jueves, 29 de octubre de 2009

Castrigo I

Cartografía e toponimia
Esta é forma e aspecto aproximadamente de Castrigo dende o s. XVIII ata mediados do século XX.
Presentamos tamén o mapa toponímico do lugar. En negriña van os nomes que aparecen no inventario de bens do conde en 1753. Castro Arufe seguramente é o máis actual Catarufe. Castro Vello estaría ó sur do anterior. Costa do Valiño era un agro que ía xunto con Oris. Os montes de Fonte Seca é o nome antigo do monte de Castrigo, e os montes de Pedras Menudas eran os comprendidos por Cotón, Tremo e Fonte Seca, e estes eran a sexta parte de Pedras Menudas xa que estaban repartidos entre os lugares de Adoufe e Lamiño, o primeiro de Santa María dos Anxeles, e o segundo de San Fíns de Brión.



Topónimos

1 Agro de dentro
2 Agro novo
3 Ameneiro
4 Cachopa
5 Caniza, Agro da
6 Carballo Seco
7 Castiñeira
8 Castrigo
9 Castro Arufe
10 Castro Vello
11Costa de Valiño, agro de
12 Catarufe de arriba
13 Cotaneira
14 Cotariño
15 Cotón
16 Debesa da Lavandeíra
17 Debesa de abaixo
18 Entreregos
19 Estivada
20 Fonternela
21 Fonte Seca, Montes de
22 Goluras
23 Goluriña
24 Granxa
25 Granxiña
26 Lavandeira
27 Leiras da fonte
28 Marante
29 Monte de Castrigo
30 Muiño, Agro do
31 Muiño de Brans
32 Noval
33 Noval do Grons
34 Noval do río
35 Outeiros
36 Oris
37 Palomar
38 Pedras menudas
39 Pereiro
40 Portela de Bris
41 Portelo
42 Porto da viña
43 Rebordelo
44 Reganga
45 Salgueiros
46 Tras das hortas
47 Tras do Tremo
48 Tremo
49 Tremo de abaixo
50 Tremo de arriba
51 Uris



Outros topónimos sen localizar
●Tallo das Insuas
●Sobre Lagos
●Cagallo
●Debesa de tras da Estivada
●Cortiña
●Herbales de Uris
●Fonte Arnela de arriba e de abaixo
●Insuas a herbal

lunes, 26 de octubre de 2009

Apéndice documental I

As Cortes.
Apeo de 1849.


Anteriormente presentouse un apeo do s. XVI do lugar das Cortes. Agora publicase outro de mediados do s. XIX, que ven ser o que acompaña o prorrateo de 1849. Son distintos porque o máis moderno é moito máis detallado, xa que é a base para o reparto de renda dos bens que conten o lugar e que se repartían entre 102 levadores. Sen embargo o de 1563 soamente era un recoñecemento do lugar por parte do dominio, en este caso o do conde de Altamira, para non perdelo, xa que daquela o lugar soamente o levaban duas familias.
Este é o apeo xeral co que empeza o prorrateo:
Apeo General
Cuyos terrenos están comprendidos dentro del termino redondo de dicho lugar de Cortes, principiando primeramente junto al cerrado de la Cachela y de allí sigue hacia el Poniente dividiendo con el muro de la Rebolteada que es de los terrenos del lugar de Sisalde, siguiendo por la división del agro del Rianjo, hasta dar en el Río Sar, siguiendo por dicho río arriba hasta la Debesiña de los Redollos dejando allí un pedacito de terreno que es de Santa Maria de los Ángeles, siguiendo por dicho río arriba hasta un regato o desangradero que divide la Ribeyra de Ortoño de los términos del lugar de Pungeyras y por dicho regato adelante hasta dar en el comaron que divide la Rebolta Nova de los Barreyros de los bines del Cabildo de Santiago y de el vuelve hacia levante por dicho cebedero cogiendo por el muro llamado de los Vidales que también es del Cabildo y de allí siguiendo en derechura al muro del agro de las Debesas, siguiendo así al Vendaval hasta el agro de cobastros de abajo, siguiendo por la división de dichos agros hasta el agro de la Codeseyra que también es del Cabildo y volviendo al vendaval hasta la corredera que va a los agros de Ribeyras y atravesando dicha corredera sigue por la división del agro de los Fornos, también es del Cabildo, hasta el Ygresario y de allí cogiendo a Sebreyroa de abajo que es del lugar de Ortoño y siguiendo por la división de dicho agro hasta el terreno o división de la Grangiña siguiendo al vendaval por dicha división hasta el muro de la Chousa del Molino del lugar de Ortoño, y siguiendo por dicho muro hasta el agro de José Miraso que también es del lugar de Ortoño y siguiendo por dicho muro hasta el referido agro de la Cachela primera demarcación.
Ca axuda do plano das Cortes e dos seus topónimos, que este blog presenta, podese seguir o perimetro do lugar.
Consultade a foto aerea que esta abaixo da páxina.

miércoles, 21 de octubre de 2009

As Cortes VIII.

Ano 1849.


Non parece haber relación entre o feito de ter habido dous foros no lugar no s. XVI e que tradicionalmente se fale de Cortes de arriba e de abaixo. No s. XVI os administradores do conde fan dous foros, un por cada veciño que vive no lugar, para evitar que existan disputas entre ambos a hora de pagar a renda, pero é moi probable que os casares das Cortes estiveran todos xuntos en torno a actual Cortes de Arriba. É posteriormente cando ó aumentar a poboación aparecen ambos núcleos claramente diferenciados.






Portada de pergamiño do prorrateo do lugar de Cortes, ano 1849



De tódolos xeitos o preito e novos foros de mediados do s. XVIII deberon causar un fondo impacto nos veciños, xa que a partir de ese momento coidáronse moito de pagar integramente a renda e sobre todo repartila xustamente. Cara 1849, a un século do preito e do novo foro, os descendentes de aqueles multiplicáronse e ademais non viven todos no lugar.


Inventario dos bens de José Mariño

Por eso xúntanse e encárganlle a D. Benito Lapido, perito e veciño da parroquia, que lles faga un novo prorrateo da renda do lugar. De este documento desprendese que a mediados do s. XIX había nas Cortes 102 persoas con bens, e o lugar contaba con 14 casas, que eran as de:


Cortes de Arriba


Propietario / Propiedade / area(cuartillos/m2)






  • Manuel Salaño Acosta. Casa principal e horta. 50 / 1313


  • Idem. Casa térrena na Eira de mallar. 14 / 368


  • Tomasa Martínez. Casa, eira e horta. 11 / 289


  • Vicente Antelo. Casa, eira pallete e horta. 89,66 / 2355


  • José Mariño. Casa, eira e horta. 94,5 / 2481


  • Andrés Domínguez. Casa, eira, pallete e horta. 59,5 / 1484


  • Francisco Mourelle. Casa e eira. 29,66 / 779

Cortes de Abaixo






  • José García. Casa e horta. 23,83/ 626


  • Manuel Álvarez. Casa e eira. 5 / 131


  • Juana Álvarez. Casa con parede medianera. 3 / 79


  • Vicenta Álvarez. Caseta e horta. 15,33 / 403


  • José Cabezas de Sisalde. Casa terrena. 3 / 79


  • José Campos Vilacoba, de Castrigo. Casa e palleiro. 11 / 289




lunes, 19 de octubre de 2009

As Cortes VII



Prorrateo do camiño do Cotonciño 1803.

Actualmente o estado e as administracións son as encargadas de construír e manter moitos bens e servicios para o uso da sociedade, entre eles as vías de comunicación. Sen embargo, non hai que esquecer que esta situación é relativamente recente na nosa historia.
Antigamente a construcción e sobre todo mantemento de camiños e pontes nona facía a administración do estado, xa que practicamente non existía, senón era competencia dos donos ou dominios da terra e estes obrigaban os moradores dos seus lugares a cumprir con estes servicios. Eran por tanto os veciños os que facían e reparaban as vías publicas, repartíndose esta tarefa proporcionalmente no grao que as utilizasen.
O 30 de abril de 1803 D. Antonio Martínez, veciño das Cortes, fai relación á xustiza de Altamira de que os levadores e parcioneiros nos agros da Ribeira de Ortoño e de Maguxe e da Revolta nova, terreos todos eles na agra do río Sar, mudaran a cancela de entrada e por tanto empregarían a corredoira do Cotonciño, deixando de empregar o camiño antigo. Relataba Antonio, que se creaba un problema ó ser este camiño moi estreito e pouco adecuado, e pedía ó xuíz que se fixese un recoñecemento do lugar e que peritos independentes evaluasen a situación. O día 2 de maio comparecen no lugar todos os interesados xunto co xuíz ordinario de Altamira D. José María Basadre e compóñense todos no trazado do camiño e no ancho que debera ser de 20 cuartas (4,5 metros) “para que quepan dos carros de par”.
Co paso do tempo e do uso o camiño ten que ser reparado. E para saber de que forma se fará contratase un perito agrimensor, para que cuantificando as fincas que cada un ten na agra determine canta distancia de camiño terá que amañar a súa costa. Este reconto dou como resultado o prorrateo do camiño de Cotonciño de 1840. Pois ben os agros ós que daba servicio o camiño tiñan unha superficie de 73 ferrados e 2 cuartillos de outro (unhas 4,6 hectáreas), e o camiño contaba con 575 cuartas de lonxitude a amañar, o que supoñía uns 132 metros. O agrimensor determina a superficie das fincas de cada veciño e asígnalle unha distancia de camiño a compoñer, ademais de un orde para facelo.

Os honorarios do agrimensor tamén se reparten do mesmo modo entre os veciños que lles toca compoñer o camiño.

miércoles, 14 de octubre de 2009

As Cortes VI.

O preito de 1753. Relacións xenealóxicas en outras xurisdiccións: Toxosoutos

Ó igual que os demais lugares da parroquia pertencentes ó conde de Altamira, os moradores no lugar e levadores de fincas das Cortes foron denunciados polo apoderado do conde na Real Audiencia da Coruña, por estar ocupando bens sen título.
Nas cortes a esas alturas existían tantos herdeiros dos primeiros moradores do lugar que moitos xa non vivían nel, senón en outros lugares da parroquia e tamén en outras parroquias da bisbarra e incluso de outras comarcas.

Cabe resaltar o caso particular de Joseph Eugenio de Nimo, que xunto con moitos outros lle foi notificado a denuncia do apoderado do conde na súa casa, no lugar e aldea de Nimo na feligresía e priorato de San Martiño de Corenza, anexo de Santa María de Roo, xurisdicción de San Xusto de Toxosoutos, hoxe concello de Noia. Actualmente non sorprende atoparnos con persoas propietarias de bens moi distantes de onde viven, pero para aquela época e exceptuando as clases sociais dominantes si era algo raro.

Anque a familia de Joseph Eugenio gozase de un certo ascendente na súa bisbarra, xa que seu sogro era capitán de milicias e tiña un irmán notario, os bens que tiña nas Cortes víñanlle de herdanza. Joseph Eugenio era fillo de Andrés de Nimo e María Rodríguez da Costa. Andrés fora xuíz da xurisdicción de Toxosoutos durante uns anos, ó igual que outros membros da súa familia, e o casar establecerase no lugar de Pastoriza, parroquia de Santa María de Roo. Seu pai, e avó de Joseph Eugenio era Francisco de Nimo, fillo de Domingo de Nimo e Dominga de Nimo, mortos estes a finais do s. XVII. Francisco casara con unha veciña de Ortoño, máis concretamente con Antonia Barreyro, filla de Juan Barreyro e a súa dona María Douteiro, veciños de Maguxe e levadores de unha fracción das Cortes, quizais a mesma que traspasara Alonso Pachón das Cortes a Juan Barreyro en 1601.

Dende logo que Joseph Eugenio non viña dende o entorno de Noia a traballar as leiras das Cortes, senón que as tiña arrendadas a caseiros. Pero ó igual que el todos os demais moradores e levadores de bens do conde de Altamira e de outros dominios, ó ser xa descendentes en 3º ou 4º grao dos primeiros levadores tíñanse esquecido da letra de aqueles foros.


Central Hidroeléctrica do Tambre I, sita no lugar de Nimo.

A tenor de estes sucesos acaecidos a mediados do s. XVIII, falaba cara 1827 o novo párroco por aquel entón D. Bernardo Zeruelo en unha carta a palacio sobre as misas de fundación. En ela expresaba a súa sorpresa e impotencia sobre a situación, xa que para aquel entón esa cuestión era unha maraña, por estar estas suxeitas a bens que non era en realidade dos que has instituíron. Contaba que a inmensa maioría da xente considerábase dona do que non era dela senón do conde, e por tanto a penas pagaban as rendas. Entón o conde púxolles preito na Coruña conseguindo botalos dos seus lugares, casas e terras, para acto seguido facerlles novo contrato, de foro para aqueles que aínda pagaban a renda e de arrendamento para os que se tiñan considerado donos do alleo, subíndolle a renda ata dúas tercias partes de como estaba no s. XVI. Si cara 1563 pagaban ó conde polas Cortes 27 rapadas de centeo, ou sexa 81 ferrados, e unha márrana, en 1757 a renda quedou en 202 ferrados de centeo e dous carros de palla .

sábado, 10 de octubre de 2009

Unha efeméride para non esquecer




A fundación en Ortoño do
Seminario de Estudios Galegos



O vindeiro 12 de outubro conmemóranse os 86 anos do nacemento do Seminario de Estudios Galegos.

Inscrición recordando a fundación do SEG que se atopa na casa grande de O Castro


Efectivamente, o día da Virxe do Pilar de 1923, un grupo de alumnos e profesores da Universidade de Santiago, movidos polo interese do estudio da cultura galega en tódolos seus eidos, xuntáronse no lugar de O Castro, na nosa parroquia de Ortoño, para fundaren unha institución que se dedicase á investigación e difusión da lingua e cultura galegas. Nacía así o Seminario de Estudios Galegos. Ó seu redor, axiña se agrupa boa parte da intelectualidade galeguista que xa tiña certo movemento a través do consello de redacción da revista “Nós”.

A idea xurdiu de Luís Tobío, alumno da Facultade de Dereito, e con familia en Brión, que tiña recibido de tradición oral o relato da suposta paternidade da escritora Rosalía de Castro, finada en 1885.

Segundo a súa tía aboa, Minia Tobío, Rosalía era filla de José Martínez Viojo, nacido no Castro e que, co tempo, sería sacerdote da Colexiata de Iria Flavia (Padrón). Rosalía teríase criado durante un tempo indeterminado na casa onde nacera o seu pai coas súas tías paternas, unha das que casaría en Brión tendo por bisneto ó propio Luís Tobío.

O caso é que os compañeiros de Luís, tomaron por certa a historia e, baseándose nela, elixiron ó Castro, e máis concretamente a casa onde nacera José Martínez Viojo, para fundaren o Seminario, en detrimento doutros lugares tamén representativos da vida de Rosalía.

Pero o certo é que hoxe aínda non existen evidencias documentais da paternidade e, xunto con moitas incorreccións históricas na biografía de Rosalía, levan os investigadores actuais a poñer en dubida toda relación que se tiña entre Rosalía é Ortoño.


O que si é obxectivo e digno de non esquecer e a fundación desta institución, e que persoeiros como: Cotarelo Valledor; Alfonso Castelao; Vicente Risco; López Cuevillas; Otero Pedrayo, Xesús Carro; Filgueira Valverde e o propio Lois Tobío, percibían en Ortoño a primeira semente dun ilusiónante proxecto de identidade e servicio a Galicia.

viernes, 9 de octubre de 2009

A emigración en Ortoño II

México

A emigración cara América xa partiu, dende a nosa parroquia, no s. XVII. Uns emigraban movidos pola busca dun estatus de clase do que xa gozaban aquí os seus ascendentes, pero outros facíano obrigados polas difíciles circunstancias persoais, económicas e sociais.
Exemplo de esto ultimo é por exemplo Francisco Reyno, veciño de Ortoño que tamén emigrou a México.
Francisco era fillo de Juan Reyno e Juana Gallardo veciños do lugar de Ortoño. Seus pais tíñanse casado o 19 de novembro de 1743 e el debeu nacer algúns anos despois. O máis probable é que sendo mozo, fose enrolado na mariña, debendose licenciar en algún porto americano, e quizais establecerse alí como comerciante. Nunca chegou a voltar morrendo na cidade e porto de Veracruz, e facéndoselle en Ortoño os funerais o 21 de xaneiro de 1784.


Navio Santa Ana, da armada española, que fixo viaxes entre a peninsula e America.


Outro caso, como o anterior, pero que o final regresou é o de Gregorio Dámaso García Manteiga.
En 12 de decembro de 1763 naceu en Ortoño Gregorio Dámaso Martínez Manteiga. Era fillo natural de Ana María Martínez e de Jacobo Manteiga. Parece ser que durante a súa xuventude estivo de aprendiz de ciruxano en Santiago, e incluso se presentou a exame para obter título, pero parece que non chegou a obtelo pero si debeu chegar a exercer.
Non se sabe cando embarcou para Nova España, , pero cara os primeiros anos do s. XIX aparece exercendo o seu oficio no poboado de Izúcar, non moi lonxe da cidade de Puebla. En 1808 ante a disposición do Real Tribunal do Protomedicato de que todos os que exercían a ciruxía presentaran a súa documentación, Manteiga solicitou ser admitido a exame, o cal superou o día tres de marzo de 1808.
Durante o desenrolo da contenda independentista en México, incorporouse en 1812 ó Rexemento de Dragóns de México, que viña sendo unha unidade de cabalería, onde participaría en numerosas accións de guerra. En 1819 pediu o seu retiro con agregación ó Estado Maior da praza da cidade de México, ca terceira parte do seu salario cando estaba de alta, o cal lle foi concedido por orde real o 28 de setembro de 1820.
Unha vez licenciado da milicia volveu a Galicia, e en 1824 encontrábase vivindo en Santiago en calidade de ciruxano dispenso.

lunes, 5 de octubre de 2009

"A miña famosa familia"


A primeira emisión de este programa da televisión de Galicia, emitido o día 19 de setembro pasado, comezou buscando a ascendencia de unha veciña da nosa parroquia vinculada o lugar de Lapido e a figura de Rosalía de Castro.
Ademais de resaltar varios erros e imprecisións, cabe suliñar algo que non se menciona no programa, que practicamente a cuarta parte dos veciños da parroquia que teñamos as nosas raíces nela somos tamén descendentes dos ascendentes de Rosalía, sempre e cando fose seu pai quen se cree.
O vídeo pódese ver na dirección: http://www.crtvg.es/TVG/acarta.asp?prog=657

sábado, 3 de octubre de 2009

A emigración en Ortoño. I


Nova España

Con este título abordaremos en este e en seguintes entregas o fenómeno da emigración na nosa parroquia, tanto as motivacións e os lugares a onde se emigraba. Ademais non se pode esquecer tampouco os fluxos migratorios cara a nosa parroquia, que facían que ó tempo que uns marcharan outros chegasen, en este caso dende outros lugares de Galicia, e que o longo do tempo fixo que a nosa poboación medrase moito.
Durante os séculos XVI e principios do XVII non había emigración, entre outras cousas por haber moi baixa densidade de poboación. A situación foi mudando cara mediados do s. XVII, e xunto ca mala situación económica de España durante o reinado de Felipe IV, sobre todo derivada das guerras de Cataluña e Portugal, provocaron migracións sobre todo cara o recen independente Portugal e cara os portos comerciais de Andalucía. Hai que ter en conta que principalmente en esta época emigraban os homes, quedando as mulleres nos seus lugares.
Sen embargo existe unha emigración non suxeita a necesidade. Hai persoas de posicións moderadamente acomodadas que queren probar fortuna en outras terras, e especialmente no novo mundo.
Así encontramos varios exemplos entre os séculos XVII e XVIII. O primeiro é un veciño de Castrigo, D. Marcos Pardiñas e Villardefrancos, fillo de Gregorio de Castrigo e María Gómez Pardiñas Villardefrancos. Debeu nacer entre 1650 e 1660, e en vida de seus pais estivera estudiando na universidade de Santiago, sen saber si chegou a graduarse en algunha materia. De todos os xeitos, en 1682 cando seus pais tiñan morto el encontrábase na vila de Conil, cerca de Torrenueva, actual provincia de Cádiz, e fai poder a un irmán para que se faga a partilla de seus pais, e para que ademais se faga información dos seus antepasados, e poder así pasar a Nova España, primeiro nome que se lle dou a México, e deste xeito optar a postos relevantes da vida pública. A partir de ese momento xa non se teñen máis novas del. Pero quizais foille ben, xa que un neto dun irmán del, D. Antonio Sanmamed e Castrigo, este residente no lugar de Lamiño, parroquia de Brión e contiguo a Castrigo, tamén fai información en 1711. As motivacións son claras respecto a que o que pretende é buscar novos horizontes nos que progresar, el mesmo expresase nestes temos: “...para viajar a algunos santuarios a los que estoy encomendado y probar suerte pasando a Nueva España”.
Existen outros exemplos, anque non da nosa parroquia, en que xentes acomodadas buscan novos espacios onde exercer a súa posición social, e estes non son outros que as terras que comprenden os virreinatos do novo mundo.