron legadas dende o pasado, tanto no eido publico coma no privado. No primeiro restáuranse muíños, lavadoiros, fontes e outros bens de interese da res publica. No privado rehabilítanse casas, hórreos e palletes.
Pero a rehabilitación e restauración de todos estes edificios con cuberta deixa moito que desexar a como realmente foran construídos a través dos séculos. A razón é a introducción de un elemento que marcou a diferencia entre os antigos tellados e os modernos. Estamos a falar da uralita.
Os tellados antigos era de colmo, e despois tamén de tella. Cando chegou a uralita no s. XX xa non existían casas colmadas. A uralita é una superficie ondulada a que se adaptan as tellas, e por tanto coexistiron ambas.

Partes de un tellado tradicional

Estes estaban formados por uns elementos característicos que imos amosar. En primeiro lugar eran sostidos por tres vigas de madeira paralelas entre si e perpendiculares ó sentido de discorrer a auga. Os seus nomes son dous: cumio, a que estaba na parte máis alta do tellado e tercios as outras. O seu nome podería vir de que a ala do tellado era divida en tres partes por estas vigas. As derradeiras pedras sobre a parede era os tapetes. Feitos de cantería servían para alongar o soporte do tellado máis ala da liña das paredes e evitar que a auga caese por elas. En outros lugares de Galicia poden son de pizarra ou de outro tipo de lousa plana.
Sobre os tercios, cumio e tapetes cravábanse de forma perpendicular uns pontóns de rexa madeira chamados cangos dándolle ó tellado a súa forma. Sobre estes, e de xeito tamén perpendicular dispóñanse as ripas. Estas eran unhas taboíñas de madeira de carballo que acabarían sostendo as tellas. Estaban feitas, moitas veces, das táboas resultantes de serrar as polas más grosas dos carballos que serviron para facer os tercios o cumio ou outras vigas. Por eso a súa forma e sinuosa dependendo da forma das polas. O nome de ripa ven do xermánico e significa costela, e no tellado fan unha función en todo semellante.
Sobre as ripas dispoñíanse os canais de tella e sobre estes as cubertas cerrando todo burato por onde puidera entrar a auga. Nos remates para evitar que o vento levantase as tellas poñíanse a cabalo delas pedras máis ou menos pesadas.
Hoxe en día os tellados antigos non se renovan porque levan uralita e intentase agochar. Sen embargo as tellas quedaban a vista no interior da construcción, sendo por elas moitas veces por onde saia o fume das lareiras que non tiñan cheminea.

lunes, 12 de julio de 2010

Os agros e as agras.

Na nosa bisbarra non atoparemos ningún paraxe que teña por nome agro que se semelle a súa etimoloxía latina, máis ben ó contrario.
Agro ven do latín ager agri, que significa campo, e del derivan outras palabras referentes ó campo como a agricultura. Sen embargo todos os terreos e paraxes que teñen este nome en Ortoño e tamén na Maía, como Agro novo, en Bertamiráns, Agro do monte, en Carballido, Agro de Pincelo en Lapido, Agro de Fornos nas Cortes, por exemplo, son terreos a monte e con arbores. ¿Como se explica entón?


A agra da Condomiña

En realidade habería que facer un rastrexo no grupo de nomes que definen os distintos terreos dos lugares para entender porque os “campos” forman parte dos “bosques”.
Existe outro nome que se lle aplica as extensións, máis o menos grandes, de terras de labor semellante a Agro, referímonos á Agra. Agra é o nominativo plural neutro de Ager. Significa por tanto “os campos”, e o seu o seu significado engloba terreos que son de varios propietarios.
Os paraxes que hoxe teñen por nome Agro, en tempos efectivamente, foron campos que se traballaban. Estaban cerrados e soian ter un so levador ou propietario. Eran e son terreos enxoitos nos que se botaban cereais de inverno como o centeo. Moitos de estes agros estaban en montes abertos, o que significaba que eran de man común, e por tanto debían abrilos cando levantasen as colleitas, para que o gando entrase e comesen os restrollos.
Quizais por seren terreos illados e rodeados de montes, co tempo deixáronse de sementar o centeo das antigas rendas e as especies arbóreas ós colonizaron. Non pasou o mesmo cas agras, xa que son territorios máis grandes, que dependen de moitas persoas, e as súas terras son máis idóneas para outros cultivos coma o millo. De todos os xeitos, incluso nas agras vense terreos que viraron a monte, debido ó abandono das actividades agrarias que supuxo a emigración e a mudanza das costumes sociais e económicas da comarca.

viernes, 9 de julio de 2010

A arquitectura popular perdida: A cabana

Debuxo de unha cabana: Brión historia economia cultura arte. Clodio González Pérez 1998


Nin tan sequera hoxe, salvo excepcións, as construccións que nun pasado eran adicadas ó almacén do grao teñen agora ese cometido, senón un máis ben decorativo. Referímonos ós hórreos, que xunto con outros apeiros, coma vesos, sachadoras, grades e carros pasan os días e os meses nos xardíns para cumprir unha función decorativa. Se se levantasen os vellos e os viran podrecérense á chuvia cando eles os tiñan gardados ó enxoito nos palletes...
Sen embargo hoxe falaremos de unha construcción tan senlleira como o era a cabana, que sen embargo polo tipo dos seus materiais, o igual que o palleiro, non chegou ata hoxe como obxecto decorativo de eiras e xardíns.
Fotografía de unha cabana en 1905. Memoria do Sar -crónica gráfica das terras de Padrón - José Luis e Miguel Cabo Villaverde.

A cabana era a construcción que foi a antepasada directa do hórreo. Tratábase de un enramado circular de corres de carballo e xesta que se cubría con un tellado circular tamén de xesta ou de palla de centeo en forma de carapucho de palleiro. Ía apoiada sobre unha base de madeira, e esta estaba separada do chan por catro pedras ou postes de forma que estivese illada da humidade.
Na nosa comarca aínda hai un século as había. Como convivían cos hórreos, sendo a súa construcción máis cativa e de materiais menos duradeiros, eran empregadas para gardar os cabucos do millo, ou sexa as espigas máis cativas da colleita. Habías en tódalas casas, xa que a súa construcción era barata, e tamén era máis fráxil. No famoso asalto da Gabilla do Tasende a Casa de Salaño das Cortes, a finais do s. XIX, os bandoleiros desfixeron a cabana da casa de Mariño, e deixaron ó pe dela os cabalos comendo os cabucos; pero esta é outra historia que contaremos máis adiante.
Pódese especular si esta construcción xurdiu no s. XVII cando chegou o millo de América, ou si xa existía antes para gardar outros cereais. De tódolos xeitos é moi posible que fose máis antiga, a tenor do nome da aldea de Cabanas nos Anxeles.

domingo, 4 de julio de 2010

Historia dos párrocos de Ortoño IV

Século XX

Desaparecido en 1894 D Bernardo Crespo Varela toma o seu relevo D. José Sanmartín Coto, que estivo en Ortoño case 40 anos. Anque parece que a igrexa era semellante a actual, D José no largo período do seu ministerio aínda fíxoo moitas obras.


D. José Sanmartin Coto, párroco de Ortoño de 1894 a 1932

A primeiros do século XX, concretamente en 1903 reconstruíronse os altares laterais, de San Xosé e o Santo Cristo da Caridade, con elementos antigos e outros máis modernos. Tamén se cubriron os altares pétreos da Inmaculada e do Rosario, con altares de madeira de estilo neogótico.
Pero a obra máis impórtante levada a cabo neste período, como non podía ser de outra forma, foi a conclusión da cuberta abovedada do templo. Referímonos a parte que vai do cruceiro á tribuna, e que ata 1916 estaba composta por un tellado de madeira de castaño, que tiña xa máis de 50 anos. Por aquel entón a opinión xeneralizada era a de renovar o tellado por outro de madeira, pero o párroco propuxo ós feligreses facer unha bóveda de ladrillo, que sostivese o tellado de unha forma definitiva. Triunfou a idea e foi financiada por donativos, tanto dos feligreses residentes como os emigrados en diversos lugares de América. Con motivo de esta obra tamén se trasladou a imaxe pétrea de San Cipriano a unha ornacina situada entre a bóveda do cruceiro e a nave da igrexa. En 1928, tamén con axudas dos inmigrantes de Arxentina, fíxose o zocalo interior da igrexa.D. José Sanmartín ó vir como párroco a Ortoño, trae con el como era habitual a súa familia, entre a que se encontraba o matrimonio formado por seu irmán. Deste xeito ós poucos anos de ter chegado nácelle un sobriño, D José Sanmartin Chao, que co tempo tamén chegaría ser cura, é a morte de seu tío en 1932 sería nomeado administrador da parroquia ata 1940 en que é trasladado ó arciprestazgo do Salnés. O seu predecesor, nos últimos dous anos da vida de seu tío, de 1930 a 1932, fórao un veciño da parroquia, máis concretamente do lugar das Cortes, referímonos a D. Manuel Freire Salaño, que tamén fora ecónomo de Santa Mariña de Ribasar, no concello de Rois.



D. José Sanmartin Chao, ecónomo de Ortoño de 1932 a 1940

A Sanmartin Chao, ven a sustituilo D. José Landeira Moure, a título de párroco durante toda a década dos 40. A este sucedeuno tras un breve período de transición no ano 1951 en que Ortoño foi encargada ó párroco de Bugallido D. Cipriano Reiriz, e a D. Luís Jesús López Mera, D Juan Bueno Bueno como párroco e a seu tío D. Carlos Bueno Rodríguez, como coadxutor.
Do tempo de D. Juan data a construcción do cemiterio parroquial actual, proxecto que tomou moi en serio dende a súa chegada a Ortoño. Nese momento víñase enterrando no adro da igrexa dende a metade do século XIX, e o caso é que cara 1960 a poboación de Ortoño medrara tanto que era a parroquia máis poboada da bisbarra, exceptuando a San Xoán de Calo, incluso máis que Bastavales e Os Anxeles, quedando o adro pequeno para enterrar nel. Deste xeito, conseguiu financiar a compra dos terreos e a construcción do campo santo. Tamén construíu un local parroquial no que se facían representacións teatrais, proxectábanse películas, e durante moitos anos funcionou como escola de preescolar.



D. Juan Bueno Bueno, párroco de Ortoño de 1951 a 1964



D Juan morreu en 1964 por mor de un accidente. O seu sucesor foino D. Manuel Campos Varela, tamén a título de párroco, e que rexeu a parroquia ata 1999, ano no que morreu. D Manuel continuou a construcción do cemiterio, e tamén é da súa época a ampliación que se fixo na zoa sur. Dos derradeiros anos do seu ministerio é a instalación do reloxo da igrexa.


D. Manuel Campos Varela, párroco de Ortoño de 1964 a 1999. (Foto de 1940)

D. Manuel foi axudado primeiro, e despois sustituido por D. Jesús González Castro como administrador parroquial dende 1997.