Agro ven do latín ager agri, que significa campo, e del derivan outras palabras referentes ó campo como a agricultura. Sen embargo todos os terreos e paraxes que teñen este nome en Ortoño e tamén na Maía, como Agro novo, en Bertamiráns, Agro do monte, en Carballido, Agro de Pincelo en Lapido, Agro de Fornos nas Cortes, por exemplo, son terreos a monte e con arbores. ¿Como se explica entón?
A agra da Condomiña
En realidade habería que facer un rastrexo no grupo de nomes que definen os distintos terreos dos lugares para entender porque os “campos” forman parte dos “bosques”.
Existe outro nome que se lle aplica as extensións, máis o menos grandes, de terras de labor semellante a Agro, referímonos á Agra. Agra é o nominativo plural neutro de Ager. Significa por tanto “os campos”, e o seu o seu significado engloba terreos que son de varios propietarios.
Os paraxes que hoxe teñen por nome Agro, en tempos efectivamente, foron campos que se traballaban. Estaban cerrados e soian ter un so levador ou propietario. Eran e son terreos enxoitos nos que se botaban cereais de inverno como o centeo. Moitos de estes agros estaban en montes abertos, o que significaba que eran de man común, e por tanto debían abrilos cando levantasen as colleitas, para que o gando entrase e comesen os restrollos.
Quizais por seren terreos illados e rodeados de montes, co tempo deixáronse de sementar o centeo das antigas rendas e as especies arbóreas ós colonizaron. Non pasou o mesmo cas agras, xa que son territorios máis grandes, que dependen de moitas persoas, e as súas terras son máis idóneas para outros cultivos coma o millo. De todos os xeitos, incluso nas agras vense terreos que viraron a monte, debido ó abandono das actividades agrarias que supuxo a emigración e a mudanza das costumes sociais e económicas da comarca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario