martes, 28 de febrero de 2012

Rutas II


Seguindo cos roteiros sobre as entradas do blog, propoñemos un novo que nos leva dende a parroquia de Ortoño, ata a que fora capital dos estados dun dos dominios máis extensos e poderosos na Maía: o condado de Altamira.





Partiremos do lugar de Castrigo, pertencente a Ortoño, para adentrarnos na parroquia veciña de Brión, a través do seu lugar de Lamiño. En tempos as propiedades de Castrigo e Lamiño ían xuntas. Seguiremos subindo por Brans de Abaixo e Gondar ata chegar a Pedrouzos onde se atopa a capela de Santa Minia. Seguiremos subindo por Boimil e Quintáns ata chegar a igrexa parroquial de Brión, e de alí seguiremos subindo ata Boaventura e a Torre. Como se pode ver, este é un viaxe de ascenso. Na Torre atópanse os vestixios da que foi fortaleza de Altamira, e centro neurálxico de aquel estado. En realidade co paso do tempo foi deixando protagonismo ó pazo de Trasouteiro que era onde estaba a administración condal.
Despois da Torre atravesaremos as fronteiras parroquiais entre Brión e Trasmonte, ó norte para chegar a Leboráns onde se atopa o pazo de ese nome. De alí iremos cara o leste a Portanxil e voltaremos entrar en Brión por Aguiar e baixaremos de novo cara Castrigo.
Soamente son dez kilómetros.

viernes, 24 de febrero de 2012

Efemeride. Os 175 anos do nacemento de Rosalía


Rexurdido de novo o interese polos orixes familiares de Rosalía de Castro, logo do recente descubrimento da primeira nova escrita sobre a paternidade da escritora, creemos interesante achegarnos co motivo do 175 aniversario do seu nacemento  unha vez máis a escritora e a súa vinculación con Ortoño.
É ben coñecida a ascendencia de Rosalía, a certa e a suposta. Esta última vinculada a Ortoño. Moitos non teñen dubida algunha da suposta, pero existen problemas, xa que non existen probas documentais.

Durante o s. XIX intentouse silenciar as orixes da escritora, pero a raíz da carta de Luís Tobío, douse por descuberta e aceptada a paternidade de Rosalía. E con esta tamén a tradición de que Rosalía permanecese en Ortoño ó lado dos seus parentes paternos parte da súa infancia. Esta revelación feita en 1923, tempo en que parece que todas estas cousas se tiñan esquecido, parece que en vida da escritora era vox populi entre os seus contemporáneos e veciños de Padrón, segundo nolo conta Álvarez de Ojeda no seu último traballo.

Algúns autores defenderon que a hipótese da paternidade do cura Viojo, surxira dos sobriños deste, ós cales coñecedores de aquelas historias que corrían por Padrón e Santiago, atribuíronlle a paternidade ó seu tío sen ser real. Esta teoría sustentaríase, sobre todo, en que non era tan raro na fidalguía da época bautizar fillos concibidos fora do matrimonio con pais incógnitos e logo lexitimalos. Foi o que lle pasou a prima de Rosalía, e o seu propio marido, pero o real é que Rosalía quedou sen lexitimar. O rumor da paternidade do cura, intencionado ou non, si el non fora o pai, poderíase entender convinte, pois en certo modo servía como un tabú para escurecer e silenciar este tipo de sucesos.
Podería haber probas de algo así. Quizais si ou quizais non.

viernes, 17 de febrero de 2012

Padrón de 1708, II.





Demografía de Ortoño a primeiros do s. XVIII.

Noutros artigos fixeramos unha aproximación á evolución demográfica de Ortoño. Así viramos que cara 1696 propuxeramos uns 120 veciños e cara unhas 480 persoas vivindo na parroquia. Tiraramos esta conclusión extrapolando os datos da xa famosa lista de cofrades de San Roque e San Antonio. Agora sabemos que ademais de faltar un lugar, sobraba outro que non era da parroquia. Pero fora erros que podíanse compensar, o dato non debía estar moi lonxe, e logo o veremos.
A seguinte cata demográfica sacáramola do catastro do Marques da Ensenada, a mediados do século. Daquela tiñamos contabilizado uns 153 veciños e uns 612 habitantes. Eran datos que continuaban o ascenso continuo da poboación de unha forma moderada.
Sen embargo as fontes manexadas non eran moi finas nin exaustivas. Todo o contrario dun censo ou padrón, como o feito en 1708, do que xa falamos. Neste tipo de documento consígnanse todos os habitantes, aínda que non todos os seus nomes. Tampouco aparecen neste censo o estado eclesiástico, o que tampouco supón unha grande representación. Así temos en conxunto e por lugares todos os habitantes e moitos datos máis que resultan curiosos e interesantes.
Pois ben, en Ortoño en 1708 había 157 veciños ou familias. E en total contábanse 681 habitantes, o que supoñía unha media de 4,33 membros por unidade familiar. Ademais tiña a parroquia por aquel entón 142 matrimonios, 10 viúvas e 5 viuvos. Todos os demais, uns 382 correspondían case exclusivamente a nenos e xóvenes solteiros. Practicamente todos mantiñan lazos familiares, soamente había 4 criados que servían en catro casas.

http://historiandoando.files.wordpress.com/2011/05/floridablanca1.jpg
Floridablanca,  mandou facer o censo de 1787, do que aínda non temos datos.


En canto as ocupacións, a meirande parte eran labradores. Estes sumaban 113, aínda que os demais tamén alternaban o cultivo da terra con outras ocupacións. Así seguíanlles en número os teceláns que posuían terra tamén. Estes eran 20. Había ademais outros catro que parece que soamente tecían e non labraban unha porción de bens representativa. Este oficio daba saída a importante produción de liño da zona, pero soia ser unha profesión humilde. Isto indícanos a clase media baixa dentro da poboación de Ortoño, xa que os máis acomodados eran os que  soamente se adicaban a labrar a terra.
Había tamén catro canteiros, que seguramente traballaban regularmente nas obras da nova igrexa parroquial. Seguíalles en número dous xornaleiros, que se trasladaban a Castela todos os anos a traballar.
As profesións que seguen, complementadas tamén co cultivo de algunha leira son todas xa persoais. Había un tratante de aceite de balea, outro de pescado, outro de sal, que lle chamaban o saleiro. Outro surtía de tabaco os estancos, outro era ferreiro. Había un carpinteiro, e por último un barbeiro de navalla que tamén facía algo de carpintería e traballaba unhas fincas que tiña. Tiña naquel entón a parroquia 5 pobres, un de eles de solemnidade, o cal tamén instruíra na mendicidade os seus 7 fillos.
Vemos como a poboación de Ortoño medra moito a cabalo dos s. XVII e XVIII, pois pasa de 480 posibles habitantes en 1696 a 681 en 1708. Estes últimos censados. E en realidade así debeu ser, xa que ó rematar en ese mesmo ano de 1708 a nova igrexa, o visitador manda agrandala, o que indica que o proxecto quedara pequeno respecto o aumento da poboación.
Sen embargo en medio século escaso, o número de habitantes contraese algo, pasando a uns posibles 612 cara 1752. Este cambio, podería ser debido as penurias e fames que asolaron o s. XVIII. Así mesmo constatamos cara a década dos 20  e os 30 unha grande mortaldade infantil nos libros parroquiais. Parece ser que a primeira metade do s. XVIII foi moi dura o que mermou o número de poboadores da parroquia.

domingo, 12 de febrero de 2012

Libro de fundacións XXXV


Trixésimo quinta fundación.

17 de febreiro de 1709.

Esta fundación foi feita por Juan Pérez de abaixo, veciño de Lapido. O desexo era a de súa medio irmán Dominga Lorenza, muller que fora de Benito Gregorio das Punxeiras. Dominga morrera por agosto de 1708, e deixara unha misa perpetua pola súa anima en testamento feito ante  Juan Gregorio de Gronso, veciño de Santa María dos Ánxeles. A misa ía con un legado de media  leira, unha casa e horta en Maguxe, chamada da Canle, pola pensión de dita misa.



Non hai que confundir a este Juan Pérez de abaixo con outro Juan Pérez de arriba, que vivía en Lapido a comezos do s. XVIII. O segundo diferenciábase ben do primeiro. Estaba casado con Dominga Pérez, xa era  a segunda muller, tiña ademais seis fillos e un criado. O primeiro, o que fundou a misa, era máis novo e estaba casado dende 1706 con María de Orta e xa tiña tres fillos. Ademais este era tecelán, o que indica unha situación económica humilde. Todo o contrario do outro que era un dos maiores tenedores de terra da parroquia de Ortoño.

Non sabemos moito máis desta familia. Sospeitamos, por exemplo, que o tal Benito Gregorio debía ser o segundo home de Lucia González, que xa estivera casada con Juan de Sebe. Polo que se ve a xente naquela época non paraba moito viuda. O apelido Lorenzo era común na parroquia, pero soamente con esta información polo de agora non saberemos máis.

martes, 7 de febrero de 2012

Rutas I





Seguir a historia ou as narracións do pasado necesita, as veces, dun achegamento ós escenarios e lugares onde discurriron. Deste xeito propoñemos hoxe, e no futuro farémolo con outros itinerarios, rutas que nos leven polos lugares dos que temos falado en algunhas entradas.

Desta volta, suxerimos comezar dende a Ponteda Condomiña e seguir na dirección ó lugar do mesmo nome cara arriba, polo antigo camiño real e despois estrada da deputación. Ó chegar a Tarroeira coller cara o Castro e seguir cara a Barreira e a capela das Mercedes, e despois dar volta cara Lapido. De alí, tirar polos límites da parroquia cara as Areas e adentrarnos na parroquia de Bugallido polo lugar de Mourigade. En Mourigade poderemos visitar o petróglifo da Nave e despois seguir cara Buceleiras e Guimaráns e despois xirar e retomar o antigo camiño real en dirección a Ortoño. Ó Chegar a igrexa de Ortoño collemos cara a Devesa do Outeiro pasando por onda o campo de fútbol e despois seguimos pola Tarroeira abaixo para apartarnos cara as Punxeiras altas e de alí de novo a Condomiña e a súa Ponte.

Polo camiño poderemos ver moitas cousas relacionadas con historias e artigos que contamos neste blog.