A emigración cara América xa partiu, dende a nosa parroquia, no s. XVII. Uns emigraban movidos pola busca dun estatus de clase do que xa gozaban aquí os seus ascendentes, pero outros facíano obrigados polas difíciles circunstancias persoais, económicas e sociais.
Exemplo de esto ultimo é por exemplo Francisco Reyno, veciño de Ortoño que tamén emigrou a México.
Francisco era fillo de Juan Reyno e Juana Gallardo veciños do lugar de Ortoño. Seus pais tíñanse casado o 19 de novembro de 1743 e el debeu nacer algúns anos despois. O máis probable é que sendo mozo, fose enrolado na mariña, debendose licenciar en algún porto americano, e quizais establecerse alí como comerciante. Nunca chegou a voltar morrendo na cidade e porto de Veracruz, e facéndoselle en Ortoño os funerais o 21 de xaneiro de 1784.
Navio Santa Ana, da armada española, que fixo viaxes entre a peninsula e America.
Outro caso, como o anterior, pero que o final regresou é o de Gregorio Dámaso García Manteiga.
En 12 de decembro de 1763 naceu en Ortoño Gregorio Dámaso Martínez Manteiga. Era fillo natural de Ana María Martínez e de Jacobo Manteiga. Parece ser que durante a súa xuventude estivo de aprendiz de ciruxano en Santiago, e incluso se presentou a exame para obter título, pero parece que non chegou a obtelo pero si debeu chegar a exercer.
Non se sabe cando embarcou para Nova España, , pero cara os primeiros anos do s. XIX aparece exercendo o seu oficio no poboado de Izúcar, non moi lonxe da cidade de Puebla. En 1808 ante a disposición do Real Tribunal do Protomedicato de que todos os que exercían a ciruxía presentaran a súa documentación, Manteiga solicitou ser admitido a exame, o cal superou o día tres de marzo de 1808.
Durante o desenrolo da contenda independentista en México, incorporouse en 1812 ó Rexemento de Dragóns de México, que viña sendo unha unidade de cabalería, onde participaría en numerosas accións de guerra. En 1819 pediu o seu retiro con agregación ó Estado Maior da praza da cidade de México, ca terceira parte do seu salario cando estaba de alta, o cal lle foi concedido por orde real o 28 de setembro de 1820.
Unha vez licenciado da milicia volveu a Galicia, e en 1824 encontrábase vivindo en Santiago en calidade de ciruxano dispenso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario